Dúas novas mocións de CxG aprobadas – Crónica do pleno ordiario de 28 de novembro de 2018

A sesión dá comezo ás 14:05 horas coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación excepto Sandra López (PP). O concelleiro do PP Manuel Tourís e as concelleiras do PSOE, Ana Paramos e Margarita Suárez abandonan a sesión antes da súa finalización.

Un concelleiro do PP e dúas concelleiras do PSOE auséntanse durante a sesión, outra concelleira do PP non asiste.

  1. Aprobación das actas anteriores, se procede.

O noso concelleiro, César Ramos di que non vai valorar a acta nº 5 da sesión ordinaria do pleno do Concello da Baña por non asistir, por motivos de saúde a esa sesión. Con respecto á acta nº 4 do pleno de 30 de xullo, especifica que ten que modificarse a redacción no punto referente á moción de CxG sobre a Moción contra o proxecto da mina de Touro-O Pino na que se especifica que o PSOE entregou unha moción sobre a canteira de Casalonga e non é certo, o portavoz do PSOE lera “unha emenda” á propia moción que como xa dixera César Ramos no propio pleno (VER MOMENTO DO PLENO DE XULLO) tiña que entregarse por escrito. Así mesmo a propia “emenda” non debería permitirse a súa inclusión por non estar relacionada coa propia moción de CxG. Un informe do secretario así o reflicte. Estando todos de acordo a redacción da moción é modificada.

  1. Dar conta das Resolucións do Alcalde.

O alcalde di que as resolucións estiveron a disposición dos concelleiros e concelleiras (tres días hábiles).

  1. Información Proxecto Saneamento de Troitosende (A Baña) e Piñeiro-Tapia (Ames). Trámites realizados.

O alcalde informa que hai un anteproxecto con 4 alternativas e que finalmente Augas de Galicia decántase pola opción número 4 e que terá un custo de 1.900.000 euros e que será sufragado pola Xunta de Galicia e por Fondos Europeos. É un proxecto no que xa levan traballando 3 ou 4 anos e que os Concellos da Baña e Ames teñen que mercar un terreo de 2000 metros cadrados.

  1. MOCIÓNS

MOCIÓN PARA A REGULARIZACIÓN DA PEGADA DE CARTEIS NO CONCELLO DA BAÑA (CxG)

O noso concelleiro, César Ramos, fai a exposición da moción, dicindo que é evidente que no Concello da Baña a pegada de carteis é indiscriminada, por empresas, comisión de festas e incluso polos partidos políticos e defende os 4 acordos que solicitamos:

1º Colocar taboleiros de anuncios, que respecten no posible a paisaxe e o patrimonio, en todas as parroquias do Concello para que os distintos colectivos, comisión de festas, empresas, incluso o propio Concello, poida anunciar as súas actividades de forma normalizada e ordenada.

2º Crear unha ordenanza municipal que prohiba empregar o mobiliario público para a pegada de carteis informativos con sancións exemplares para quen incumpra reiteradamente esta prohibición.

3º Solicitar ao organismo pertinente un lugar oficial en cada parroquia para a pegada de carteis electorais cun espazo reservado para os diferentes grupos políticos e sancionar a aqueles partidos que peguen os seus carteis en zonas non permitidas.

4º Adquirir un compromiso por escrito con todos os grupos políticos que se presenten aos futuros procedementos electorais de respecto polo noso medio ambiente e respecto pola limpeza das nosas parroquias, comprometéndose a limpar calquera residuo de adhesivos, panfletos ou calquera resto da campaña electoral do seu partido.

O portavoz do PSOE ensina unhas fotos de carteis do noso partido pegados hai un mes, dicindo que CxG tamén pega carteis electorais. O señor Pereira non debe ter moi claro o que é un cartel electoral e non debeu entender ben a exposición de motivos que fixo o noso concelleiro.

Este mesmo señor tamén confirma que leu na páxina web de CxG que aludíamos a que eramos o único grupo político con representación que recollía os seus carteis electorais (e seguimos dicíndoo) e que non era certo xa que nas eleccións municipais o PSOE tamén recolleu os carteis electorais, afirmación que contrasta moito coas imaxes do artigo ao que el mesmo fai referencia (ARTIGO) no que aparecen imaxes dunha marquesiña con carteis de PP e PSOE totalmente descoloridos (as fotos foron sacadas dous meses despois das eleccións).

20150728_170017Imaxe do 28 de xullo de 2015

O portavoz do PSOE está máis preocupado por criticar o labor de CxG que de facer oposición ao PP

O que está claro é que chegados a este punto confírmase que o señor Pereira pon todo o seu empeño en criticar o labor e traballo de CxG que está na oposición, que o do propio Partido Popular que leva 24 anos gobernando.

A moción é aprobada co voto a favor de toda a Corporación.

MOCIÓN PARA INSTAR O CONCELLO A FACER UNHA REBAIXA NA TAXA DO LIXO, COMO COMPENSACIÓN AS DEFICIENCIAS NO SERVIZO (PSOE)

O noso concelleiro di que está de acordo coa moción e vai votar a favor pero que non cre necesario aprobar o acordos 2 que solicita unha modificación da ordenanza que regula a taxa relacionada coa hixiene urbana e o 3 polo que se solicita a publicación no BOP da propia ordenanza modificada. César Ramos que o Concello xa pode facer unha redución de oficio do recibo do lixo xa que a veciñanza non gozou do servizo polo que paga e o punto 3 é redundante porque cada modificación da ordenanza xa leva implícita a publicación no BOP.

A moción decae polo voto en contra do PP e os votos a favor de PSOE e CxG.

 

MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A ADOPTAR MEDIDAS URXENTES RESPECTO Á POBOACIÓN CRECENTE DE XABARIL E OS DANOS CAUSADOS POR ESTA ESPECIE (CxG)

César Ramos fai unha explicación da propia moción indicando que é necesario que os Concellos soliciten á Xunta de Galicia medidas contra o xabaril e que os acordos da propia moción van encamiñados a ese fin, xa que o Concello non ten competencias.

O portavoz de PSOE di que lle parece escandalosa a exposición de motivos da propia moción porque ten parágrafos copiados dunha moción que entregou o PSOE na Deputación da Coruña e acúsao de plaxio, polo tanto van absterse na votación.

César Ramos afirma que si é certo que hai parágrafos dunha moción presentada no Concello da Lalín defendida por varios grupos políticos entre os que está o PSOE, tamén información dunha moción de Ciudadanos presentada en Sant Cugat ou outras informacións doutros colectivos e partidos políticos como Vilalba Aberta ou o Sindicato Labrego, ademais que falando cun biólogo veciño da Baña tamén incluíu un parágrafo polo que, aínda que recoñece que partes da redacción son copiadas de varias mocións considera que non é ningún plaxio.

O plaxio é a apropiación fraudulenta dunha obra allea, xeralmente artística ou literaria, pero o señor Pereira seguramente non o saiba.

É este outro exemplo máis de que o señor Pereira está máis preocupado por increpar a CxG que polo traballo de fiscalización do grupo de goberno e o seu traballo de oposición.

O señor alcalde manifesta que é certo que hai unha problemática co xabaril pero dese problema xa se ocupa a Deputación e a Xunta de Galicia polo que o seu partido vai votar en contra.

A moción non se aproba polo voto en contra do PP e a abstención do PSOE.

 

MOCIÓN PARA ESTABLECER MEDIDAS DE APOIO E BENESTAR SOCIAL PARA AS PERSOAS AFECTADAS POLA ENFERMIDADE CELÍACA (CxG)

Esta moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación polo que se aproban os seus catro acordos.

– Garantir por parte do Concello da Baña que parte dos alimentos e bebidas ofrecidas en todas as actividades de carácter festivo ou deportivo que organice esta entidade local sexan aptos para o consumo de persoas celíacas.

– Publicar na páxina web municipal información sobre a enfermidade celíaca co animo de informar á veciñanza e facilitar a integración normalizada dos afectados e afectadas por esta enfermidade.

– Realizar unha campaña de visibilización e normalización desta enfermidade coincidindo con cada 5 de maio, Día Internacional da celiaquía.

– Instar á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado a unha mellora do tratamento fiscal dos alimentos sen glute e se destine algún tipo de axuda económica para que os celíacos e celíacas poidan asumir o custo destes alimentos.

 Compromiso fai un total de 34 preguntas ao grupo de goberno.

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

1. Finalmente, aínda que non se votou a favor da moción para reducir o recibo do lixo entendemos que o recibo do lixo cobrarase de forma íntegra. Ou non?

2. Unha vez que se aprobou no anterior pleno a moción sobre o entroido, houbo colectivos que nos pediron que fixeramos estas preguntas porque teñen dúbidas, entendo que cando se aproba unha moción os acordos adoptados son para todos os colectivos do Concello:

– Que local “que cubra as necesidades básicas para poder elaborar os traballos de construción das carrozas” se lles vai ceder? A que vos referides con “necesidades básicas”, un local con baño, auga, luz, etc. ou a un local con maquinaria para construír as carrozas: máquina de soldar , rebarbadora, etc? Tamén queremos saber se os custos de luz do local vainos pagar o propio Concello.

– No segundo acordo que se aprobou di: “subvencionar no posible os desprazamentos das carrozas sempre e cando estas participen nos concursos das distintas vilas”. Entendo que segundo o que di este acordo, que consta na propia acta, non se subvencionarán as carrozas que só participan no festival da Baña, ou si? Que tipo de subvención se lle dará aos colectivos, unha subvención económica? ou sufragar os gastos dos buses ou do aluguer da góndola para transportar? Que concursos se subvencionarían? os das vilas cercanas? Ou tamén os das cidades por exemplo como Santiago ou a Coruña? Que requisitos se esixirán aos colectivos que soliciten esta subvención?

– Con respecto a “Incrementar o valor dos premios do concurso que organiza o Concello”. Tendo en conta que o ano pasado a contía dos premios foi de 1690 euros en total, queremos saber cal vai ser a cantidade deste ano.

3. Con respecto á pregunta número 22 do pleno de xullo sobre o xornal da biblioteca contestádesnos que “o xornal é certo que ás veces non aparece”,podedes concretar esta resposta? Por que non aparece? Róubano? É certo que a semana antes do pleno de outubro levaron os xornais pero dúas semanas solo. Pedimos por enésima vez que se leve o xornal á biblioteca e se vedes que non é necesario mercar o xornal, dade de baixa a subscrición.

4. Con respecto ao libro da COPE polo que o Concello pagou 605 euros, dicides (nas respostas dese pleno de xullo) que leváchedes á biblioteca varios exemplares. Iso, teño que dicir que non é certo, levástedes un exemplar á biblioteca municipal, e foi o 15 de novembro, non antes. E a biblioteca do CPI a última información que teño é que non hai ningún. Solicitamos de novo que se leve á biblioteca escolar un exemplar de tan interesante libro.

5. En resposta á pregunta número 18 do pleno de xullo referente á creación dun albergue para peregrinos dicides que “tedes un proxecto para acondicionar unhas instalacións que se poden transformar en albergue pero tempo ao tempo”. Solicitamos que se acondicionen esas instalacións canto antes, nos vindeiros días os colectivos que promocionamos ese Camiño imos presentar a guía sobre o Camiño de Muxía, e a Ruta Mariana (ruta que vai dende Braga a Muxía) xa é unha realidade que vai pasar polo noso Concello (incluso estivemos traballando para que esa ruta tivera un fin de etapa no Ceilán, aínda que aínda non é oficial si que temos a aprobación dos organizadores), é necesario que o Concello teña unhas instalacións deste tipo xa.

6. Como todos e todas sabemos recibimos as actas das Xuntas de Goberno Local con moita demora (ás veces facilítansenos ata 6 meses despois), feito que complica moito a nosa tarefa de fiscalización do labor municipal. Por outra banda o pleno do Tribunal Constitucional considera que as sesións do Goberno Local dun municipio de réxime común como o noso (menos de 250.000 habitantes), deben ser públicas cando traten de asuntos delegados polo pleno (Sentencia 161/2013, de 26 de septiembre de 2013. Recurso de inconstitucionalidad 1741-2004, publicada no BOE o 23/10/2013). En agosto de 2017 xa solicitamos por escrito que se nos permitira asistir a estas Xuntas de Goberno Local e comentóusenos que se ía facer un informe. Queremos saber como vai a redacción dese informe e solicitamos, xa que non se nos facilitan as actas, que se nos permita asistir ás Xuntas de Goberno.

7. Solicitamos explicacións dun pago de 1028,50 euros en concepto de “Reserva Hostal Reis Católicos e organización da presentación da XIV Festa da Filloa da Pedra 20 asistentes” á empresa Alicentis (referencia 22017001619).

8. Queremos felicitar ao grupo de goberno pola organización do Trail Campagnolo que cremos que foi un éxito e volvemos solicitar de novo que, na medida do posible, estas probas deportivas comecen ou rematen na praza do Concello para colaborar cos locais de hostalería da vila.

9. Con respecto á empresa Alicentis, unha vez que se nos facilitou un informe de pagos vemos que no 2017 se lle pagou un total de 6.110,50 euros (de febreiro a novembro), no primeiro semestre do 2018, a cantidade de 8.712 euros (non temos datos a partir de xullo de 2018) e nos decretos deste pleno 4 facturas por diferentes conceptos por un importe total de 2.783 euros. É dicir 17.605,50 euros en total. Gustaríanos saber en concreto qué traballo desenvolve esta empresa xa que nos conceptos en moitos casos só aparece “servizo de gabinete de comunicación e xestión de redes sociais”. Non considerades sacar unha praza para contratar un traballador ou traballadora para realizar este traballo e non gastar esta cantidade de cartos en traballos puntuais?

10. Solicitamos explicación dunha factura a favor de “editorial Compostela, S. A” en concepto de “Concierto publicidad Concello A Baña” por un importe de 600 euros (aplicación 92022602).

11. Ante a situación de insolvencia da empresa Soil Recovery que xestiona o Punto Limpo do Concello da Baña. Queremos saber como se está xestionando a recollida de electrodomésticos e demais material que se leva ao punto limpo? Este punto limpo xa funciona de forma normalizada? A recollida dos colectores amarelos xa está normalizada? Contratouse unha nova empresa? Mantéñense os empregados?

12. Este ano a piscina municipal pechou o 10 de setembro, cremos que por un permiso que solicitou a socorrista municipal. A través dun escrito dende CxG solicitamos que estas instalacións continuaran abertas ao publico mentres se mantivera o bo tempo. Por que non se contestou ao noso escrito? Por que non se tivo en conta a nosa solicitude?

13. O “Proxecto para o Subministro de Sinais Viarios” por un importe de 18.180, 80 euros que se aprobou en pleno extraordinario o 8 de novembro do ano pasado referente ao Plan Complementario cando se vai executar? Hai algún problema co mesmo ou estase demorando intencionadamente por algo en concreto?

14. En maio de 2017 aprobouse no pleno ordinario unha moción presentada por Compromiso por Galicia sobre a creación dunha taxa pola utilización e/ou aproveitamento público local por parte de empresas de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos. O grupo de goberno comprometeuse a iniciar os estudos e xestións necesarios para a tramitación e aprobación dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local. Queremos saber qué se fixo por parte do grupo de goberno neste tempo dende que se aprobou. Volvemos recordar que se deben cumprir os acordos das mocións aprobadas no pleno.

15. Nas respostas do pleno de xullo volvedes dicirnos respecto aos colectores de aceite doméstico que “se está xestionando a través da Fundación Amigos de Galicia”, cando noutro pleno se nos dixo que estaba desbotada esa opción. Volveuse retomar os contactos con esta fundación sobre este tema? Cando se van instalar os colectores?

16. Con respecto a unha pregunta do pleno de xullo sobre a adquisición de desfibriladores aprobados por moción hai case dous anos (febreiro de 2017) contestádesnos que a Deputación vai entregar dous e a Federación de Fútbol un. Non entendemos a demora nun tema tan importante cando nese mesmo pleno xa se nos aseguraba que estaban pedidos dous á Federación de Fútbol. Podedes aclarar isto?

17. No mes de maio, hai 6 meses aprobouse unha moción presentada por CxG para a retirada do amianto no Concello da Baña que incluía unha serie de acordos como: elaborar un censo ou mapa de edificios ou inmobles públicos que conteñan amianto, Poñer en marcha un programa de erradicación e retirada de produtos con amianto presente en edificacións ou parcelas municipais, etc. Nese mesmo pleno o alcalde afirmou que no CPI de S. Vicente non había estruturas con amianto. No mes de xuño entregamos un escrito no que adxuntabamos imaxes de uralitas instaladas no colexio solicitando ao Concello un informe sobre a existencia de amianto nos centros educativos da Baña. Non se nos contestou a este escrito. Queremos saber se se vai solicitar devandito informe á Consellería ou vaise continuar coa incerteza de que os nenos e nenas da Baña, ademais dos traballadores/as, estean baixo estruturas de fibrocemento gran parte do día. Queremos copia da documentación enviada á Consellería.

18. Solicitamos a limpeza e adecentamento do parque infantil que está fronte ao Centro Sociocultural que está nun estado de abandono, todo sucio, os columpios sen engrasar e incluso con cristais guindados polo chan.

19. Gustaríanos saber o motivo polo que as clases da escola de música e as escolas deportivas comezan tan tarde? Outros Concellos comezan en setembro que é cando os pais e nais comezan a facer os seus horarios para conciliar a vida profesional e persoal e pensamos que esa tardanza en comezar as clases repercute nunha menor matriculación.

20. O 21 de novembro o Concello da Baña tivo unha nova citación xudicial pola sentenza 00107/2017 do Xulgado do Social nº 3 e parece ser que xa existe unha proposta de pago para os traballadores e traballadoras. Solicitamos un informe de intervención no que se faga constar todas as cantidades que se lle adebedan aos traballadores e traballadoras do Concello da Baña, co 10% de xuros que marca a sentenza e os gastos xudiciais, de avogados e procuradores de todo o procedemento.

21. Agora que sabemos que no camiño de Monelos hai bens declarados de interese cultural (BIC). Queremos facer dúas preguntas: que radio de protección lle van aplicar aos hórreos declarados BIC que, segundo nos informamos é competencia dos Concellos delimitar este radio?. Cando van facer o catálogo de BIC da Baña que, agora que xa hai elementos con esa catalogación é obrigatorio por lei.

22. No mes de agosto pedimos por escrito que o Concello da Baña solicitara á Consellería de Sanidade unha mellora no servizo do Centro de Saúde da Baña para que os servizos existentes non se vexan reducidos e que se inste á Consellería de Sanidade a que remate cos recortes nun ámbito tan importante como é a Sanidade pública. Gustaríanos saber qué trámites realizou o Concello da Baña respecto a isto. Queremos copia da documentación.

23. Solicitamos de novo unha actualización das ordenanzas municipais. Hai algunhas que están totalmente desfasadas e cremos que a normativa municipal debería estar ao día.

24. No pleno ordinario do 5 de abril de 2017 como resposta a unha pregunta de CxG no pleno anterior referente á homenaxe aos represaliados da época franquista contestádesnos que nese momento estabades “con outros asuntos prioritarios pero que a homenaxe aos represaliados e represaliadas da época franquista (que demandaba a Asociación Cultural Afonso Eanes) se fará antes de que remate a actual lexislatura”. Tedes xa pensada unha data e como vai ser a devandita homenaxe? Consecuentemente con isto, volvemos incidir, como fixemos anteriormente que é preciso facer cumprir a “lei de memoria histórica” e retirar ou sinalar axeitadamente toda a simboloxía fascista dos espazos públicos do noso Concello.

25. Tamén queremos saber como van os trámites para facer Fillo Predilecto a Avelino Pousa Antelo, que por parte da alcaldía en setembro de 2016 se nos dixo que se ían iniciar o procedemento? A lexislatura está a piques de rematar e supoño que o alcalde quererá cumprir as súas promesas.

26. Con respecto á pregunta número 10 do pleno de xullo volvedes deixar sen contestar parte da pregunta que formulamos, igual que no pleno de maio. Queremos saber se ides ter en conta a proposta que nos trasladaron veciñas de Barcala, Corneira e Ordoeste para a creación dunha senda peonil ao longo do río, tal como solicitamos por escrito.

27. Empezou un novo curso escolar e a marquesiña de Paredes segue sen instalarse e sen atenderse a petición da veciñanza para mellora da seguridade viaria nese tramo da estrada. Déchedesnos unha copia do informe remitido en febreiro de 2018. E dicídesnos que non houbo ningún movemento dende aquela. Solicitamos de novo que se medie coas familias afectadas, a Xunta de Galicia e o centro educativo para que se modifique a ruta do bus escolar e este poida estacionar momentaneamente nunha zona máis segura para os viaxeiros.

28. O 22 de agosto deste ano publicouse no BOP a resolución Revogando a delegación de competencias en materia de contratación efectuada mediante resolución 85/2015, de 3 de xullo, publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña número 159, de 22 de agosto de 2018. O punto 3 di: Darase conta ao pleno na primeira sesión que celebren. Por que non se deu conta no pasado pleno ordinario?

29. Agora que xa se aprobou a cesión da Reitoral de Monte á Asociación Anxiños (confírmase o que diciamos dende CxG xa en abril de 2017, e que Rocío Mosquera non mentía daquela cando aseguraba que a Reitoral estaba practicamente cedida),queremos que non se esquezan as promesas dadas neste mesmo organismo de contratar persoal do Concello da Baña, que tamén se realicen actividades formativas para a veciñanza, que o Concello da Baña teña participación activa no seo da asociación, que cada partido estea representado na propia asociación e sexa importante na toma de decisións e que parte do investimento realizado revirta en políticas sociais para o Concello (pleno de maio de 2017).

30. Pedimos novamente que se trate de mediar no conflito veciñal na aldea de Troitomil en Fiopáns debido a unha obra que fixo un particular, que se aplique a normativa vixente e que se busque o acordo entre as diferentes partes para que ese conflito non vai a maiores.

31. Na entrada ao Centro dos Maiores os días de choiva hai goteiras, solicitamos que se arranxen canto antes.

32. Queremos saber como funciona o mantemento da iluminación pública do Concello, realízase cos operarios do Concello, a Mancomunidade, empresas externas ou as tres opcións?

33. Informámonos que na área recreativa de Chans nos últimos días houbo destrozos por un mal uso das instalacións queremos saber se se vai aplicar o réxime sancionador da ordenanza que regula o uso e a xestión das áreas recreativas do Concello da Baña. Volvemos solicitar que se arranxen as billas dos aseos destas instalacións e queremos, a petición de varios veciños, que se baralle a opción de poñer un fregadoiro para facilitar os labores de limpeza nos eventos organizados nestas instalacións. Queremos saber tamén se se vai modificar a ordenanza que regula as áreas recreativas porque sempre hai problemas cos 15 días máximos de antelación para a reserva.

34. No listado de prazas ocupadas e vacantes do corpo de mestres/as para o concurso de traslados a Consellería ofertou na EEI de Lañas con -1 praza. Isto quere dicir que no caso de que o titular da praza concurse, esa praza non se adxudicará no concurso. Isto non é indicativo de que van pechar a escola de forma inminente, pero si que se pode pechar en calquera dos cursos posteriores. Solicitamos que se contacte cos Consellería de Educación e se informe da situación real desta escola no noso rural para evitar, se é posible, o peche da última escola rural do Concello.

E non habendo máis asuntos que tratar finaliza a sesión ás 16:05 horas.