Crónica do pleno extraordinario e urxente do 13 de outubro do 2017.

Hoxe ás 10:00 h. deu comezado a sesión coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras agás Margarita Suárez Otero (PSOE) e durou escasos 10 minutos. O pleno non se puido celebrar no salón de actos da Casa do Concello (como marcaba a convocatoria) debido ás obras das instalacións municipais, e celebrouse no Centro Social dos Maiores da capital do Concello. A orde do día foi a seguinte:

 

convocatoria e documentación pleno extraordinario e urxente-1

O alcalde explicou que a convocatoria de urxencia se debía a que o día 15 de outubro remata o prazo para facer os trámites informáticos da Conta Xeral 2016 e que como é festivo (domingo) o último día laborable é hoxe.

O “Pronunciamento do Pleno sobre a urxencia da sesión” foi aprobado co voto favorable dos seis edís do PP e a abstención dos tres edís do PSOE e o concelleiro de Compromiso.

Interviu o concelleiro de Compromiso por Galicia preguntando qué “problema material” existiu para que non se puidera publicar nas datas previstas a Conta Xeral 2016 no Boletín Oficial da Provincia, xa que no BOP de 18 de setembro de 2017 di textualmente: “A causa dun erro material non se produciu a correspondente publicación nas datas previstas, polo que se procede a publicalo pola vía de urxencia” O alcalde comenta que foi un erro, xa que foi publicado o orzamento pero non a Conta Xeral.

Así mesmo, o concelleiro de Compromiso por Galicia, César Ramos, comenta que, aínda entendendo as causas explicadas polo alcalde, gustaríalle que  en anos vindeiros se programara mellor todo o procedemento e que non se teñan que aprobar as contas o último día de prazo, a primeira hora da mañá, nun pleno extraordinario de carácter urxente  un venres despois de día festivo.

O portavoz do PSOE non quixo intervir, polo que se pasou a votar o segundo punto da orde do día que foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do PP e a abstención dos edís da oposición.

A sesión remata ás 10:12 horas.