Crónica do sexto pleno ordinario (25/05/16)

O traballo de Compromiso no pleno celebrado onte:

1º Aprobación das actas anteriores.

2º Dar conta dos decretos da alcaldía.

3º Ractificación do acordo da Xunta de Goberno Local de aprobación de proxecto corrixido “Rehabilitación e conservación do Centro Cultural da Carballeira”

4º Actuacións de control:

  – 1ª) Moción sobre a recuperación da paga extraordinaria de 2012 para os empregados da administración local do Concello da Baña.

Esta moción non se chega a votar, xa que en decembro de 2015 xa hai unha resolución e informe no que o Concello resolve devolver a porcentaxe debida ao persoal funcionario do Concello. Esta partida está incluída no orzamento, que será efectiva cando se aproben os presupostos. César Ramos pediu que tamén se lle ingreseran as cantidades ao persoal que xa non traballa no Concello. O secretario explica que ese persoal teno que solicitar mentres que ao outro persoal xa se ten que facer de oficio, aínda que comentou que se chamará a todos os implicados e implicadas.

Respostas do alcalde as preguntas de Compromiso.

– 1ª) Sobre a inexistencia de numeración en moitas das vivendas do noso concello. 

Estase traballando, fíxose o traballo en dúas parroquias e quedan aínda 13.

– 2ª) Con respecto ao procedemento de regularización catastral. 

O alcalde cita que tanto o Concello como a empresa informou debidamente e que mesmo fixo un cálculo. “Aproximadamente un 30% de xente non tiña dada de alta a vivenda.”

– 3ª) Incumprento constante dos puntos da moción de Compromiso por Galicia sobre a loita contra a violencia de xénero e aprobada en pleno.

“O Concello xa está actuando en casos puntuales relacionados con esta problemática. E estamos poñendo todos os medios dispoñibles para traballar contra esta lacra.” Palabra de José Andrés García Cardeso. Recordamos o que respondeu o alcalde no anterior pleno: que desde o Concello da Baña condenábanse todos os asasinatos machistas e atentados terroristas. Ao que César preguntou onde.

– 4ª) Con respecto a tardanza de seis meses da posta en marcha da nova páxina web municipal e do emprego das redes sociais. 

Tan só comentou que a páxina web está xa xustificada e que a están elaborándoa. Hai dous meses dixo o mesmo; que están os técnicos traballando na páxina web aínda. Das redes sociais, nin chío. A concelleira de cultura respondera no último pleno que “estaría encantada de ter a unha traballadora responsable dese tema. Pero non podo quitarlle horas aos traballadores e traballadoras do concello para que atendan as redes sociais”.)

– 5ª) Sobre o petición de retirar o lixo en zonas do concello coma Vigobó, o mal chamado polígono industrial, ou o rego de Trece.

Respóndenos o alcalde que é unha problemática que ten complicada solución, pero que o Concello é consciente e está traballando niso. A día de hoxe, segue igual.

– 6ª) Sobre a revisión e modificación das ordenanzas.

“Están redactadas e próximamente leváranse a comisión e pleno para aprobalas.”

– 7ª) Con respecto á suspensión do entroido.

Van a reforzar os premios do ano que vén.

– 8ª) Sobre a solicitude de que a biblioteca municipal dispoña de un xornal diario. 

O alcalde dixo que existe un xornal no centro da terceira idade para que o consulten os adultos. César voltou pedir que leven á bibioteca o xornal do Concello, contestando García Cardeso que se pode facer.

– 9ª) Sobre a entrega de mocións por parte do BNG da Baña que non se tratan no pleno.

O BNG non ten representación a nivel corporativo e algunhas das mocións xa foron tratadas por presentalas outro grupo político.”

– 10ª) Petición de información do parque eólico Campo pequeno.

“Aprobouse o proxecto de Campo Pequeño e agora hai un procedemento. O de Santa Comba  é a mesma empresa e vaise poñer en contacto a empresa con todos os veciños/as para acelerar o procedemento e presentalo no Concello (os dous están declarados de utilidade pública). O de Vilamartiño non esta aprobado porque hai unha alegación da Consellería de “minas”. A empresa quere axilizar o proxecto o máximo posible. Se todo sae ben nun prazo de ano e medio ou dous comezará polo menos cun. É un proceso longo que polo de agora están aprobados os proxectos.”

– 11ª) Sobre os paneis solares da Casa rectoral de S. Mamede. 

Xa están recolocados. Estaban tirados porque tentaron roubar o cobre.

– 12ª) Explicación das facturas na Relación dos asuntos da alcaldía (equipos informáticos, licenza ofimática, contratos de telefonía, festa de Reis).  

PENDENTE DE AMPLIACIÓN (O concello daranos máis información.)

Rogos e preguntas de Compromiso por Galicia – A Baña

– 1) En primeiro lugar queriamos felicitar ao grupo de goberno pola iniciativa de participar no circuíto galego de probas de montaña e de celebrar unha proba de Trail no noso Concello organizada pola Federación Galega de Atletismo. Así mesmo gustaríanos ofrecer, tanto eu persoalmente como os demais compañeiros e compañeiras, a nosa colaboración para a difusión ou organización deste evento, xa que pensamos que calquera actividade deportiva que promocione o nome do noso Concello e os valores do deporte, a priori sempre é positiva.

O PSOE na súa intervención manifestou que vale 3.500 euros mais IVA e cre que hai outros deportes mais maioritarios na Baña. O alcalde contestoulles que non pode traer o mundial de fútbol.

– 2) Volvemos a criticar por enésima vez o horario dos plenos que dificulta moito a nosa asistencia.

A este pleno non asistiu o concelleiro Manuel Tourís, do PP, e marchou antes de que rematara Margarita Suárez, do PSOE.

– 3) O 29 de abril do ano pasado publicouse no DOG a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se someten a información pública os proxectos de autorización administrativa, promovidos por Gas Galicia SDG, S.A., para a distribución de gas natural en 11 núcleos de poboación da provincia da Coruña, entre os que se encontra A Baña. Queremos saber se se sabe algo desta intervención e pedimos que no caso de que se vaia facer algún tipo de obra en S.Vicente que se coordine debidamente co proxecto de “Mellora e conservación dos accesos a S. Vicenzo (A Baña)” aprobado o pasado 15 de decembro por esta corporación. 

O alcalde mencionou que van tentar falar con Fenosa para que non interfiran as intervencións.

– 4) Solicitamos que se nos informe de cal é o beneficio que terán os parques eólicos para as arcas do Concello (Vilamartiño, Campo Pequeno e Santa Comba).

– 5) A Consellería de Medio Rural anunciou que no Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2016) especificará sancións para terreos que tras un lume estean sen rozar ou referentes a repoboacións ilegais, así mesmo tamén recorda a obriga de limpar a vexetación preto das vivendas establecendo determinados límites segundo os tipos de vivenda. Estas limpezas deben facerse antes do 30 de xuño de cada ano. Pedimos que se informe debidamente a todos os veciños e veciñas sobre este Plan para evitar posibles sancións.

Enviarán trípticos e información para os veciños e veciñas. Pedimos que toda a información chegue finalmente á veciñanza.

– 6) Solicitamos que se valore a posibilidade de poñer un “cambiador para bebés” na Casa de Cultura para que os pais e nais que participen nas actividades nestas dependencias teñan un lugar idóneo para cambiar aos seus fillos ou fillas.

– 7) A petición de varios veciños solicitamos que se valore a posibilidade de realizar os seguintes arranxos na Área Recreativa de Chans, agora que vai empezar a época estival:
– Ventá dos baños, que está sen cristais.
– A fonte que non bota auga de forma axeitada ademais de asolagar o terreo.
– Aplanar as mesas de pedra para que a xente poida xantar máis comodamente (comentario moi común cando se organizan festas nesas instalacións).

– 8) Na anterior pleno municipal do mes de marzo indicouse que podíamos participar na revista municipal aportando contidos e informo de que acabamos de dar entrada no rexistro a un artigo que queremos publicar na revista, que non ten contido político. Se hai algún tipo de obxección ou queredes que se modifique algo, por favor comunicádenolo para poder facer as modificacións oportunas.

– 9) Informamos de que volven a haber lousas na praza do Concello en mal estado (xusto fronte ao Banco Pastor) e solicitamos que se arranxen para evitar que algunha persoa poida ter algún accidente. Consecuentemente con isto queremos preguntar se na beirarrúa da casa do Concello se pode estacionar, é zona de carga e descarga ou está prohibido. Neste último caso pedimos que se pinten liñas amarelas ou se sinale axeitadamente para que a veciñanza estea informada.

O alcalde dixo que a Garda Civil pasa, saca a fotografía e multa. Non se pode estacionar e van poñer liña amarela. O noso concelleiro pediu que os coches municipais tampouco aparquen, para que dean exemplo.

– 10) Na estrada de Señor cara S. Cibrán desapareceu o letreiro e está só o mástil, ademais do espello que falta no cruce de Chantada en S. Cibrán, pedimos que sexan recolocados.

– 11) Durante a celebración da 13ª Rolda de Negociacións sobre o TTIP, Amigos da Terra e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, lanzan un informe sobre o Tratado de Comercio e Investimentos entre EEUU e a Unión Europea, e as súas reprecusións na agricultura, indicando que pode ser unha ruína para o sector agrario galego e europeo. Queremos saber cal é o posicionamento do grupo de goberno e se tedes a ben facer unha declaración institucional rexeitando este tratado que segundo este informe é tan prexudicial para a nosa economía agrogandeira. Cónstanos ademais que o BNG da Baña tamén entregou unha moción respecto a isto.

– 12) No pleno do 27 de xaneiro solicitamos que se convocara unha xuntanza con todos os concelleiros e concelleiras para tratar o tema da homenaxe aos represaliados da guerra civil e durante a ditadura, no pasado pleno, tal como recolle a acta nº 3 contestóusenos “será esta corporación a que decidirá como, cando e onde realizar a dita homenaxe”. Xa que será esta corporación a que decida pedimos, novamente, que se nos convoque a unha xuntanza para decidir o “como, cando e onde” e que non se demore demasiado esta decisión e finalmente quede en “saco roto”.

– 13) Tal como todos e todas coñecemos, o servizo de limpeza do CPI de S. Vicente está en folga debido aos impagos ás traballadoras por parte da empresa LINORSA. Actualmente este servizo encóntrase en servizos mínimos (solo recolle as papeleras e limpa os baños unha das catro empregadas de 15:00 h a 18:30 h.) Esta é unha situación moi complicada tanto para as traballadoras de limpeza como para os alumnos e alumnas e profesorado do centro, xa que non hai control de limpeza e teñen dificultade ata para adquirir papel hixiénico; polo que pedimos que o grupo de goberno se poña en contacto coa Consellería e faga todo o posible para que este problema se resolva canto antes.

Xa se falou coa directora e estivose alí.

– 14) Na acta nº 3 do pleno, ven reflectido literalmente que o espello do cruce de Faxín “durou un día desde a súa colocación”, intuímos por esas palabras que foi roubado. Queremos saber se cando se producen estes roubos se fai a pertinente denuncia á Garda Civil.

O alcalde di que se tramitan as denuncias sempre.

– 15) Pedimos que nas vindeiras eleccións os grupos políticos que fan pegada de carteis que despois os recollan debidamente xa que ese traballo é competencia dos PARTIDOS E NON DA CUADRILLA MUNICIPAL.

O alcalde pensa que non vai a haber cartelería. A concelleira Alicia Blanco di que algunha pegatina nosa quedou pegada. O noso concelleiro replica que esas pegatinas regaláronse nos actos e non podemos facernos responsábeis das mesmas, así como si da cartalaria e que xa a recollemos no momento de rematar a campaña das municipais.

SUBVENCIÓNS:
– 16) O venres 15 de abril deste ano publicouse no BOP a resolución pola que se aproba a concesión provisional FO202: convocatoria do programa de subvencións para investimentos culturais, durante o 2016. O Concello da Baña solicitou a “reparación do reloxo da Casa do Concello e adquisición de mobiliario do salón de sesións” evidentemente esa subvención denegouse por non tratarse dun investimento cultural e na mesma resolución indícase que hai un prazo de 10 días para presentar solicitude de reformulación. Preguntamos se se solicitou de novo esta subvención e para que obxecto.

O alcalde xa respostara a esta pregunta anteriormente no mesmo pleno por iso non se volveu facer na quenda de preguntas e expresou que esta subvención denegouse e fíxose a pertinente reclamación. Para a alcaldía arranxar un reloxo é un investimento cultural. César manifestou que para el non o era e para proba véxase a denegación da propia subvención. O alcalde contestou que a outros concellos si se lle concedeu esta subvención para un tema similar. Están pendentes desa reclamación.

– 17) A RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2015 pola que se lle dá publicidade á relación de concellos beneficiarios das axudas convocadas ao abeiro da Orde do 22 de xuño de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas, tamén indica que o Concello da Baña perdeu a subvención por non estar “automatizada”. Queremos saber se se solucionou esta deficiencia para poder solicitar a subvención en vindeiras convocatorias e se non se solucionou que se faga cando sexa posible.

A concelleira de cultura di que foi por non ter o rexistro de libros no “Proxecto Meiga” e que é verdade que é a única biblioteca municipal que solicitou a subvención e que se lle denegou por este problema. O noso concelleiro manifestou que xa hai máis de dez anos que as bibliotecas escolares participan en Meiga e que por favor lle dean prioridade a isto porque se non vaise perder a subvención do vindeiro ano (entre 500 e 2.700 euros).

– 18) Queremos que se nos informe das actuacións realizadas coas seguintes subvencións:
– DP0004:MA-INV/2015: de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para a realización de investimentos no ámbito do medio ambiente do 2015 por un importe de 14.180 euros para Acondicionamento, recuperación ambiental e mantemento das rutas de sendeirismo do Concello da Baña.
– DP0007: Para actividades de promoción dos recursos turísticos dos concellos por un importe de 3.999 euros.
Así mesmo cales son as actuacións que se farán coas seguintes subvencións concedida:
– DP006: Para investimentos en promoción turística 2016 por un importe de 5400 euros para a creación, acondicionamento e sinalización de rutas BBT.
– DP0007: Dirixido aos concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para actividades de promoción turística 2016 por un importe de 3049,80 euros para a organización de visitas turísticas polo Concello e edición de material divulgativo.