Crónica do pleno extraordinario do 22 de febreiro do 2017.

Este mércores celebrouse no salón de plenos unha sesión extraordinaria para aprobar o Plan Único do Concellos POS+ 2017 e os proxectos de investimentos 2017.

O alcalde comentou que estaban eses proxectos para aprobar e aproveitaba a ocasión para aprobar outros que se van facer a medida que vaian aprobando na Deputación os remanentes (pavimentacion en Corneira, de Vilacova a Val do Dubra e na estrada que vai dende Duomes á estrada de Lañas polo lugar que lle chaman Furatoxo).

Os proxectos aprobados foron os seguintes:

ACHEGA PROVINCIAL 2016 :

– Humanización no núcleo de Señor.

– P.V.P. rúa do Cabildo (Marcelle)

-Adecentamento da fonte dos Lagos (O Barro).

PRÉSTAMO PROVINCIAL 2017 :

– Humanización da rúa Castiñeira.

– P. V. P. Cabanas-Límite do Concello con Val do Dubra.

– Prolongación colectores e conexión a EDAR de Barcala (Xanín)

INVESTIMENTOS FINANCEIRAMENTE SOSTIBLES

– P. V. P. Barro-AC 444 (A Baña)

– P. V. P. Vilar da Torre – Vilar de Suso

– P. V. P. Outeiro (Marcelle)

– Eficiencia enerxética en instalación de alumeado público en Nantón

César Ramos puntualizou que algunhas das propostas que fixera Compromiso están contempladas neste Plan, como o arranxo da Fonte dos lagos, no Barro, ou a mellora no núcleo de Señor, pero non aparecen outras que si se comentara q se ían meter nalgún  plan como a senda peonil ata o campo de fútbol de Cartas, o arranxo da estrada que vai do Castro a Mundrís, en Lañas, ou facer unha zona de ocio ou exercicio fisico no Barro, que segue sendo a única parroquia da Baña sen un espazo para practicar deporte.

Do mesmo xeito citou algo importantísimo que non se contempla nos plans, que é a creacion dun salón de actos, estando só o da Casa da Cultura, con únicamente 40 asentos, e que debido a pouca capacidade non se pode realizar unha actividade con grande asistencia, como pasou coa estrea do traballo “Facendo Escola”, que tivo que estrearse en Negreira.

Tamén comentou, igual que na comision informativa, que o proxecto de crear unha senda peonil na Castiñeira debería continuarse ata a igrexa do Castro, xa que é unha estrada perigosa pola cantidade de vehículos e viandantes que soporta, sen marxes suficientes para ter unha seguridade óptima para os peóns.

Compromiso, por todo o comentado, abstívose nas dúas votacións. PP e PSOE votaron a favor.