Crónica do pleno ordinario de 30 de maio de 2018

pleno_cesarImaxe de César Ramos momentos antes de comezar a sesión

Comeza a sesión ás 14:00 h. coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras excepto Manuel Tourís (PP) e Ana Paramos (PSOE), aos poucos minutos de comezar incorpórase Ana Paramos á sesión. A orde do día é a seguinte:

convocatoria pleno ordinario 30 de maio de 2018
1- Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

A acta é aprobada sen alegacións.

2- Dar conta das Resolucións do Alcalde.

O alcalde dá conta das Resolucións e indica que estiveron a disposición dos concelleiros e concelleiras nas dependencias do Concello.

3- Dar conta da aprobación da liquidación do Orzamento 2017

O alcalde dá conta da aprbación da liquidación do Orzamento 2017 e indica que o vindeiro 20 de xuño  haberá unha Comisión Informativa de Contas, Patrimonio  e Persoal cun punto único da orde do día: “Ditame da Conta Xeral do Orzamento de 2017”.

4- Mocións.

Debátense as mocións por orde de presentación.

 

“MOCIÓN PARA INSTAR Ó CONCELLO DE A BAÑA, A EXECUTAR OS TRABALLOS DE LIMPEZA DAS FRANXAS DE SEGURIDADE PRÓXIMAS AS VIVENDAS, CO FIN DE MINIMIZAR OS RISCOS DO LUME” (PSOE)

Dende Compromiso por Galicia abstémonos na votación. César Ramos fai unha explicación exhaustiva da nosa decisión:

foto_acordos_mocionpsoe_Acordos da moción presentada polo PSOE

“Sobre o punto número temos que dicir que non estamos a favor porque incumpre a propia normativa. As modificacións que aprobou a Xunta de Galicia o pasado 28 de decembro da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, establecen de prazo para que se faga a xestión da biomasa ata o 31 de maio, a partir desa data o Concello ou Consellería se detecta o incumprimento debe remitir ao propietario ou propietaria unha notificación cun prazo de 15 días para executala (prorrogable en casos debidamente xustificados), se non están identificados os propietarios publicarase no DOG. A partir de aquí, non antes, o Concello podería proceder á execución subsidiaria de forma que os custos da limpeza imputaranse ao interesado, en caso de que o importe supere o valor catastral da parcela poderá iniciarse un procedemento de expropiación forzosa. É necesario estudar cada caso puntual e non aprobar un acordo deste tipo, ademais non sabemos o número de propietarios que reclamaron ou denunciaron no Concello.

O punto 2 xa é evidente porque é obriga de todos os Concellos facer un estudo de todas as parcelas para emitir as notificacións de requirimento, non agora que xa remata o prazo, senón que xa debería estar feito ou polo menos comezado.

O punto 3 sobre elaborar un plan de limpeza e desbroce estamos moi de acordo, sobre todo porque iso xa o solicitamos dende CxG no pleno ordinario de xullo de 2016 e no pleno de 31 de maio de 2017 (cando o señor alcalde nos contestou que non había un `plan organizado porque os operarios da cuadrilla eran os que mellor sabían cando desbrozar, algo que por suposto non estamos de acordo). Con respecto a “se o Concello ten capacidade de executar os traballos de limpeza” (mencionase textualmente na moción) é evidente que só coa cuadrilla municipal non sería viable, a cuadrilla non pode descoidar os traballos de limpeza de terreos municipais, polo que se pode contratar unha empresa para facer cumprir esta lei e pasarlle a pertinente factura aos propietarios e propietarias.

Polo tanto, e en resumo,  dende CxG decidimos absternos nesta votación, dado que a pesar de que apoiamos, como non pode ser doutro xeito, o cumprimento da lei e que debemos dar solución á problemática dos nosos veciños e veciñas consideramos que hai un defecto de forma no apartado 1 da mesma…ao instar o concello a actuar antes de que se cumpran os prazos esixidos pola mesma.

Neste sentido, e a espera de que na xornada de mañá remate o prazo que establece a lei, esperamos que o goberno municipal estivera analizando a situación durante estas semanas e faga o preciso para evitar as sancións e as consecuencias que derivan de non limpar os terreos forestais.

Ao portavoz do PSOE non lle gustan as explicacións do noso concelleiro e interrómpeo varias veces (algo xa recorrente por este señor ao longo da lexislatura) e acúsanos de “facer demagoxia”. O noso concelleiro volve explicar que é necesario falar con propiedade e pide por enésima vez na lexislatura que non se lle interrompa cando fala que é necesario un mínimo de educación no debate.

A moción é aprobada co voto a favor de PP e PSOE e a abstención de CxG.

 

MOCIÓN SOBRE O AMIANTO

O noso concelleiro, César Ramos, fai a exposición da moción e solicita que sexan votados a favor os segintes acordos:

1- Que o Concello elabore un censo ou mapa de edificios ou inmobles públicos que conteñan amianto no noso concello.

2- Poñer en marcha un programa de erradicación e retirada de produtos con amianto presente en edificacións ou parcelas municipais, mostrando especial énfase naqueles que estean en peor estado. (Unha vez que a Xunta de Galicia confirmou que no vertedoiro ilegal de Vigobó había presenza de materiais con amianto é posible que existan noutros lugares do Concello).

3- Instar ao goberno municipal a adoptar medidas de información e formación do persoal municipal que nas súas tarefas profesionais teña que estar en contacto co amianto en edificios ou instalacións sobre os riscos que supón para a saúde.

4- Instar á Consellería de Educación á substitución dos produtos de fibrocemento que aínda existan nos centros educativos públicos do noso municipio coa maior celeridade que lle sexa posible.

5- Informar con programas de sensibilización da poboación sobre a conveniencia de eliminar o amianto e das pautas que se deben seguir: información sobre se nas súas vivendas teñen amianto e o risco que supón, dos pasos para contactar con empresas autorizadas, e dos programas de axuda económica. (Segunda Convocatoria do Programa de Axudas para a Rehabilitación Enerxética de Edificios existentes (Programa PAREER II))

6- Ofrecer vantaxes no pago das taxas e impostos sobre construcións, instalacións e obras para os empadroados e empadroadas que queiran retirar as estruturas que poidan conter amianto, como unha forma de reducir o custo desa substitución.

O alcalde di que está a favor de todos os puntos da moción pero que no CPI de S. Vicente os técnicos xa certificaron que non existe amianto nas instalacións.

O PSOE non quere facer ningunha valoración da moción.

A moción queda aprobada co voto favorable de toda a Corporación.

DESCARGA AS RESPOSTAS DO SEÑOR ALCALDE ÁS PREGUNTAS DO ANTERIOR PLENO

5- Rogos e Preguntas:

Esta foi a batería de preguntas de CxG e que terán resposta no vindeiro pleno ordinario do mes de xullo:

  1. Queremos felicitar ao grupo de goberno pola I Día do Deporte, pensamos que foi un éxito e propoñemos que se organice a mesma actividade con carácter anual. Así mesmo, volvemos solicitar que se continúen a organizar actividades culturais ou deportivas na Praza do Concello para dinamizar na medida do posible a capital do Concello.
  2. Respecto á pregunta nº 21 do anterior pleno non respondedes á cuestión de se ides organizar unha homenaxe a Manuel Pose no vixésimo aniversario do seu pasamento. Tamén gustaríame que matizarades estas palabras que escribides en resposta á mesma pregunta “ …a diferenza doutros que tanto vos gusta falar…”. Pedimos concreción nas respostas e non ambigüidade.
  3. Na pregunta nº 17 tampouco respondedes á nosa pregunta: por que non se organizou ningún tipo de actividade o día 28 de febreiro con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, que era un dos acordos aprobados pola Corporación.

  4. Solicitamos que o señor alcalde faga pública con anterioridade a súa axenda política para que a veciñanza estea informada das xestións que realiza fora do noso Concello.
  5. Queremos saber cando o Concello da Baña vai cumprir a Lei 19/2013, de 9 de decembro de transparencia, acceso á información pública e bo goberno pola que os Concellos teñen que facilitar publicamente información sobre contratos municipais, contas públicas, retribución dos cargos e outras cuestións.
  6. Queremos saber a que corresponde un gasto de 1210 euros para a empresa ALICENTIS S. L. (2018 32422799). Solicitamos que se nos facilite o informe ou certificación dos gastos correspondentes a esta empresa, tal como pedimos con anterioridade.
  7. Podedes concretar un pouco o pago de 605 euros á empresa “Radio Popular, S. A. – Cope” en concepto de “Concello de A Baña saluda libro Cope 50 aniversario”? Polo que entendemos o Concello pagou esa cantidade a unha empresa privada por un saúdo nun libro. Hai algún exemplar deste libro na biblioteca escolar ou municipal?
  8. Volvemos incidir en que é necesario un paso de peóns na Área Recreativa de Chans, é un auténtico perigo acceder a ela a pé, sobre todo as persoas de mobilidade reducida ou persoas que transportan carros de nenos ou nenas.
  9. Queremos solicitar que o Concello continúe colaborando coas asociacións organizadoras na promoción do Camiño a Santiago cara Muxía. Últimamente tamén se está creando o percorrido da Ruta Mariana, que é unha ruta que vén dende Portugal e tamén é moi posible que pase pola Baña e solicitamos que o Concello da Baña poña todos os medios necesarios e apoie esta iniciativa que pode ser positiva para o desenvolvemento cultural e turístico da Baña.
  10. Queremos saber como van as xestións do señor alcalde para a colocación da marquesiña en Paredes e a mellora da seguridade viaria nese mesmo tramo.
  11. Solicitamos unha limpeza exhaustiva dos columpios e das mesas e bancos das áreas recreativas do Concello que actualmente están todos sucios, feito que provoca a consecuente queixa da veciñanza.
  12. O pasado 21 de maio decatámonos pola prensa (como habitualmente sucede cos temas de actualidade municipal) da viaxe a Cuba do señor alcalde. Queremos saber se foi por vacacións persoais ou se foi unha viaxe institucional. Neste segundo caso queremos saber canto supuxo para as arcas municipais esta viaxe e cal foi a axenda política do mesmo.
  13. Queremos coñecer como están as xestións realizadas polo Concello da Baña respecto á Reitoral de Monte. Continuamente nos estades dicindo que estades á espera de informes pero esa espera pensamos que xa demora demasiado, tendo en conta que en xullo do ano pasado xa diciades textualmente “Andrés García Cardeso agarda que, unha vez recibidos os informes da Xunta e despois dunhas mínimas obras de posta a punto, para o mes de setembro a Asociación Anxiños poida poñer en marcha o seu proxecto e empezar a acoller os nenos na casa reitoral de San Mamede”.
  14. A páxina web do Concello da Baña continúa totalmente desactualizada, apartados que levan anos en construción, horarios sen actualizar (o horario das escolas deportivas é do 2008). Hai exactamente 2 anos que nos sacáchedes as fotos aos membros da Corporación e aínda non están colgadas. A web municipal é un servizo básico para a información da cidadanía. Ides actualizala algún día?
  15. O elevador do Local Social (das escolas vellas) non funciona correctamente, varios veciños comentáronnos que quedaron encerrados no mesmo no primeiro piso, xa que non abre a porta. Solicitamos que se arranxe canto antes.
  16. Solicitamos que se merquen unhas fundas de transporte para as gaitas da Escola de Música Tradicional, xa que ese gasto repercute no bo mantemento dos instrumentos.
  17. No pasado pleno e tal como consta na acta á contestación á pregunta número 7 de CxG, o alcalde confirma que na ruta BTT Filloa da Pedra había 140 anotados pero finalmente participaron 110… na resposta a esta pregunta dicides que a participación foi de preto de 120… se é así por que na clasificación colgada na web do Concello só 69 participantes chegaron a meta? Non dicides a verdade respecto aos datos ou 50 participantes abandonaron a proba?

VER CLASIFICACIÓN DA RUTA BTT FILLOA DA PEDRA NA QUE SÓ APARECEN 69 PARTICIPANTES

18. En Arzón (na parroquia de Barcala) no Camiño que os veciños/as chaman “do Folgueiro” hai tirados escombros, tubaxes, ladrillos, plásticos e restos de uralitas. Solicitamos que sexan recollidas con celeridade e que se faga cumprir a lexislación vixente. (ADXUNTAMOS FOTOS)

vertedoiro_arzónEscombros no lugar de Arzón

19. Na estrada que vai de Francos ao Reguengo (na parroquia de Suevos) hai un frigorífico tirado nunha cuneta, e na Cachopiña (na parroquia da Baña) outro, solicitamos tamén que sexa recollidos e levados ao punto limpo. (ADXUNTAMOS FOTOS) Neste mesmo lugar (a Cachopiña) o cable que vai para a torre de telecomunicacións está tirado, seguramente caeulle unha árbore enriba e desprendeuse quedando tirado no camiño polo que solicitamos recolocalo ou informar á empresa de distribución.

frigorífico cachopiñaFrigorífico na Cachopiña

20. Nos antecedentes figura unha multa de tráfico de 140 euros a un vehículo municipal por presentar a placa de matrícula pouco visible e ausencia de sinal regulamentaria de vehículo especial V2. Pedimos explicacións ao responsable e solicitamos que se teña máis responsabilidade con estes temas porque estes despistes vosos pagámolos todos e todas.

21. Solicitamos que se inste á Consellería de Medio Rural e se adopten as medidas oportunas contra a praga da nespra do castiñeiro (Dryocosmus Kuriphilus) xa que está causando importantes estragos na nosa comarca.

22. O pasado mes de abril enterámonos, como sempre pola prensa, non por medios municipais como debería ser, que a traballadora social do Concello, Susana Pazos Meijide substituirá á exconcelleira do PP da Coruña, Lucía Canabal na Corporación do Concello da Coruña. Polo tanto é evidente un cambio no posto de “Traballo Social”. Queremos saber cando cederá das súas funcións e como se seleccionará ao novo traballador ou traballadora. Así mesmo, solicitamos que se faga con celeridade e que non afecte ao normal desenvolvemento dos servizos sociais do Concello.

23. Solicitamos de novo un informe ou un comunicado, como xa fixemos en plenos anteriores, que clarifique cantos traballadores e traballadoras se ven afectados pola sentenza 00107/2017 do Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela. Dicides que as liquidacións provisionais foron comunicadas ao xulgado e sabemos que o vindeiro 21 de xuño hai unha nova citación pero non nos dicides qué cantidades se adebedan e cantos traballadores/as están afectados/as que é o que levamos tempo solicitando.

24. Recentemente entrou en vigor a “LEI 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia”, froito dun convenio da Xunta de Galicia coa FEGAMP creáronse os chamados “Concellos Emprendedores” que conta xa con 61 localidades adheridas. Solicitamos que o grupo de goberno valore a posibilidade de que o Concello da Baña se adhira a este proxecto para dar facilidades a futuros empresarios que queiran afincarse aquí e estimular a actividade económica do noso Concello.

 

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión ás 15:17 horas.

Nos vindeiros días colgaremos as imaxes da sesión para que toda a veciñanza teña información de primeira man sobre o tratado .