Crónica do pleno ordinario de 31 de xaneiro de 2018

pleno

A sesión comeza ás 14:00 horas coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación excepto Manuel Tourís (PP). A concelleira Margarita Suárez (PSOE) auséntase da sesión antes da quenda de rogos e preguntas de Compromiso por Galicia por motivos persoais.

convocatoria_pleno_31_xaneiro_2018
  1. Aprobación, se procede, das actas das sesións anteriores.

O portavoz do PSOE solicita que a acta ten que constar que o alcalde confirma que o Concello da Baña pagou unha factura por unha actuación en Lañas que nin o secretario nin a alcaldía aceptan polo tanto non se acepta a alegación.

 

  1. Dar conta das resolucións do alcalde.

O alcalde comenta que as resolucións e os decretos estiveron no Concello a disposición dos membros da Corporación.

  1. Ratificación da Resolución pola que se aproba o proxecto corrixido “Humanización do adro da Igrexa de Fiopáns”, incluído no POS 2018.

O alcalde explica que é necesario volver votar esta resolución xa que é necesario incluír as palabras “ou similar” nun dos plegos por imperativo da Deputación da Coruña.

Todos os presentes están a favor.

  1. Ratificación da Resolución pola que se aproba o proxecto corrixido (2) para a subministración e colocación de sinais viarias en S. Vicente, Marcelle e outros (A Baña), incluído no POS + adicional 2017

A Deputación esixiu que no título do proxecto puxese ademais de “subministración” tamén “colocación”.

Todos os presentes están a favor.

  1. Informe do procedemento para a cualificación de aptitude de predios para os fins do Banco de Terras de Galicia.

A alcaldía explica que o 29 de decembro tiveron unha reunión con AGADER para facer entrega da masa común para o Banco de Terras e existía un problema nunha parcela de Vigobó na Riba (parcela onde dende o noso grupo político xa demandaramos melloras, xa que se trataba dun vertedoiro ilegal). Dende o luns pasado están traballando alí. O Banco de Terras alugará ese terreo de 12.666 metros cadrados e os beneficios do aluguer redundarán na propia parroquia.

 

MOCIÓN DE CXG SOBRE AS ENFERMIDADES RARAS E A MODIFICACIÓN DO RD 1148/2011

O noso concelleiro César ramos fai lectura da moción e indica que lle gustaría que todos os presentes votaran a favor por ser algo xusto o que se pide.

LER MOCIÓN

Todos os presentes votan a favor e moción é aprobada.

MOCIÓN DO PSOE SOBRE HEPATITE B

Respecto a esta moción o noso concelleiro, César Ramos di o seguinte:

“Tal como dixemos cando se debateu a moción sobre a hepatite o 24 de novembro de 2015 sempre que sexan mocións en beneficio dos veciños e veciñas da Baña imos actuar con responsabilidade e imos apoialas.

Pensamos que a sanidade e a educación é algo innegociable e no último que se debería recortar. Esta vacina, baixo o noso entender xa debería ser gratuíta, pero como a Consellería de Sanidade ou o goberno do Estado non o entenden así cremos que é algo xusto que o Concello da Baña, do mesmo xeito que fan outros Concellos como por exemplo o de Negreira, debería colaborar coas familias con poucos recursos económicos para que poidan acceder a esta vacina.

Por todo o argumentado dende Compromiso por Galicia imos apoiar esta moción.”

O noso concelleiro tamén solicita que se informe a todos os veciños e veciñas sobre estas axudas igual que fixeron outros Concellos e que dean un prazo para solicitar a axuda para a vacina todas as familias con escasos recursos do Concello.

Todos os presentes votan a favor e moción é aprobada.

 

RESPOSTAS DA ALCALDÍA ÁS PREGUNTAS DE CxG DO ANTERIOR PLENO DE NOVEMBRO DE 2017

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG QUE SERÁN RESPONDIDAS NO VINDEIRO PLENO ORDINARIO

(En negriña van as contestacións que xa deu o señor alcalde nesta mesma sesión)

  • Antes de nada quería que nos aclararan algún aspecto das respostas que nos deron ás nosas cuestións do pleno anterior (onte mesmo).

– Na pregunta núm 1 con respecto ao horario dos plenos dicídesnos: “os plenos teñen un calendario fixado desde o inicio da constitución da Corporación”, pero isto non quere dicir que non se poida poñer un horario que facilite máis a asistencia, incluso se comentara anteriormente en sesión plenaria que se podía poñer a outra hora. Volvemos solicitar que se celebren nun horario máis idóneo.

– Na pregunta núm 2 respecto á Reitoral comentades que “pasaches” por Política Social (supoño que te refirirás á Consellería de Política Social) para “saber algo” e que estaba á espera de informes de intervención e pedícheslle á directora de Familia (supoño que te referirás á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. María Amparo González Méndez) que metera présa. Non se fai referencia á nosa solicitude para visitar as instalacións da Reitoral. Solicitamos de novo permiso por escrito para poder observar as instalacións e ter información de primeira man.

O alcalde indícanos que podemos visitar as instalacións cando queiramos acordando unha hora coa concelleira de cultura.

– Na pregunta 4 con respecto á actividade de “Revolta aos 50” dicides que o Concello non tiña ningún posto e non se cobrou nada. Entón entendemos que os postos son todos particulares e non teñen nada que ver co Concello.

O alcalde dinos que os postos son todos de particulares e non hai ingresos para as contas do Concello.

– Na pregunta 11 respecto aos focos do pavillón dicides que non deixaron de funcionar pero que hai que acendelos dende dentro. De noite cando a xente sae das actividades non se ve nada. Solicitamos que se poña un punto de luz que estea aceso sempre para que haxa algo de visibilidade de noite.

José Andrés García indícanos que van prender as luces cando haxa actividades no colexio para que se poida ver de noite.

– Na pregunta 14 respecto á homenaxe a Pousa Antelo dicides que estades á espera de recibir a documentación requirida pola Xefatura Provincial de Educación. Entendo que dende o Concello se fixo unha solicitude por escrito seguindo o protocolo para o cambio de denominación do centro educativo, solicitamos copia desta documentación. Non respondedes nada respecto ao nomeamento de fillo predilecto que en setembro de 2016 se indicou que se faría nos vindeiros días. Queremos que se inicien os trámites xa.

– Non está contestada a pregunta nº 15 sobre o cartel da ruta de sendeirismo de Troitosende que en setembro de 2016 se nos dixo que se ía cambiar e a día de hoxe segue igual. Xa que nesa pregunta contestades a un escrito que entregamos no rexistro sobre unha vía de comunicación en Suevos.

O alcalde pide desculpas porque foi un erro ao transcribir as respostas. O alcalde dinos que se vai arranxar o cartel da ruta de sendeirismo e que tamén van arranxar o acceso á vivenda de Suevos que reclamabamos mediante escrito.

 

1- Queremos volver solicitar por enésima vez que se preste máis atención e interese pola biblioteca municipal, xa que en varios plenos municipais solicitamos que se cubriran as baixas da responsable da biblioteca, díxonos que se ía facer e non se fixo, que se levara o xornal que merca o Concello diariamente, díxonos que se ía facer e tampouco se fixo, que se fixera un rexistro informático dos exemplares, tamén se nos dixo que se ía facer e nada e por suposto que se nalgún momento falla o servizo de internet que se arranxa canto antes, do mesmo xeito que a calefacción. Se falla a caldeira arranxala canto antes e levar unha estufa de forma provisional. Non se pode ter unha biblioteca municipal a esa temperatura (este mes estivo máis dunha semana sen calefacción).

2- O pasado mes de marzo presentamos unha solicitude no rexistro municipal para que o Concello da Baña fixera as xestión oportunas para mellorar a seguridade na estrada AC-444 entre Nantón e Ceilán, nesa mesma solicitude solicitabamos un paso de peóns no lugar de Ceilán. Ese escrito non se tivo en conta, nin sequera se contestou formalmente. Agora que esa mesma solicitude tivo repercusión mediática, xa que saíu na prensa e no telexornal esa demanda veciñal queremos saber se se fixo algunha xestión ao respecto. Por que non se fixo antes? Tamén cremos necesario que se tente colocar unha marquesiña no lugar de Paredes para os nenos e nenas do colexio, se valore colocar un paso de peóns no mesmo lugar (Paredes), xa que é unha estrada moi perigosa ao cruzar e que se teña en conta a nosa demanda de colocar un paso de peóns na Área Recreativa de Chans (xa o solicitaramos en maio de 2017). O ideal sería facer un plan de seguridade viaria para todo o Concello.

O alcalde comunica que en Ceilán están buscando a mellor das opcións e que valorarán as demais propostas respecto a seguridade viaria.

3- Despois do éxito acadado nas dúas probas anteriores de TRAIL GALAICA e que dende o noso grupo político valoramos como moi positivo en pleno municipal. Decatámonos que este ano o Concello da Baña non figura nos Concello que participan no Trail Galaica. Gustaríanos saber o motivo e aproveitamos para volver a incidir que este tipo de probas nos parecen moi positivas para a promoción do noso Concello e dos valores do deporte.

4- De igual forma tamén gustaríanos coñecer os motivos porque este ano non compite o equipo de fútbol sala feminino (e unha vez que acabaron campioas a tempada pasada), aproveitamos tamén para solicitar que se siga apostando polo deporte feminino.

5- A petición da veciñanza do Barro solicitamos que se valore, se é posible, realizar algún tipo de actuación no pico de Sta. Mariña para promocionar o punto máis alto do noso Concello. Como por exemplo, poñer un mirador.

6- Queremos saber se finalmente se entregou a subvención acordada á Unión Barcalesa de la Habana, tal como se aprobou en pleno ordinario.

O alcalde contesta que non, xa que quería ir el a Cuba persoalmente e polo de agora non puido viaxar.

7- As rutas BTT do Concello da Baña están impracticables e os sinais todos tirados. Solicitamos que se arranxe, xa que o Concello da Baña cobrou unha importante subvención no ano 2016 (5400 euros) e é necesario tela en bo estado para que a xente se anime a facer devanditas rutas (adxuntamos fotos).

índice

O alcalde contesta que os que tamén deben mirar polo bo mantemento das rutas son os propios usuarios delas.

8- O pasado 11 de xaneiro entrou en vigor a lei 4/2017 de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, esta nova lei presenta algunha novidades importantes, entre as que destacamos, o transporte dos animais, a prohibición de dar de comer a animais abandonados, a prohibición de ter animais atados ou que o Concello é o encargado de recoller os animais abandonados e albergalos. Queremos solicitar que o Concello informe debidamente á veciñanza e que faga as xestións oportunas para facer cumprir a lei.

9- Decatámonos que o Concello da Baña acaba de renunciar ao proxecto “Instalación dunha caldeira de pellet no centro de saúde”. Queremos saber que problema existiu para non poder facer fronte aos prazos. E se un erro do Instituto Enerxético de Galicia presentar unha queixa formal ante este organismo.

10- En xaneiro do ano pasado aprobouse unha moción presentada por CxG para facer cursos de formación e dotar as instalacións deportivas do Concello da Baña de desfibriladores. Naquel mesmo pleno comentóusenos que dous deles xa “estaban pedidos”. Como esta este asunto? Volvemos recordar que se deben cumplir os acordos das mocións aprobadas.

O alcalde comunica que están solicitados dous desfibriladores á Deputación da Coruña e que se van realizar os pertinentes cursos de formación. (Curiosa esta resposta xa que hai un ano o concelleiro de deportes indicaba no pleno que os desfibriladores estaban pedidos á Federación de Fútbol).

11- O 17 de xaneiro saiu publicada unha nova en “La Voz de Galicia” con este titular: “Os alcaldes de Ames e Val do Dubra reclaman a ampliación do vial de Roxos a Portomouro” especificando na mesma nova que tamén esperan sumar ao Concello da Baña. Fíxose dende o Concello da Baña algún tipo de xestión ao respecto?

12- Solicitamos a petición dos veciños de Vesía (parroquia da Baña) o arranxo do lavadoiro, xa que non se pode utilizar no estado en que se atopa (adxuntamos fotos).

5

13- No pleno ordinario de marzo solicitamos o arranxo da marquesiña da parada do bus de Ceilán e finalmente 8 meses despois tívose en conta a nosa solicitude. Unha vez que está arranxado tamén se podería adecentar un pouco e limpar as pintadas que ten.

14- Solicitamos que sexan recollidos os electrodomésticos que hai tirados na cuneta en Reguengo (Suevos). Adxuntamos fotos.

reguengo_electrodomesticos

A sesión remata ás 15:25 horas.