Crónica do pleno ordinario de setembro do 2016

A sesión comeza as 14:00 h., no local social de San Vicenzo.

1- Actas anteriores.

César realiza unha corrección á acta Na acta núm4 de 25 e maio de 2016 na páxina nº 7, na pregunta nº 8 sobre o xornal da bibioteca pon “pregunta o sr. Ramos se o da Casa de Cultura non se pode levar á biblioteca” e debe dicir “pregunta o señor Ramos se o do Concello non se pode levar á biblioteca.”

2- Dar Conta das resolución da alcaldía.

3- Aprobación da Conta Xeral 2015.

A Conta Xeral 2015 é aprobada cos votos favorábeis do PP, en contra os do PSOE e a abstención do concelleiro de Compromiso.

4- Proxecto CPI S. Vicente.

Este proxecto preséntase novamente xa que houbo unhas correccións de carácter técnico. O proxecto é aprobado cos votos favorábeis dos concelleiros de PP e PSOE e a abstención de César Ramos.

5- Actuacións de control: Mocións/Rogos e preguntas.

A única moción foi a presentada por Compromiso por Galicia.

Esta moción é sobre a defensa do patrimonio cultural que non é aprobada debido ao voto de calidade da alcaldía xa que os votos en contra de cinco concelleiros do PP (coa abstención do concelleiro Manuel Tourís), e o voto a favor dos concelleiros do PSOE e CxG.

RESUMO DA CONTESTACIÓN AOS ROGOS E PREGUNTAS DO PLENO ANTERIOR

1- Sobre o peche temporal da aula de informática.
A aula de informática tratarán de que non peche durante as vacacións do responsable.
2- Sobre a eliminación dos Campamentos Val de Barcala.
A explicación sobre os Campamentos Val de Barcala foi porque este ano pririzaron os Concellos que non participaran o ano pasado.
3- Sobre o mal estado do firme ne Señor.
As fochancas de Señor foron arranxadas pero tentarán máis adiante facer unha actuación máis completa.
4- Sobre a web e a revista.
A páxina web segue igual tentarán actualizala canto antes, a revista comezarán a redactala para publicar en Nadal (se non hai eleccións).
5- A petición para que o trail de outubro remate na praza do Concello.
O percorrido do Trail do mes de outubro finalmente empeza e remata en S. Vicente, dese xeito cúmprese o noso obxectivo de dinamizar na medida do posible a hostalaría de S. Vicente.
6- A caída dos letreiros do Castro.
Os letreiros do Castro da Baña serán recolocados nos vindeiros días.
 7- O nomeamento de fillo predilecto da Baña a Pousa Antelo.
Por fin o alcalde comunícanos oficialmente que vai comezar o procedemento de facer fillo predilecto do Concello da Baña a D. Avelino Pousa Antelo
e tratará de axilizar os trámites.
8- A perda da subvención de investimentos culturais.
Dáse por perdida a subvención de investimentos culturais que viñera denegada, xa que abrir un contencioso administrativo en contra da deputación sería máis custoso que a propia subvención.
9- Sobre a empresa onde se compraron as bombillas para o Concello.
O alcalde explica que a empresa New Lite aínda que factura en Madrid o comercial é da Baña.
10- A falta de mantemento das rutas de sendeirismo.
As rutas de sendeirismo están limpas, van poñer uns carteis informativos novos e xa están a disposición da xente os trípticos informativos.
11- A falta de limpeza da fonte da praza.
A praza do Concello habitualmente presenta ma estado porque a auga vén do campo de fútbol municipal e ás veces trae auga de cor verde. Xa deron as indicacións oportunas para que a limpen habitualmente.
12- Sobre a retirada dos carteis electorais.
Nos vindeiros días levarase un procedemento de limpeza das casetas escolares, unha vez que xa pasaron as festas e a campaña electoral (limpeza de carteis). César Ramos volveu incidir en que esa limpeza debería ser por parte dos partidos políticos, comprometéndose novamente a recoller os carteis de Compromiso por Galicia.
13- A petición de separar os colectores de vidro das casetas.
Van separar os colectores de vidro das casetas do bus escolar nos vindeiros días, para evitar que algún neno ou nena se corte.
14- O acceso á piscina.
Abreuse a porta traseira da piscina municipal tal como solicitamos e van mellorar a rampa de acceso para o vindeiro periodo estival.
15- Ordenanzas desfasadas.
Algunhas ordenanzas xa están aprobadas e outras están redactándose de novo para poñelas ao día.
16- Sobre a falta dun plan organizado de limpeza no Concello.
O alcalde recoñece que non hai ningún plan organizado de desbroce das diferentes parroquias, que ese traballo organízao a propia brigada municipal comprometéndose o próximo ano a facelo para que conste por escrito a temporalización da limpeza de todas as aldeas e parroquias.
17- A posibilidade de facer unhas beirarrúas ata o campo de fútbol.
Estudarán falar cos titulares das fincas da rúa que vai de S. Vicente ao campo de fútbol para colocar beirarrúas.
18- O lío das facturas da festa da filloa.
O motivo polo que algunha actuación da festa da filloa aparecen facturas e outras non é porque o Concello só se fai cargo das actuacións da Orquestra Poceiro, as demais actuacións son contratadas pola Asociación de Filloas da Pedra.
19- A total ausencia da limpeza do pavillón.
Van mellorar na limpeza do pavillón de deportes. O propio concelleiro de deportes recoñece que habitualmente está nunhas condicións lamentables, tanto os baños como a pista. Fai unha comparación co pavillón de Negreira que sempre está limpo. Xa transmitiu esta queixa varias veces ao propio alcalde e este tratará de mellorar a limpeza da mesma.
20- Sobre as obras nas rúas Castelao e Rosalía de Castro.
As obras dos accesos a S. Vicente xa están realizadas.
21- A actividade na reitoral de San Mamede.
Explícasenos que durante o verán estiveron membros da Fundación Amancio Ortega realizando un campamento de verán para nenos e nenas con problemas, así mesmo anunciou que están en contactos coa Fundación José Otero e a Fundación Amancio Ortega para realizar outro tipo de actividades.
22- Sobre as dietas cobradas “indebidamente” por un concelleiro popular.
Con respecto ao tema das dietas cobradas na anterior lexislatura polo concelleiro Roberto, o alcalde e secretario din que ese tema xa está resolto guste ou non aos concelleiros do PSOE que reclaman un informe máis detallado. Dende o noso grupo político pedimos que se conclúa con esta problemática que está dando moi mala prensa ao Concello da Baña.
23- Sobre o servizo de bus nas parroquias sen mesa para votar.
Neste periodo electoral os buses que pon a Xunta Electoral de Zona xa foron notificados a todos os veciños e veciñas sen exclusión como solicitamos.
24- Sobre as roturas de tubaxes e fontes.
Con respecto ás fugas de auga de fontes e tubaxes o alcalde comentou que van facer un estudo de todas as fontes e tratar de arranxalas canto antes.

PREGUNTAS A RESPOSTAR NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO

1- No transcurso do pleno o pasado mes de agosto cando se fala de plantación de labradíos e de eucaliptos unha concelleira dixo textualmente: “suborno a non sei quen e a plantación vai para arriba, iso está pasando (…) hai favoritismos”, dando a entender que existen tratos de favor e subornos no Concello. Gustaríanos que a alcaldía explicase se realmente existe isto ou que desminta esas palabras para a tranquilidade da veciñanza, así mesmo queremos solicitar que se alguén ve indicios de este tipo de actividades delictivas que as poña en coñecemento das autoridades antes de mencionalo nun organismo oficial como unha sesión plenaria.

2- No Quinteiro no cruce cara a Choupana en Suevos no pasado mes de agosto houbo un accidente de tráfico debido á mala visión por haber unha árbore e plantas que dificultan a visibilidade. Cremos que se trata dunha propiedade privada, pedimos que se fale co propietario ou propietaria para mellorar a visibilidade nese cruce e evitar futuros accidentes.

3- No pleno de 27 de xaneiro de 2016 solicitamos a petición de varios veciños que se arranxara a ponte de Aguillóns, e contestóusenos por parte da alcaldía, tal como consta na acta nº 3, que se estaba pendente do permiso por parte de Augas de Galicia e Patrimonio. Unha vez que xa están realizadas as obras por parte da cuadrilla municipal solicitamos que se nos mostre os permisos pertinentes de Augas de Galicia e Patrimonio.

4- Os campamentos deportivos que estaban programados para este pasado verán ao final non se realizaron, ao parecer porque houbo poucos nenos ou nenas anotados. Pedimos que os cartos que non se gastaron nesta actividade que sexan investidos nalgunha actividade lúdica para nenos e nenas que compense que este ano non tiveran campamentos. Por exemplo algunha excursión ou actividade no medio natural.

5- Queremos saber se hai algunha actividade organizada ou actuación concreta na rectoral de San Mamede unha vez que xa rematou a actividade que se estaba a realizar, así mesmo solicitamos que os aparatos do ximnasio biosaudable da propia rectoral que sexan trasladados para outro lugar para que a veciñanza teña acceso a eles, xa que o portal de acceso aos mesmos atópase soldado.

6- A veciñanza de San Mamede está descontenta co grupo de goberno polas actuacións realizadas no PAI, xa que a construción do parque infantil está en terreo propiedade da veciñanza e no seu momento, segundo eles, non se lles comunicou nada, pedimos que se hai algún documento asinado pola veciñanza que dera permiso a esa construción que se nos envíe unha copia para trasladarlla aos veciños e veciñas, así mesmo solicitamos que antes de realizar as melloras neste mesmo espazo se lle comunique previamente á asociación de veciños da parroquia. Relacionado con isto pedimos que, xa que este espazo é dos veciños e veciñas, que o portalón do campo estea aberto para que a veciñanza poida acceder a el.

7- Como están os trámites dos colectores de aceite aprobados por moción no anterior pleno ordinario? Solicitamos que se mellore o servizo de recollida do lixo, xa que veciños e veciñas da parroquia de Cabanas, Troitosende, San Mamede e S. Vicente (Señor) nos comunicaron que a cotío os colectores están cheos e teñen que depositar o lixo fóra. Pedimos tamén que se valore a posibilidade de poñer colectores de recollida de pilas ou cds.

8- Despois de manter unha xuntanza coa directora do CPI de S. Vicente solicitamos que se arranxen canto antes as tellas que quedaron sen cambiar (foron cambiadas parte delas) canto antes para evitar que coa chegada do mal tempo provoque algún accidente. Tamén solicitamos, se é posible, mandar algún membro da Brigada Municipal un ou dous días ao mes concretos ( por exemplo o primeiro luns de cada mes, ou martes…) para que realicen pequenas amaños rutineiros que dese xeito non demorara tanto o seu arranxo. Solicitamos que se cambie o colector de papel e cartón xa que está completamente enferruxado e non pode estar así nun espazo de xogo infantil e que, se é posible, coloquen debidamente o aro da canastra do campo de atrás que leva anos sen el. Así mesmo pedimos que, en canto se poida, cando convoquen algunha subvención, se arranxen as ventás antigas que quedan sen cambiar.

9- Nas inmediacións das mámoas da Tarroeira (S. Cibrán) está todo cheo de escombros e lixo, pedimos que en canto se poida se pase a recollelo.

10- Solicitamos que as indicacións para evitar lumes nos montes do Concello se envíen á veciñanza nos meses anteriores a época de verán, non en setembro como se fixo este ano.

11- Na estrada de Fiopáns a Troitosende debido ás primeiras choivas a estrada cubriuse de terra que coas futuras choivas pode converterse en barro e ocasionar algún accidente de tráfico. Pedimos que se vaia limpar para minimizar os riscos.

12- Na estrada de Castro de Lañas a Mundrís está chea de fochancas que dificulta moito a circulacióin de vehículos, pedimos que se teña en conta para realizar algún tipo de mellora.

13- A pista deportiva anexa ao punto limpo de Lañas a cotío está chea de escombros que a xente deposita, solicitamos que se sitúe un cartel ou indicación que mencione que está prohibido depositar lixo nese terreo.

14- O cartel da entrada ao lugar de Valiña (Lañas) está torto a piques de caer, solicitamos que se recoloque debidamente.

15- Solicitamos que se limpen ou se arranxen os espellos colocados nas estradas do Barro e Cantalarrana, e que se supervise os das demais parroquias xa que é necesario manter unha limpeza axeitada dos mesmos para que a visibilidade sexa boa e se minimicen os riscos de accidente.

16- Con respecto á Escola de Música, solicitamos que os horarios das clases non se solapen con outras actividades deportivas municipais para que os nenos e nenas poidan apuntarse a varias actividades. Así mesmo, solicitamos que o festival de nadal que creo que está programado para o luns 19 de decembro pola noite se baralle a posibilidade de acordar cos pais e nais outra data ou outra hora xa que os nenos e nenas teñen clase ao día seguinte e dificultaría a asistencia tanto de participantes como de espectadores.

17- Hai algún problema co alumeado de S. Vicente? Xa que leva varios días totalmente a escuras.