CRÓNICA DO PLENO ORDINARIO DE 5 DE AGOSTO DE 2019

A sesión comeza puntual ás 20.00 horas coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación. A orde do día é a seguinte:

  1. Constitución da Comisión Informativa Única.
  2. Aprobación dos festivos locais para o ano 2020
  3. Incoación do expediente para licitación da actuación “Proxecto de renovación das instalacións de alumeado público co fin de reducir as emisións de CO2 á atmosfera no termo municipal da Baña (A Coruña), financiado o 80 % polo IDEA.
  4. Nomeamento de representantes da Administración en órganos colexiados.
  5. Determinación de cargos con dedicacións parciais.
  6. Rogos e preguntas.
pleno_foto_truilloOs concelleiros de CxG momentos antes do pleno.

 1. Constitución da Comisión Informativa Única.

O secretario explica que foi un erro material da convocatoria incluír este punto. Xa  se declarou constituída a Comisión informativa Única na Comisión Informativa, tal como solicitáramos dende CxG para buscar maior operatividade e significar un aforro para as arcas municipais, xa que non seria necesario convocar dúas comisións informativas consecutivas un mesmo día. A comisión estará formada segundo a representación de cada grupo político: dos concelleiros do PSOE, dous do PP e un de CxG.

 

2. Aprobación dos festivos locais para o ano 2020

Como fixemos en anos anteriores, dende CxG fixemos unha consulta pública a través dun formulario online para escoller a nosa proposta de festivos locais. Os dous festivos escollidos pola veciñanza a través do noso formulario coinciden cos propostos polo grupo de goberno: mércores 22 de xaneiro, festividade de S. Vicente e mércores 9 de setembro, festividade da Virxe das Dores).

enuisa_festivos_2019Resultados da enquisa

Este punto é aprobado co voto a favor de toda a Corporación.

 

3. Incoación do expediente para licitación da actuación “Proxecto de renovación das instalacións de alumeado público co fin de reducir as emisións de CO2 á atmosfera no termo municipal da Baña (A Coruña), financiado o 80 % polo IDAE.

 

O secretario explica que é un proxecto para Renovación do alumeado público exterior actuando en 2281 dos 2.327 puntos de luz existentes, substituíndo as actuais luminarias de descarga, con vapores metálicos de iluminación (VSAP, VSPB, VM con HM) por luminarias LED máis eficientes así como a instalación de novos sistemas de control e de regulación de fluxo luminoso mediante programación no driver da propia luminaria nos 123 centros de medida.

Con esta actuación diminuirase a potencia de 230,82 kW a 81,08 kW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 73% . O custo total do proxecto será de 493183, 70 euros, subvencionado un 80 por cento polo IDEA, polo tanto o Concello da Baña deberá aportar 98.636,70 euros.

César Ramos neste punto afirma que: “o Concello da Baña adquiriu un acordo plenario para adherirse á iniciativa europea do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía co obxectivo, entre outros,  de crear un plan de acción e reducir nun 40 por cento as emisións de CO2 e outros gases á atmosfera no ano 2030. E hai que actuar en consecuencia polo que imos a votar a favor da proposta de comezar este trámite”.

Todos os presentes votan a favor desta proposta.

 

4. Nomeamento de representantes da Administración en órganos colexiados.

A proposta da alcaldía, despois de ser comunicada aos diferentes grupos políticos en comisión informativa é:

Mancomunidade do Tambre: un representante de cada grupo político.

Fundación de Discapacitados/as psíquicos de Barcala: José Antonio Pereira, Mónica González (PSOE) e César Ramos (CxG).

GDR: José Antonio Pereira (PSOE) e Andrés García Cardeso (PP).

Representantes do CPI de S. Vicente e Escola de Lañas: o grupo de goberno, a diferenza de outras lexislaturas e outros Concellos, considera que non debe levar a consideración do pleno esta representación dado que a lexislación vixente lle dá competencias ao alcalde para a súa elección.

Respecto a este punto, César Ramos, concelleiro de CxG di o seguinte:  “Gustaríanos que o grupo de goberno tamén trouxera ao pleno municipal a proposta de representantes para a escola de Lañas e o Colexio Público Integrado de S. Vicente, igual que se fixera en anos anteriores, ademais hai que ter en conta que estamos nun goberno en minoría. Aínda que nunha sesión plenaria anterior xa comunicamos que nos parecía correcto que os representantes do Concello nestes organismos foran membro do grupo de goberno (PSOE). Tamén expresamos a nosa vontade de formar parte do patronato da Fundación de Discapacitados, algo que non contemplaba nun primeiro momento o grupo de goberno pero despois de falar coa xerente da Fundación están de acordo con incluír un membro máis. Por iso imos votar a favor deste punto”.

Todos os presentes votan a favor neste punto polo tanto é aprobado por maioria.

 

5. Determinación de cargos con dedicacións parciais.

O secretario informa de que a proposta da alcaldía é unha dedicación parcial de 20 horas para a concelleira Mónica González cunha retribución de 12.000 euros anuais e unha dedicación exclusiva do señor alcalde cunha retribución de 36.000 euros. É dicir exactamente a mesma proposta que non foi aprobada no anterior pleno.

A proposta da alcaldía é exactamente a mesma que non se aprobou no anterior pleno. Dende CxG, opinamos que mesma proposta, mesma votación”.

César Ramos, respecto a este punto di o seguinte: “A proposta da alcaldía é exactamente a mesma que se votou con anterioridade. Como non houbo ningún cambio pois dende CxG: mesma proposta, mesmo voto . Por non aprobarse as dedicacións non quere dicir que estea paralizado un Concello porque o grupo de goberno xa debería ter previsto que podía estar nesta situación. As decisións que adoptou o señor alcalde respecto ao seu traballo foron persoais, ningún outro grupo político ten responsabilidade nesa decisión. E dígoo porque, como xa dixen na comisión informativa, CxG podía estar na mesma situación na que agora mesmo se atopan vostedes. É unha situación que xa deberían vostedes ter en conta antes da investidura e tamén deberían ter en conta agora cando dende CxG tentamos buscarlles unha solución e vostedes non a quixeron.

Levamos dous meses de lexislatura e o grupo de goberno cansouse de dicir que neste pleno había que tomar decisións sempre en beneficio da veciñanza pero o certo é que só se nos convocou para falar das dedicacións do grupo de goberno. Non se nos convocou para tratar ningún outro tema: nin proxectos, nin actuacións, nin para algún evento como por exemplo a organización dos campamentos ou a festa dos maiores.

Penso que o grupo de goberno aínda non é consciente da situación política na que se atopa. O PSOE debe ter unha actitude máis participativa e colaborativa.

Volvo dicir, e é unha opinión persoal, que o grupo de goberno aínda non é consciente da situación na que se atopa, que está nun goberno totalmente en minoría, e o grupo de goberno debe ter unha actitude máis participativa e tentar consensuar todas as decisións, non só a que lles importa, como é o caso de aprobar os seus salarios.

Non sabemos que vai votar o PP, pero se vostedes queren que dende CxG lles fagamos unha proposta, non teñen máis que pedírnolo. Hai 15 días solicitamos por escrito permiso para consultar as declaracións da renda de todos os concelleiro e concelleiras, algo que por lei ten dereito non só os concelleiros/as senón todos os veciños e veciñas (segundo a lei de transparencia) e a día de hoxe aínda non se nos permitiu mirar esa documentación.

O PP vota en contra neste punto, o PSOE vota a favor e CxG absténse. Polo que o punto non é aprobado.

6. ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

  1. A empresa de marketing que leva a campaña “Galicia es la leche” impulsada pola “Casa Grande de Xanceda” púxose en contacto con nós para ofrecer ao Concello da Baña participar na campaña deste ano poñer en valor o rural, e reivindicar a importancia para Galicia do seu sector gandeiro e leiteiro. A campaña do ano pasado consistiu en colocar un “paso de vaca” na cidade da Coruña e realizar diferentes accións publicitarias que foron un éxito para a promoción turística desa cidade. Nesta nova edición queren facer o mesmo en diferentes concellos galegos con importancia no sector leiteiro. Solicitamos que o Concello da Baña participe este verán en devandita campaña, que apenas carrexa gastos, e que será importante para a promoción do municipio ao mesmo tempo que dende a administración local se fai un recoñecemento ao rural e a posta en valor de do sector leiteiro da nosa comarca e a toda a xente que directa ou indirectamente se dedica á explotación gandeira.

 

  • Queremos saber se o grupo de goberno ten xa pensado como vai organizar o transporte dos adolescentes que teñen que asistir ao instituto de Negreira ou Santa Comba no vindeiro curso escolar que comeza no mes de setembro. Moitos veciños e veciñas descoñecen como se organizará este servizo de transporte. Solicitamos que se informe ao respecto.

 

  • No pleno do pasado mes de abril o señor Pereira criticou o estado final das obras de mellora do firme da estrada de Troitosende, asegurando que existían unha serie de “anomalías” solicitando que “se solucionen”. Solicitamos información de se, agora que forman parte do grupo de goberno, fixeron algún tipo de trámite referente a esta actuación.

 

  • Dende o PSOE levades tempo reclamando en diferentes plenos a limpeza das franxas de seguridade ao redor das edificacións, aludindo nalgún deles que se aprobou unha moción ao respecto pero que dende o goberno municipal non se fixo nada. Queremos saber que medidas foron adoptadas a este respecto polo novo grupo de goberno e tamén solicitar que se informe publicamente dos trámites que deben facer os veciños e veciñas para reclamar as limpezas das propiedades lindantes coas súas parcelas.

 

  • Tanto o PSOE como CxG levamos tempo reclamando ao anterior goberno que se lle dera unha solución á casa en ruínas de Guende. Solicitamos información, no caso de existir, sobre os trámites realizados polo novo grupo de goberno respecto a este tema.

 

  • No pleno ordinario do pasado mes de abril o señor Pereira solicitou que se deixara de facer uso partidista da páxina web do Concello. Dende CxG, agora que o PSOE esta no grupo de goberno, volvemos pedir o mesmo. Queremos saber cal é a finalidade de publicar fotos na conta oficial de Facebook municipal do señor alcalde e o tenente alcalde en diferentes obras do Concello, sen dar ningún tipo de información: orzamentos, prazos, empresa contratada, etc. Só imaxes nas que se ven eles.
 65995312_2820692981280535_7043296428961038336_nFotografía publicada no Facebook oficial do Concello da Baña
  • Relacionado coa pregunta anterior, de igual forma que preguntamos ao anterior grupo de goberno en varias ocasións sen obter resposta, queremos saber quen é o encargado de facer as publicacións na conta de Facebook oficial. Así mesmo, solicitamos que antes de publicar os textos, se corrixan ou pasen polo servizo de normalización lingüística para que non se fagan publicacións en perfecto “castrapo” como: “O alcalde e o concelleiro estiveron esta tarde supervisando o hormigonado”, “Esta tarde estuvieron supervisándoas”ou “así gozaban esta mañana os nenos e nenas da Baña do campamento”.

 

  • Hai veciños e veciñas que nos transmitiron as súas queixas pola actuación de mellora do firme no lugar de Nantón. A pregunta é: para que visitaron o señor alcalde e o concelleiro a obra? Para sacar a foto? Solicitamos que se corrixan as deficiencias da mesma e se cumpra o prometido por este grupo de goberno.
 WhatsApp Image 2019-07-15 at 14.15.39Estado final da actuación de mellora do firme no lugar de Nantón
  • En varios plenos da pasada lexislatura o PSOE solicitou que cando se ausentara a responsable da axencia de lectura municipal (da biblioteca), fose substituída por outra persoa para que non tivera que pechar. Entendemos que agora que están votedes no goberno ían actuar ao respecto. Cal é o motivo polo que pechou, xa que logo, a biblioteca o pasado venres 26 de xullo? Van cumprir vostedes o que solicitaron con anterioridade?

 

  • O pasado 24 de xuño solicitamos por escrito que se explicara publicamente o motivo polo que se deu indicacións á empresa contratada de non contar cos servizos de Luciana García Freita para a coordinación dos campamentos lúdico-deportivos tal como levaba realizando os últimos anos e que se nos dera copia, no caso de existir, das queixas presentadas no Concello da Baña sobre a actividade laboral de devandita traballadora. O señor alcalde simplemente contesta “infórmoo de que dita traballadora non é empregada deste concello senón que e empregada dunha empresa externa, polo que lle deberá pedir explicacións a esta”. Na propia exposición da instancia entregada xa dicimos que esa persoa é empregada dunha empresa. Queremos saber se vostede deu indicacións ao xerente desta empresa para non contratar esta traballadora que por outra banda é concelleira do PP no veciño Concello de Negreira, aludindo a existencia de numerosas queixas. Deu indicacións ou non? Existiron esas queixas?

 

  • O 24 de xuño entregamos unha instancia solicitando ao grupo de goberno, entre outras, que se nos entregara copia das facturas pagadas pola administración local (gastos xudiciais e minutas dos letrados) referentes a este litixio cos traballadores e traballadoras , polo de agora non se no entregou nada, solicitamos de novo esa documentación. Consecuentemente queremos saber cómo pensa o grupo de goberno facer fronte ao cumprimento da sentenza que obriga ao Concello da Baña a recoñecer  e pagar a antigüidade do persoal laboral que desempeña as súas funcións na sede consistorial incrementadas cun 10 por cento de intereses.

 

  • No listado de decretos aparece o nº 159/2019 de “nomeamento dos membros da xunta de goberno local” no que se designa aos concelleiros/as do grupo de goberno como membros da Xunta de Goberno Local. A que se debe este decreto cando en sesión plenaria decidiuse non crear Xunta de Goberno?

 

  • Solicitamos ao grupo de goberno que se teñan en conta as deficiencias atopadas no lugar de Troitosende para realizar algún tipo de actuación de mellora (ADXUNTAMOS FOTOS DO LUGAR EXACTO). Así mesmo solicitamos que se poña un banco de madeira ao lado da fonte do mesmo lugar, algo que non é moi custoso e leva tempo reclamándoo a veciñanza.
WhatsApp Image 2019-07-08 at 19.57.21
WhatsApp Image 2019-07-08 at 19.57.22 (1)Estado no que se atopa esa vía da parroquia de Troitosende
  • Solicitamos información ao grupo de goberno sobre os seguros contratados polo Concello da Baña. Houbo algunha modificación dos mesmos? Deuse de baixa algún deles? Cambiouse de compañía? No caso afirmativo de algunha das respostas queremos coñecer o motivo e que o grupo de goberno dea as pertinentes explicacións.

 

  • Solicitamos que se mellore o firme no lugar de Campo na parroquia do Barro. Ese camiño está en moi malas condicións e xa provocou estragos nalgún vehículo.

 

  • Informamos ao grupo de goberno do mal estado do camiño dos Sacramentos no lugar de Ceilán que está en moi mal estado e pensamos que non sería moi dificultoso adaptalo para que poida pasear a xente sen dificultade. Solicitamos unha mellora nese camiño.

 

  • Queremos saber qué vai facer o grupo de goberno respecto ao palco de Ceilán, unha vez que a veciñanza da parroquia xa decidiu qué quere facer con el.

 

  • Solicitamos copia dos seguintes proxectos das solicitudes de subvención: “Reforma e mellora da Praza das Escolas Vellas” (48.394,18 euros) á Consellería de Medio Ambiente, “A Baña, Ruta Mariana, un punto do Camiño de Santiago (48.305,12 euros) á Axencia de Turismo de Galicia e o proxecto “A Baña Dixital” á Consellería de Política Social.

 

  • Solicitamos tamén o arranxo das porterías e pintar as liñas da pista polideportiva da parroquia de Suevos, que se atopan nun estado lamentable e parece que só ten utilidade como aparcadoiro.

 

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 21:05 horas.