Crónica do pleno ordinario do 1 de agosto do 2017.

A sesión comeza  10 minutos tarde polo retraso dos concelleiros do PP:  Roberto Rial e Manuel Tourís, este último unha vez que son tratadas as mocións de Compromiso por Galicia e PSOE abandona a sesión.

A orde do día foi a seguinte:

1.- Dar conta das Resolucións do Alcalde

2.- Mocións

3.- Rogos e Preguntas

MOCIÓN DE CXG POLA DEFENSA DA BIODIVERSIDADE FRONTE Á EUCALIPTIZACIÓN

O noso concelleiro César Ramos, fai un resumo da propia moción indicando que a administración local debe ser o primeiro organismo encargado de abordar os problemas da veciñanza.

– Non queremos eliminar os eucaliptos do noso Concello, nin moito menos, sabemos que é o eucalipto é unha fonte de ingresos para moitos veciños e veciñas, pero queremos que se faga unha restructuración das plantacións e facer cumprir a normativa de Montes.

– O problema das plantacións de eucalipto é moi grave en Galicia, como ben dicía un político no parlamento galego: “dentro de pouco van saír eucaliptos ata nas macetas das casas” e hai que tentar por todos os medios evitar unha desgraza como a que ocorreu o pasado mes de xuño en Portugal.

– É mellor adoptar unha serie de medidas urxentes que despois ter que lamentar accidentes, como se suele dicir: “os incendios apáganse durante todo o ano non só en verán”.

– Moitos Concellos galegos xa solicitaron ao Ministerio de Medio ambiente a inclusión do eucalipto no Catálogo de Especies Exóticas e Invasoras para que se adopten unha serie de medidas de control sobre esta especie e moitos outros, de diferentes cores políticas, optaron por declarar o Concello “libre de eucaliptos” (Sober ou Pantón), nós non queremos que o Concello da Baña sexa tan restritivo coas plantacións de eucaliptos pero si que se manteña un control e unhas medidas de seguridade (tal como explica o científico Francisco Díaz-Fierros autor do mapa de Capacidade Produtiva de Galicia).

 Compromiso por Galicia e PSOE votan a favor desta moción mentres que os concelleiros e concelleiras do PP  votan en contra, polo tanto a moción non se aproba.

 

MOCIÓN DO PSOE SOBRE A CONSTRUCCIÓN E CANALIZACIÓN DE MINAS DE AUGA VECIÑAIS

Respecto a esta moción presentada polo PSOE, César Ramos di o seguinte:

Estamos de acordo en que o Concello ten que asegurar que todas as construcións do municipio teñan acceso a subministro de auga, incluso vivendas de recente creación, de feito no anterior pleno ordinario xa solicitamos que se resolvera este problema na parroquia de S. Cibrán e colaboramos cos Servizos Sociais para resolver problemas de particulares co abastecemento de auga.

Descoñecemos se é necesario creación dunha ordenanza que esixa a creación de minas en todas as parroquias, ou modificar a ordenanza sobre o “Regulamento do servizo municipal do abastecemento de auga”. Imos votar a favor e gustaríanos que o Concello, previamente, faga un estudo indicando as parroquias onde sería necesario a construción de minas e garanta o reparto de auga a todos os veciños e veciñas tamén (a moción do PSOE só mencionaba aos veciños), de todo o municipio.

A moción non é aprobada polo voto en contra do PP, COMPROMISO e PSOE votan a favor.

ROGOS E PREGUNTAS

En negriña van as contestacións que o alcalde quixo contestar nesta sesión, as demais serán contestadas no seguinte pleno ordinario. Esta foi a batería de preguntas que presentou o noso concelleiro:

1.- Primeiro queremos facer unha alusión á Reitoral de S. Mamede: non entendemos a finalidade da publicación no Facebook oficial do Concello nin a nota de prensa enviada aos medios, xa que había un compromiso por parte da alcaldía de adoptar unha decisión co consenso da Corporación. Que finalidade ten enviar esa información, tres días antes da celebración do pleno ordinario? Gustaríanos que o alcalde, xa que a palabra dimisión non figura no dicionario de determinados partidos, que asuma as súas responsabilidades e que o proxecto da Reitoral de S. Mamede foi un auténtico desastre na xestión.

O alcalde comenta que el non foi o que fixo a publicación e o noso concelleiro coméntalle que aínda que non fora el si que é o responsable da súa publicación.

2.- Xa que o alcalde di non ter responsabilidade nas publicacións do Facebook oficial do Concello da Baña queremos saber qué persoa é a encargada de xestionar esa rede social.

3.- Volvemos solicitar que as preguntas do anterior pleno, a ser posible se nos entreguen con maior antelación para poder preparar o pleno con máis tempo.

O alcalde indica que o noso concelleiro non coñece a súa posición na Corporación e que se as envía un día antes xa é para facerlle un favor a Compromiso.

4.- Con respecto ás preguntas do anterior pleno ordinario queremos que nos aclaredes a pregunta nº 4 sobre a numeración das vivendas na que respondedes: A empresa que fixo o traballo de San Vicenzo e San Mamede tamén estiveron facendo o traballo de campo das outras parroquias. Pero nunha reunión que mantivemos, solicitamos que nos propuxeran ou presentaran os traballos das parroquias que sexan máis fáciles para adiantar o traballo.

Que se vai facer e cando?

O alcalde indica que se esa empresa non quere facer o traballo e que van pedir os servizos doutra para que o faga.

5.- Queremos saber qué problema hai co alumeado público de S. Vicente que moitas non funciona e a vila queda completamente a escuras. O 1 de xullo que se celebrou a XVI edición da Festa Rachada non había ningún punto en toda a vila. Solicitamos a petición dos veciños e veciñas que se solucione este problema canto antes.

6.- Con respecto á sentenza do xulgado do Social nº 3 que obriga ao Concello a pagar a antigüidade aos traballadores municipais queremos saber cando se lles vai pagar, cal é a cantidade que lles debe e de qué forma se van xustificar esas cantidade. Solicitamos que se nos informe sobre como está este tema e que se actúe con celeridade.

O alcalde explica que esa partida ten que ser incorporada aos presupostos, e que hai cordialidade total cos traballadores e traballadoras. César recórdalle que tamén dicía que había cordialidade co sindicato CSIF respecto a este tema e ao final publicaron na prensa críticas á labor do rexedor e que  o Concello non facilitaba para nada o seu traballo.

7.- O cruce no Quinteiro cara a parroquia de Suevos volve a ter mala visibilidade, xa o ano pasado se nos comentou que se ía solucionar o problema e a día de hoxe volve estar así. Solicitamos que se solucione este problema canto antes para evitar posibles accidentes.

8.- Queremos saber como está o tema da homenaxe a Pousa Antelo, tanto de nomealo “fillo predilecto”como o cambio de denominación ao CPI de S.Vicente, unha vez que a comunidade educativa votou por unanimidade o cambio de denominación do mesmo. Pedimos novamente que o grupo de goberno actúe con celeridade e non poña impedimentos para que se cumpra o acordado no consello escolar.

O alcalde comentou que o que lle entregaron dende o colexio foi unha folla de libreta cos acordos e que deben entregar unha acta formal. Que se o noso concelleiro quere que chame ao colexio para comunicalo.

9.- Hai mocións que presentamos ao longo da lexislatura e foron aprobadas en sesión plenaria que aínda non foron cumpridos os seus acordos. Lembramos que os puntos das mocións aprobadas en pleno deben ser cumpridos, así pois, é de obrigado cumprimento a instalación de colectores de aceite en cada parroquia e facer unha campaña informativa sobre a reciclaxe (aprobado en xullo do 2016), medición dos niveis de gas radón nos espazos públicos do Concello e unha campaña informativa sobre este gas, así como adquirir desfibriladores (DESA) e que se celebren os pertinentes cursos de formación prometidos polo grupo de goberno (puntos aprobados no pleno de xaneiro deste mesmo ano). Se o grupo de goberno non ten vontade de poñer en práctica as iniciativas propostas polo noso grupo político é mellor que se voten e contra, unha vez que están aprobadas son de obrigado cumprimento.

O alcalde comenta que os colectores pedíronselle á Fundación Amigos de Galicia pero que xa hai meses que non saben nada do tema e con respecto aos desfibriladores que nos vindeiros días van chegar dous.

10.- Solicitamos que o Concello faga as xestións oportunas para que pinten a estrada que vai de Lañas a Cabanas xa que en varios tramos as liñas son totalmente imperceptibles.

IMG_20170727_132738774

11.- O colector de papel que esta situado ao lado da lavandería municipal está en moi mal estado, solicitamos que se arranxe ou se cambie.

contenedor_papel_oxidado

12.- As árbores que están na rúa Xacinto Rodríguez dificultan o paso polas beirarrúas, pedimos que se corten as polas debidamente para facilitar que a xente circule polas mesmas. Así mesmo, no peno de novembro do ano pasado solicitamos que se limparan as beirarrúas xa que están cheas de herbas que dan mala estética ás mesmas, volvemos pedir que se limpen axeitadamente.

IMG_20170802_132412050

 

IMG_20170802_132420099

13 .- A biblioteca municipal perdeu varias subvencións por non ter os libros rexistrados no proxecto MEIGA, xa hai máis dun ano que solicitamos que a Concellaría de Cultura se ocupara disto. Queremos saber se os libros xa están rexistrados en MEIGA e de non ser así volvemos pedir que se faga con urxencia para non perder de novo unha importante subvención para a mellora da nosa biblioteca.

O alcalde comenta que non se perdeu a subvención por iso e César remítese a un pleno anterior onde a concelleira de cultura asegurou que fora por ese motivo e pediu que, canto antes, rexistren os libros na aplicación MEIGA para non volver a perder unha importante subvención.

14.- A Xunta de Galicia anunciou que este ano o Concello da Baña non contará con ningún obradoiro de emprego de carácter xeral nin de garantía xuvenil. Cal é o motivo?

O alcalde di que é responsabilidade do Concello de Negreira, Val do Dubra e Santa Comba que non entregaron a documentación pertinente, o Concello da Baña entregouna pero como era unha petición conxunta foi denegado.

15.- En setembro de 2016 a alcaldía respondendo a una pregunta formulada por CxG no pleno comentounos que ían tentar actualizar a páxina web do Concello “canto antes”, o certo é que  a día de hoxe continúa desactualizada, con seccións en construcción, o listado de asociacións sen actualizar (continúa nalgunha a figurar como responsable persoas que faleceron hai case 10 anos), as fotos da corporación que primeiro nos solicitaron e despois que nos fixeron seguen sen publicarse, etc… lembramos que a actualización da web é importante para ter á veciñanza informada e queremos saber se se vai actualizar algún día ou xa queda así definitivamente.

16.- Gustaríanos saber se o Concello fixo algo ou ten pensado realizar algún proxecto para mellorar a conexión a internet nas diferentes parroquias do Concello, xa que o servizo é moi deficiente en comparación con concellos limítrofes.

O Concello di que é unha empresa a que leva iso (Llega 800).

  1. Segundo comentan no Centro Médico da Baña non hai servizo de pediatría por vacacións ata o 17 deste mes. En varias sesións plenarias anteriormente xa se falou deste tema e pedimos que o Concello solicite á Consellería de Sanidade que se envíe un pediatra substituto para que non se interrompa este servizo no verán.

O alcalde explica que é debido ás vacacións do persoal. César explícalle que no último que se debe recortar é en educación e sanidade ao que o alcalde lle resposta que entón el debería estar traballando no colexio e non de vacacións.