Crónica do pleno do 30 de novembro do 2016

A sesión plenaria dá comezo ás 14:00 horas coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras á excepción do concelleiro do grupo de goberno Manuel Tourís.

A única moción que se presenta é a de Compromiso por Galicia

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA RUTA POSXACOBEA CARA MUXÍA

A moción é aprobada co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras presentes. O alcalde ofrece toda a colaboración do Concello da Baña para entre todos os concellos implicados tentar levar esta iniciativa adiante. Así mesmo facilitará o acceso á información tanto a Compromiso por Galicia como ás asociacións que comezaron esta iniciativa.

ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

1.- Ofrecer a colaboración da entidade local na recollida de información relativa ao Concello da Baña para a documentación histórica desta ruta posxacobea.

2.- Poñer os medios persoais e materiais do Concello para o recoñecemento, promoción e posta en valor desta ruta.

3.- Colaborar na medida do posible na consecución deste proxecto que pode ser importante para o desenvolvemento turístico do Concello da Baña.

RESPOSTA ÁS PREGUNTAS DE COMPROMISO POR GALICIA DO ANTERIOR PLENO

1) En primeiro lugar gustaríame facer algunha aclaración sobre a sesión plenaria extraordinaria de 12 de agosto que non asistín.

No transcurso do pleno cando se fala de plantación de labradíos e de eucaliptos unha concelleira dixo textualmente:  “suborno a non sei quen e a plantación vai para arriba, iso está pasando”(…) “hai favoritismos”, dando a entender que existen tratos de favor e subornos no Concello. Gustaríanos que a alcaldía explicase se realmente existe isto ou que desminta esas palabras para a tranquilidade da veciñanza, así mesmo queremos solicitar que se alguén ve indicios de este tipo de “actividades delictivas” que as poña en coñecemento das autoridades antes de mencionalo nun organismo oficial como unha sesión plenaria.

O alcalde comentou que desmintía totalmente e que esas cousas delictivas non entran na súa cabeza e está en contra.

2) No Quinteiro no cruce cara a Choupana en Suevos no pasado mes de agosto houbo un accidente de tráfico debido á mala visibilización por haber unha árbore e prantas que dificultan a visibilidade. Cremos que se trata dunha propiedade privada, pedimos que se fale co propietario ou propietaria para mellorar a visibilidade nese cruce e evitar futuros accidentes.

Xa se falou cos propietarios e van tentar eliminar a árbore para mellorar a visibilidade.

3) No pleno de 27 de xaneiro de 2016 solicitamos a petición de varios veciños que se arranxara a ponte de Aguillóns, e contestóusenos por parte da alcaldía, tal como consta na acta nº 3, que se estaba pendente do permiso por parte de Augas de Galicia e Patrimonio. Unha vez que xa están realizadas as obras por parte da cuadrilla municipal solicitamos que se nos mostre os permisos pertinentes de Augas de Galicia e Patrimonio.

O alcalde comenta que se fixo unha actuación que non é necesario pedir permiso a Patrimonio nin a Augas de Galicia (noutra sesión plenaria el mesmo comentara que estaban esperando esa documentación).

4) Os campamentos deportivos que estaban programados para este pasado verán ao final non se realizaron, ao parecer porque houbo poucos nenos ou nenas anotados. Pedimos que os cartos que non se gastaron nesta actividade que sexan investidos nalgunha actividade lúdica para nenos e nenas que compense que este ano non tiveran campamentos. Por exemplo algunha excursión ou actividade no medio natural.

Vaise ter en conta e farase unha actividade parecida.

5) Queremos saber se hai algunha actividade organizada ou actuación concreta na rectoral de San Mamede unha vez que xa rematou a actividade que se estaba a realizar, así mesmo solicitamos que os aparatos do ximnasio biosaudable da propia rectoral que sexan trasladados para outro lugar para que a veciñanza teña acceso a eles, xa que o portal de acceso aos mesmos atópase soldado.

Na rectoral de S. Mamede estase facendo prácticas dentro do plan integral de emprego e ao mesmo tempo están cunha petición da Fundación Amancio Ortega para algo pioneiro. Están pendentes de que especifiquen esa actividade. Os aparatos do ximnasio biosaudable serán recolocados noutro espazo (nós propoñemos que o leven á parroquia do Barro, xa que é a única parroquia que non ten espazo acondicionado para actividades deportivas.

6) A veciñanza de San Mamede está descontenta co grupo de goberno polas actuacións realizadas no PAI, xa que a construción do  parque infantil está en terreo propiedade da veciñanza e no seu momento, segundo eles, non se lles comunicou nada, pedimos que se hai algún documento asinado pola veciñanza que dera permiso a esa construción que se nos envíe unha copia para trasladarlla aos veciños e veciñas, así mesmo solicitamos que antes de realizar as melloras neste mesmo espazo se lle comunique previamente á asociación de veciños da parroquia. Relacionado con isto pedimos que, xa que este espazo é dos veciños e veciñas. Que o portalón do campo estea aberto para que a veciñanza poida acceder a el.

A veciñanza de S. Mamede estivo sempre informada en todo momento de todas as actuacións, incluso limitaron o campo agora mesmo vaise facer unha actividade que non afecta para nada ao terreo. O portalón se algunha vez está cerrado hai que pedir a chave na casa de enfrente.

7) Como están os trámites dos colectores de aceite aprobados por moción no anterior pleno ordinario? Solicitamos que se mellore o servizo de recollida do lixo, xa que veciños e veciñas da parroquia de Cabanas, Troitosende, San Mamede e S. Vicente (Señor) nos comunicaron que a cotío os colectores están cheos e teñen que depositar o lixo fóra. Pedimos tamén que se valore a posibilidade de poñer colectores de recollida de pilas ou cds.

O alcalde informa de que acaban de facer unha xestión coa Fundación Amigos de Galicia e poñerán un colector de recollida de aceite en cada parroquia, e que se está tentando mellorar o servizo de recollida de lixo (incrementar a frecuencia de recollida e limpar os colectores) os colectores de pilas e cds non se poden poñer porque non poden estar ao aire libre.

8) Despois de manter unha xuntanza coa directora do CPI de S. Vicente solicitamos que se arranxen canto antes as tellas que quedaron sen cambiar (foron cambiadas parte delas) canto antes para evitar que coa chegada do mal tempo  provoque algún accidente. Tamén solicitamos, se é posible, mandar algún membro da Brigada Municipal un ou dous días ao mes concretos ( por exemplo o primeiro luns de cada mes, ou martes…) para que realicen pequenas amaños rutineiros que dese xeito non demorara tanto o seu arranxo. Solicitamos que se cambie o colector de papel e cartón xa que está completamente enferruxado e non pode estar así nun espazo de xogo infantil e que, se é posible, coloquen debidamente o aro da canastra do campo de atrás que leva anos sen el. Así mesmo pedimos que, en canto se poida, cando convoquen algunha subvención, se arranxen as ventás antigas que quedan sen cambiar.

Está en comunicación permanente co colexio e tentaranse facer esas actuacións que solicitamos.

9) Nas inmediacións das mámoas da Tarroeira (S. Cibrán) está todo cheo de escombros e lixo, pedimos que en canto se poida se pase a recollelo.

É unha escombrera ilegal máis e o alcalde asegura que é xente de fóra do Concello da Baña. O noso concelleiro pide que se busque unha solución a isto porque o Concello da Baña ao non ter Garda Civil nin Policía é difícil vixiar este problema.

10) Solicitamos que as indicacións para evitar lumes nos montes do Concello se envíen á veciñanza nos meses anteriores a época de verán, non en setembro como se fixo este ano.

A concelleira de cultura comenta que aínda que recoñece que non se enviou na data idónea, así esas indicacións xa valen para o ano seguinte. César pide que se envíen con antelación par informar debidamente á veciñanza.

11) Na estrada de Fiopáns a Troitosende debido ás primeiras choivas a estrada cubriuse de terra que coas futuras choivas pode converterse en barro e ocasionar algún accidente de tráfico. Pedimos que se vaia limpar para minimizar os riscos.

Caeu a terra e xa se recolleu, ademais o alcalde anuncia que se vai tentar arranxar e mellorar o muíño da Calexa.

12) Na estrada de Castro de Lañas a Mundrís está chea de fochancas que dificulta moito a circulacióin de vehículos, pedimos que se teña en conta para realizar algún tipo de mellora.

Farase unha actuación tendo en conta a nosa petición meténdoa nun plan.

13) A pista deportiva anexa ao punto limpo de Lañas a cotío está chea de escombros que a xente deposita, solicitamos que se sitúe un cartel ou indicación que mencione que está prohibido depositar lixo nese terreo.

O alcalde menciona que ese é un mal endémico, e moitas veces está cheo de escombros (seguirán así, xa que non ofrece ningunha solución).

14) O cartel da entrada ao lugar de Valiña (Lañas) está torto a piques de caer, solicitamos que se recoloque debidamente.

Xa esté recolocado.

15) Solicitamos que se limpen ou se arranxen os espellos colocados nas estradas do Barro e Cantalarrana, e que se supervise os das demais parroquias xa que é necesario manter unha limpeza axeitada dos mesmos para que a visibilidade sexa boa e se minimicen os riscos de accidente.

Van limpar e o alcalde confirma que se van revisar en todas as parroquias.

16) Con respecto á Escola de Música, solicitamos que os horarios das clases non se solapen con outras actividades deportivas municipais para que os nenos e nenas poidan apuntarse a varias actividades. Así mesmo, solicitamos que o festival de nadal que creo que está programado para o  luns 19 de decembro pola noite se baralle a posibilidade de acordar cos pais e nais outra data ou outra hora xa que os nenos e nenas teñen clase ao día seguinte e dificultaría a asistencia tanto de participantes como de espectadores.

Os pais/nais e persoal docente escollerán unha data en consenso. A concelleira de cultura explica que tentarán que non remate moi tarde.

17) Hai algún problema co alumeado de S. Vicente? Xa que leva varios días totalmente a escuras.

Xa está arranxado, o alcalde explica que o apagón debeuse a que fronte á oficina de Abanca había un cable en mal estado.

 

PREGUNTAS DE COMPROMISO POR GALICIA QUE SERÁN CONTESTADAS NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO

1) As beirarrúas de S. Vicente que se puxeron en agosto de 2014 presentan en varias zonas herbas que dan mala estética ademais de poden provocar algunha caída, pedimos que se utilice algún herbicida de forma sistemática tal como se dixo nun pleno anterior.

2) Queremos felicitar ao grupo de goberno e ao concelleiro de deportes pola celebración o pasado 16 de outubro da proba de Trail, volvemos a incidir en que consideramos que estas probas deportivas a priori son positivas para a promoción de hábitos saudables ademais de promocionar o nome do noso Concello e podedes contar ca nosa colaboración. Queremos volver a solicitar que en vindeiras probas deste tipo se tente de igual forma que comecen e rematen na praza do Concello para dinamizar na medida do posible a hostalaría da capital.

3) En Lañas no cruce cara o lugar de Mundrís os letreiros a ambos lados da estrada están practicamente ilexibles polo que solicitamos que se cambien, o mesmo ocorre na estrada que vai de Faílde a Paramos no cruce cara Marcelle o letreiro está caído e na mesma estrada no cruce cara Cabanas.

letreiro-marcelle-barro-lanas

4) Con respecto á excursión do 5 ao 9 de novembro que organizou o Concello queremos manifestar que estamos moi de acordo con estas actividades e ogallá se realicen moitas máis deste tipo pero queremos coñecer cómo é o financiamento e a forma de pago da mesma e se credes necesaria a creación dunha ordenanza municipal que regule estas actividades. Non cremos que sexa moi legal pagalas directamente en man na casa do Concello.

5) Volvemos a transmitir as queixas da veciñanza tanto no Barro como en Suevos sobre o servizo de recollida de lixo, xa que a cotío os colectores están cheos e teñen que deixar as bolsas de lixo fóra. Porque no lugar de Campo no Barro non se recolle o lixo coa mesma frecuencia que no resto da parroquia? Consecuentemente con isto solicitamos que sexan reemprazados os colectores de Francos e do campo da festa do Barro que están sen tapa.

6) O pasado de 5 de outubro faleceu Antonio Martínez que foi presidente na S.D A Baña durante máis de trinta anos dende a súa fundación en 1978 e que traballou para crear e despois manter o equipo de fútbol na Baña e gustaríanos que o Concello da Baña valorara facer unha homenaxe póstuma debido á súa importante labor na Baña. A nós gustaríanos que o campo de fútbol da Baña levara o seu nome, e solicitamos que o grupo de goberno valore facerlle unha homenaxe.

7) Solicitamos que sexan remprazadas as bandeiras da fachada da Casa Consistorial xa que están todas estragadas e dando unha mala imaxe.

8) Porque non se iniciaron aínda os trámites para facer fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo, tal como anunciou o señor alcalde no pasado pleno ordinario? Solicitamos que se inicien coa maior brevidade posible.

9) A páxina web do Concello continúa sen actualizarse, xa vai máis dun ano dende que se cambiou e aínda segue en construción, con faltas de ortografía e desactualizada, pedimos que se arranxe con urxencia, xa que o Concello ao non existir redes sociais, nin servizo de alertas e os taboleiros de anuncios das parroquias a maioría non se utilizan faise indispensable ter unha web municipal actualizada.

10) Solicitamos que se faga algunha actuación na parcela do Barro que lle chaman da “masa común” onde se ía construír o campo de fútbol e a día de hoxe segue sendo utilizada de escombrera ilegal, xa que o Barro é a única parroquia que non conta cun espazo para realizar actividade física ou zona de ocio infantil (Adxuntamos referencia catastral).

11) Vaise executar a obra correspondente ao  plan complementario do POS de 2015?  SE non é así solicitamos que se inclúa nalgún plan deste ano.

12) Queremos saber cómo está conectado o saneamento da rectoral de S. Mamede, xa que segundo nos transmitiu a veciñanza ao conectarse dá malos olores a veciños da mesma parroquia.

13) Solicitamos que se arranxe o camiño da fonte dos Lagos do Barro que está intransitable e que se canalice debidamente a fonte para que non bote auga ao camiño (adxuntamos fotos).

fonte-dos-lagos

14) Gustaríanos saber se se pode facer algún tipo de actuación no camiño cara o monte en Suevos, na estrada que vai dende Francos a Liñares, o que lle chaman “da Roza” que está totalmente intransitable.

15) O 8 de novembro membros da nosa agrupación asistimos á inauguración no IES Xulián Magariños da exposición  “Luces de Alén Mar” sobre as escolas de americanos en Galicia, exposición na que aparecen imaxes das escolas creadas polos emigrantes americanos no noso Concello e falando con Vicente Peña Saavedra, comisario desta exposición, ofrecéusenos a trasladar esta exposición á Casa de Cultura da Baña, edificio que foi construído pola emigración. Solicitamos á concellaría de Cultura que valore esta opción e que  se poña en contacto con eles.

16) Solicitamos que se busque unha solución á casa abandonada ao lado  da fonte do Barro entre a estrada do Sino e a que vai a S. Vicente (adxuntamos referencia catastral e fotos), que está totalmente “a monte” e os veciños e veciñas quéixanse de que continuamente traslada ás súas propiedades malos olores, insectos, roedores, etc.

casa-abandonada-barro

17) Solicitamos que o Concello da Baña, atendendo á oferta que fixo a Xunta de Galicia a principios de outubro a través da conselleira de Infrastruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, do servizo de transporte público baixo demanda, solicite unha nova liña de transporte público e participe nesta iniciativa novidosa que pode mellorar notablemente o servizo de transporte no rural.

18) Este ano vaise facer a revista municipal? Solicitamos, novamente, que se realice contando coa participación dos grupos políticos.

19) A biblioteca este mes estivo cerrada varios días en pleno curso escolar, por qué non se cubriu a baixa da encargada deste servizo tal como solicitamos?

20) Por que non se fixo un grupo e alumnos/as de 3 e 4 anos na Escola de música? E de clases de guitarra?

21) A obra que realizaron no local da área recreativa de Chans ao instalar a estufa de pellets pensamos que non está executada de forma correcta, xa que a saída de fumes ten que estar á altura do tellado e os codos non se poden golpear. Pedimos que antes de pagar as facturas das actuacións se supervisen debidamente e solicitamos corrixir estas deficiencias para evitar problemas maiores.

estufa-pellets-2estufa-pellets

22) O pavillón de deportes de Lañas é utilizado pola veciñanza con moi pouca frecuencia, gustaríanos que se barallase a opción de facer algún tipo de actuación nel e na pista deportiva anexa para aproveitar esas instalacións e darlle algún tipo de utilidade. Como xa comentara  o concelleiro de deportes noutra sesión.