Crónica do pleno ordinario do 8 de xaneiro de 2020 – CxG critica o carácter autoritario e a falta de seriedade do señor alcalde.

A sesión comeza puntual coa asistencia de toda a Corporación, agás David Gontán concelleiro de CxG que se ten que ausentar debido ao falecemento dun familiar. Dende CxG, aproveitamos este texto para enviarlle a toda a súa familia e amizades as nosas sinceras condolencias.

Imaxes da sesión plenaria publicadas na canle de Youtube oficial do Concello da Baña

A continuación facemos un resumo de todo o tratado na sesión concretando todas as intervencións do noso grupo político.

  • Aprobación, se proceder, da acta da sesión do pleno de 20 de novembro de 2019

Este punto non se pode tratar debido a que os concelleiros e concelleiras da oposición non recibiron en tempo e forma a documentación pertinenete, polo que este punto será adiado para a seguinte sesión.

  • Aprobación provisional do Plan de sectorización do solo rústico apto para urbanizar SRAU-2

Este é un paso previo para que se poida crear o polígono industrial no Concello da Baña.

Todos os presentes votan a favor e mostran a vontade de que o procedemento se axilice o máis posible.

  • Moción sobre a participación de todos os partidos nas mesas de contratación

meeting-1015591_1280-1000x620

O noso concelleiro, César Ramos, toma a palabra e explica que dende CxG entregamos esta moción para ser tratada no pleno de 20 de novembro pero debido á espera dun informe do secretario sobre os integrantes das mesas de contratación, decidimos adialo ata este pleno.

DESCARGAR MOCIÓN

En devandito informe o secretario comunica que o número de membros da Corporación Municipal nas mesas de contratación non pode exceder dun terzo da totalidade ademais de que a lexislación en materia de contratación non prevé a figura de invitados á mesa de contratación, de maneira que aos actos das mesa de contratación que non sexan públicos non poderán asistir máis que aquelas persoas expresamente previstas pola normativa contractual.

DESCARGAR INFORME DO SECRETARIO SOBRE AS MESAS DE CONTRATACIÓN

Tendo en conta que a participación dos tres partidos con representación foi un compromiso do actual grupo de goberno antes do pleno de organización e que sería moi complicado que as mesas de contratación estiveran formadas por un representante de cada partido política, xa que segundo o informe do secretario deberían formar parte das mesmas 6 funcionarios ou funcionarias, dende CxG, tal como informamos na Comisión Informativa previa, decidimos modificar o acordo a adoptar da moción entregada, polo seguinte:

A incorporación ás mesas de contratación de representantes dos tres partidos políticos con representación na Corporación Municipal de forma que en cada mesa de contratación haxa dous concelleiros (de dous partidos diferentes) e os tres grupos políticos vaian rotando consecutivamente.

A moción é aprobada co voto a favor de CxG e PP e o voto en contra do PSOE.

  • Revista Municipal do Concello da Baña

César Ramos fai lectura da instancia entregada o 8 de decembro no rexistro municipal que recolle a queixa de CxG polo ofrecemento do señor alcalde a participar na revista e só 16 días despois comunicarnos que a revista xa está maquetada e que non é posible a participación de CxG, ademais de solicitar a inclusión deste punto na orde do día do pleno.

VER ARTIGO SOBRE A REVISTA MUNICIPAL

Así mesmo, manifesta que dende CxG non puxemos ningunha pega a que se publicara a revista, despois de falar coa concelleira de cultura Mónica González, aínda que non estamos de acordo coa selección dos artigos e co tratamento que se lle dá a moitos deles.

Solicitamos que no futuro se teña máis vontade de colaboración real e non actuar de xeito autoritario e pouco participativo como pretende facer a alcaldía, xa que é incomprensible ofrecer a colaboración ao noso grupo político e 15 días naturais despois comunicarnos que xa está “nun proceso avanzado de maquetación”.

Agradecemos, por outra banda, o interese de Mónica González, a súa intención de consensuar  o contido da revista, de contar coa nosa colaboración para futuras publicacións e a deferencia que tivo con CxG.

ROGOS E PREGUNTAS DE CXG

  1. Antes de nada gustaríame facerlle unha pregunta moi clara e concreta. No pleno do 20 de novembro aprobáronse as súas remuneracións. Vostedes, grazas ao voto a favor de CxG, están cobrando xa cada mes e cobraron todo incluídos todos os atrasos, é dicir que dende que se fixo efectiva a toma de posesión como alcalde non pasaron nin un só día sen cobrar. É certo?

 

  1. Queriamos solicitar información sobre a Asociación Anxiños que está xa desenvolvendo a súa actividade na Reitoral de Monte e somos coñecedores de que nos últimos días houbo certa polémica, incluso houbo unha reunión veciñal o pasado 15 de decembro á que vostede asistiu Nós vímolo na presentación do proxecto Anxiños en Santiago con recoñecidos persoeiros do seu partido como Leiceaga ou Bugallo, apoiando o proxecto. Na anterior lexislatura, vostede dende a oposición, tamén comentou en sesión plenaria que lle parecía un bo proxecto e que unha vez que se confirmara que non se podía crear un fogar residencial que se ía apoiar a Anxiños. Nós recomendaríamos que aclarase todo un pouco e que se explicara as intencións deste grupo de goberno con transparencia e de cara á xente e tentar de calmar un pouco o ambiente de crispación que hai nesa parroquia que non beneficia a ninguén. Hai algún problema con esta asociación? Cal é a postura do grupo de goberno respecto a este proxecto?

 

  1. Con respecto á cesión do pavillón de Lañas á Asociación Anxiños (que aparece nos decretos a solicitude en horario de luns a xoves pola mañá). Vostede preguntounos aos portavoces dos partidos da oposición nunha reunión se víamos correcto que se cedera de forma gratuíta. Tanto o PP como CxG mostramos a nosa aceptación tendo en conta a finalidade social deste colectivo e o horario que solicitan. Como está ese asunto? Xa se lle notificou que non teñen que pagar as taxas? Por que se nos pregunta sobre a cesión a este colectivo e non para a cesión do pavillón de S. Vicente á selección alevín e benxamín de Fútbol Sala de Santiago que xa decidiu a alcaldía de forma unilateral e sen preguntar? Nesa mesma reunión, a petición nosa, confirmou que igual que fixo vostede con esta cesión tamén ía publicar no Facebook a cesión a Anxiños, por que non o fixo aínda?

 

  1. Respecto á Visita dos Reis Magos á Baña do pasado día 5, observamos que aparecen publicadas no Facebook municipal fotografías dos e das menores. Teñen permiso materno/paterno ou de titores/as legais para publicar esas imaxes? Solicitamos que se actúe con máis responsabilidade e que sempre se teña autorización legal por escrito.

 

 

  1. Na revista municipal publican un artigo co titular: “Ángel Freire gaña o I campionato de billar aos 90 anos”. Ángel Freire non ten 90 anos (ten 30 menos), na documentación que lle enviei á coordinadora da revista (o 8 de decembro), xa o explicaba. Cal é a finalidade dese artigo? Solicitamos que se fale con este veciño, se faga unha rectificación pública e dende o Concello se dean as oportunas desculpas. Así mesmo, informar que tampouco se corrixiu o erro da páxina 6 (tamén informamos previamente) no que se di que o CRA consta de 7 escolas unitarias: 3 en Coristanco, 2 en Santa Comba e a de Lañas.

 notici_revista_angel freire

 Noticia errónea publicada na revista municipal do Concello da Baña
  1. No pleno anterior a pregunta nº 3 era referente a unha parcela privada que se puxo no trail a disposición dos e das participantes como aparcadoiro. Nós preguntamos se era certo que o Concello non pedira ningún tipo de permiso ou autorización ao propietario ou propietaria. Vostedes coméntanme por escrito (só nos contestaron dúas preguntas por escrito) que a autorización foi tramitada por un funcionario de forma verbal mediante unha chamada telefónica ao propietario (poñen vostedes o nome dunha persoa na súa resposta). Na nosa pregunta referímonos á parcela que está xusto a carón do Campo de Fútbol de Cartas (dirección Paredes), lugar que estaba habilitado como aparcadoiro (eu mesmo aparquei alí), esa parcela non é titularidade da persoa que vostede di. Consecuentemente volvemos solicitar máis seriedade ao grupo de goberno. Os permisos deben estar sempre por escrito por se sucede algún problema ou accidente, non chega cunha conversación telefónica dun funcionario/a. Volvemos preguntar se se lle pediu permiso ao propietario desa parcela concreta.

 

 

  1. Na denominada “Troula de Nadal”, organizada polo Concello da Baña e a Escola de Música Tradicional coa colaboración dos Campantes da Baña non asistiu ningún membro do grupo de goberno. E os agasallos que se lle entregaron aos participantes foron entregados por unha persoa allea á Corporación. Este feito non nos parece algo significativo, sabemos que é complicado asistir sempre a todas as actividades do Concello porque cada un de vostedes ten outras ocupacións pero o que é significativo é que vostede no pleno de 30 de xullo de 2018 fixera unha crítica ao anterior grupo de goberno argumentando que non entendía como non asistira ninguén do grupo de goberno a un acto na Casa de Cultura (que non estaba nin organizado polo Concello), entendéndose como un acto de falta de seriedade. Agora que están vostedes gobernando pensan o mesmo?

 

  1. Por fin puidemos ver os gastos do trail, un gasto de 8.843,25. No pleno de maio de 2016 vostede dende a oposición facía unha crítica polo gasto de 3.500 euros máis IVA no Trail Galaica, argumentando textualmente que na Baña hai “outros deportes que son máis maioritarios” e que se valorara “outro tipo de actividades que ao mellor teñen aquí mais seguimento no Concello da Baña” (recordo que falaban vostedes de facer algo relacionado coa caza, un campionato ou algo así) e agora o seu grupo gasta mais do dobre nunha actividade similar. Seguen pensando o mesmo que no 2016, o trail debe cambiarse por outra actividade?

 

  1. Seguindo coas preguntas sobre o Trail, volvemos facer alusión ao tema dos patrocinios. Nun pleno anterior díxose que ese negocio de Negreira que vostedes promocionaban a calidade dos seus bocadillos e aquí en resposta ás nosas preguntas explicaban tamén que era debido a que era un patrocinador (aínda que, curiosamente, non aparece o seu logo no cartel xunto cos demais patrocinadores), observamos que aparece unha factura dese mesmo negocio por un importe de 210 euros por 10 menús (é dicir 21 euros por menú, cando nós pensabamos que se facía esa promoción a cambio de algo). Que deu a cambio esta empresa polo patrocinio no Trail? En xaneiro do ano pasado (como xa mencionara noutro pleno) fixeron vostedes unha crítica por mercar o avituallamento da andaina a Muxía no Gadis)e agora nas facturas deste trail, sorprendentemente, observamos que o avituallamento, por un importe de 196,95 euros, mercárono vostedes no GADIS. Tamén atopamos unha factura de produtos como pan de molde, chourizo, caramelos, sandía, patacas fritidas, plátano, etc, que se poderían mercar en calquera establecemento da Baña, por un importe de 256 euros dunha empresa de Betanzos. (Mercartabria S.L Unipersonal, polígono de Piadela (Betanzos). Vou reproducir textualmente unha pregunta que fixo vostede nun pleno dende a oposición. Señor alcalde, vostede cre que iso é promocionar o comercio local?  Cal é a razón pola que vostedes dende o goberno reproducen as mesmas condutas que dende a oposición criticaban?

 

  1. O pasado mes fixeron unha publicación no Facebook oficial e na web municipal co título “Piden a colaboración da veciñanza para instalar a fibra óptica na capital da Baña” onde se di textualmente “as continúas solicitudes feitas dende o Concello da Baña para mellorar a cobertura de telefonía na Baña parece que comezan a dar os seus froitos”. Supoñemos que estas actuacións, como en todos os concellos galegos, están no Plan de banda larga de Galicia asinado pola Xunta de Galicia e AMTEGA que ten como obxectivo “asegurar o acceso equitativo á banda larga de alta velocidade para toda a poboación galega”. Un dos puntos dese plan é “Facilitar o despregamento de redes de banda larga ultrarrápida ata o usuario final mediante a instalación de infraestructuras” así mesmo Telefónica comprometeuse a levar a fibra óptica a todos os lugares de España (ata 2024) asinando un convenio coa Xunta de Galicia polo que recibe unha subvención de 14 millóns de euros de fondos europeos para levar a fibra óptica a todos os galegos e galegas, comprometéndose a que en decembro de 2020 chegue a fibra ao 80 % dos fogares da provincia (A Baña incluída). Podemos ler noticias de prensa de moitos Concellos galegos que fixeron esas actuacións meses atrás sen atribuírlle o mérito á “insistencia da entidade local” (por exemplo a comarca do Barbanza en febreiro, ou concellos limítrofes coa cidade da Coruña no mes de setembro pasado) Tendo en conta todo isto e a publicación feita por vostedes no Facebook oficial, queremos coñecer as solicitudes que tramitaron e gustaríanos ter copia das mesmas. Poden concretar que chamadas fixeron?
fibra_optica
Nova publicada na web oficial do Concello da Baña
  1. No anterior pleno ordinario pedimos explicacións sobre a suspensión da excursión cultural organizada polo Concello para a ponte da Constitución do día 5 de decembro. O propio cartel da actividade indica que se abre o prazo de inscrición o día 4 pero só 4 días despois (o 8 de decembro) anuncian que se suspende por “non acadar un grupo mínimo de persoas interesadas en participar”. O pasado venres entregoume vostede por escrito a contestación (é unha das dúas que me entregaron por escrito, sen sinatura, membrete nin nada). Nesa resposta dinme vostedes que “a semana de inscrición serviu para valorar se podiamos chegar a 25 ou 30 inscritos, partindo que neses días se anotasen ou solicitaran información entre un 25 ou 30 % dos posibles participantes, isto supón 7 participantes e non foi así, só se anotou unha persoa e solicitaron información 3” por iso se decidiu cancelar a viaxe. Antes de nada vostedes falan dunha semana e foron só 4 días (dende o 4 que abriron o prazo ata o 8 que a suspenderon) . Como se pretende que en só 4 días se interesen ou anoten 7 persoas se a maioría da xente aínda non lle chegou a información? É ilóxico prever un número de participantes nunha actividade deste tipo, un mes antes. Hai algún motivo a maiores polo que decidiron suspender a actividade? Vaise realizar noutro momento ou xa se suspende e a veciñanza interesada queda sen excursión?

 

  1. No pleno do 3 de outubro de 2018 aprobouse unha moción defendida polo PSOE para crear unha “línea de axudas co fin de promocionar a participación da veciñanza nas festas do entroido” (palabras textuais da propia moción) pola que se aprobaron os seguintes acordos:
mocion_psoe_carrozas2_acordosAcordos da moción presentada polo PSOE na anterior lexislatura

– Facilitar un local que cubra as necesidades básicas para poder elaborar os traballos de construción das carrozas.

– Subvencionar no posible os desprazamentos das carrozas sempre e cando estas participen nos concursos das distintas vilas.

– Incrementar o valor dos premios do concurso que organiza o Concello co fin de incentivar a participación no mesmo.

Anteriormente pedíramos que se fixeran públicos estes acordos para que os colectivos interesados solicitaran as subvencións, queda pouco máis de mes e medio para o Entroido e polo de agora aínda non vimos nada publicado. Van cumprir vostedes estes acordos aprobados? En caso afirmativo, que local que cubra as necesidades básicas van poñer a disposición de todos os colectivos interesados? Que se vai subvencionar e que criterios terán que cumprir eses colectivos? Van subvencionar vostedes aos colectivos que só se presenten ao festival da Baña? En canto van vostedes incrementar os premios?

 

César Ramos manifesta que as preguntas que ía formular o seu compañeiro David Gontán, serán formuladas por el mesmo no seguinte pleno ordinario.