Crónica do pleno ordinario de 30 de xullo de 2018

A sesión dou comezo ás 14:00 horas coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación. O concelleiro e portavoz do PSOE, José Antonio Pereira abandona a sesión na quenda de rogos e preguntas de CxG, aludindo motivos de conciliación familiar, do mesmo xeito que Manuel Tourís que alude temas laborais.

A Orde do día foi a seguinte:

PARTE RESOLUTIVA

  1. Dar conta das resolucións do alcalde.
  2. Aprobación do proxecto de subministración e colocación de colectores RSU e vidro.
  3. Aprobación do proxecto de humanización Adro de Marcelle.
  4. Aprobación do proxecto P.V.P. entre Vilar da Torre e Paramos.
  5. Expedientes de modificación de crédito.
  6. Información da alcaldía.

PARTE DE CONTROL

  1. Mocións.
  2. Rogos e preguntas.
 IMG_20180730_134440301César Ramos momentos antes do pleno
  1. Dar conta das resolucións do alcalde

O alcalde explica que as resolucións estiveron ao dispor dos concelleiros e concelleiras.

  1. Aprobación do proxecto de subministración e colocación de colectores RSU e vidro.

O proxecto corresponde ao remanente que queda do POS + por unha cantidade de 22.756,68 euros para a colocación de colectores de vidro e residuo orgánico en S. Vicente, Ceilán, Ordoeste, Corneira e A Riba.

O noso concelleiro manifesta que está ben dotar ao Concello de máis colectores de vidro e RSU pero que aínda estamos esperando os colectores de aceite doméstico aprobado por moción hai dous anos.

O noso concelleiro absténse na votación, PP e PSOE votan a favor.

  1. Aprobación do proxecto de humanización Adro de Marcelle.

ScanCroquis e imaxe do adro da igrexa de Marcelle

Por un importe de 76.848,72 euros dos que o Concello pagará 19.000 euros.

O proxecto apróbase co voto favorable do PP e a abstención de PSOE e CxG.

  1. Aprobación do proxecto P.V.P. entre Vilar da Torre e Paramos.

Solicitan o proxecto para que a Deputación da Coruña se faga cargo do tramo da estrada entre Vilar da Torre (Lañas) e Paramos (Val do Dubra), así a estrada pasaría a titularidade municipal pero a Deputación farase cargo desa actuación cun montante de 469.843,83 euros.

O noso concelleiro César Ramos, manifesta que a ctuación se faga de forma correcta e acorde ao proxecto, segundo o proxecto a vida útil do firme é de entre 15 e 20 anos e debe facerse unha actuación de calidade que dure ese tempo.

O proxecto apróbase co voto a favor do PP e a abstención de CxG e PSOE.

  1. Expedientes de modificación de crédito.

O alcalde explica que existen dous expedientes de modificación de crédito. O primeiro para un proxecto de eficiencia enerxética que se realizará conxuntamente con Santa Comba, o 70 % é sufragado pola administración mentres que o Concello da Baña sufragará a súa parte proporcional. O proxecto terá un custo de 119.000 euros, e o Concello pagará 10.262, 30 euros para realizar a actuación na zona da Ermida (dende o cimiterio).

A segunda modificación é para poder facer a licitación do proxecto de pavimentación entre Vilar da Torre e Paramos.

Estes expedientes apróbanse co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras.

  1. Información da alcaldía.

Con respecto a este apartado o alcalde informa de tres puntos:

  • Que existe un escrito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que se inicie o procedemento para a selección de xuíz de paz que se terá que comezar en setembro.
  • Gas radon, o alcalde explica que se fixeron as medicións en varios lugares públicos e que os resultados son satisfactorios, excepto no despacho da traballadora social pero van facer outras medicións porque pensan que hai un erro na medición.
  • Reitoral de S. Mamede, o alcalde explica que se recibiu un informe da Dirección Xeral de Familia e Dinamización Demográfica o pasado mes de xuño especificando que se coincidiu no seu momento unha subvención para destinalas a unha vivenda comunitaria, pero debido ao cambio normativo as instalacións non se poden adaptar para ese fin. Entón mandaron en abril do 2017 unha proposta en colaboración coa asociación Anxiños para que a Consellería especificara se esas instalacións eran válidas para este proxecto e resolveron que pode ser utilizado para esa finalidade. O alcalde indica que é necesario facer un convenio coa asociación Anxiños que será tratado no vindeiro pleno.

O noso concelleiro foi o único que  pediu a palabra neste punto e o alcalde rexeitoulle o permiso.

IMG_20180730_134751989
César Ramos con membros da plataforma “Mina Touro – O PIno Non” no salón de plenos do Concello da Baña

MOCIÓN CONTRA O PROXECTO DA MINA DE TOURO – O PINO (CXG)

O noso concelleiro le a moción en presenza de tres membros da plataforma veciñal “Mina Touro O Pino – Non”

PSOE e PP solicitaron facer unha enmenda aceptada tanto por CxG como pola Plataforma veciñal, o primeiro na que incluía un punto a favor das reivindicacións da plataforma “Casalonga limpa de residuos de Teo” contra a creación dunha planta de xestión de residuos orgánicos e o PP unha relacionada coa redacción dos acordos.

O noso concelleiro, César Ramos, solicítalle ao grupo do PSOE que agradecería que as enmendas fosen entregadas por escrito e previamente, aínda que ao estar de acordo a plataforma está de acordo na enmenda.

enmenda_pp

A moción é aprobada co voto favorable de todos os presentes e coas dúas enmendas.

 

MOCIÓN PARA INSTAR AO CONCELLO DA BAÑA A REALIZAR UNHA CAMPAÑA DE SINALIZACIÓN CON PICTOGRAMAS EN EDIFICIOS E INSTALACIÓNS PÚBLICAS (PSOE)

Dende CxG manifestamos o seguinte:

“A colocación de pictogramas e a súa difusión na cidadanía parécenos algo moi positivo de feito na maioría dos centros educativos xa se leva facendo varios cursos e nós, por suposto, imos votar a favor.

Tamén consideramos que este traballo de creación,  colocación e difusión de pictogramas debe facerse por persoal especializado e despois de realizar unha análise exhaustiva do noso contorno, neste caso do Concello da Baña, e analizar onde é recomendable este sistema de comunicación esquemático que sobrepasa as barreiras lingüísticas.

Por todo isto, se a moción finalmente é aprobada solicitamos que se valore participar no proxecto de Accesibilidade nos Concellos Galegos da Federación de Autismo Galicia que conta co apoio da ONCE e da Xunta de Galicia e que xa se dedica a establecer criterios técnicos comúns sobre a accesibilidade, elaborar materiais informativos e controlar o desenvolvemento do proxecto. Neste proxecto xa están participando moitos concellos galegos”.

Esta moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación e o Concello solicitará a persoal cualificado un proxecto para o estudo e sinalización do Concello con pictogramas.

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

Presentamos a seguinte batería de preguntas:

1) O Concello de Brión presentou o mes pasado en colaboración coa Deputación da Coruña a través do Plan do Emprego Local un proxecto de “coworking” chamado “Transformando en Brión” facilitará a produción e comercialización asociativa de alimentos frescos e transformados e permitirá a venda de produtos como aves, coellos ou pratos elaborados a particulares. Este proxecto terá carácter supramunicipal e parécenos unha boa iniciativa, polo que solicitamos que o Concello da Baña colabore con esta entidade local, na medida do posible, e se informe aos veciños e veciñas do noso Concello da forma que poden participar nel e valorar nun futuro crear no noso Concello un proxecto similar.

2) Con relación á substitución da traballadora social do Concello da Baña debido á renuncia da anterior titular da praza, Susana Pazos Meijide, queremos saber os motivos por que non se utilizou a listaxe de substitución resultante conforme á Resolución da alcaldía Núm. 40/12 das bases para contratar en réxime laboral temporal un traballadora/a social publicadas no BOP o 23 de abril de 2012, dese xeito sería un procedemento máis rápido. Queremos saber, tamén,  como foron xestionados os servizos sociais do Concello sen traballador ou traballadora social e se se cumpriu o principio de confidencialidade dos expedientes.

3) Con respecto á traballadora social, dicides en resposta á pregunta nº 22 do anterior pleno: “Con data do 15/06/2018 causou baixa no Concello a Traballadora Social e a partir de aí empezamos con todo o procedemento para a súa contratación. Non obstante notificouse con data 25/06/2018 á Xefatura Provincial e Consellería de Política Social a situación”. As datas do decreto de excedencia non coinciden coas dadas nesta resposta. O decreto Número 66/2018 ten data de 8 de xuño e no mesmo di que ten efectos a partir do día 11 de xuño. Houbo algún erro? Por que se notificou á Xefatura Provincial  17 días despois e non con máis urxencia?

4) Tamén queremos facer algunhas preguntas respecto á convocatoria para a formación da lista de substitución da traballadora social, despois de facer unha comparativa con outras convocatorias similares doutros concellos:

– Por que se tardou un mes máis, dende que se notificou á Xefatura Territorial (25 xuño), en sacar a convocatoria para seleccionar persoal para a lista de substitución? (27 de xullo)

– Por que se dá de prazo para presentar solicitudes só 5 días hábiles cando nas bases xerais para a selección de persoal mediante listas de substitución publicadas no BOP o 18 de xullo di que serán 10 días? (só para casos excepcionais 5 días).

– Os cursos sobre SIUSS (Sistema Informático de Servizos Sociais) a maioría son inferiores a 20 horas e son unha ferramenta obrigatoria moi utilizada polos traballadores/as sociais. Segundo as vosas bases non puntúan. Por que non puntúan os cursos inferiores a 20 horas?

– Por que se puntúa ter outras titulacións concretas como filoloxía inglesa ou francesa? Por que non filoloxía galega ou calquera outra?

– Por que só se puntúan os cursos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2008?

– Solicítase para a acreditación da experiencia profesional un certificado cando na administración estes certificados poden tardar ata 15 días e só se dá 5 días de prazo para presentar as solicitudes. Por que non é válido entregar a vida laboral ou os propios contratos de traballo?

5) En resposta á nosa pregunta número 5 sobre o portal de transparencia respondedes: “Como se nota que non estades atentos neste punto. Dende o ano 2014 está instalada na páxina do Concello dentro da Sede Electrónica este portal de transferencia”. Si que me gustaría en primeiro lugar que, como xa dixen máis veces, as respostas por parte da alcaldía foran concretas, obxectivas e co debido respecto. Para información da alcaldía ese portal de transparencia ao que se alude na resposta ten: o apartado correspondente ao alcalde sen información, o apartado de “Axenda de Altos Cargos e Concelleiros” sen información (esa axenda que o alcalde di textualmente: “Despois de máis de 20 anos , facendo uso da actividade política municipal, non sei a que ven o de facer axenda política. A actividade realízase non solo no Concello senón reuníndose nas institucións, na rúa e cos veciños en calquera momento”) , o “organigrama” sen información, a “relación de postos de traballo” consta a do 2013, o “orzamento municipal” consta o do ano 2013, no apartado “plans e programas”, nos subapartados “servizos públicos”, “actividades culturais”, “actividades deportivas”, “servizos sociais” “promoción económica e emprego” e “promoción turística” non teñen ningunha información, o mesmo ocorre nos apartados de “orde do día dos plenos”, “acordos plenarios”, “código ético e do bo goberno”, “subvencións e axudas” e así un largo etcétera.. Polo que volvemos solicitar iso si, co debido respecto, que se cumpra a Lei 19/2013, de 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

6) Gustaríanos saber porque  na Fonte dos Lagos no Barro despois da última actuación de acondicionamento por que a fonte ten dous pichos e só sae auga por un deles, é algo provisional ou xa é definitivo? A veciñanza quere saber por que  a fonte foi trasladada uns metros. Esta veciñanza do Barro non está moi satisfeita con esta actuación, e queremos solicitar, igual que fixemos noutros plenos, que as actuacións que se fagan en contornos rústicos se teña coidado coa imaxe das reformas xa que deben estar ben integradas no seu entorno, non só é botar formigón.

7) A fonte de Cantalarrana (Lañas) que no pleno de  xullo de 2015 informamos que perdía auga e solicitamos unha mellora, a día de hoxe segue igual, solicitamos de novo unha actuación para que deixe de botar auga á estrada co conseguinte perigo de conxelación na época invernal.

8) Solicitamos, igual que fixemos en plenos anteriores, que se preste máis atención á limpeza da capital do Concello,as beirarrúas se limpen máis regularmente e se utilice sistematicamente algún herbicida, as papeleiras se recollan con mais frecuencia e se limpe o entorno para que non haxa lixo pola rúa, dando mala imaxe á capital do Concello.

9) O cruce no Quinteiro na parroquia de Marcelle volve a ter mala visibilidade, xa hai dous anos se nos comentou que se ía solucionar o problema e a día de hoxe volve estar así. Solicitamos que se solucione este problema canto antes para evitar posibles accidentes. O mesmo ocorre co espello do cruce do Barro, que sendo dos máis perigosos do Concello segue sen ter visibilidade e hai dous anos que se nos dixo que se ía arranxar.

10) En resposta ao escrito entregado o 19/07/18 polo que solicitamos que se acondicionen debidamente as rutas de sendeirismo do Concello da Baña e se sinalen correctamente, se promocionen a través da páxina web do Concello da Baña e outros portais de sendeirismo de ámbito galego e se valore comezar os trámites para a homologación das mesmas para que deste xeito funcionen como un reclamo turístico do Concello da Baña, contestádesnos “vaise proceder a limpar e arranxar todo o posible para poder utilizalas debidamente”. Consecuentemente con isto demandamos que se teña en conta todo o que solicitamos nese escrito, dalgúns puntos non respondedes nada: que se promocionen e se valore homologalas, ademais da nosa proposta de crear unha senda peonil polas parroquias de Barcala, Ordoeste e Corneira. Tamén solicitamos, consecuentemente, que se promocionen a través do Concello da Baña  as rutas elaboradas polo CPI de S. Vicente dentro do proxecto “Facendo escola” que aparecen na web: facendoescola.atavist.com

11) Relacionado coa pregunta anterior gustaríanos saber o motivo polo que, se pagamos un servizo de normalización lingüística os trípticos das rutas de sendeirismo se fan en castelán?

(Unha das funcións do servizo é: 2. Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social).

12) Queremos solicitar de novo igual que fixemos en abril do ano pasado que a Casa de Cultura se dote dun equipo de son e proxector fixo para axilizar a organización de eventos e mellorar a calidade das proxeccións.

13) Que pasa co pago aos traballadores e traballadoras? segundo a sentenza do Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela que condena ao Concello da Baña a recoñecer  e pagar a antigüidade do persoal laboral? Hai algún movemento ao respecto nos últimos días. No anterior pleno dixéchedes que algún traballador tiña que devolver é falso porque non o permite o estatuto dos traballadores nin o convenio colectivo.

14) Podedes aclarar porque non constaba nas bases de contratación de persoal para a cuadrilla de incendios a puntuación máxima na proba  da entrevista e tivo que publicarse un acordo urxente cando o procedemento de selección xa comezara?

15) Queremos saber cando se vai realizar a actuación correspondente ao POS + 2018 – “Proxecto de reforma da piscina existente en S.Vicente, Concello da Baña”: valado, rampa para minusválidos, melloras nos vasos, pintura e reforma dos vestiarios por un total de 73.546,68 euros. Solicitamos de novo que se estude o proxecto e se axuste á normativa. O artigo 22º do Decreto 103/2005 de 6 de maio polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria de piscinas de uso colectivo. Esta normativa indica que é necesario que os vestiarios teñan un equipamento específico segundo a superficie da lámina de auga (un retrete ou urinario por cada 50 metros cadrados).

16) Este ano comezou a cobrarse a entrada na piscina municipal o día 16 de xullo (os días anteriores foi gratuíta), solicitamos que ás persoas que adquiriran o abono mensual ou quincenal dese mesmo mes se lle sexa devolta a cantidade aboada ou a súa parte proporcional.

17) O pasado 9 de xuño tivo lugar a andaina da última etapa do Camiño de Santiago cara Muxía que pasa pola Baña na que colabora o Concello da Baña. Nesa última etapa ao chegar ao destino houbo unha recepción por parte da alcalde de Muxía e el mesmo nun acto entregou as “Muxianas” conforme se participou en devandita andaina. Por que o Concello da Baña non publicou nada na páxina web ou nas redes sociais respecto a esta recepción? Parécenos unha falta de respecto ao Concello de Muxía e ao señor alcalde.

18) Consecuentemente coa anterior pregunta, solicitamos que no Concello da Baña se acondicionen unhas instalacións e se cree un albergue para peregrinos para deste xeito promocionar a ruta posxacobea do Camiño de Santiago cara Muxía e que pasa polo noso Concello.  As obras e os trámites administrativos serían relativamente sinxelos.

19) O Concello da Baña actualmente está subscrito aos xornais “El Correo Gallego” e “La Voz de Galicia” ningún deles escritos en lingua galega. Solicitamos que o Concello se subscriba ao Diario Galego editado por Sermos Galiza S.A e se adquira un exemplar diario para a biblioteca municipal. Lembramos que unha función do servizo de normalización lingüística do Concello da Baña é 2. Fomentar o uso do galego no ámbito socioeconómico e en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social.

20) En febreiro do ano pasado (hai máis dun ano) aprobouse unha moción presentada por CxG para facer cursos de formación e dotar as instalacións deportivas do Concello da Baña de desfibriladores. Naquel mesmo pleno comentóusenos que dous deles xa “estaban pedidos” á Federación de Fútbol, no pleno de xaneiro deste ano comentóusenos que seguían pedidos pero desta volta á Deputación da Coruña. Queremos saber como están esas xestións e volvemos recordar que se deben cumprir os acordos das mocións aprobadas e máis aínda nun asunto tan importante como este que chega a salvar vidas.

21) No mes de xullo do ano 2016 (hai dous anos) aprobouse unha moción proposta por Compromiso por Galicia, na que o Concello comprometíase a instalar colectores de aceite usado nas diferentes parroquias do Concello, ademais de realizar unha campaña de concienciación, posteriormente comentouse que se estaban levando unhas xestións a través dun convenio coa fundación “Amigos de Galicia”, posteriormente noutro pleno díxosenos que se ía buscar outra vía para adquirir estes colectores. Como están esas xestións? Vaise facer algún día?

22) O libro da COPE polo que o Concello pagou 605 euros aínda non está na biblioteca municipal. Volvemos solicitar que haxa un exemplar nestas dependencias. Os xornais tampouco se están levando á biblioteca a pesar de que en varios plenos se nos confirmou que si se facía.

23) Solicitamos que se arranxen as billas, a manilla e o marco da porta dos aseos que están en mal estado da área recreativa de Chans. Tamén poñer sinais oficiais para cruzar mentres duren as actividades de verán, xa que os que están (feitos polos propios nenos e nenas) non teñen boa visibilidade.

24) Os veciños e veciñas de Ceilán están a ver como estes días pinta marcas fronte as portas das casas unha empresa de Carballo, queremos saber cal é situación do saneamento en Ceilán. Se a veciñanza se vai poder conectar xa, se existen prazos ou se é necesario que cada vivenda faga algunha obra máis.

25) Solicitamos, para o ano que vén, que se valore ofertar a inscrición para o campamento Lúdico-deportivo de forma semanal e non mensual como até o de agora. Hai nenos ou nenas que quedaron sen praza e outros xa inscritos algunha semana por diversos motivos non asisten, dese xeito melloraríase a participación nesta actividade.

26) O 2 de febreiro de 2017 aprobouse nesta Corporación a “Ordenanza fiscal reguladora da taxa por servizos correspondentes a actividade administrativa e de goberno do Concello da Baña” co único voto en contra de CxG.  Esa ordenanza establecía, entre outras, unha tarifa de 200 euros por acto de celebración de matrimonio civil para parellas non empadroadas, nese mesmo pleno o alcalde especifica que un porcentaxe desa cantidade será para o concelleiro que oficie a cerimonia, tal como recolle a correspondente acta. O vindeiro 25 de agosto vaise celebrar unha cerimonia civil e aos contraíntes esixíuselles pagar esa cantidade. Que porcentaxe desa cantidade se lle vai dar ao oficiante? Como se vai efectuar o abono?

 

E non habendo máis asuntos que tratar remata a sesión ás 16:05 horas.