Crónica do pleno ordinario de 28 de marzo de 2018

Comeza a sesión ás 14:00 horas coas ausencias de Manuel Tourís (PP) e Margarita Suárez (PSOE) coa seguinte orde do día:

  • Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.
  • Dar conta das Resolucións do Alcalde.
  • Solicitude de apoio á ampliación da oferta educativa no IES “Xulián Magariños” presentada polo seu Director en nome da Comunidade Escolar.
  • Mocións
  • Rogos e preguntas.
FOTO_PLENO2

 

1- Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

O noso concelleiro, César Ramos, neste punto manifesta que:

– Na numeración da convocatoria hai un erro, xa que pasa do punto 3. Ao 6.

– Na PÁXINA 15 hai un erro que dá lugar a que  non teña sentido a oración: “…e o alcalde inform que hai puco que se cambiaron”.

Este punto apróbase co voto a favor de todos os asistentes coas alegacións presentadas or Compromiso por Galicia.

 

2- Dar conta das Resolucións do Alcalde.

O alcalde comunica que as resolucións estiveron sometidas a consulta.

 

3- Solicitude de apoio á ampliación da oferta educativa no IES “Xulián Magariños” presentada polo seu Director en nome da Comunidade Escolar.

O alcalde explica que existe unha petición por parte do IES Xulián Magariños (Negreira), a través do seu director, Adelino Pose Reino, para que o Concello da Baña mostre o seu apoio á ampliación da oferta educativa no IES Xulián Magariños cun Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

O noso concelleiro di o seguinte:

Estamos moi de acordo coa solicitude presentada polo director do IES Xulián Magariños, Adelino Pose Reino, xa que, tanto no Concello da Baña como no de Negreira hai un importante número de veciños e veciñas dependentes, e tal como certifica a traballadora social do Concello, Susana Pazo Meijide, axudaría en gran medida a paliar os dous graves problemas que se atopan na Baña: a falla de persoal cualificado e a falla de saídas laborais da xente moza do noso Concello.

Polo tanto estamos a favor e votaremos favorablemente. Tamén nos gustaría que o Concello da Baña forme, na medida das súas posibilidades persoal nesta materia, a través de obradoiros e cursos de formación, xa que nós non contamos con instituto de FP.

O punto apróbase co voto a favor de toda a Corporación.

 

4- Mocións

Preséntanse tres mocións que se debaten por orde de presentación.

MOCIÓN EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS (CxG)

MONTAXE_PENSIÓNS

César Ramos defende a súa moción e explica o seguinte:

No Concello da Baña segundo o INE existen máis persoas pensionistas que afiliados que cotizantes (1347 pesionistas por 1094 afiliados), a pensión media da Baña é de 633, 99 euros (71 euros menos que o salarios mínimo interprofesional, 268,30 euros menos que a media estatal e 124,50 menos que a media de Galicia. No ano 2010 o goberno do PSOE a través do seu presidente Zapatero conxelou as pensión e posteriormente o PP subiunas de forma ridícula (este último ano as pensións de media no noso Concello subiron só 1,65 euros).

Isto fai que pensemos que moitos dos nosos veciños e veciñas estean baixo a liña da pobreza e sobre todo mulleres debido a precariedade da súa vida laboral e as importantes eivas na cotización.

O goberno central continuamente está a poñer a escusa de que non hai medios para subir as pensións pero en cambio perdóanlle 4.000 millóns de euros ás grandes fortunas, 5.124 millóns de euros á banca no Imposto de sociedades, invirten 6.000 millóns en rescatar autopistas ou 40.000 millóns no rescate á banca, sen contar os 48.000 millóns que se perden pola corrupción na contratación pública. Garantir pensións dignas requiría, segundo expertos, unha inversión de 2300 millóns.

Con todo, pensamos que a administración local é a primeira que se ten que esquecer de cores políticas e poñerse ao servizo dos seus veciños e veciñas e demandar ao goberno central que exista un sistema de pensións digno.

A moción dá lugar a un debate primeiro co PSOE e despois co PP, que presenta unha enmenda á propia moción.

O noso concelleiro di que quere que se vote a moción tal como foi entregada e se se quere que se vote a enmenda por separado, el non vai votar porque necesita tempo para estudala e mirala con detemento para poder emitir un xuízo de valor (recordemos que é o único concelleiro do seu grupo político na Corporación).

A enmenda apróbase co voto favorable de PP e PSOE e a abstención de CxG.

A moción apróbase co voto favorable de toda a Corporación.

MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DO HORARIO DA OFICINA DE CORREOS NA BAÑA (PSOE)

Sobre esta moción, César Ramos, di o seguinte:

Parécenos perfecto que se queira mellorar o servizo de Correos no noso Concello aínda que vémolo complicado xa que Correos está continuamente reducindo ou eliminando as oficinas de Correos que dependen doutra oficina. Véxanse os casos de oficinas como a de Boqueixón, Vedra ou Ponte do Porto. Estamos a favor de que se melloren os servizos do Concello da Baña, por outra banda penso que é obriga do Concello, e polo tanto votaremos a favor de que o Concello reclame unha mellora do servizo postal do Concello.

Unha medida que tamén se podería adoptar no caso de que deneguen a ampliación do horario da oficina de Correos é trasladar os paquetes e certificados de toda a semana que non foron recollidos para a oficina da que depende (Negreira) e poder recollelos a fin de semana (de 9:30 h. a 13:00 h.) como fan noutros Concellos.

Esta moción é aprobada co voto favorable de toda a Corporación.

 

MOCIÓN DA ASOCIACIÓN JUSTICIA SALARIAL PARA LA POLÍCÍA (JUSAPOL)

Isto é o que di o noso concelleiro sobre esta moción

Tratar esta moción parécenos unha ofensa á veciñanza da Baña, xa que é entregada por un organismo de fora do noso Concello (Palencia), e cando dende CxG entregamos mocións antes de ter representación na Corporación Municipal non se tiveron en conta polo pleno, e ningún dos partidos representados tivo vontade de tratalas. Ademais agora tampouco se tratan as mocións entregadas polo BNG que, aínda que non ten representación, sí é un colectivo do noso Concello.

                O grupo de goberno votou en contra das nosas mocións para crear un regulamento de partición municipal e un regulamento orgánico e de funcionamento entón, non nos parece de recibo que agora se trate unha moción dun organismo de Palencia.

                Se queren tratar esta moción sempre a pode entregar calquera dos partidos con representación.

PP e PSOE votan a favor desta moción, entregada por un organismo que non ten representación na Corporación. CxG négase a votar a moción e polo tanto figura como abstención.

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CXG

1- Na pregunta número 1 referente á biblioteca municipal dicides que se leva o diario “La Voz de Galicia” e non sei se tedes información errónea pero iso non é certo. O xornal non se leva á biblioteca e se se leva, non sei onde se coloca porque eu persoalmente nunca o vin e a encargada das instalacións tampouco. Solicitamos que se leve todos os días, unha vez que pecha a Casa do Concello.

2- Na pregunta 2 sobre a seguridade na AC-444 contestades que xa se conseguiu o paso de peóns en Ceilán e en Paredes e a marquesiña de Paredes. Sábese algo máis? Cando van a colocalos. A veciñanza está moi preocupada con este tema que atinxe á súa seguridade.

O alcalde di que está aprobado o de Ceilán pero non o de Marcelle.

3- Na pregunta 3 respecto á proba de “Trail Galaica” non respondedes á nosa pregunta dicides: “o Concello está a preparar eventos deportivos de todo tipo de probas para promover o noso Concello e os valores do deporte”. A pregunta é o motivo polo que este ano non hai na Baña proba da “Trail Galaica”. Gustaríanos saber a resposta.

O alcalde di que non sabe o motivo pero que se estaba mirando a participación nesta competición.

4- Na pregunta nº 14 solicitamos que foran recollidos os electrodomésticos tirados na cuneta no “Reguengo” en Suevos. Contestades que “dende o Concello prestamos o servizo de recollida un día ao mes” pero a día de hoxe a nosa solicitude segue sen terse en conta xa que ese electrodomésticos aínda non foron recollidos. Solicitamos de novo, que sexan recollidos e transportados ao punto limpo.

Jose Andrés García Cardeso di que se está nunha zona privada non se pode retirar. O noso concelleiro incide en que está nunha cuneta e é preciso retiralos.

reguengo_electrodomesticos

5- O 30 de marzo de 2017 presentamos unha pregunta escrita solicitando ao grupo de goberno, con relación á sentenza 00107/2017 do Xulgado do Social nº 3 de Santiago de Compostela que se nos contestara:

  • Cantos traballadores e traballadoras do Concello se ven afectados?
  • Segundo o contido da sentenza qué cantidade se lle ten que aboar aos traballadores e traballadoras do Concello da Baña?

Sabemos que xa se efectuou algún pago pero aínda quedan traballadores e traballadoras sen cobrar o que por xustiza lles pertence. Solicitamos de novo un informe ou un comunicado que responda a estas cuestións formuladas con anterioridade.

6- Despois de revisar a memoria técnica do Proxecto de Modificación Puntual do Camiño de Monelos observamos que ningún dos hórreos existentes aparece declarado como Ben de Interese Cultural (BIC). Aínda que non aparecen recoñecidos no catálogo arqueolóxico do PXOM, segundo a Lei 5/2016 de 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia todos os hórreos construídos antes de 1900 serán considerados como elementos de interese cultural. Podedes afirmar con seguridade que ningún dos hórreos que aparece no proxecto goza da protección propia dun BIC? Na memoria técnica tampouco consta que se chegou a un acordo con ambas propietarios implicados. Non debería constar?

7- Participantes na ruta BTT “Filloa da Pedra” explícannos que existiron importantes deficiencias na proba deportiva: a sinalización non era a correcta ao estar en cor verde non se vían os letreiros e a frecha que indica o camiño, o firme non estaba adecentado axeitadamente (paus atravesados, as rodeiras de camións dificultaban a circulación), a proba comezou tarde por non estar preparada con anterioridade (ás 10:00 h. era a hora de saída e aínda estaban colocando o arco de saída), o “briefing” (charla previa con medidas de seguridade) non foi explicada con detemento e ao non dispoñer de megáfono non se escoitaba, os dorsais non dispoñían dun teléfono de emerxencia en caso de accidente e estaban escritos a bolígrafo polo que aos 5 minutos da proba xa estaban ilexibles), os avituallamentos moi escasos para cobrar inscrición (só auga e plátanos e á chegada os participantes queixáronse que non lles deron nin filloas), o coche escoba non tiña nin bombín, houbo xente que se perdeu debido á mala sinalización e decidiron dar volta e marchar, os trofeos entregáronse moi tarde cando sempre se entregan xusto á chegada, e non se lle deu a publicidade necesaria para este tipo de eventos (só se anotaron 80 persoas, cando estas probas soe asistir máis de 300). Solicitamos que se teñan en conta estas queixas para mellorar na seguinte edición e sexa todo un éxito.

8- A veciñanza de Seoane, coméntannos que o colector de papel, que se atopaba en moi mal estado foi retirado pero non puxeron un novo. Solicitamos que se poñan un novo colector.

9- Tamén en Seoane a veciñanza pregunta se é posible poñer unha marquesiña onde estaciona o autobús que fai a ruta de Muxía – Compostela. Xusto fronte ao cemiterio parroquial, xa que os veciños e veciñas non teñen ningún tipo de abrigo para esperar o autobús.

10- No pleno ordinario do 5 de abril de 2017 como resposta a unha pregunta de CxG no pleno anterior referente á homenaxe aos represaliados da época franquista contestádesnos que nese momento estabades “con outros asuntos prioritarios pero que a homenaxe aos represaliados e represaliadas da época franquista (que demandaba a Asociación Cultural Afonso Eanes) se fará antes de que remate a actual lexislatura”. Tedes xa pensada unha data e como vai ser a devandita homenaxe? Consecuentemente con isto, volvemos incidir, como fixemos anteriormente que é preciso facer cumprir a “lei de memoria histórica” e retirar ou sinalar axeitadamente toda a simboloxía fascista dos espazos públicos do noso Concello.

11- Queremos coñecer como están as xestións relacionadas coa Casa Reitoral de Monte. O Concello dispón xa dos informes solicitados? Chegástedes a algún tipo de acordo coa asociación Anxiños ? tomouse algún tipo de decisión referente a estas instalacións?

O alcalde comenta que non hai ningún tipo de novidade respecto a este tema.

12- O 1 de marzo entregamos unha nova instancia no rexistro do Concello da Baña solicitando que o alcalde da Baña enviara á Consellería de Cultura o devandito informe favorable para que o colexio da Baña levara o nome de Avelino Pousa Antelo,xa que os representantes do alumnado, profesorado, pais/nais e persoal laboral, incluso a representante do Concello, a concelleira de cultura Alicia Blanco tamén votou favorablemente, polo que consideramos que a vontade de toda a comunidade educativa é que o colexio da Baña leve o nome de D. Avelino Pousa Antelo. Esa proposta tamén foi apoiada por escrito por 5 concelleiros ou concelleiras desta corporación, polo BNG e por colectivos barcaleses como a asociación Afonso Eanes ou os Campantes da Baña. Despois de manter unha conversa con Indalecio Cabana o xefe territorial da provincia da Coruña, el maniféstame que non é necesaria ningunha sinatura a maiores (tal como explicaba o señor alcalde), que non sabe en que punto está paralizado o procedemento pero dende logo na Xefatura Territorial non. Tamén me transmite que cando reciba esa documentación por parte do señor alcalde xa manda publicar no DOG o devandito cambio de denominación. A que espera o señor alcalde para emitir un informe favorable, ou se así o considera, desfavorable e rematar xa con este tema?

O alcalde comenta que o noso concelleiro minte e utiliza o teléfono do seu traballo para facer chamadas persoais. César di que todo é certo, que o Xefe Terriotorial lle dixo textualmente esas palabras que di na pregunta e pide a rectificación das palabras do señor alcalde. Explica que el nunca utiliza o teléfono do centro educativo no que traballa para temas persoais, esa chamada fíxoa co seu móbil persoal, e que esas acusacións son moi graves. O alcalde négase a retractarse ata en dúas ocasións.

13- Este mes foron publicadas, tanto na web do Concello da Baña como no de Negreira as bases para a contratación de persoal laboral temporal. Técnico de información, publicidade e formación turística. Nas mesmas bases especifícase que os tres concellos participantes son A Baña, Negreira e Val do Dubra. Unha das funcións especificadas deste posto de traballo é “Información puntual e actualizada do estado do camiño de Fisterra”. Por que non aparece a promoción da ruta do Camiño de Santiago cara Muxía por Brandomil e que pasa pola Baña? Debería ser unha función principal deste posto de traballo e solicitamos que se promocione esta ruta do Camiño de Santiago a través del.

14- No lugar de Vesía existe unha mala canalización e coas chuvias dos últimos días fai que se acumule unha gran cantidade de auga na estrada, co conseguinte perigo de accidente. Solicitamos que se arranxe canto antes para evitar males maiores. Adxuntamos imaxes.

vesia_auga_estrada

15- Solicitamos que dende o Concello da Baña se faga un listado dos exemplares de árbores ou conxunto de árbores, tales como carballeiras ou outro tipo de especies, que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc.) sexan consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental, para que sexan incluídas no “Catálogo galego de árbores senlleiras” (regulado no Decreto DECRETO 10/2015, do 22 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras), para deste modo protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación.

16- O pasado 14 de marzo o Concello da Baña tanto na súa web como nas redes sociais publicou un anuncio dunha oferta de emprego para unha tenda de ultramarinos e bar, especificando que a persoa debería ser “preferentemente muller”. Parécenos un anuncio totalmente sexista e pedimos que o Concello da Baña non volva publicar ningún outro anuncio que diferencie por cuestións de sexo, raza ou calquera outra condición. A administración pública debe loitar para a eliminación deste tipo de estereotipos, non alimentalos a través deste tipo de anuncios.

17- No pasado pleno ordinario aprobouse co voto favorable de toda a Corporación unha moción sobre MOCIÓN SOBRE AS ENFERMIDADES RARAS E A MODIFICACIÓN DO REAL DECRETO 1148/2011. Un dos acordos era: Con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras (ER) que se celebra o 28 de febreiro organizar unha campaña de sensibilización e información sobre esta problemática, que chegue a todos os sectores de poboación, para que os veciños e veciñas da Baña fagan conciencia da importancia destas patoloxías. O día 28 de febreiro non se organizou ningún tipo de campaña nin acto, incumprindo de novo un acordo aprobado en pleno. Queremos saber o motivo.

18- O 26 de febreiro entregamos unha nova instancia no rexistro municipal solicitando que o Concello da Baña reunise as diferentes forzas políticas para organizar un acto conxunto de reivindicación e de honra para todas as mulleres do Concello da Baña conicidindo co Día Mundial da Muller (8 de marzo). Nin se nos contestou, nin se reuniu aos grupos políticos, nin se organizou dende o Concello da Baña ningún acto para conmemorar ese día. Para que existe unha comisión da Muller se nunca se reúne? Solicitamos máis actos reivindicativos e campañas a favor da igualdade e o feminismo, tal como vós mesmos poñedes no programa electoral do PP.

19- O 19 de febreiro tamén entregamos no rexistro municipal unha instancia solicitando que se tomen as medidas oportunas para que se corrixan as deficiencias en varios camiños do noso Concello (Paredes, Señor e S. Salvador en concreto) que estaban en moi mal estado e se teña en conta a lexislación vixente para que estas situacións non se repitan. Este escrito, como sempre, tampouco se nos contestou, volvemos incidir en que os camiños non se poden deixar nese estado xa que ademais de ser intransitables existe un importante perigo de accidente e solicitar que se cumpla a normativa.

20- Queremos transmitir o descontento de varios veciños ou veciñas da Baña polo estado no que se atopa ás veces a Área Recreativa de Chans, coas papeleiras guindadas polo chan durante moitos días. Solicitamos que o lixo destas instalacións debe recollerse con regularidade e facer mantemento tamén no inverno. Adxuntamos fotos.

chans_papaelersa

21-O pasado 21 de febreiro cumpríronse 20 anos do falecemento de Daniel García Ramos (fillo predilecto do Concello da Baña), o 13 de marzo cumpríronse 19 anos do pasamento de José Manuel Pose Antelo, o 14 de marzo cumpríronse 100 anos de que fora concedido á Baña o título de “Villa” e dende o Concello non se fixo ningún tipo de celebración ou homenaxe, nin sequera unha cita na web municipal. Parece que a este grupo de goberno non lle gusta homenaxear aos persoeiros do Concello nin celebrar as datas importantes. Solicitamos dende o noso grupo político que se teña máis en conta poñer en valor e lembrar dalgunha maneira a estes persoeiros importantes da Baña para que sirvan de exemplo e/ou polo menos informar destas efemérides. Consecuentemente con isto, gustaríanos que se homenaxeara a Manuel Pose no vixésimo aniversario do seu pasamento.

22- Solicitamos que dende o Concello se organice un plan de actuación contra a nespra asiática (velutina), informando a veciñanza de medidas para loitar contra esta praga e coordinalas dende o Concello, tal como están facendo outros Concellos.

23- Con respecto aos decretos, queremos saber a que se corresponden os seguintes gastos:

–  Un por importe de 484 euros da empresa “ALICENTIS S.L” en concepto de “Servizos de gabinete de comunicación e xestión de redes sociais durante o mes de decembro de 2017” (2018 334 22799).

– 605 euros para a empresa “Radio Popular, S.A – Cope” en concepto de “Concello de A Baña saluda libro Cope 50 aniversario” (2018 334 22602).

24- Solicitamos que nos envíen por correo electrónico copia do informe técnico sobre a seguridade na AC-556.

 

Sen haber máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 15:40 h.