Crónica do terceiro pleno ordinario

Hoxe celebrouse o terceiro pleno da lexislatura, bastante concorrido comparandoo cos outros anteriores. Ademais de votar a aprobación das actas anteriores e de facer o sorteo das mesas electorais para as xerais deste ano, este foi o traballo do noso compañeiro César:

1º) Moción sobre a violencia de xénero.

Explicou o noso concelleiro por qué presentou esta moción. Desde Compromiso pensamos que a oficina de servizos sociais non está ubicada nun sitio idóneo, xa que non asegura a súa confidencialidade. Comprobamos que dende a porta de cristal pódese escoitar perfectamente as conversacións do despacho da traballadora social. Cando unha muller está sendo vítima de maltrato, os especialistas indican que o feito de dar o paso e denunciar esa situación de maltrato evidentemente é un momento moi difícil para a vítima e é necesario que as administracións dean todas as facilidades para que se dea esta situación. Por todo isto propoñemos que a oficina sexa trasladada a outro lugar que asegure o principio de confidencialidade e facilite o acceso aos servizos sociais.

Tamén explicou que noutros concellos estanse a realizar campañas en contra da violencia machista e realizando actos reivindicando a loita contra este grave problema social (por exemplo en Concellos veciños organizan marchas a pé, contacontos, proxeccións de curtas, andainas, elaboración de montaxes de video contra a violencia machista, etc).

Todos os grupos se mostraron a favor desta iniciativa.

 

2º) Moción sobre a actualización da páxina web.

César Ramos, coñecendo o noso grupo político que se vai actualizar a web do concello, fixo as seguintes propostas:

  1. Adoptar concellodabana.gal como enderezo oficial da páxina web do Concelo da Baña.
  2. Realizar unha campaña para popularizar este novo enderezo entre a veciñanza, publicitándoo en todas as comunicacións, cartelaría, etc. que faga o Concello.
  3. Reservar un apartado na web municipal con ligazóns ás páxinas webs dos diferentes grupos políticos do Concello e demais colectivos do Concello.
  4. Retransmitir as sesións plenarias en directo a través de internet (streaming) e que esas gravacións fiquen posteriormente accesíbeis na web municipal.
  5. Publicar na páxina web periodicamente aqueles aspectos que garantan a transparencia na toma de decisións, como poden ser: listaxes de substitucións, contratacións, actas de plenos, xuntas de goberno e comisións informativas.

O punto 3 e 4 foron desbotados, xa que non se permite poñer ligazóns as páxinas webs dos diferentes grupos políticos e na retransmisión dos plenos o alcalde dixo que non hai recursos suficientes para facelo.

A moción foi votada a favor por unanimidade.

 

3º) Moción sobre a inclusión da vacina contra a meninxite B no calendario vacinal

O PSOE presentou esta moción xa que esta vacina non está sendo administrada polo alto custe que supoñía, pero debido a morte de 3 nenos na provincia da Coruña nos últimos meses viuse que era necesaria. César Ramos explicou “que fronte a esta moción eu como representante do meu grupo político podía tentar facer política barata e dicir que estou moi de acordo co fondo da moción e buscar algún tipo de explicación rebuscada para non apoiar a moción presentada por outro grupo político, (en clara alusión as mocións presentadas polo noso partido na sesión anterior) pero se se me permite gustaríame dicir que nós iso NUNCA O IMOS FACER. E sempre que sexan mocións a tratar ,en beneficio dos veciños e veciñas da Baña, veñan de calquera grupo político, imos actuar con responsabilidade e sen ningún tipo de complexos imos apoialas.”

A moción aprobouse cos votos de todos e todas concelleiras.

 

4º) Contestacións do alcalde ás preguntas de Compromiso do pasado pleno.

1- No tema da limpeza dos vertedoiros ilegais o concello fai todo o que pode, que cando coñezamos a situación dun se comunique ao concello e que a brigada se encargará del. (O que nós denunciamos, na rúa do campo da feira, segue igual a día de hoxe, e vai máis de medio ano que o comunicamos)

2- A foto do alcalde Manuel Amigo Gontán, que non está no salón de plenos, non se colocou porque é unha foto con baixa resolución e non quedaría ben.

4- Falou sobre o acceso de San Vicente pola rúa de Rosalía de Castro. Xa sabe que está en mal estado e dixo que se iba arranxar tan pronto fora posíbel, que o plan de obras xa o contemplaba.

5- No pozo da Ermida colocouse unha baranda de aceiro porque as mallas metálicas sempre a arrancaban as mangueiras dos tractores.

6 – Sobre o tema do xurro xa avisou aos responsables, e comentaronlle que foi un problema da máquina, que non pechaba ben a saída del. Pero que sí que están informados sobre cómo teñen que botalo. Ao igual que coas cunchas de crustáceos en San Cibrán, que hai que pedir permiso para botalas, e que non pode amorearse senon estendelo ben.

7- Sobre os horarios dos plenos avisou de que proximamente se notificará o novo horario.

8- Contestou o alcalde á nosa pregunta de se se fixo algo para fomentar unha comisión de festas na parroquia da Baña. Falou que o concello non tiña nada que ver, que iso era asunto da parroquia. César preguntou se desde o concello se falara coa asociación de veciños ou se se fixo algo para promover que os veciños a fixeran. Saltou o concelleiro Manuel Tourís embroncando a César dicindolle que as fixera él, se tanta gana tiña de festa, e que, palabras textuais, “Eu xa as fixen e quedei ata os collóns”.  César quixo contestarlle pero o alcalde non o permitiu. Recordamos que o noso concelleiro tamén colaborou facendoas hai anos, coa agrupación xuvenil Lumieira.

O alcalde neste punto fai un comentario persoal “Cando se contratan orquestas importantes como a Panorama, París de Noia ou Combo Dominicano e fan festas moi boas, nun 90% normalmente o ano seguinte decaen” (Supoñemos que en clara alusión á última comisión de festas que contratou ao Combo Dominicano na Baña).

9- Con respecto ás taxas da piscina, deixou caer que pronto se va axustar e que foi un erro e nada máis. César dille que “acepto que fora unha equivocación pero hai que subsanalo en beneficio dos veciños e veciñas e a día de hoxe na páxina da deputación seguen aparecendo as dúas normativas con dous prezos distintos”.

10- Á pregunta sobre a rapaza que a chamaron para unha substitución no PAI e non colleu o teléfono, excusouse en que era unha urxencia e que por iso se fixo así. César explicou que ese proceder non era o axeitado, que se non se conteste a unha chamada, por calquera circunstancia eventual,  que lle ofrezan a praza á seguinte persoa porque esa praza corréspondelle por mérito á seguinte persoa. Pero tanto o alcalde como a concelleira Sande seguiron excusandose na urxencia do momento, e que a nai dela chamou o día seguinte á concelleira para excusarse por non coller o teléfono. O alcalde continuou explicando que seguiron a normativa porque é unha chamada de urxencia, e o traballador debe estar atento ao móbil sempre.

11- Sobre a obra de Rial (Ordoeste) dixo que vai dar un informe técnico sobre esa obra. (César comentalle que esa pregunta non foi formulada do pleno que simplemente se mandou un escrito solicitando información sobre una obra realizada pola cuadrilla municipal).

5º) Rogos e preguntas de Compromiso por Galicia – A Baña

Estas foron os rogos e preguntas que formulou o noso concelleiro:

1- Gustaríanos saber porqué non se nos permite a utilización da Casa de Cultura para organizar actos e sí o Local Social, xa van 4 veces que a pedimos e nas 4 veces se nos rexeitou dicindo que non era un local para “ese tipo de actos”. En cambio permítesenos a utilización do “Local Social” que non dispón de sillas suficientes, hai instrumentos musicais, material de oficina polo chan, aparatos de ximnasia, etc.

2- Aproveitamos para pedir que se arranxen as persianas do propio “Local Social” xa que están en estado ruinoso.

3- Supoñemos que ao final de ano elaboraredes a revista municipal que se entrega de forma gratuíta en todos os fogares do Concello, como se leva facendo nos últimos anos,  e queremos pedir que sexa un espazo aberto á participación de todos os colectivos do Concello, para ilo demandamos que se contacte cos diferentes colectivos para ofrecerlles a participación.

4- Cónstanos que veciños e veciñas da parroquia de Rial se puxeron en contacto co alcalde, a través dun escrito,  por motivo das obras nun valado nesa mesma parroquia. Tamén nós a través dun escrito demandamos que se nos informara das obras realizadas por parte da cuadrilla municipal nese mesmo lugar. Pedimos, co debido respecto, que se contesten estas peticións e que sexa aclarado este tema coa maior celeridade posible.

5- Cal é a situación actual da Vivenda Comunitaria da casa reitoral de S. Mamede de Monte pola cal se fixo un investimento de case medio millón de euros?

6- Gustaríanos saber se se cumpliron pola empresa “Servizos Deportivos SAVA” os seguintes servizos, especificados na  acta número 8 da Sesión Extraordinaria da Xunta de Goberno Local do 19 de maio de 2015, no apartado 4 que se refire a “prestarlle aprobación ao orzamento presentado pola empresa “Servizos Deportivos SAVA”:

No punto 4.3 Apoio no servizo de vixianza e socorrismo: Socorrista titulado e asegurado que cubrirá os días e lecer (un por semana) do vixiante principal.

De non ser ofrecido este servizo queremos saber se a cantidade a cobrar por esa empresa sufriu algún tipo de variación respecto ao orzamento presentado nesta acta.

7- A estrada que vai dende o Barro a Cabanas hai un tramo que continuamente esta cheo de terra e como consecuencia da chuvia enlámase todo dificultando o tránsito de vehículos. Pedimos que se solucione este problema canto antes dado que calquera día pode ocorrer un accidente.

8- Na estrada de Nantón ao Barro á altura do cemiterio caeu unha pedra de grandes dimensións que está mal colocada nun lateral da cuneta co conseguinte perigo no tránsito de vehículos. Solicitamos que sexa recolocada novamente para evitar calquera accidente.

9- Gustaríanos saber por qué a biblioteca municipal está pechada ata o 30 de novembro. Entendemos que a encargada da biblioteca deba coller vacacións ou faltar ao traballo por calquera circunstancia eventual como unha enfermidade ou un imprevisto puntual como calquera traballador ou traballadora pero non entendemos por qué non se pon unha persoa substituta para que as instalacións permanezan abertas.

10- Veciños e veciñas de Outeiro (Corneira) e tamén en Ceilán (San Mamede de Monte) indícannos que a luz que dan as novas luminarias é insuficiente e non permite ter unha boa visibilidade de noite. Reclamamos que se é posible aumentar a intensidade que se faga canto antes, xa que está ben tentar aforrar pero máis importante é a seguridade veciñal.

11- Queremos, finalmente, pedir que se arranxen canto antes os bancos de suplencias (“banquillos”) do Campo de Fútbol municipal que teñen o teito completamente deteriorado e os días de chuvia entra moita auga e non se poden utilizar.


O pleno rematou pasadas as tres e media.