Crónica do cuarto pleno ordinario

Comezaba o pleno ás 14:00 h, outra vez a unha hora difícil para que os veciños e veciñas puidesen asistir. A pesar do compromiso do señor alcalde de cambiar a hora de celebración, cedendo á nosa reiterada petición, o pleno celebrouse á hora habitual. Ao longo da sesión plenaria José Andrés explicou que non se puido modificar a hora de celebración debido a que actualmente no Concello hai un secretario substituto da persoa titular que está de baixa.

1º Aprobación das actas

2º Dar conta dos decretos da alcaldía

O alcalde limitouse a dicir que estiveron na secretaría.

3º Informe das xestións

García Cardeso explicou que hai dúas semanas celebrouse una xuntanza cos concellos de Negreira, Val do Dubra e Santa Comba no que se trataron aspectos relacionados cos obradoiros de emprego. O vindeiro ano Santa Comba solicitará un obradoiro de “actividades auxiliares en conservación e mellora de montes: xardinería, viveiros etc” (15 alumnos/as) e “limpeza de superficies e mobiliario de edificios e locais, operación básicas de pisos e aloxamentos” (15 alumnos/as) para alumnado de 18 a 30 anos. Tamén Val do Dubra vai solicitar os módulos “Operacións básicas de cociña” (15 alumnos/as) e “operacións auxiliares de revestimentos continuos e construcción” (15 alumnos/as). O Concello da Baña vai solicitar o Plan Integral de Emprego (60 alumnos/as, 15 por cada Concello), cun compromiso de inserción laboral dun 30 %.

E xunto co Concello de Negreira váiselle solicitar á Consellería de Presidencia dentro do Fondo de Compensación Ambiental un proxecto de mellora enerxética en Cobas e S. Cibrán

4º Actuacións de control

  – 1ª) Moción para a redacción dun regulamento de participación veciñal. (Compromiso)

Comezaba César Ramos lendo e explicando esta moción presentada polo noso grupo político. O voceiro do PSOE mostrouse dacordo e puntualizou que no último punto, o referido a entrega de mocións por parte de asociación ou colectivo inscrito no concello da Baña, non tivesen estas que ser avaladas por un número mínimo de sinaturas para presentala. Compromiso vía ben este aporte, e defendiu que esta era unha moción para entre todos os grupos chegar a un acordo para redactar este regulamento.

Logo comezou o alcalde, que non se podía votar esta moción porque estase pendente do portal de transparencia e é nela onde hai que fixar os criterios para este regulamento. Mentres non saian a luz estes criterios non se vai poder facer nada. Tamén fixo mención a rolda de preguntas tralo pleno que pide Compromiso, unha medida populista, según el. E tamén que se tanto quere reunirse con asociacións o faga (polo noso concelleiro), que él non llo impide. César replicou que si que se pode levar a cabo a redacción deste regulamento, o que pasa é que se non se está pola labor de darlle voz a veciñanza é moi difícil.

Finalmente non se levou a votación.

  – 2ª) Moción  sobre a loita contra a praga da vespa velutina. (Compromiso)

Liu e explicou a moción, mostrandose o PSOE a favor dela. Segundo o PP, a moción chega tarde. Pois xa no Concello se están tomando medidas, posto que se alguén ve algunha colmea basta con chamar ao concello para que este avise a un bombeiro especializado na retirada dos niños. E no tocante a subvención da deputación di que non hai tal subvención, que o que se dispuxo é dar dous traxes a cada concello da provincia. Segundo o alcalde xa se está facendo todo o posible para tentar erradicar esta praga. César propuxo que mediante un artigo na revista municipal se informara desta problemática, para que a veciñanza saiba como actuar.

Tampouco se votou esta moción.

  – 3ª) Moción sobre o servizo de pediatría no centro médico da Baña (PSOE)

Incluida esta moción a última hora, trataba de solicitarlle á consellaría un maior servizo de pediatría no centro médico. Ramos mostrouse a favor, pois aquelas reivindicacións que sexan boas para a veciñanza da Baña sempre votará si. Tamén lle reclamou ao partido socialista  máis seriedade na entrega de mocións e así César na sesión plenaria explicou que esa moción deberían facela chegar con maior anterioridade vía mail ou simplemente entregándoa na nosa sede ou no domicilio dalgún membro da agrupación para poder estudiala debidamente. “Os plenos celébranse cada dous meses e non é necesario esperar ata último día para entregar mocións.”

A moción aprobouse por maioría.

Respostas do alcalde as preguntas de Compromiso.

  – 1ª) Sobre o uso da casa da cultura. Para o alcalde, a casa da cultura non é un lugar para facer actos políticos. César explicou no seu turno que o acto que organizou o seu partido foi unha homenaxe a Amador R. Troncoso e sobre a problemática do sector do leite, e que non se pedía o voto nin nada polo estilo.

  – 2ª) Sobre as persianas do local social xa se encargou a súa reparación.

  – 3ª) A vivenda comunitaria de San Mamede estase actúando nela para convertila en fogar residencial. César reclamou que se faga algo con ela, debido ao gran investimento que supuxo.

  – 4ª) No tocante a pregunta formulada para saber se a empresa encargada da piscina este ano contestounos o concelleiro Manuel Tourís. Explicou que non se levou a cabo todas as accións que estaban previstas no contrato, pero que se intercambiaron por outras máis beneficiosas, como por exemplo a redacción dun informe para Sanidade, ou a reparación de accesorios da piscina por parte da empresa.

  – 5ª) Sobre o mal estado da estrada de Cabanas ao Barro o alcalde explicou que debido a explotación de arandos se moveu terra e que coa chuvia esta invadiu parte da calzada. Proximamente farase un asfaltado nesa zona.

  – 6ª) A pedra que estaba nunha beira da estrada de Nantón ao Barro xa foi retirada.

  – 7ª) A biblioteca permaneceu pechada porque non hai cartos para substituír a encargada, foi o que veu a explicar a concelleira de cultura. Ramos comentou que sabe da gran laboura da bibliotecaria, e que non é impedirlle coller vacacións. O que pide é que non se peche este servizo nas vacacións, que é cando os nenos e nenas poden acudir máis tempo.

  – 8ª) Sobre a falta de visibilidade nas luminarias de Outeiro e Seilán, o alcalde dixo que se ve perfectamente, que “ata se pode ler un libro”. E que así o corraborou a proba que fixeron os técnicos.

  – 9ª) Os bancos de substitucións do campo de fútbol tamén se van a cambiar.

Preguntas de Compromiso por Galicia – A Baña

Trasladamosvos as preguntas de César Ramos a corporación e algunhas das respostas obtidas.

  – 1ª) En primeiro lugar gustaríame felicitar á xunta de goberno pola organización o pasado día 15 este mes da conferencia “Mediación e comunicación intercultural” que pensamos que foi unha actividade moi positiva que contribúe positivamente á integración social,así que noraboa polo traballo e tamén me gustaría que trasladásedes a nosa noraboa á traballadora social do concello a “Susana Pazos Meijide” pola súa intervención.

Así mesmo, tamén me gustaría pedir que este tipo de actividades se lle dean maior difusión, xa que a veciñanza na súa maioría era descoñecedora da actividade que se ía a realizar, incluso funcionarios de administración do Concello e que cando se envíen invitacións oficiais aos membros desta corporación ou a calquera persoa ou organismo que se fagan cunha mínima antelación non o día anterior.

Finalmente gustaríame citar que botei en falta nesta conferencia unha maior promoción de Galicia, da nosa cultura e do noso Concello.

O alcalde con respecto ao último punto comentou que viron o botafumeiro da catedral.

– 2ª) O 29 de decembro saíu publicada no DOG unha convocatoria de subvención do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. Gustaríanos saber se o Concello ten constancia? Se se ten previsto presentarse? Que tipo de investimento se vai incluír na mesma tendo en conta que o prazo de presentación de solicitudes remata o 29 deste mes.

Si que se presentou un proxecto, para intentar solucionar os problemas de humidade na planta baixa da casa do concello.

– 3ª) Queremos preguntar porqué a biblioteca volve a estar pechada nas vacacións de Nadal e incluso o día 7 de xaneiro que xa era día escolar. E relacionado tamén coa biblioteca: qué pasa coa calefacción da mesma? xa que hai veciños e veciñas que se queixan de que non está funcionando axeitadamente e moitas veces fai frío nas instalacións.

Achacouselle a un problema de entender o funcionamento do control da caldeira, pero que agora xa saben como hai que facer.

  – 4ª) Queremos saber se existe no Concello algún rexistro de ben patrimoniais, históricos e culturais?

O secretario indicou que estamos falando do BIC, e que debe estar publicado no DOG, cando se aprobou o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

  – 5ª) Un veciño se puxo en contacto con nós para que demandáramos maior limpeza nas instalación do pavillón de S. Vicente, sobre todo a pista de xogo, as alfombras de acceso aos vestiarios e a zona de gradas (faltan cubos do lixo).

  – 6ª) Tamén queremos ser informados se se van dar subvencións a asociacións para a elaboración das carrozas de entroido como se fixo outros anos e relacionado con este tema e tendo en conta que colectivos do Concello da Baña durante anos foi referente na comarca na creación de carrozas de entroido conseguindo diversos premios nos festivais máis representativos da provincia (A Coruña, Compostela, Negreira, etc) non vos parece un prexuízo sacar o premio a carrozas no festival de entroido do Concello da Baña? POR FAVOR SE É POSIBLE CONTESTAR AGORA, XA QUE NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO XA PASARÁ O ENTROIDO.

O alcalde puntualizou de que era unha axuda ao transporte, non a elaboración das carrozas. O noso concelleiro lamentou que se suprimira o premio as carrozas no festival municipal, aínda que Alicia Sande dixo que se premiaba ao conxunto de comparsa e carroza, que se unha comparsa levaba carroza aumentaba a puntuación. Ramos tamén propuxo que se creara o ano que vén unha bolsa para que as asociacións que fan carrozas soliciten esa axuda e sexa máis transparente.

  – 7ª) Este ano vaise facer a revista municipal como xa é tradición? En caso afirmativo por qué aínda non se entregou?

Non se fixo aínda porque estabase pendente dunha subvención da Deputación. Ademais, non se podía entregar en Nadal porque coincidiu coas eleccións xerais.

O alcalde tamén comentou que a revista municipal non ten unha finalidade política. O noso concelleiro manifestou que están poñendo moi difícil entender que a revista non ten contido político cando só se lle da difusión a temas relacionados co seu grupo político, deixando de lado a actividade de asociacións. Lembremos que na anterior revista había 17 fotografías da concelleira de cultura e ningún artigo de outras asociacións ou colectivos alleos ao Concello.

  – 8ª) Tamén en Francos hai unha cuneta asulagada dedido ás riadas dos últimos días que precisa unha intervención para que non vaia a auga á estrada

  – 9ª) O espello en Faxín no cruce cara Francos, aínda que no anterior pleno se nos dixo que ía ser colocado segue sen facerse esa intervención.

  – 10ª) A ponte de Aguillóns en Ceilán na parroquia de S. Mamede por efecto das riadas dos últimos días caéronlle varias pedras dos pilares que o sustentan e varios veciños da parroquia se puxeron en contacto con nós para solicitar neste pleno que se arranxe canto antes para evitar danos maiores.

  – 11ª) No anterior pleno de 24 de novembro do 2015 comentaches que nos ías pasar os documentos sobre a actuación da brigada municipal no valado de Rial e aínda non os recibimos, por favor, cando teñades un minuto ou mandádemos por mail ou fotocopiádeos para que poidamos consultalos.

Ao solicitalos outra vez o alcalde buscou eses documentos e dounos unha copia.

  – 12ª) Temos constancia que debido á condensación no pavillón de S. Vicente hai veces que non se poden dar as clases de pilates ou aerozumba ou danse no almacén do pavillón, debido ao problema que xa mencionamos noutro pleno da condensación. E gustaríanos solicitar, se é posible, que se barallara a opción de, nesta época de inverno,  dar estas clases noutro local amplo que non ocorrera este problema.

O concelleiro de deportes dixo que se estaba barallando outra opción coma a do local social e da 3ª idade.

  – 13ª) Finalmente, o pasasdo xoves, como todos e todas sabemos, tivemos todos os grupos políticos con representación nos Concellos da Baña e Negreira tivemos unha xuntanza convocada pola Asociación Cultural Afonso Eanes para tratar o tema da homenaxe aos represaliados da guerra civil e época da ditadura e gustaríanos solicitar que, xa que este tema non estaba incluído na orde do día deste pleno, que coa maior brevidade posible se convoque unha xuntanza con todos os portavoces ou concelleiros e concelleiras para tratar este tema, xa que se esperamos ao seguinte pleno ordinario pódesenos botar o tempo enriba, no caso de que o corporación apoiara esta inicitiava impulsada pola asociación cultural Afonso Eanes.

Non houbo resposta neste punto, esperemos que se trate canto antes este tema.