CRÓNICA DO PLENO DE 20 DE NOVEMBRO DE 2019 CxG CUMPRE O PROMETIDO

Video da sesión plenaria completa colgada polo Concello da Baña

A sesión comeza puntual coa asistencia de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal.

1.- Aprobación, se procede, da acta da sesión do Pleno do Concello que tivo lugar o 30/10/2019.

                Dende CxG indicamos que as actas que se están enviando inclúen o enderezo electrónico e dirección de mail antigas, debemos promocionar o dominio .gal

Todos os concelleiros e concelleiras votan a favor deste punto.

2.- Aprobación, se proceder, do réxime retributivo da alcaldía e 2ª tenencia de alcaldía.

Tal como anunciamos no anterior pleno, se o alcalde propoñía a cantidade de 30.000 euros íamos a votar a favor, xa que foi un acordo adoptado en asemblea (na de setembro para ser máis concretos).

DECIDIMOS VOTAR A FAVOR E NON SOLICITAR NINGUNHA EMENDA DA PROPOSTA DA ALCALDÍA PARA QUE POIDAN COBRAR CON CARÁCTER RETROACTIVO

Con respecto a que este salario teña validez a partir do día da toma de posesión do alcalde (e non a partir de hoxe), tema tratado na comisión informativa, é un tema confuso, xa que hai exemplos de ambos os dous casos en varios Concellos galegos. Algún deles tiveron que acudir á vía xudicial É dicir, que o alcalde e 2ª tenencia de alcaldía cobren a partir de hoxe ou ben con carácter retroactivo dende xullo. Dende CxG na mesma asemblea que citei anteriormente tamén decidimos, e así o fixen saber na Comisión Informativa, que por ética deberían cobrar as remuneracións dende que tomaron posesión, tal como consta na proposta da alcaldía.

Polo tanto, dende CxG, non imos presentar ningunha emenda á proposta da alcaldía e imos votar a favor este punto.

CxG e PSOE votan a favor neste punto e o PP vota en contra.

IMG_20191120_194945651David Gontán e César Ramos momentos antes do pleno

4.-  Aprobación da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana.

É un aforro sensible no recibo do lixo por cumprir as esixencias de SOGAMA e imos votar a favor.

Todos os concelleiros e concelleiras votan a favor deste punto.

5.- Aprobación da modificación da Ordenanza que regula as plantacións e as cortas de árbores.

César Ramos explica o seguinte: Estamos de acordo en que é necesario reforzar esta ordenanza para regular as talas de árbores no noso Concello e que as empresas madeireiras deixen os nosos camiños forestais no mellor estado. Xa o reivindicamos en varios plenos da anterior lexislatura e polo tanto imos votar a favor. Ademais esiximos que o grupo de goberno faga cumprir devandita ordenanza.

Todos os concelleiros e concelleiras votan a favor deste punto.

6.- Aprobación da modificación da Ordenanza que regula o uso e xestión das áreas recreativas do Concello da Baña.

O PSOE QUERÍA OBRIGAR A COBRAR POLO ALUGUER DA ÁREA RECREATIVA DE CHANS.

Isto foi o que explicou César Ramos neste punto:

Respecto a esta ordenanza e como xa comunicamos na Comisión Informativa do pasado luns, non estamos de acordo que se cobre polo aluguer das áreas recreativas do noso Concello. É algo que leva funcionando ben e pensamos que debe continuar tendo carácter gratuíto. De feito este tema xa se debateu no pleno de xullo de 2013.

Si que estamos a favor de que para alugar a Área Recreativa de Chans haxa que deixar 50 euros de fianza, por se hai algún tipo de desperfecto. Que a persoa que faga a reserva teña que asinar un documento comprometéndose a deixar as instalacións nas mesmas condicións de limpeza.

Propoñemos tamén que a ordenanza regule que se faga unha lista de espera, xa que moita xente reserva as instalacións e despois non colle as chaves impedíndolle que as instalacións sexan reservadas por outra persoa. Se non se collen as chaves e non se avisa que non se devolva a fianza, se se avisa coa antelación suficiente (48 horas) que se devolvan os 50 euros e a reserva pase para a seguinte persoa.

Solicitamos tamén a modificación do Artigo 6, que di: O horario de uso das áreas será de 09.00 a 24.00 horas. Excepcionalmente e tras a resolución da Alcaldía poderase usar en horario distinto ao descrito, sempre e cando se xustifique o interese xeral para a dita modificación.

Por un horario de 9.00 a 2.00 da mañá. Excepcionalmente e tras a resolución da Alcaldía poderase usar en horario distinto ao descrito, previa petición.

Deste xeito non será necesario que para ampliar o horario se xustifique “o carácter xeral”

Todos os concelleiros e concelleiras votan a favor deste punto e aceptan as modificacións propostas por CxG.

7.- Aprobación do expediente de contratación 2019/C003/000010: renovación das instalacións de alumeado público coa finalidade de reducir as emisións C02 á atmosfera no termo municipal da Baña.

                Todos os concelleiros e concelleiras votan a favor deste punto.

8.- Aprobación provisional do Plan de sectorización do solo rústico apto para urbanizar SRAU-2.

Solicitamos o aprazamento deste punto para o vindeiro pleno para poder dispoñer de máis información, tendo en conta que recibimos esta información con moi pouca antelación e sen tempo real para poder estudar o que se  vai votar, solicitamos, así mesmo, unha mellor programación do traballo do equipo de goberno.

Este punto será tratado no vindeiro pleno extraordinario.

 

ROGOS E PREGUNTAS DE CxG

Aspectos que solicitamos explicacións respecto as respostas do anterior pleno:

– Anunciamos que non imos volver autorizar adiantar un pleno sen xustificación previa, salvo enfermidade, causa de forza maior ou por urxencia de aprobar algún punto. O equipo de goberno debe ser serio e ter unha programación, xa celebramos un pleno cada 30 días.

–  Imos facer unha proposta para a revista municipal, entregarémola nos vindeiros días.

– Volvemos solicitar que nas vindeiras carreiras que organice o Concello se dea sempre unha camiseta serigrafiada para promocionar o Concello e fomentar a participación de vindeiras edicións.

O ALCALDE NON PODE UTILIZAR A CONTA DE FACEBOOK OFICIAL COMO SE FORA A SÚA PARTICULAR. O CONCELLO DA BAÑA SOMOS TODOS E TODAS, NON SÓ QUEN VOSTEDE QUEIRA

– Respecto á pregunta do anterior pleno sobre o Facebook volvemos solicitar máis seriedade e obxectividade. O alcalde non pode contestar como se fora o seu Facebook particular, expresións como: “dende o Concello traballamos a reo”, “lamentamos que te sintas dese xeito” a través da conta oficial do Concello.

– Volvemos solicitar, igual que no pleno anterior, que se publique na web e no Facebook do Concello un anuncio para ofrecer a publicación de ofertas laborais. Ou teñen permiso todos e todas ou ninguén.

– Volvemos preguntar se o Concello vai participar no proxecto de Accesibilidade nos Concellos Galegos da Federación de Autismo de Galicia, que non se nos respondeu no anterior pleno.

O GRUPO DE GOBERNO NON CUMPLE NIN AS SÚAS REIVINDICACIÓNS DE CANDO ESTABAN NA OPOSICIÓN

  1. Volvemos a solicitar que nos entreguen as respostas ás nosas preguntas con maior antelación. Foi unha reclamación constante deste grupo de goberno cando estaba na oposición e tamén nosa na anterior lexislatura. A acta do anterior pleno e as respostas ás nosas preguntas recibímolas onte, con menos de 24 horas de antelación. Solicitamos así mesmo, máis detemento e extensión nas súas respostas.
IMG-20190715-WA0032
Corporación Municipal nun pleno anterior
  1. Nos últimos meses estamos recibindo numerosas queixas por problemas coa recepción do sinal de TV e perda de cobertura móbil en diferentes parroquias. Trasladamos esas queixas ao Pleno. Onte decatámonos pola prensa que o Concello vai facer unha inversión de 9.000 euros para solucionar este problema. Queremos saber en que consiste a avaría ou deficiencia e gustaríanos saber en qué consisten as melloras que vai facer o grupo de goberno.
  2. Solicitamos as explicacións oportunas ao Concello da Baña referentes á celebración do Trail. Coméntannos que o Concello utilizou unha parcela de titularidade privada para que aparcaran os coches sen pedir ningún tipo de permiso ou autorización ao propietario. É certo? De ser certo, solicitamos máis seriedade ao grupo de goberno. Os permisos deben estar sempre por escrito por se sucede algún accidente.
  3. Solicitamos explicacións sobre a suspensión da excursión cultural organizada polo Concello para a ponte da Constitución do día 5 de decembro. O propio cartel da actividade indica que se abre o prazo de inscrición o día 4 pero só 4 días despois (o 8 de decembro) anuncian que se suspende por “non acadar un grupo mínimo de persoas interesadas en participar”. Pensaban que se ía apuntar toda a xente só en 4 días? Cal é o motivo polo que non se dá máis tempo para que a veciñanza se anote?
20191208_Excursion_Pais_VascoCartel da excursión que abre o prazo de inscrición o día 4 e o día 8 suspéndese por non cubrir prazas
  1. Queremos coñecer qué sucede coas clases de pilates para adultos? Recibimos varias queixas de que se cambiou a monitora e que se modificou a temática da mesma sen informar previamente, causando queixas dos veciños e veciñas. Pedimos explicacións.
  2. No pleno do pasado mes, o alcalde comunicou que se reunira co presidente da Deputación xunto coa “concelleira de relacións institucionais”. Miramos na páxina web municipal e non atopamos nada respecto ás concellarías e ao traballo que desenvolven. Solicitamos con vías de mellorar a transparencia, que fagan público o reparto de concellarías e as áreas de traballo que desenvolve cada concelleiro/a.
  3. Continuamos enterándonos pola prensa dos movementos que fai este grupo de goberno. Máis información por parte do Concello era un tema que solicitaba constantemente o PSOE cando estaba na oposición. Como é que agora que están no goberno continuamos decatándonos da actualidade pola prensa?
  4. Que finalidade ten que o Concello publique unha actividade de formación da “Plataforma Subtel para asociacións” organizada pola Deputación onde non concreta nin a data, nin a hora, nin o lugar de celebración. Quen se vai anotar así?

APARECEN NOS DECRETOS FACTURAS DE FERRETERÍAS DE NEGREIRA, SANTA COMBA E SANTIAGO CANDO O PSOE O CRITICABA CONTINUAMENTE NA ANTERIOR LEXISLATURA. É MOI TÍPICO DESTE GOBERNO: FAI O QUE DIGO PERO NON O QUE FAGO.

  1. Nos decretos facturas dunha ferretería de Negreira e outra factura dun negocio de Santa Comba. Vostede falaba de promocionar o “comercio local”. Xa preguntaramos polos patrocinadores do Trail que non había ningún do Concello da Baña. No pleno de xaneiro de 2019 vostede criticou que o Concello mercara produtos industriais nunha empresa de Negreira ou cando se mercou o avituallamento da andaina a Muxía. Por que non se está cumprindo o que se solicitaba con anterioridade?
  2. Con respecto ao proxecto de Duomes de arriba a Ceilán. Queremos saber se existe algún tipo de expropiación se xa se falou cos veciños e veciñas, se se mantén o proxecto ou sufriu algún tipo de cambio. Recomendamos ao grupo de goberno que antes de iniciar calquera proxecto se reúna cos veciños e veciñas para explicalo, para informar de prazos e contar coa súa opinión. Vanse cortar uns carballos centenarios? Lembramos que a riqueza paisaxística dun Concello non se mide por quilómetros de asfalto.
carballo centenarioCarballos centenarios que di o alcalde que se deben talar
  1. O Concello da Baña segue sen contar con desfibriladores (a excepción do CPI de S. Vicente que conseguiu un a comunidade educativa). En xaneiro de 2017 (hai case tres anos) dende CxG defendemos unha moción que finalmente foi aprobada para adquirir desfibriladores DESA e dar a formación axeitada a traballadores/as municipais e á cidadanía. Volvemos solicitar que se cumpran estes acordos.
  2. Cal é a postura do grupo de goberno respecto ao parque eólico de Troitomil? En Santa Comba hai uns días organizouse unha mobilización en contra do parque eólico de Santa Comba na que participaron os dous partidos do grupo de goberno xalleiros. Que pensa o grupo de goberno da Baña? Segue pensando o señor alcalde como dicía meses atrás nunha charla cando estaba na oposición que hai que crear unha “pequena plataforma para ir ao Concello reclamar”?
  3. Solicitamos que se publiquen na web municipal os resultados electorais das pasadas Eleccións Xerais por mesas. Hai moitos veciños/as que os están solicitando e con miras de informar de forma transparente á veciñanza solicitamos que sexan publicados.