Continúa o secretismo respecto ao proxecto da reitoral de Monte

reitoral

Levamos dende o mes de abril de 2016 solicitando información á alcaldía respecto ao proxecto da Reitoral de S. Mamede de Monte, nos últimos plenos ordinarios o alcalde cinguiuse a dicir que estaba en contacto coa Xunta de Galicia e esperando informes de diferentes Consellerías, o certo é que sempre temos que informarnos de avances pola prensa e non polo grupo de goberno.

O pasado 18 de decembro solicitamos por escrito permiso para visitar a da Reitoral para coñecer de primeira man o estado desas instalacións nas que se investiron máis de 500.000 euros e polo de agora non tiveron ningún tipo de utilidade, non recibimos resposta por parte do grupo de goberno.

Solicitamos algo ao que temos dereito como grupo político con representación na Corporación Municipal, e por suposto tamén temos dereito a que o alcalde responda á nosa solicitude.

instancia_reitoral_permiso_visitar_sendniSolicitude entregada o 18 de decembro da que non obtivemos resposta

 

Hoxe mesmo, xoves 25 de xaneiro, voltamos entregar no rexistro a seguinte instancia para ser informados sobre o proxecto e para que nos permitan visitar as instalacións. O alcalde ten a obriga de responder a estas cuestións no seguinte pleno ordinario.

 

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte

 

PREGUNTA ESCRITA PARA A SÚA RESPOSTA NO SEGUINTE PLENO ORDINARIO

O proxecto da Reitoral de S. Mamede no que se investiron unha importante cantidade de cartos (máis de 500.000 euros en subvencións de carácter público) leva varios meses causando unha importante polémica social debido ás informacións públicas dos últimos meses.

O pasado 18 de decembro entregamos unha instancia no rexistro municipal solicitando permiso por escrito para poder visitar as instalacións da reitoral de S. Mamede de Monte, sen obter ningún tipo de resposta por parte da alcaldía.

No pasado pleno ordinario o alcalde, como resposta a unha pregunta de Compromiso por Galicia referente ao proxecto da Reitoral de S. Mamede, díxonos:

“Como comentei, fixéronse varias xestións coas consellerías e, recentemente, enviouse un expediente informativo relativo á reitoral de San Mamede así como reunións persoais para aclarar todas as cuestións administrativas. A semana pasada tamén estivemos o secretario do Concello e o alcalde con xefaturas de servizo para aclarar cuestións sobre o tema e así poder elaborar os correspondentes informes. En definitiva, estase traballando moi directamente coa Administración autonómica”.

Dous meses despois desa contestación nin nós nin a veciñanza recibiu máis información ao respecto. Entendemos que durante estes días se continuou traballando coa Xunta de Galicia e realizando algún tipo de xestión, por esa razón, COMPROMISO POR GALICIA, quere ter resposta ás seguintes cuestións:

  • Que xestións se realizaron durante estes dous últimos meses referente ao proxecto da Reitoral de S. Mamede?
  • Tomouse algún tipo de decisión respecto ao proxecto da Reitoral de S. Mamede e/ou referente á asociación Anxiños?
  • A Xunta de Galicia entregou algún informe ou información sobre a Reitoral de S. Mamede?

Así mesmo solicitamos de novo permiso para poder visitar as instalacións da Reitoral de S. Mamede de Monte e coñecer de primeira man o estado de devanditas instalacións.