Crónica do pleno ordinario de 31 de maio de 2017.

A sesión comeza ás 14:00 h. coa ausencia de Alicia Blanco (PP) e Sandra López (PP) e durante a sesión abandona a mesa Manuel Tourís (PP). A orde do día foi a seguinte:

ORDE_DIA_MAIO_2017
  1. Aprobación, se procede, das actas de sesión anteriores.

O noso concelleiro solicitou que se modificara o punto onde di: “O Sr. Alcalde procede a dar resposta as preguntas formuladas…” debe figurar que esas respostas son entregadas nese mesmo momento e por escrito ao comezo da sesión, para que non haxa confusión e se pense que esas respostas son dadas de palabra e posteriormente debatidas (como se facía anteriormente).

  1. Dar conta das resolucións do alcalde.

Non se fai ningún comentario.

  1. Dar Conta da aprobación liquidación Presuposto 2016

Coméntase que a lexislación marca que é necesario incluír este punto na orde do día.

  1. Información da Alcaldía “Casa Rectoral de S. Mamede”
s24c12f1

(Resumo de todo o ocorrido respecto a este proxecto)

O alcalde explica que hai un proxecto para acoller a nenos e nenas con enfermidades mentais que o propón a asociación Anxiños e que é unha posibilidade pero a decisión final adoptarase noutro Pleno, cando se teñan máis informes e buscando o consenso con todos os partidos políticos.

Manuel Tourís (PP) indica que lle parece un proxecto bo, porque crear un Fogar residencial agora mesmo é inviable polos altos custos de persoal (lembramos que esta Casa Reitoral, segundo a alcaldía no ano 2012 a súa apertura estaba pendente dunha sinatura).

O noso concelleiro, César Ramos, despois de escoitar os comentarios do grupo de goberno (PP) e do PSOE, indica que vai ser máis crítico que eles respecto a este proxecto e di o seguinte:

Parécenos que dende o comezo este proxecto foi un auténtico desastre en todos os aspectos:

Primeiro: Falta de coñecementos da lexislación. Arranxamos a casa sen saber o que se necesita para unha instalación deste tipo. Penso que canto menos, se se actuara  con seriedade alguén debería dimitir por facer un proxecto que non se pode levar á práctica.

Segundo: incumprimento de prazos. Hai anos que levan dicindo apertura inminente e tirando cartos de todos para adecuarse os requerimentos que solicitaban. E mentres os veciños da Baña seguen sen poder disfrutar dunha residencia pública e consecuentemente sen a creación de postos de traballo.

Terceiro: Cesión do uso por parte do arcebispado (ten unha concesión durante 20 anos). O concello non é propietario e cando remate a concesión as instalacións volverán estar ao servizo da Igrexa (se non se amplía esa concesión). Eu tamén quero ser como o arcebispado: primeiro que me arranxen a casa e despois facer o que eu queira nela.

Cuarto: Que agora se veña facer uso da reitoral para un fin que non era o proposto cando se comezou con este proxecto é canto menos unha tomadura de pelo aos veciños e veciñas. Por un lado claro que hai que darlle un uso a esa vivenda, xa que o diñeiro investido nela é enorme. Pero por outro, o que debía facer o PP local é recoñecer que se equivocaron, que investiron unha cantidade enorme de cartos públicos nunha propiedade que non era do concello.

Quinto: É inadmisible o que sucedeu o pasado mes de abril cando unha exconselleira do PP, nun acto privado en Negreira se toma a liberdade de anunciar que a reitoral “xa está practicamente cedida despois de falar co Arzovispado e o Concello da Baña”, antes de que fose informada esta Corporación. Un grupo de goberno serio non pode permitir esa falta de respecto do seu propio partido político e que se ningunee desa forma á administración local, e o traballo desta corporación. (O alcalde comenta que o fixo a título persoal e el non sabe se é do PP ou de calquera outro partido).

Resumindo todo:

Non entendemos como unha obra na que se investiu medio millón de euros e que no ano 2011 (hai 6 anos) o grupo de goberno xa dicía que a súa apertura era cuestión de días, aínda non abriu as súas portas.

Por qué motivo non se abriu para ser unha vivenda comunitaria ou fogar residencial para persoas maiores desfavorecidas do noso Concello como se prometeu?

A apertura destas instalacións figuraba continuamente nos programas electorais do PP nas distintas eleccións municipais. Iso quere dicir que se enganou á veciñanza reiteradamente.

A posición do noso grupo político é clara: queremos priorizar que un investimento tan importante debe ter a mesma finalidade para a que foi proxectada e cumprir o obxectivo que continuamente se lle prometeu aos veciños e veciñas. O noso Concello está moi avellentado e hai que buscar realizar actuacións sempre en beneficio dos veciños e veciñas da Baña. Se dende o grupo de goberno se dan as explicación oportunas e se confirma que a finalidade para o que se fixo o proxecto é inviable, estaríamos encantados de mirar a posibilidade que plantexa a asociación “Anxiños”.

MOCIÓNS:

Tratáronse dúas mocións, ambas as dúas propostas por COMPROMISO POR GALICIA:

Moción para o apoio expreso á Plataforma das vítimas do Alvia 04155.

A moción apróbase co voto favorable de CxG e PSOE e a abstención do PP.

Así mesmo o grupo de goberno engade un punto á moción respecto que se paguen canto antes as indemnizacións aos afectado. Esta enmenda é aprobada co voto favorable de todos os presentes.

Moción relativa á creación dunha taxa pola utilización e/ou aproveitamento do dominio público local por parte de empresas de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos”

A moción é aprobada co voto favorable de CxG, PSOE, o alcalde (PP) e José Manuel Landeira (PP); e as abstencións de Manuel Tourís (PP) e Roberto Rial (PP).

 

ROGOS E PREGUNTAS:

Preguntas formuladas por CxG e que serán contestadas no seguinte  pleno ordinario:

  • Nas respostas á pregunta número 19 contéstasenos que o Concello non contratou ningún persoal para levar as redes sociais e a prensa. Podedes aclarar isto?

 

  • Ante a chegada do bo tempo e a poucos días de que comece o verán solicitamos que se realicen a limpeza e posta a punto das instalacións da piscina municipal con suficiente antelación para que non demore a súa apertura e de se o bo tempo o permite valorar abrir as instalacións antes do 1 de xullo de igual forma que fan os concellos limítrofes. Consecuentemente con isto queremos solicitar que se amplíe o espazo de sombra nas instalacións (instalando un toldo, sombrilla ou similar), xa que é unha demanda habitual dos usuarios da piscina.

 

  • Queremos que se lle transmita á brigada municipal a noraboa polo bo traballo e a boa disposición na limpeza da ruta do Camiño de Santiago cara Muxía e solicitamos que nesta ruta se fagan habitualmente limpezas dos camiños para ter en condicións idóneas para o paso. Así mesmo, aínda que esta ruta do Camiño cara Muxía aínda non está recoñecida, queremos que o Concello valore realizar actividades de promoción da mesma, elaboración de trípticos ou carteis informativos, tamén a través do técnico de información, publicidade e información turística (A Baña, Negreira e Val do Dubra) e que dende o Concello se anime a todos os colectivos do Concello á posta en valor desta ruta.

 

  • No pleno de marzo de 2016 fixemos unha pregunta referente á numeración das vivendas do noso Concello e contestóusenos, tal como figura na acta dese pleno, que se empezara un traballo de numeración das vivendas en S. Vicenzo e S. Mamede e que se mandara comezar este mesmo traballo no resto das parroquias. Máis dun ano despois queremos saber se se fixo algo ao respecto ou seguimos igual, coas casas sen numeración e con dificultade para ubicalas.

 

  • Queremos solicitar que se valore situar un paso de peóns ou similar fronte a Área Recreativa de Chans xa que é un tramo perigoso para cruzar cara a senda peonil que se sitúa no outro extremo e que vai cara as instalacións da piscina municipal, sobre todo cando se cruza en grupo, por exemplo os nenos e nenas que participan no campamento de verán.

 

  • A marquesiña da parada do bus de Ceilán está rota pedimos que se arranxe.

 

  • Solicitamos que se busque unha solución canto antes aos problemas de subministro de auga na parroquia de S. Cibrán, ademais dos problemas puntuais dalgunha casa (que xa falamos tanto coa alcaldía como cos servizos sociais), sabemos que novas construcións tamén teñen problemas co subministro de auga. É necesario buscar unha solución conxunta para todas as vivendas da parroquia.

 

  • Nun lateral do Campo de Fútbol de Cartas hai unha baranda que está caída solicitamos que se recoloque.

 

 

  • Solicitamos que se limpe a estrada onde está o Local Social de Fiopáns xa que os laterais están cubertos de terra e coas choivas pode dar lugar a que ocorra un accidente de tráfico. Do mesmo xeito solicitamos limpeza despois de Señor na estrada que vai para S. Cibrán (ADXUNTAMOS FOTOS).

 

  • Temos constancia de que moitos veciños e veciñas de varias parroquias teñen dificultade para recibir correctamente o sinal de televisión solicitamos que se busque unha solución conxunta este problema.

 

  • Volvemos solicitar, igual que fixemos no pleno de xuño de 2016, que se elabore un “plan organizado de limpeza e desbroces en todas as parroquias” cunha temporalización organizada e non a criterio dos operarios ou segundo vaian protestando os veciños e veciñas.

 

  • Queremos saber como está o tema da casa en estado ruinoso de Guende da que xa se falou noutro pleno ordinario. O alcalde confirmou que se lle ía buscar unha solución e a día de hoxe os propietarios da casa anexa coméntannos que segue todo igual. Pedimos que se lle busque unha solución a este problema con urxencia.

 

  • A fonte da Agra recreativa de Chans despois das melloras realizadas segue sen ter bo desaugadoiro polo que a auga estáncase formando un charco. Solicitamos que se arranxe. Relacionado con esta área recreativa o cartel que puxeron ten un erro, xa que di “CHIANS” en vez de “CHANS”. Vaise cambiar ou xa queda dese xeito?