Crónica do pleno ordinario de xullo do 2016

Velaí unha mostra do que dou de si e do que o noso concelleiro César Ramos fixo neste pleno de longa duración, case tres horas, coas ausencias do concelleiro do PP Manuel Tourís e do secretario. A sesión comezaría máis de cinco minutos tarde pola tardanza dos concelleiros do grupo popular:

1º) Aprobación das actas anteriores.

Empezaba o pleno sen poder votar as actas anteriores porque estas non estaban dispoñibles. Ademais, algunhas das mocións presentadas para este pleno non estaban nos antecedentes do mesmo.

2º) Dar conta das resolucións e informes da alcaldía.

– Mesa electoral de Troitosende. O censo nesta parroquia baixou de 200 persoas, polo tanto estaba en perigo esta mesa. A decisión tomada foi que as parroquias de Troitosende e Fiopáns se uniran. Polo tanto, nas seguintes eleccións, Fiopáns terá que votar en Troitosende, en vez de en Lañas, como viña facendo.

– Camiño de Monelos. O alcalde informou á corporación de que se chegou a acordos entre os propietarios afectados e o Concello para efectuar a modificación puntual do plan para anchear e urbanizar este camiño, sendo estes acordos o primeiro paso para abrir esta rúa.

3º) Actuacións de control

Moción sobre a recollida e xestión do aceite doméstico usado.

Todos os partidos votaron a favor desta moción. O PP aclarou que no 2013 se colocaran dous en San Vicente e que fora un fracaso, a xente tiraba todo nestes colectores, chegando a dicir o alcalde que no rural este tipo de iniciativas teñen moi pouco éxito. O noso concelleiro contestoulle que o que hai que facer é realizar campañas de concienciación, explicando ben para que serve e os beneficios que se obteñen.

Moción sobre a subvención á Unión Barcalesa.

Tamén se aprobou por unanimidade esta moción. O PSOE (tamén) pediu que se tivera en conta ao resto de asociacións que están no concello tamén. A concelleira Alicia Blanco aclaroulles que ela se puxo en contacto con todas as asociacións e que mandou cartas para pedir subvencións e que só lle contestaron 5. O alcalde mostrouse a favor de concederlle unha axuda á UB, sempre e cando esta fora xustificada correctamente. O noso concelleiro argumentou que está de acordo con subvencionar a todas as asociacións do Concello pero que de nada vale prestar axuda económica de forma puntual se despois non se apoia debidamente a todos os colectivos, algo que vén demendando durante toda a lexislatura e a día de hoxe mentense un contacto nulo coa maioría dos colectivos do Concello

– Moción sobre a reactivación da concentración parcelaria de Troitosende.

O noso concelleiro quixo recordar que o presidente Núñez Feijoo prometeu que no 2020 estarían todas as concentracións rematadas, e pronosticou que o que non fixo en 7 anos non o vai dar feito en 4, se é que continúa de presidente. O alcalde tamén lembrou que aínda están pendentes as de Fiopáns e San Mamede. Todos os concelleiros votaron a favor.

– Moción para instar ó Concello de A Baña, a que actue de mediador e interlocutor entre a promotora dos parques eólicos e os titulares dos bens e dereitos afectados por dito proxecto.

Compromiso non se quixo posicionar a favor ou en contra dos parques eólicos. Só dixo que quere que se informe debidamente a todos os afectados e afectadas como así o tentou o noso partido. A moción, despois dunha longa discusión entre os voceiros popular e socialista na que, entre outras cousas, o Sindicato Labrego Galego foi menospreciado por parte do rexedor foi aprobada con matices. O alcalde puntualizou que non compartía a redacción da moción e que se comprometía a manter as reunións que faga falta coa empresa e defender os intereses da veciñanza.

Respostas aos rogos e preguntas do pleno anterior.

1- Sobre a proba de trail que se realizará en outubro deste ano.

O alcalde agradeceunos que a xente desta agrupación se prestara para axudar na realización desta proba.

 

2- O horario dos plenos.

Volveu a excusarse de que é porque os seus compañeiros de partido non poden a outra hora (o concelleiro de deportes e xuventude non acudiu tampouco a este pleno).

 

3- Sobre a instalación do gas natural na vila de San Vicente, na que pedimos que se coordinara debidamente coa mellora do pavimento.

Tentou poñerse en contacto con Gas Galicia pero non obtivo resposta. A comezos de agosto comeza a pavimentación das rúas Rosalía de Castro e Castelao.

 

4- O beneficio para as arcas do concello cós parques eólicos.

Unha vez a empresa teña os trámites todos terá que solicitar a licenza de obras e alí chegarase a un acordo entre a empresa e o Concello.

 

5- Sobre as sancións para terreos sen desbrozar ou con repoboacións ilegais.

O Concello púxose en contacto cos donos de terreos mediante carta para que procedan a limpalos, sobre todos nas inmediacións de núcleos e vivendas.

 

6- Cambiador de bebés para a casa da cultura.

Contemplase a súa instalación.

 

7- Arranxos na Area Recreativa de Chans.

Aproveitouse a subvención de medio ambiente da Deputación para destinar unha parte para a brigada municipal de limpeza e outra parte para arranxar: a fonte, as ventás, as persianas, poñer unha barreira de madeira no terraplén, adecentar a zona de pedras ao lado da gasolineira, e aplanar as mesas de pedra.

 

8- Participación na revista municipal.

Xa recibiu varios artigos que arquivou para publicalos con posterioridade, e esta non se puido publicar durante este ano debido ás eleccións, publicándose a finais de ano.

 

9- Lousas en mal estado na Praza do Concello e a prohibición de aparcar na beirarrúa da Casa do Concello.

Xa se arranxaron e no anterior pleno xa contestou que non se pode aparcar, e que cando se realice a mellora de pavimento se pintará a beirarrúa.

 

10- Sobre a desaparición do letreiro de Señor e dun espello en Chantada.

Xa se colocaron dous espellos en San Cibrán e tamén o letreiro. Queda por poñer un espello en S. Cibrán que se colocará nos vindeiros días.

 

11- Sobre o TTIP.

O alcalde solicitou un informe a Consellería de Medio Rural para coñecer mellor o seu contido, xa que descoñecía a problemática deste acordo.

 

12- Sobre a homenaxe aos represaliados da guerra e dictadura e a eliminación de simboloxía franquista.

Dixo que na Deputación ían a ter un acto institucional e que na Baña xa se faría un. Sobre a retirada de símbolos non se pronunciou.

 

13- Sobre o apoio ás traballadoras do servizo de limpeza do CPI San Vicente.

Desde que comezou o problema o Concello estivo interesándose e asistindo a reunións ao lado das traballadoras.

 

14- Sobre o roubo do espello de Faxín.

Contestou que si que tramitaban a denuncia.

 

15- Sobre a retirada da propaganda electoral dos partidos políticos.

Confirmou que si que é competencia dos partidos e non do concello retirala. César avisou de que aínda había moitos sen recoller, incluso tirados nas cunetas e xa vai alá un mes.

 

16- Sobre a denegación da subvención para o arranxo do reloxo e da adquisición de mobles para o salón de plenos da Casa do Concello.

Presentouse un recurso contra esta desestimación. E nos salón de plenos si que se realizan eventos culturais: por exemplo o programa Maimiños, respondeu a concelleira de cultura. Ramos díxolle que o salón de plenos é para o que é. E que non se enterou nunca de que se realizara un acto cultural nel, son actos culturais moi puntuais.

 

17- Perda da subvención da Xunta para mellorar as coleccións bibliográficas da biblioteca.

O alcalde dixo que non veu denegada por non estar automatizada, senón que foi por non ter os libros no rexistro electrónico. A concelleira dixo que estabase facendo, pero que daba moito traballo. O noso concelleiro dixo que el realizou ese traballo en moitos colexios e que débese priorizar esta tarefa.

 

18-  Sobre as subvencións:

Do 2015

     – Acondicionamento, recuperación ambiental e mantemento das rutas de sendeirismo do Concello da Baña (14.180 €) = Sinalizáronse e limparonse as rutas con ese diñeiro.

     – Promoción dos recursos turísticos dos concellos (3.999 €)= Fíxose unha visita cultural en bus dividida en dúas mañás para coñecer o concello, ademais de trípticos e carteis informativos.

Do 2016

     – Creación, acondicionamento e sinalización de rutas BBT (5.400 €) = Vaise colaborar con xente que practica este deporte para facer a mellor actuación posible.

– Organización de visitas turísticas polo Concello e edición de material divulgativo (3049,80 €) = Será para promocionar produtos gastronómicos do noso concello.

Rogos e preguntas de Compromiso por Galicia – A Baña

1- A aula de informática estivo pechada ata o 20 de xuño supoñemos que por vacacións do persoal, solicitamos, ao igual que fixemos no seu momento co servizo de biblioteca que esta baixa sexa cuberta na medida do posible para que non se teña que interromper ese servizo. Así mesmo, pedimos que estes servizos se publiciten por todas as parroquias para que a veciñanza estea enterada dos servizos municipais.
2- O 23 de xuño démoslle entrada a unha instancia solicitando, entre outras cousas, que se explique porque este verán non se ofertan os tradicionais “Campamentos Val de Barcala”, e se a Xunta de Galicia é a responsable de “recortar” prazas nos albergues , se aínda non se fixo, que se emita a correspondente queixa a este organismo responsable. Pedimos novamente que se atenda á nosa solicitude, e para o vindeiro ano que se barallen outras opcións para que os nenos e nenas poidan participar nesta importante actividade.

“A culpa non é do Concello. A Xunta priorizou a concellos que nunca estivesen neste programa de campamentos e propuxéronse outras alternativas a este campamento.” dixo o alcalde. César contestou dicindolle que aínda que a Xunta fose do seu partido político tiña que presentar unha queixa, e non baixar a orella.
3- Na aldea de Señor o firme fronte á fonte está moi deteriorado con grandes fochancas o que dificulta enormemente a circulación de vehículos. Solicitamos que se arranxe.

centro señor

Estado do asfalto na aldea de Señor.

4- Na acta nº 3 do pleno de 29 de marzo de 2016 na resposta á pregunta nº 7 de Compromiso por Galicia a alcaldía responde: Aínda non se realizou a confección da revista municipal. Din as ordes oportunas para que empezaran cos traballos: ata agora, estiveron coa páxina web do Concello e aínda se anda mellorando. A día de hoxe a revista segue sen confeccionarse e a web municipal é un auténtico desastre: apartados en construción, moitos horarios de actividades son os do ano 2008/2009, apartados incompletos, cursos de formación que non existen, o listado de asociacións que a comezos da lexislatura xa dixemos que tiña datos erróneos con persoas responsables das mesmas que xa faleceran (aspecto que eu persoalmente xa informara hai máis de 5 anos) continúa igual, as ordenanzas están no apartado de urbanismo, no apartado de novas (medio ambiente) a última nova que aparece é do ano 2010, etc. etc. Solicitamos, que con brevidade, se tome en serio este importante servizo municipal e se actualice a páxina web, ademais de solicitar que se informe de cando sae a revista municipal do ano 2016 que demora xa 8 meses.

As convocatorias de eleccións impediron que se poidera entregar a revista, e que terá que ser para despois das eleccións galegas (o que implica que aínda non está rematada) ofrecéndose novamente o noso concelleiro para axudar a concluíla dunha vez. Sobre a web, déronnos a razón que aínda se ten que traballar nela.
5- Solicitamos que se valore a posibilidade de que percorrido do trail do mes de outubro remate na praza de S. Vicente para dinamizar a hostalaría da vila.

6- Os letreiros da igrexa do Castro están ámbos os dous torcidos e a punto de caer. Solicitamos que os recoloquen.

letreiro Castro

Un dos letreiros da Igrexa do Castro.

7- O pasado 10 de maio entregamos no Concello unha instancia dirixida ao alcalde solicitando que se iniciara o procedemento para concederlle a distinción de “fillo predilecto Concello da Baña a D. Avelino Pousa Antelo”, cumprindo os requisitos do informe do secretario-interventor do Concello, e a día de hoxe, máis de dous meses despois, seguimos sen contestación. Queremos saber, canto antes, cal é a decisión da alcaldía respecto a este tema.

8- O pasado 7 de xullo veu publicado no BOP a Resolución pola que se aproba a concesión definitiva de subvencións culturais no que viñeron desestimadas as alegacións para o arranxo do reloxo da Casa do Concello e adquisición de mobiliario para o salón de plenos, porque non se trata dun investimento cultural tal como dicíamos nós. Ademais de que as alegacións que mandáchedes non son certas, xa que no salón de plenos non teñen lugar nunca eventos culturais. A nosa pregunta é se ides recorrer esta decisión ou xa dades por perdidos os 18.000 euros que solicitábades. Pedimos así mesmo que para a próxima vez consultedes coa corporación municipal o obxecto de subvención e evitar deste xeito que se perda unha importante cantidade de cartos para actividades culturais.

9- Con respecto ás facturas pagadas á empresa “New Lite” queremos que se nos explique como se facturan ao Concello facturas ao nome dunha persoa que non é empregada do mesmo. E cal é o motivo polo cal se manteñen relacións comerciais cunha empresa de Madrid como New Lite a prezos tan altos. Onde foron colocadas esas bombillas?

O alcalde comentou que sempre busca facer estas compras con empresas do noso concello e que as facturas están a nome do Concello. César Ramos manifestou que dados os altos prezos desta empresa e da polémica que está causando en moitos Concellos era conveniente non manter relacións comerciais con esta empresa.

10- As rutas de sendeirismo do Concello están practicamente impracticables, a pesar da subvención de 14.180 euros aprobada no 2015. Queremos saber se se ten pensado facer algún tipo de actuación para acondicionalas.

A brigada municipal vai nesta semana a limpar a ruta de sendeirismo da Ribeira do Tambre.

11- Novamente a fonte da praza volve a estar nun estado de abandono e presenta mal estado. Ademais de ter cortada a auga. Pedimos por enésima vez que se faga unha limpeza periódica da mesma para que non teña esa apariencia de abandono un espazo central da nosa vila.

fonte praza

A limpeza da fonte da praza, un rogo que se repite pleno tras pleno.

12- Solicitamos que se limpen as casetas das paradas do bus escolar antes de que comece o novo curso escolar, así mesmo pedimos novamente aos partidos políticos que os carteis electorais unha vez pasadas as eleccións deben ser retirados como medida de defensa do medio ambiente e para dar exemplo á cidadanía, a día de hoxe continúa a haber carteis electorais pegados ou tirados nas cunetas. Queremos que o grupo de goberno valore a opción de facer unha ordenanza municipal que regule a pegada de carteis e que contemple sancións para quen non a respecte.

13- En Nantón ao lado da parada do bus escolar hai situado un colector de vidro, solicitamos que sexa apartado da propia caseta para evitar que algún cristal quede tirado no chan e algún neno ou nena se poida mancar. Tamén queremos que se hai algún outro no Concello que se afaste na medida do posible de lugares onde habitualmente transiten crianzas.

Xa se dou orde para cambialo de sitio.

colector vidro nantón

Colector de vidro ao lado da parada escolar en Nantón

14- Pedimos que se valore a posibilidade de na piscina municipal adaptar a porta de atrás, asfaltándoa e situando unha baranda para que entren grupos de persoas e facilite a entrada de persoas con mobilidade reducida. O outro día nas escaleiras caeu unha nena que participaba nos campamentos e pensamos que entrando pola porta de atrás evitaríanse estes problemas.

15- No pleno do mes de marzo a alcaldía díxonos que había ordenanzas que estaban redactadas de novo por estar mal redactadas ou desfasadas e que “proximamente se levarán a comisións informativas e pleno”. A día de hoxe seguen igual. Pedimos novamente que se modifiquen as ordenanzas municipais que están desfasadas con celeridade.

16- Queremos saber se o Concello dispón dun plan organizado para limpeza das cunetas do Concello, para a limpeza de camiños e beirarrúas ou faise ao chou segundo vaian protestando a veciñanza. Se o hai queremos unha copia do mesmo. Consecuentemente con isto volvemos pedir que se informe aos veciños e veciñas da Baña da nova normativa relacionada cos desbroces para evitar sancións. No anterior pleno díxose que ían mandar información en forma de trípticos e esa información non chegou á veciñanza.

A resposta do alcalde foi que “os operarios saben o que teñen que limpar”. A conclusión que sacamos: NON O HAI.

17- Trasladamos ata a o pleno a proposta duns veciños de S. Vicente que solicitan que se baralle a posibilidade de poñer beirarrúas na estrada que vai dende a capela de S. Vicente ata o Campo Municipal Agra de Cartas.

18- Gustaríanos saber se se van facer públicas as contas da “Festa da Filloa”. Nas relacións de gastos aparece a actuación da “Orquestra Poceiro” pero non as das charangas “Os Celtas” e “Pena da Corvo”. Cal é o motivo? Actuaron gratis?

Segundo se dixo, unhas actuacións pagaas o Concello e outras a Asociación. Pedimos que se nos informaran de todas os gastos e beneficios desta festa.

19- Volvemos repetir que se proceda debidamente á limpeza do pavillón de S. Vicente. Varios veciños comunicáronnos que a propia pista estaba chea de pó sobre todo nas esquinas. De nada vale recibir subvencións para arranxar as pistas polideportivas se despois non se leva un mantemento axeitado, podémolo ver en moitas das pistas polideportivas do Concello que están en estado de abandono.

20- Con respecto á “Mellora dos accesos a S. Vicente” pedimos que se as obras van demorar que se faga previamente un arranxo na rotonda de arriba porque está cada vez peor e calquera día pode haber un accidente.

Para comezos de agosto iniciarase esta obra.

21- Na rectoral de S. Mamede estase a celebrar unha actividade con nenos e nenas. Como é que non se mencionou nada aos membros da corporación? Solicitamos que se nos explique con detalle qué tipo de actividade se está a realizar.

O alcalde comentou que se debe a un campamento do Arzobispado para nenos abandonados polos seus pais, e que este solicitaron empregar a vivenda de San Mamede. César quixo saber porque cando Compromiso solicitou esa vivenda para ofrecela como vivenda para refuxiados se denegou, ao que o alcalde lle contestou que “se tantas ganas tes de axudalos ofrecelle a túa vivenda” ao que César lle replicou que el xa colaboraba de varias formas a título persoal con diversas asoaciacións de apoio a refuxiados e que no centro onde traballa tamén realiza diferentes funcións de divulgación desta problemática e se lle interesaba ao señor alcalde ser informado de isto non tería ningún problema en explicarllo fóra do salón de plenos.

22- Queremos pedir que se arranxe canto antes o tema recurrinte nos plenos das dietas cobradas polo concelleiro que pertencía ao consello escolar na anterior lexislatura. É un tema que continuamente está a saír na prensa e queremos que se aporte a documentación pertinente dunha vez e ese tema quede zanxado definitivamente.

23- Existiu algún servizo de buses o día das eleccións xerais dende Suevos a Marcelle? En caso afirmativo pedimos que ese servizo se promocione debidamente a todos os domicilios da parroquia para que toda a veciñanza estea ben informada.

O alcalde contestou que si, e que ese servizo non se prestaba desde o Concello, senón que era da Xunta Electoral Central. O noso concelleiro pediu que dende o Concello se informase por carta a todos os veciños e veciñas da parroquia sen exclusión para que todos estivesen ben informados dos horarios deste servizo.

24- Na sesión plenaria de 29 de xullo de 2015 informamos de que había tubaxes e fontes que estaban a perder auga sobre estradas e camiños co conseguinte perigo de conxelación na época invernal. Informáronnos novamente veciños e veciñas dos lugares indicados que en Marcelle e Lañas (fonte de Cantalarrana) non se solucionou o problema. Pedimos que se tente de solucionar canto antes.

cuneta en marcelle

Cuneta en Marcelle, un perigo cando comece o mal tempo.