Crónica do quinto pleno ordinario

A CRÓNICA

Vídeo completo do pleno debaixo desta crónica.

Este quinto pleno ordinario da lexislatura, o segundo do 2016, adiantouse un día do que viña sendo a norma habitual, debido a que a Deputación puxo o pleno para o mércores 30. Hei vai a nosa crónica con todo o que alí dixemos e nos contaron.

1º Aprobación das actas anteriores.

2º Dar conta dos decretos da alcaldía.

3º PAI 2016.

O Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016 é un crédito aos concellos cun 0% de xuros e que este ano destinarase á pavimentación da estrada Espesedo – Carballeira, cun custo de 211.000€. No pleno extraordinario anterior aprobamos ese plan, pero na Deputación detectaron algún erro no proxecto por algunha cantidade que estaba mal calculada. Procedeuse a votar, onde Compromiso, ao xa ter votado a favor do proxecto no anterior pleno, preferiu absterse.

4º Actuacións de control:

  – 1ª) Moción  sobre a revisión catastral.

Tanto o PSOE coma o PP presentaron unha moción sobre o proceso de regularización catastral levada a cabo no noso concello. Como ámbalas dúas eran practicamente iguais decidiuse que se uniran para votar dunha soa vez.

César Ramos mostrouse dacordo en que esta regularización supoñía un evidente prexuízo para o rural en xeral, e que polo tanto estabamos dacordo con ambas mocións. Tanto no punto sobre o establecemento do máximo permitido de bonificación para os inmobles dedicados a actividades do sector primario coma no outro punto de modificar a ordenanza municipal que establece o gravame dun 0,5% sobre bens de natureza rústica reducindoo ao mínimo legal do 0,3%.

A moción foi aprobada por todos os membros do plenario.

  – 2ª) Moción  para o cumprimento real e efectivo da carta europea das linguas rexionais e minorizadas.

O noso concelleiro liu a moción e solicitou que o Concello da Baña manifestara o seu compromiso con esta Carta que garanta os dereitos lingüísticos da lingua galega, e que instara á Xunta de Galicia a cumprir os catros puntos recollidos na propia moción.

A moción foi aprobada polos votos a favor de toda a corporación.

Respostas do alcalde as preguntas de Compromiso.

– 1ª) Sobre a conferencia Mediación e comunicación intercultural”, que César Ramos congratulou ao grupo de goberno pola súa realización e pediu que non avisaran o día anterior da súa realización, ademáis da nula promoción que fixeron. O alcalde e a concelleira de cultura botaron balóns fóra dicindo que non sabían o horario do programa europeo no que se enmarcaba esta conferencia. Ora ben, o martes pediron ao grupo de pandereteiras se estaban dispoñibles para tocar o venres.

– 2ª) Sobre a subvención do FEADER. García Cardeso dixo que xa estaba solicitada esta axuda, e que se empregaría en arranxar a planta baixa do edificio do concello.

– 3ª) Sobre a calefacción da Casa da Cultura. O problema da calefacción era que non sabían poñela en funcionamento, pero que está ben.

– 4ª) Sobre o rexistro de bens patrimoniais, históricos e culturais. Este existe, e está recollido no plan xeral. Tamén é certo que os hórreos por exemplo non están nel.

– 5ª) A limpeza do pavillón de San Vicenzo. O alcalde transmitiu esa queixa e xa a limpeza está enterada, e dixo que o pavillón recibe visitas de inspección de sanidade.

– 6ª) A subvención non anunciada para transporte de carrozas. O alcalde confirmou que esta se dera para axudar ao transporte de carrozas, e César Ramos pediu que esta fose pública en vindeiras ocasións, para que calquera veciño ou veciña da Baña se entere que existe esta axuda.

– 7ª) Sobre a revista municipal. O alcalde voltou a dicir que non se fixera porque había eleccións, e 40 días antes non poden entregalas. A concelleira de cultura dixo que iban a poñerse con ela xa. César pediu outra vez que se abrira a colectivos e asociacións do concello e non só coas actividades que facía o goberno, arrancando a promesa de que se se poñían en contacto con ela o farían.

– 8ª) Sobre a cuneta de Francos. Dixo que xa estaba solucionado ese problema.

– 9ª) Sobre o espello de Faxín. Comentou que se puxera un e que durara un día. E que parece ser que en Trece tamén os rouban.

– 10ª) A ponte de Aguillóns en Seilán. Solicitoulle ás autoridades pertinentes para proceder o seu arranxo canto antes.

– 11ª) O valado de Rial. No anterior pleno entregoulle a César un informe sobre esa actuación.

– 12ª) Problema da condensación no pavillón e a imposibilidade de dar as clases en condicións. O alcalde dixo que se estaba a buscar un local para eses días nos que haxa condensación.

– 13ª) Sobre o proxecto da memoria histórica da cultural Afonso Eanes na nosa comarca. O alcalde limitouse a ler o manifesto lido no último pleno de Negreira. O noso concelleiro esixiu que se aplicase a Lei da Memoria Histórica sen contemplacións, e que se hai símbolos falanxistas teñense que retirar. A concelleira de cultura contestou “Fun a fonte de Ordoeste e tiven que fixarme moito para distinguir o símbolo franquista” dito como diminuíndo a importancia de retiralos, dando a idea de que nin se ven. O alcalde comentou que os que debían de reclamar eran as víctimas da represión franquista e non unha asociación cultural. Ramos mostrou o seu total apoio ao proxecto presentado pola cultural, “porque é de xustiza”.

Rogos e preguntas de Compromiso por Galicia – A Baña

Deixamosvos os rogos e preguntas de César Ramos ao grupo de goberno e algunhas das respostas obtidas.

) César Ramos uniuse a petición do PSOE, e voltou pedir por enésima vez de que os plenos fosen a outra hora, pois as dúas da tarde é unha hora que non facilita a asistencia aos plenos. Mala hora comprobada unha vez máis no abandono da sesión dun concelleiro popular á hora de comezar este pleno.

– 1ª) Temos constancia de que hai dificultade para ubicar as diferentes vivendas do noso concello pola inexistencia de numeración nas mesmas, xa que a maioría de vivendas ou non teñen numeración ou non teñen visible a súa numeración correspondente; ao mesmo tempo cremos que con anterioridade xa se tratou este tema en anteriores corporacións municipais e queremos saber cómo está este tema e se se ten programado facer algo ao respecto.

– 2ª) Con respecto ao procedemento de regularización catastral levado a cabo no Concello da Baña, pedimos que cando exista algo que afecte tan directamente aos veciños e veciñas da Baña, como este procedemento, cremos que é necesario informar debidamente á veciñanza. Pensamos que referente a esta regularización catastral houbo unha falta de información e un descoñecemento xeral evidente. A nosa agrupación local tentou informar aos veciños e veciñas pero evidentemente o nosa capacidade de comunicación é obviamente menor á dun concello que ten á súa disposición máis medios para chegar á xente.

O alcalde dixo que a veciñanza xa estaba informada e que desde o concello fíxose todo o que se pudo para aclarar este proceso. César respondeu dicindo que había moita xente aínda que non sabía ben do que se lle cobrou, algunha que pensa que ao pagar a taxa de regularización (os 60€) xa non lle vai vir o recibo da contribución. Saíu Margarita Suárez, concelleira do PSOE, a apoiar a tese do alcalde, dicindo que os veciños e veciñas da súa parroquia estaban ben enterados. O noso concelleiro seguiu insistindo en que hai xente mal informada e pediu que se informara ben.

– 3ª) No pleno do 24 de novembro de 2015 tal como recolle a acta nº11, aprobouse co voto favorable de todos os membros desta corporación municipal unha moción proposta por Compromiso por Galicia que entre outros incluía os seguintes acordos: facer actos de concienciación para involucrar a mozos e mozas na loita contra a violencia de xénero e comprometerse a condenar publicamente calquera novo caso de violencia machista, mostrar o apoio público ás vítimas e reivindicar debidamente cada 25 de novembro como o día internacional da loita contra a violencia machista. O certo é que a día de hoxe non se fixo nada do prometido por medio desta moción: o 25 de novembro non se fixo mención ningunha na web municipal nin ningunha actividade ou acto especial, o mesmo o 8 de marzo día internacional da muller, tampouco se fixo ningún acto ou mención especial o 11 de febreiro cando foi asasinada Ana Gómez Nieto en Becerreá a mans da súa parella nin tampouco cando lamentablemente foron asasinadas as outras 13 vítimas da violencia de xénero en todo o Estado Español no que levamos de ano. Polo tanto concluímos que non se está cumprindo a esta moción e esiximos “non pedimos” que se cumpran as mocións que foron aprobadas para algo e non simplemente para figurar nunha acta ou papel.

Respondeu o alcalde dicindo que desde o Concello da Baña se condenan todos os asasinatos machistas e atentados terroristas (?). César preguntou onde.

– 4ª) De igual forma ese mesmo día aprobouse tamén por unanimidade unha moción referente á páxina web municipal co conseguinte acordo de adoptar o dominio .gal e de facer unha campaña de popularización dese novo enderezo tamén se comentou nesa mesma sesión plenaria que se ía modificar a páxina web e a día de hoxe (4 meses despois) todo sigue igual. Queremos coñecer cómo está o tema referente á páxina web e se se vai cumprir co acordado. Aproveitamos tamén para pedir que se lle dea maior difusión ás novas tecnoloxías, xa que vemos que outros concellos veciños como Negreira ou Santa Comba xa utilizan as redes sociais de forma habitual para informar á veciñanza e vemos que na Baña continuamos sen a utilizar este importante recurso.

O alcalde dixo que están os técnicos traballando na páxina web aínda. César pediu que se actuara nas redes sociais, pois é unha ferramenta clave para comunicarse coa veciñanza e informala sobre as diferentes actividades do concello. Alicia respondeu que estaría encantada de ter a unha traballadora responsable dese tema. Pero que non podía quitarlle horas aos traballadores e traballadoras do concello para atender as redes sociais.

– 5ª) Continúan avisarnos os veciños e veciñas da aparición de zonas do concello onde seguen tirando lixo de forma ilegal como no mal chamado polígono industrial (xa que non ten industria) onde hai escombros e varias ventás tiradas, ou no rego de Trece na parroquia da Riba onde está cheo de plásticos, pneumáticos e diferentes mobles, ademais da escombrera de Vigobó, que aínda pasei onte por alí e é unha vergonza. Sabemos que é difícil localizar os culpables pero pedimos que sexan retirados canto antes e se siga fomentando o uso do punto limpo municipal.

José Andrés dixo que xa están facendo todo o posible para retirar o lixo, mesmo contempla algunha solución radical para a escombrera de Vigobó como facer dúas gabias. O noso concelleiro pediu que se actuase con celeridade e se procedese a limpeza destes puntos.

– 6ª) Temos constancia de que se vai facer unha revisión e modificación das ordenanzas e queremos pedir que se faga con celeridade, xa que hai moitas ordenanzas municipais desfasadas ou mal redactadas.

– 7ª) Con respecto á suspensión do entroido gustaríanos saber qué se vai facer ao respecto, se se vai postpoñer, se se vai facer outra actividade alternativa ou se vai engadir a cuantía dos premios soa premios do vindeiro ano. Tamén nos gustaría manifestar que dado a suspensión do festival por segunda vez aínda que estamos de acordo coa mesma e recoñecemos que a situación metereolóxica non era idónea a suspensión fíxose tarde e con falta de previsión, xa que se podía realizar noutro espazo como no pavillón municipal.

O alcalde comparou a suspensión do Entroido coa dos desfiles de Semana Santa, que se non se podía celebrar ese ano, pois non se pode. César aclaroulle que el o que preguntaba era saber que tiñan pensado facer con esa actividade, sobre todo coa contía dos premios, se iban destinalos para os do ano que vén.

– 8ª) A petición de varios veciños queremos solicitar que a biblioteca municipal dispoña de un xornal diario. Sabemos que o Concello merca diariamente un exemplar de “La Voz de Galicia” para a casa do Concello e pedimos que ese mesmo exemplar se deixe na biblioteca para que os usuarios poidan consultalo.

Blanco dixo que o periódico se levaba para o local da 3ª idade. Pero mostrouse a favor desta idea.

– 9ª) Sabemos que a agrupación local do BNG da Baña está a entregar mocións e non se están a tratar polo pleno municipal e volvemos a pedir novamente que esas mocións, ou as de calquera colectivo, sexan tratadas pola corporación municipal, xa que son un colectivo que tamén representa a veciñanza e tal como explicou o secretario noutra sesión plenaria o tratalas ou non depende da vontade do alcalde. Consecuentemente con isto cremos en concreto que a moción relativa á Defensa do Patrimonio Cultural debido á súa importancia debe ser tida en conta pola corporación.

García Cardeso dixo que non o facía por cuestión de tempo, pois se as trataba os plenos alargaríanse moito. Tamén que o BNG debe entender que non forma parte da corporación. O noso concelleiro recordou que na moción sobre a participación veciñal presentada por el trataba a presentación de mocións por calquera colectivo.

– 10ª) Queremos solicitar que se informe debidamente á corporación municipal e consecuentemente á veciñanza sobre o parque eólico que Feijoo vén de anunciar o pasado 16 de marzo e que será ubicado no noso Concello.

– 11ª) Na Casa rectoral de S. Mamede apareceron tirados varios paneis solares e pedimos que sexan recolocados con brevidade para evitar que desaparezan.

Aquí o alcalde púxose a defensiva, preguntando onde estaban eses paneis tirados, mais César Ramos ensinoulle as fotos que mostraban que estes estaban no chan.

12ª) Pedimos que se nos expliquen as seguintes facturas na Relación dos asuntos da alcaldía:
2016 920 21600 PC SOBREMESA, GRAVADORA E IMPRESORA____________4621,14€
2016 920 21600 3 EQUIPOS DE SOBREMESA_________________________7031,22€
2016 334 21600 licencia office profesional 2016________________________1820€
Esta última licencia para cantos pcs é? Por que se fai ese gasto se o Xunta está promocionando o software libre?

O alcalde dixo que a estructura informática do Concello depende da Deputación, pero César díxolle que iso non explica a compra da licenza do office.

– 13ª) Queremos que se revisen os contratos de telefónica, xa que as facturas son moi elevadas, xa que agora existen tarifas planas de chamadas que reducirían moito os gastos.

– 14ª) Pedimos que se nos expliquen a relación de facturas da Festa de Reis. Os 75,02 euros das roscas da panadaría Antonio e con respecto á compra feita no Bar Nuevo Celta de Negreira, e o porqué de non facer esa compra nun establecemento do noso Concello.

A concelleira de cultura Alicia Blanco explicou que sempre facían esa compra na pastelería El parque e que ao pechar esta comentaronlle que no bar Nuevo Celta poderían facerlla ao mesmo prezo. César propuxo que esa compra se fixera nun establecemento da Baña. A concelleira dixo non saber onde.

 

E sen máis preguntas, douse por rematado este quinto pleno ás 15:50 horas.

O VÍDEO