CRÓNICA DO PLENO ORDINARIO DE 27 DE MAIO DE 2020

A sesión comeza ás 10:00 horas coa asistencia de forma presencial do alcalde, concelleira de cultura, secretario e os concelleiros/as do PP (agás o seu portavoz Andrés García Cardeso que o fai de forma telemática), os concelleiros/as restantes do PSOE e os de de CxG tamén optan pola modalidade telemática.

primer-pleno-telematico-alh-torrePleno telemático celebrado noutro municipio

Cabe destacar que hai semanas CxG solicitou, para dar imaxe de compromiso e respecto polas normas de confinamento nun momento delicado no que o estado de alarma aínda está vixente e o perigo de contaxio é evidente, que esta sesión fora de forma telemática, de igual xeito que se fai en multitude de Concellos e tamén na última comisión informativa celebrada. O señor alcalde optou por esta forma mixta presencial e telemática, tal como se pode apreciar na propia convocatoria do pleno.

convocatoria_pleno_27_maio 1

Imaxes íntegras do pleno publicadas na canle de youtube do Concello da Baña

1-Aprobación das actas anteriores.

Solicitamos aprazar este punto para o seguinte pleno ordinario xa que as actas foron remitidas con menos de 24 horas sen tempo material para revisalas.

2- Aprobación da participación do Concello da Baña no POS + ADICIONAL 2/2020 para financiamento de gastos extraordinarios derivados do COVID-19

Expoñemos a continuación a intervención do portavoz de CxG A Baña, César Ramos:

Antes de nada en nome de CxG queríamos unirnos ás mostras de agradecemento a todo o persoal esencial que prestou servizos durante este período de confinamento, persoal sanitario, persoal de axuda no fogar, servizos sociais, voluntariado e persoal de seguridade pública, ademais dar un sentido pésame  a todas as familias e amizades das vítimas desta terrible pandemia e dar azos a toda a cidadanía en xeral para que continúe respectando as normas establecidas para saír canto antes desta situación.

Vou explicar un pouco todo o que pasou durante estes dous meses e pico dende que foi decretado o estado de alarma para que se comprenda a realidade desta Corporación e a nosa postura política.

O 16 de marzo manteño unha conversa telefónica co señor alcalde na cal lle explico que dende CxG imos respectar o traballo do grupo de goberno e imos deixar de “facer política” durante a fase de confinamento, ademais ofrecemos a nosa colaboración para todo o que fora necesario. Creo que é o correcto dada a gravidade da situación. Eu se estivera no grupo de goberno agradecería esa condescendencia dos grupos da oposición.

Perderon vostedes unha boa oportunidade para traballar de forma conxunta coa oposición.

Así mesmo dende CxG fixemos pública esta situación a través das redes sociais.O señor alcalde coméntanos que vai crear un grupo de Watshapp con todos os concelleiros e concelleiras para que esteamos informados/as de primeira man e adoptar as decisións oportunas en consenso (algo que pode ser unha boa ferramenta se se utiliza de forma idónea). Pero observamos que nese grupo de watshapp a información é escasa, simplemente informaba o señor alcalde sempre do mesmo e cando lle cadraba (creo que ninguén máis do grupo de goberno informa nada sobre as súas áreas de traballo), incomodándose polas preguntas que facemos dende a oposición, sen tomar ningún tipo de decisión conxunta e ademais o señor Pereira utiliza este grupo, de forma incomprensible e absurda para increpar e “vacilar” á oposición. Eu abandonei ese grupo pero a conversa está aí e dende CxG damos todos os permisos para que o grupo de goberno o faga público e a xente vexa de primeira man a forma de proceder do señor alcalde e a súa capacidade de liderazgo e de xestión de grupos.

Ensínenlle vostedes a conversa dese grupo a todos os afiliados e afiliadas do PSOE para que vexan o trato do señor alcalde cara os concelleiros de CxG que lle fixeron conseguir o que non foron quen en 24 anos.

Perderon vostedes, concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, unha boa oportunidade de traballar coa oposición de forma conxunta cunha soa meta común: a loita contra este virus.

Dende CxG cumprimos o prometido e non fixemos ningún tipo de crítica nin declaración pública mentres durou o confinamento, incluso cando víamos que o grupo de goberno, por exemplo, repartía ovos entre a veciñanza sen ningún tipo de medida sanitaria ou nin cando vemos imaxes absurdas do señor alcalde na furgoneta municipal amosando unha falta de responsabilidade total e de respecto pola normas nesta situación tan complicada.

Solicitamos unha reunión telemática e esta reunión incomprensiblemente tardou máis de 15 días en celebrarse. Nesa reunión telemática, sorprendentemente o señor alcalde culpa á oposición de non interesarse e que somos nós os que debemos solicitar información ao grupo de goberno. Surrealista!

O señor alcalde manifesta que non vai informar de nada a CxG salvo que necesite o seu voto a favor.

O día 18 deste mes tivemos a primeira reunión presencial cos portavoces, e o señor alcalde ao pedirlle as oportunas explicacións por todo o sucedido di, sen ningún tipo de rubor, que non vai informar a CxG de nada a non ser que sexa un punto do pleno que necesite o noso voto a favor. Olé!

E así foi, no momento que o PSOE necesita o voto de CxG para aprobar un punto no pleno é cando nos envía un “miniinforme” indicando que é necesario votar a favor para que o grupo de goberno teña a maior cantidade de gasto corrente para dese xeito poder contar con liquidez para facer o que queiran, cando queiran e como queiran sen contar coa oposición e poder seguir imaxinando de forma ilóxica, irrespetuosa e pouco intelixente (permítanme que o diga) que contan con maioría na Corporación.

Para vostedes sería mellor que CxG non fixera nada e aplaudira a súa deficiente xestión pero Compromiso non ten concelleiros para simplemente votar nos plenos.

Claro que para vostedes é mellor que se lle dea toda a cantidade para que fagan o que queiran.  Incluso tamén sería mellor para vostedes que CxG votara sempre a favor todo  o que digan e tamén que esteamos caladiños, non facer moito ruído e a poder ser que aplaudamos as rectificacións, meteduras de zoca, mentiras e faltas de respecto desta alcaldía.

Eu, de verdade, que non sei o que é para vostedes, os membros do grupo de goberno, ser un concelleiro da oposición. É posible que vostedes, despois de estar 24 anos seguidos na oposición, nuns poucos meses xa se lles esqueza o que é ser un concelleiro/a da oposición. Pero nin eu, nin o meu compañeiro David Gontán somos concelleiros para simplemente votar nos plenos as decisións que adopta de forma unilateral este alcalde, e decatarnos de todos os movementos do Concello polo que nos contan veciños e veciñas. Non conte con nós para iso.

Polo tanto despois de tomar unha decisión consensuada con toda a familia de CxG decidimos entregar unha serie de medidas para facer fronte a esta realidade actual. Penso que son lóxicas e positivas para a cidadanía e pido, como sempre, que se se quere o noso apoio nos informe de forma axeitada e se teña máis respecto cara a nosa formación política xa que formamos parte desta Corporación, de igual xeito que vostedes grazas ao voto dos veciños e veciñas.

DESCARGAR MEDIDAS PROPOSTAS POR CxG

Respecto a este primeiro punto evidentemente estamos a favor e imos votar favorablemente da achega provincial para os gastos derivados do COVID-19 dun total de  39.284,26 €.

O punto é aprobado co voto a favor de toda a Corporación.

 

3- Aprobación da participación do Concello da Baña no POS + ADICIONAL 1/2020 para financiamento de gastos extraordinarios derivados do COVID-19

Fan vostedes alusión na súa argumentación ao suplemento de crédito de 255.000 euros para financiar gasto corrente aprobado no 2019. Eu quero lembrar que ese suplemento de crédito non se realizou co voto a favor do noso grupo. É certo que esta situación actual era difícil de predicir pero, se cadra, habería que ser daquela máis previsor e con máis cabeza e non facer todo de golpe nada máis chegar á alcaldía.

A nosa postura xa se pode deducir da nosa proposta. Queremos que deixe gasto corrente e tamén que se investimentos financeiramente sostibles. Das 8 actuacións correspondentes ao Plan complementario do POS 2020 escollemos as 3 máis necesarias para realizar mentres que o restante queremos reservalo para gasto corrente.

O señor secretario na súa intervención dixo textualemente aos concelleiros/as da oposición “tede coidado!” Algo inadmisible e que dende o noso punto de vista non se lle pode permitir a ningún secretario. O secretario municipal debe ser imparcial e non pode influír no voto dos concelleiros e concelleiras. Dende CxG queremos informar que actuamos sempre e en todo momento con responsabilidade nas nosas accións que sempre son adoptadas en grupo. Os concelleiros de CxG votaran sepre en total liberdade e sen coaccións de ningún tipo.

Destinar o POS + Adicional 2/2020 para investimentos financeiramente sostibles xa aprobados en sesión plenaria no Plan Complementario ao POS + 2020: Pavimentación V.P. Faílde-Suevos-Faxín (36.244,38 euros), Pavimentación V.P. Gosende-A Carballeira (36.780,81 euros) e Pav Señor Buchaín (31.895,19 euros), 104.920,38 euros. Deixando a contía restante (42.395,59 euros) para gasto corrente.

Tivemos en sesión plenaria que eliminar a nosa proposta, xa que en contra da nosa vontade, o señor secretario argumentaba que non era un proceder aceptado pola lei, así que CxG eliminou do pleno a súa proposta, votou en contra da proposta inicial do PSOE e a favor da emenda do PP que incluía a nosa proposta inicial, que finalmente foi probada.

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

  1. Na documentación que me enviachedes o domingo pasado e que solicitáramos no último pleno celebrado o 4 de marzo non sabemos se está incompleta. Respecto ao festival de entroido aparecen 302,50 euros da discoteca móbil, 150 do Bar Fortuna, 249,50 euros de Grúas Labandeira, 1423,53 do aluguer da nave de S. Mamede e 3750 en premios. Non hai ningún gasto a maiores? Non se subvencionou o transporte das carrozas? A carpa do evento? Ninguén máis solicitou a subvención para as carrozas?

 

  1. Respecto ao aluguer da nave de S. Mamede por un importe de 1423,53 euros para que un colectivo da Baña fixera a súa carroza de entroido, é dicir 371 euros ao mes polo aluguer dun inmoble de 70 metros cadrados. Ese local alugado ten aseos? Parécelle unha boa xestión? Parécelle tamén unha boa xestión facer este acordo con este colectivo concreto antes de publicar estas axudas para todos os colectivos interesados? Se o festival de entroido da Baña é o domingo de Piñata (normalmente e se non hai aprazamentos é o último festival do ano) e este celebrouse o 29 de febreiro, cal é o motivo polo que o contrato de aluguer ten como data de finalización o 1 de maio? Por que motivo se alugou dous meses máis e se gastaron das arcas municipais 742 euros a maiores.

 

  1. Xa que a información transmitida polo grupo de goberno durante estes meses de confinamento foi practicamente inexistente, solicitamos un informe de todas as actuacións realizadas por esta entidade local dende que se decretou o estado de alarma: criterios para a entrega de máscaras protectoras, axuda a domicilio, reparto de alimentos e tarefas escolares, facturas, persoal que realizou traballos, horarios dos traballadores e traballadoras, etc.

 

  1. Na información que nos mandaches non aparece o proxecto do parque medioambiental asinado polo arquitecto do proxecto onde di textualmente: que o parque infantil que se executou non corresponde co parque medioambiental descrito na memoria. O que enviades é un informe do técnico municipal. Solicitamos copia do informe realizado polo arquitecto do proxecto: o señor Ricardo Manuel Salgado.

 

  1. O principios do mes de marzo sufrimos a enésima falta de respecto do señor alcalde cara a oposición e un indicativo máis da descoordinación deste grupo de goberno. En comisión informativa o señor alcalde preguntounos aos grupos da oposición se nos parecía ben pasar os actos do 8 M Día Internacional da Muller para o xoves 5 xa que como coincidía na fin de semana había moitos veciños e veciñas que estaban fóra. Os grupos aceptamos e uns días despois o Concello da Baña anuncia un acto de conmemoración do 8 M o propio día 8 ás 19.00 h. da tarde e sen ningún tipo de comunicación previa ao noso grupo. Parécelle unha forma seria de actuar? Cal é o motivo polo que se cambiou a decisión da Corporación? Por que non se nos informou previamente deste cambio?

 

  1. Solicítannos que pidamos no pleno que instalen en Tedelle un colector de residuo orgánico de maior capacidade xa que o que hai está sempre cheo e a veciñanza está a depositar o lixo no chan. En Tedelle subindo antes da entrada principal do CPI de S. Vicente.

 

  1. Solicitamos, na medida do posible e tendo en conta a problemática na que nos atopamos actualmente, que se limpen debidamente as beirarrúas da capital de S. Vicente e se acondicionen as cunetas que están cheas de maleza.

 

  1. Coméntannos veciños e veciñas da Castiñeira (parroquia de S. Vicente) que os días de mal tempo sofren moitas baixadas do tendido eléctrico e solicítanos que dende o goberno municipal tomen as medidas oportunas e subsanen esta problemática.

 

  1. Debido ao estado de alarma decretado e este período de confinamento moita xente tivo que optar polo teletraballo e as novas tecnoloxías gozaron dun importante protagonismo quedando en evidencia a mala conexión a internet que existe no noso Concello. Incluso na propia casa consistorial tivemos problemas para realizar unha simple videoconferencia. Igual que xa preguntamos noutra ocasión gustaríanos saber se este goberno municipal realizou algún tipo de xestión ao respecto para a mellora da nosa conexión a internet. Gustaríanos que dende o Concello se fixera unha reclamación colectiva ás empresas de telecomunicación polo deficiente servizo de internet.
  2. Pode explicar que sucedeu cunha solicitude do BNG da Baña para que o Concello puxera ao servizo dos veciños/as un modelo de declaración responsable para atender cultivos de autoconsumo que se denegou nun primeiro momento pero uns días despois rectificouse e publicouse o pertinente modelo?

 

  1. Solicitamos que se revise a actuación realizada en Ordoeste no lugar de Rial xa que fomos visitar o estado final da actuación e cremos que non quedou de forma axeitada.

 

  1. O 27 de marzo o Concello da Baña publicou no web do Concello que “Aínda que as persoas usuarias non pagarán os recibos da segunda quincena de marzo, e mentres dure o estado de alarma, o Concello da Baña decidiu pagarlles íntegro o mes de marzo ás empresas e autónomos que imparten estas actividades, como medida para contribuír ao mantemento de pequenas empresas e autónomos”. Deron algún tipo de instrución ou esixiron algún tipo de requisito a estas empresas? Por exemplo que certificaran que os seus empregados ían cobrar esas mensualiades. Moitas veces en empresas deste tipo os empregados/as traballan por horas e durante o estado de alarma aínda que cobren os xerentes eles non o fan.

 

 

  1. – Os concelleiros de CxG A Baña, tanto David Gontán coma eu, nalgunha ocasión en sesión plenaria, comisión informativa ou similar, opuxémonos a realizar unha actuación de mellora na estrada que vai cara Trasbarcala xusto ao lado do tanatorio de Seoane (Redemuiños)? Eu aseguro que nin falamos dese proxecto no que levamos de lexislatura e nin sequera durante os 5 anos que levamos con representación na Corporación. Pode confirmar que isto é certo?
  2. En último lugar quería pedir ao grupo de goberno que reconsidere a súa forma de traballar, xa que non se pode levar a cabo unha xestión tan desatrosa e coa actitude do señor alcalde cara a oposición. Aínda se esta a tempo de reconducir a situación.