Crónica do pleno ordinario de 29 de novembro de 2017

img_2d4eff908c02a9c78bebee6d810d8ee9fdb832a6
Foto: Adiantegalicia

A sesión comeza ás 14:00 horas coa asistencia de toda a Corporación excepto Alicia Blanco Sande que se incorpora minutos despois de dar comezo a sesión.

1.- Aprobación, se procede, das actas anteriores.

As actas son aprobadas sen alegacións, só unha puntualización do portavoz do PSOE onde se fai mención á súa persoa como “Pedreira” e non como “Pereira”.

2.- Dar conta das Resolucións do alcalde.

O alcalde expresa que as resolucións estiveron na secretaría do Concello a disposición dos grupos políticos.

3.- Ratificación proxecto sinais viarios.

O secretario explica que este punto é un trámite burocrático e que o orzamento final do proxecto é de 18.181,80 euros

Toda a Corporación vota a favor neste punto.

4.- Ratificación do acordo Conta Xeral 2016.

O secretario explica que tiña que transcorrer o prazo estipulado e deste xeito o consello de contas dá por rendida a Conta Xeral 2016 sen existir reclamacións.

Neste punto toda a Corporación vota a favor, excepto o concelleiro de Compromiso por Galicia que se abstén.

5.- Adhesión á declaración da FEMP con motivo do día internacional da eliminación da violencia contra a muller.

César comenta que o punto na orde do día está mal redactado, debe dicir “con motivo do día internacional da eliminación da violencia contra a muller” non “con motivo do día internacional contra a eliminación da violencia contra a muller”.

E comenta o seguinte:

Parécenos perfecto que o Concello se adhira a esta declaración e, tal como xa dixemos máis veces queremos que o Concello poña todo da súa parte para, tal como especifica a declaración da FEMP: “seguir promovendo e apoiando accións para a prevención e a detección, así como de sensibilización de toda a poboación”, aspecto que nos parece fundamental para facer visible esta problemática.

Por iso, ademais de estar a favor desta declaración, que non deixa de ser un acto simbólico, pedimos que se cumpran os acordos da moción aprobada en sesión plenaria o día 24 de novembro de 2015, que a día de hoxe  (dous anos máis tarde) aínda non foron cumpridos:

  1. Organizar unha campaña de sensibilización e información sobre a violencia de xénero, que chegue a todos os sectores de poboación, para que os veciños  e veciñas da Baña fagan conciencia do que está a ocorrer, coñezan maneiras de actuar nestes casos facilitando información sobre protocolos, lugar e forma de pedir axuda ou denunciar, tanto para vítimas como para testemuñas.
  2. (O PUNTO 2 FORA ELIMINADO)
  3. Facer actos de concienciación para involucrar a mozos e mozas na loita contra esta lacra social.
  4. Comprometerse a condenar publicamente calquera novo caso de violencia machista, mostrar o apoio público ás vítimas e reivindicar debidamente cada 25 de novembro o día internacional da loita contra a violencia machista.

A adhesión é aprobada co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras.

 

6.- MOCIÓNS

MOCIÓN CONTRA O ABANDONO NO RURAL (PSOE)

                O portavoz do PSOE explica a moción sobre o abandono do rural, acto seguido o concelleiro de Compromiso toma a palabra e di:

Como xa dixen máis veces, nesta Corporación dá exactamente igual o que eu vote ou deixe de votar respecto a esta moción ou a outras, nin sequera importa o que vote o outro grupo da oposición porque o único que importa é o voto do señor alcalde e o seu grupo, incluso, ás veces dá o mesmo que se aproben os acordos porque que se cumpran ou non tamén dependerán da vontade do señor alcalde. Entón como o meu voto non vai valer para nada o que vou facer é facer unha valoración da mesma.     

Comenta que é unha moción de partido, é dicir “que foi presentada polo PSOE en varios Concellos galegos,  e paréceme perfecto, e tamén estou moi de acordo en que o rural galego está totalmente abandonado, pero non só desde que goberna o señor Feijoo, leva abandonado décadas e sen que haxa un goberno en Galicia nin no Estado que aposte definitivamente polo rural, seguramente debido a que fomos gobernados por partidos que están máis pendentes do que pasa en Madrid ou en Cataluña do que de verdade pasa nas nosas aldeas, parroquias e Concellos”.

César comenta que está moi de acordo con todo o que di a moción: necesidade de medidas para combater o abandono do rural, dotación orzamentaria, prevención de lumes, apoio aos gandeiros, dotar de servizos ao rural, etc. E aquí na Baña, nun Concello eminentemente rural é necesario que exista ese recoñecemento por parte de todos e todas, o alcalde por suposto e nós como concelleiros e concelleiras tamén… o abandono do rural é algo característico deste Concello e non se debe máis á decadencia dun Concello que leva 22 anos perdendo poboación e servizos sen ningún tipo de preocupación. “Eu négome a pensar na Baña como un Concello só para pasar a fin de semana e creo nas posibilidades reais do meu Concello”.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación.

MOCIÓN PARA PROMOVER UNHA CAMPAÑA SOBRE A COMPOSTAXE DOMÉSTICA

O noso concelleiro, César Ramos, fai lectura da moción e explica que a compostaxe é moi positiva para os veciños e veciñas e que reduce considerablemente a cantidade de lixo nos fogares, así que a Baña debería continuar con campañas veciñais a favor da compostaxe.

O alcalde confirma que estas propostas tiveron éxito e que se continuará facendo este traballo tanto nos centros educativos como entre a veciñanza e se algún veciño ou veciña quere dispoñer dun composteiro só ten que solicitalo no Concello.

A moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación.

MOCIÓN SOBRE A INCORPORACIÓN DO CONCELLO DA BAÑA Á XUNTA PRO DEVOLUCIÓN DO PAZO DE MEIRÁS

César Ramos expón os motivos da moción e explica:

“Como sabemos que o grupo de goberno da Baña está moi sensibilizado coa reparación destas inxustizas derivadas da época franquista e a represión, xa que así o di a declaración institucional que leu o alcalde en marzo de 2016 (copiada do Concello de Negreira), e tamén a vontade manifesta do alcalde de realizar unha homenaxe aos represaliados e represaliadas da época franquista (antes de que remate esta lexislatura) , ademais de estar solicitando información á deputación da Coruña sobre a retirada da simboloxía fascista que a día de hoxe se atopa en fontes do Concello da Baña”. Propoñemos a adopción dos seguintes acordos:

  1. Aprobar a incorporación do Concello da Baña á Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás.
  2. Apoiar o seguinte manifesto da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás:

O alcalde explica que eles non poden ir en contra de ningunha lei e que os Concellos que apoian esta proposta son na maioría do BNG.

César explícalle que ademais de Concello de moitas cores políticas, tamén se uniu á Xunta PRO Devolución do Pazo de Meirás deputacións e a Universidade da Coruña.

A moción non se aproba polo vota en contra do Partido Popular, CxG e PSOE votan a favor.

ROGOS E PREGUNTAS

– O noso concelleiro en primeiro lugar solicita de novo o cambio de horario dos plenos indicando que as 14:00 horas é a peor hora do día para a celebración dos plenos, de feito tanto Manuel Tourís como Alicia Blanco abandonaron a sesión antes do remate.

– César fai algunhas puntualizacións referentes ás respostas da alcaldía ás preguntas formuladas polo seu grupo no anterior pleno ordinario:

– Con respecto á contestación por escrito sobre ao proxecto da Reitoral de S. Mamede:

“Como comentei, fixéronse varias xestións coas consellerías e, recentemente, enviouse un expediente informativo relativo á reitoral de San Mamede así como reunións persoais para aclarar todas as cuestións administrativas. A semana pasada tamén estivemos o secretario do Concello e o alcalde con xefaturas de servizo para aclarar cuestións sobre o tema e así poder elaborar os correspondentes informes. En definitiva, estase traballando moi directamente coa Administración autonómica”.

Seguimos sen saber nada sobre o proxecto…Podes concretar un pouco máis a resposta? Tomouse algunha decisión? Con quen vos reuníchedes persoalmente? Reuníchedesvos coa asociación Anxiños? está desbotado o proxecto para crear unha vivenda comunitaria?

O alcalde volve dicir que non se fai responsable das publicacións no xornal e que aínda están esperando polos informes da Consellería.

– Na pregunta 16, onde solicitamos, eu creo que co debido respecto e formalmente, que se nos convoque aos membros da Corporación cando haxa algún acto institucional ou a visita dalgunha autoridade… cres normal que se conteste: As invitacións fanse sempre a nivel institucional a diferenza doutros partidos que queren logros a través dun partido político concreto… vedes normal esa resposta? Porque a min sinceramente non me parece unha resposta digna dun alcalde serio nun organismo formal como un pleno da Corporación.

O alcalde di que esa afirmación vai por non ser convidado ao acto do pasado 3 de novembro de “Homenaxe á Unión Barcalesa de la Habana” no seu 110 aniversario. César explica que era un acto público e non se invitou a ninguén, se non asistiu foi porque non quixo, así mesmo César solicita que se trate sempre con respecto nas comunicacións oficiais do Concello.

  • Gustaríanos darlle a noraboa á Axencia de desenvolvemento local pola organización da “Re-volta aos 50” e gustaríanos que se repetise en anos vindeiros. Así mesmo e con relación a este tema queremos preguntar que se fai cos cartos recadados nos postos que puxo o Concello da Baña? Vanse presentar as contas desta actividade?
  • A biblioteca leva 10 días pechada estando en período lectivo, porque non se cubriu o posto ante a ausencia da responsable tal como se nos dixo no pleno de 2 de febreiro de 2017 que se ía facer cando se ausentara a traballadora municipal?
  • No lugar de S. Mamede (no lugar ao pasar a igrexa) hai problemas de que entra auga nas casas os días de chuvia debido a que despois das últimas actuacións realizadas o firme queda máis alto que a entrada. Solicitamos que se trate de buscar unha solución a este problema.
  • O 17 de novembro o presidente Feijoo anunciou unha serie de medidas na loita contra incendios para que as administracións públicas poidan actuar en caso de que o propietario das terras non cumpra a normativa, algunhas xa adiantadas como: que o propietario pague pola extinción do incendio en terreos sen limpar, cortar eucaliptos plantados en zonas prohibidas, expropiar terreos abandonados… o Concello da Baña ten pensado realizar algunha campaña de información ou algo respecto a isto?
  • Fixéronse os últimos meses algunha xestión referente ao aprobado nas mocións sobre o gas radon e os colectores de aceite ou xa non se vai facer nada?
  • Como seguramente saibades a Secretaría Xeral da Emigración na súa páxina web, tivo un erro ao anunciar a exposición “Luces de Alén Mar” e, seguramente por despiste, non creo que teña que ver que a Xunta de Galicia estea gobernada polo mesmo partido que goberna na Baña, confundiuse e puxo que estaba organizada polo “Concello da Baña” cando a organización era a cargo de “Compromiso por Galicia A Baña”, incluso recortaron perfectamente cun editor de imaxe o logo do noso partido e deixaron o do Concello. Sabemos que o Concello da Baña non ten ningún tipo de responsabilidade sobre isto e nós xa adoptamos as medidas legais que consideramos oportunas para que se corrixira isto pero gustaríanos que, polo menos, o Concello da Baña podería informar á Xunta do erro cometido.
  • Gustaríanos saber cando van cobrar os traballadores e traballadoras do Concello o que lle corresponde segundo a sentenza 107/2017 do xulgado do social nº 3. Así mesmo unha vez que se saiban as cantidades que o Concello da Baña ten que abonar solicitamos que se fagan públicas.
  • Fronte ao pavillón de deportes municipal da Baña hai farolas que non funcionan polo que de noite os aledaños do pavillón quedan totalmente a escuras. Solicitamos que se arranxen eses puntos de luz.
  • Despois de Couto Carballo (Ordoeste) falta a sinalización do lugar das “Foxas”, e en Suevos tamén falta a sinalización do lugar da “Cruz”. Solicitamos a petición de veciños deses lugares que se coloquen (parece ser que non están contemplados no proxecto para o subministro de sinais viarios).
  • Pedimos novamente (xa o fixemos varias veces nesta lexislatura) que o Concello faga todo o posible para mellorar os servizos de internet e televisión dos nosos veciños e veciñas, parece que só se teñen en conta as demandas da xente cando teñen repercusión mediática, como pasou na parroquia de Marcelle. Pedimos que se traballe na mellora destes servizos básicos.
  • Seguimos esperando a que o Concello faga as pertinentes xestións sobre a homenaxe a Avelino Pousa Antelo, así como o cambio de denominación no CPI de S. Vicente. O Concello da Baña debería ter vontade de cumprir o acordado pola comunidade educativa no Consello Escolar (incluso a concelleira de cultura votou a favor) e facer cumprir o que o alcalde prometeu en setembro de 2016.

Neste punto o alcalde volve incidir que Indalecio Cabana, xefe territorial de Educación na Coruña, xa lle mandou ao colexio as pertinentes indicacións para cambiar a denominación do colexio e de que ás veces a Consellería pide cousas que non teñen sentido.

  • No pleno ordinario de 28 de setembro de 2016 comentóusenos que se ían cambiar os carteis das rutas de sendeirismo, en concreto o cartel da ruta de Troitosende (adxuntáramos fotos daquela) e a día de hoxe segue exactamente igual, queremos saber se se vai cumprir o prometido hai máis dun ano.

 

O alcalde levanta a sesión ás 15:50 horas.

Moi pronto colgaremos na rede as imaxes de toda asesión plenaria para que a veciñanza poida velas.