CRONICA DO PLENO EXTRAORDINARIO DE 29 DE XUÑO DE 2019 CONSTITUCIÓN DO CONCELLO

IMG_20190629_094858087César Ramos e David Gontán no primeiro pleno da lexislatura

A sesión empeza puntual ás 10.00 horas coa asistencia de toda a Corporación, coa seguinte orde do día:

Screenshot_20190626-163225~2

1.- Aprobación da acta constitutiva do 15 de xuño de 2019.

O concelleiro, César Ramos, informa de que existen varios erros: apelido de Ana Paramos “Cebey”, o nome da concelleira do PSOE “María Rosa Ramos” e no apartado de “Toma de posesión do alcalde” hai un erro xa que di textualmente “as obrigas do Concello de Carnota” e debe dicir “Concello da Baña”.

2.- Coñecer polo Pleno a composición dos grupos políticos e os seus voceiros.

O secretario fai lectura da composición dos tres grupos políticos e os seus voceiros: PSOE, PP e CxG.

3.- Establecer a periodicidade das sesións plenarias.

Parécenos incomprensible que o PSOE nunha xuntanza cos concelleiros de CxG (hai tres días) nos transmita que teñen intención de que os plenos sexan con carácter trimestral e no pleno propoñan con carácter bimestral sen informarnos dese cambio con antelación. César Ramos di o seguinte:

“Igual que manifestamos no pleno de constitución da anterior lexislatura,tal como recolle a acta do 7 de xullo de 2015, dende CxG solicitamos que a periodicidade dos plenos sexa mensual, debido á multitude de asuntos a tratar. Con esta periodicidade o grupo de goberno podería contestar as cuestións formuladas polos grupos da oposición con maior rapidez e melloraría o grao de fiscalización do labor municipal. Nese mesmo pleno que mencionei, e tal como recolle  a acta o señor JOSÉ ANTONIO PEREIRA, dicía que estaba de acordo que a periodicidade fora mensual, non sabemos a que se debe ese cambio de parecer e agora querer poñer os plenos cada TRES meses. Dende CxG votaremos en contra dunha decisión distinta a celebrar os plenos de forma mensual”.

O señor alcalde dicide, xa que logo, cambiar a periodicidade dos plenos e vótase a opción de que sexan con carácter mensual.

 Todos os presentes votan a favor.

4.- Acordo que proceda sobre constitución da Xunta de Goberno Local.

César Ramos expón o seguinte:

“Nos Concellos de menos  de 5000 habitantes segundo a lei de bases non é obrigatoria a súa  existencia. Dende CxG propoñemos que non se constitúa este organismo xa que non é necesario e as competencia da Xunta de Goberno poden ser asumidas polo Pleno e a alcaldía. Se o grupo de goberno considera que debe constituírse, dende CxG solicitamos que estea integrada por concelleiros dos tres grupos políticos con representación. Imos votar en contra de calquera outra proposta”.

IMG-20190629-WA0004O novo grupo de goberno no primeiro pleno da lexislatura

“Se me impide falar no primeiro pleno e nun goberno en minoría, mal empezamos”

Neste punto o señor alcalde quítalle a palabra e non deixa puntualizar a súa intervención ao noso concelleiro por asegurar que o punto xa está aclarado. O noso concelleiro di referente a isto: “Se me impide falar nun goberno en minoría, mal empezamos”.

Sométese a votación e os concelleiros e concelleiras do PSOE votan a favor mentres que PP e CxG votan en contra.

5.- Dar conta do nomeamento dos membros da Xunta de Goberno Local.

Este punto elimínase ao non ser aprobado o anterior punto.

6.- Dar conta do nomeamento dos tenentes de alcalde.

O PSOE designa aos seus tenentes de alcalde: 1º Jesús Manuel Pena Varela, 2ª Mónica González e 3ª Ana Paramos.

7.- Determinación da composición da Comisión Especial de Contas.

Entendemos que esta Comisión debido á súa importancia debe estar formada por máis concelleiros e concelleiras, non só por un representante de cada partido.

Este punto xa que non se chega a un acordo con todos os grupos políticos deciden post poñelo para antes do vindeiro pleno chegar a un consenso.

8.- Constitución da Xunta de Portavoces.

Segundo o señor alcalde esta será un novo organismo que será convocado de forma esporádica para tentar chegar a acordos antes dos plenos. César  Ramos respecto a isto di o seguinte:

“Parécenos innecesaria, non sabemos que utilidade pode ter unha xunta de portavoces previa aos plenos municipais, tendo comisións informativas. Parécenos un gasto innecesario, xa que é difícil que se chegue a un acordo previo antes do pleno,e aínda así o acordo non gozaría de ningún tipo de validez. Se o señor alcalde tivera actitude negociadora, de crear diálogo, de consensuar opinións tería certa validez pero coa actitude deste grupo de goberno cremos inútil a constitución desta Xunta de Portavoces. Dende CxG imos a absternos na votación pero queremos que conste en acta que nos parece un organismo inútil e innecesario”.

“Parécenos unha falta de respecto poñerse a falar co secretario na miña intervención, mostre respecto e escoite as nosas palabras”.

Mentres César Ramos está a explicar este punto o señor alcalde mostrando unha falta de respecto evidente, ponse a falar co secretario. O noso concelleiro, César Ramos, di o seguinte: “Parécenos unha falta de respecto non escoitarnos. Pido por respecto, non só a nós senón a toda a xente que está no salón de plenos que, polo menos, mostre respecto e escoite as nosas palabras”.

O punto non é aprobado polo voto en contra do PP e a abstención d CxG.

9.- Nomear representantes nos órganos colexiados de competencia do Pleno.

César Ramos manifesta que non entende o motivo polo que para a Mancomunidade do Tambre se escolle un portavoz de cada grupo e por exemplo para a Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala, por exemplo, dous portavoces do PSOE e expresa que tamén debería formar parte un portavoz de cada partido.

10.- Determinación dos cargos con dedicación exclusiva ou parcial e retribucións.

Dende CxG estamos realmente sorprendidos coa proposta do PSOE. Resulta que o gasto total bruto deste executivo pretenden que sexa maior que o do anterior executivo. Cando vostedes mesmos foron os que criticaron lexislatura tras lexislatura o salario do anterior alcalde.

“No 2015 consideraba que os salarios dos concelleiros eran excesivos e desproporcionados en relación cos salarios dos traballadores e agora quere que o seu executivo cobre máis aínda”.

“Vou ler textualmente o que dicía vostede no 2015: “o voceiro do grupo socialista, D. José Antonio Pereira, considera excesivos os salarios (40.000 euros do alcalde e 12.000 da concelleira de cultura), tendo en conta a situación socioeconómica do municipio da Baña e o que perciben moitos empregados; así mesmo parécelle desproporcionado en comparación co que perciben outros rexedores de grandes municipios” E agora 4 anos despois quere cobrar máis que o anterior executivo. Tendo en conta, tamén que en entrevistas na radio menciona con rotundidade que o alcalde da Baña non pode cobrar 40.000 euros e vostede só propón unha redución do 7,5 % con respecto aos 40.000 euros que cobraba o anterior alcalde a comezo da lexislatura (214 euros brutos ao mes). E a outra dedicación parcial, a da concelleira de cultura, quérea pasar de 12.000 euros do anterior executivo a 17.000 euros, é dicir incrementala case un 42%. Non entendemos o motivo desta suba. Eu non sei se e unha broma ou se vostede non asimila a realidade que está a vivir. Que o PSOE está gobernando en minoría e que son un partido SOCIALISTA, o “s” das siglas do seu partido ten un significado”.

“Ven aquí a rirse?, de que se ri?”.

“Vou dicir o mesmo que dixen no 2015 respecto ao salario do alcalde e o que levo dicindo en toda esta última campaña electoral: ser alcalde non é unha profesión (ninguén pode estudar unha carreira para ser alcalde), é un cargo. Vostede cobra unha cantidade de cartos porque ao realizar os labores propios da alcaldía non ten tempo para desenvolver a súa profesión. Evidentemente ten que cobrar e ter un salario digno, eu non vou dicir o contrario. Eu descoñezo cal é a súa profesión e a cantidade que cobra por desenvolver o seu traballo. O seu salario como alcalde debe ser acorde ao da súa profesión, incluso cun 5 ou 10 por cento mais por ser un cargo de responsabilidade, sempre e cando non exceda algo lóxico tendo en conta todo o mencionado polo seu grupo político e a realidade propia do Concello da Baña. Dende CxG por suposto imos votar en contra destas dedicacións propostas por ser ilóxico e por parecernos unha fata de respecto total á veciñanza da Baña. No caso de non aprobarse este punto, nos vindeiros días entregaremos unha proposta para que sexa valorada e votada no vindeiro pleno”. Mentres o noso concelleiro, César Ramos, está dicindo estas palabras o señor alcalde rise, acto seguido, o noso concelleiro di textualmente: “Ven aquí a rirse? De que se ri?, Xa antes chameille a atención por non atender á miña explicación e agora estase rindo”.

O punto non se aproba polos votos en contra de PP e CxG.

11.- Determinación dos gastos de representación, axudas de custo e indemnizacións.

“Consideramos aceptable continuar coa cantidade de 75 para asistencia a órganos colexiados. Estamos de acordo en que os concelleiros con dedicación non cobren por asistir a reunións do que chamades “organismos externos” (colexio, escola de Lañas, GDR, etc). No caso de que a actividade política municipal requira unha reunión externa ao municipio esta debe estar debidamente xustificada, fiscalizada e controlada para poder cobrar as dietas e quilometraxe. CxG vai votar en contra este punto e no caso de non aprobarse, entregaremos unha proposta por escrito para ser votada no seguinte pleno”.

O punto non se aproba polos votos en contra de PP e CxG.

E non habendo máis asuntos que tratar levántase a sesión sendo as 11:15 h.