Continúa o disparate de goberno “socialista” na Baña – Crónica do pleno de 26 de agosto de 2020

IMG_20191030_194928096David Gontán e César Ramos, concelleiros de Compromiso por Galicia A Baña

A sesión comeza puntual coa asistencia de toda a Corporación.

A acta da sesión é aprobada co voto favorable de toda a Corporación e ao non haber máis asuntos a tratar pasamos directamente á quenda de Rogos e Preguntas.

Isto é o que comenta o noso concelleiro, César Ramos na súa intervención.

ACLARACIÓNS RESPECTO ÁS RESPOSTAS QUE NOS DAN DO ANTERIOR PLENO

Dende CxG queremos dar as grazas ao anterior secretario, ao señor Dalmiro, e dar a benvida á nova secretaria-interventora e desexarlle que teña unha agradable estancia na Corporación do noso Concello.

Antes de nada, é a primeira vez que o señor alcalde chama a atención a un concelleiro que non está intervindo (minutos atrás a David Gontán por sorrir) e este feito é unha dobre vara de medir xa que continuamente escoito risas e ruídos por parte de concelleiros do PSOE  e vostede nunca chama a atención a ninguén. (Posteriormente, na súa intervención David Gontán pide desculpas e explica o motivo da súa leve reacción).

As respostas que nos dan son un indicativo do desastre que caracteriza a este goberno e que a xestión deste alcalde é un perfecto exemplo de escurantismo, negación e mentiras.

A diferenza dos anteriores plenos tiñamos pensado non facer referencia ás respostas que nos dan do anterior pleno, xa que o alcalde decidiu non dar a cara e non responder a nada do que preguntamos (algo sorprendente xa que esta alcaldía representa un partido que di ser socialista e ten criticado dende a oposición este tipo de condutas, ademais contestar só por escrito pode ser moitas cousas pero socialismo non é). Pero decidimos cambiar de opinión e imos comentar algúns aspectos das respostas que nos dá por escrito este alcalde.

E imos facelo porque este documento que me entregaron coas súas respostas exemplifica perfectamente o que eu levo meses dicindo, que este goberno é un auténtico desastre e a xestión deste alcalde é un perfecto exemplo de escurantismo, negación e mentiras. Escurantismo porque se tenta facer xestións á calada, sen contar nin informar a ninguén, movementos pouco transparentes, nada éticos e de dubidosa legalidade xa que tentan beneficiar a xente afín (lévoo dicindo moito tempo).

Responsabilizan sempre vostedes a terceiras persoas que nada teñen que ver coa entidade local para ocultar a nefasta xestión deste alcalde.

Negación porque o alcalde nunca ten culpa de nada, nestas respostas responsabiliza vostede a todo o mundo, menos a vostede: aos portavoces da oposición (por suposto), ao anterior goberno,  á dirección do colexio, ao técnico forestal, ao traballador social, ao IDAE, ao xefe da brigada, ao secretario (a este dáme a min que xa que cesou e non está traballando no Concello van vostedes aproveitar para responsabilizalo ata da morte de Manolete…) Ademais meten vostedes nisto a terceiras persoas que non son responsables de nada nin teñen que ver para nada coa política municipal.

E mentiras porque moitas das cousas que vostedes comentan, coa finalidade de esconderse e non dar a cara ante a súa mala xestión e ás continuas meteduras de zoca, simplemente non son certas, son falsas. Imos alá (poden vostedes cortarme para intervir se así o consideran).

  • Na nosa pregunta número 10 pedimos a solicitude de subvención para a elaboración dos plans de acción (PACES) necesarios para facer cumprir o pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía sostible e vostedes contéstanme: O Concello e A Baña non solicitou a mencionada subvención xa que o PACE está sendo realizado por persoal propio do Concello, traballo que non é subvencionable. É dicir que a Consellería dá 4.000 euros para a contratación dunha empresa especializada nestes proxectos e pagar a “totalidade da inversión realizada”, subvención que solicita penso que se non a totalidade, a maioría dos Concellos asinantes, pero o señor alcalde da Baña di que non fan falta eses cartos porque xa fai o traballo un técnico (como se os técnicos municipais non tiveran traballo abondo e a ver como queda ese PACE que non é nada doado elaboralo). Non imos afondar máis nisto pero (agora que ninguén nos está a ver entre vostede máis eu) sabe que iso que din non é certo e o motivo polo que non se solicitou a subvención é que foi un erro máis da súa xestión que vostede non quere asumir. Solicitamos máis seriedade e organización.

Respecto a resposta sobre o desfibrilador da piscina municipal só dá a entender que non teñen vostedes “nin idea” do que falan.

– Referente ao desfibrilador que dende CxG solicitamos a documentación para dar de alta o desfibrilador ou informar do cambio de ubicación do mesmo (lembramos que vostedes comentaron que colleran de forma provisional o equipo do colexio para levalo á piscina municipal durante o período estival). Antes de nada a resposta que me dan está incompleta e non se entende:

“En canto a cesión temporal dodesfibrilador situado no CPI San Vicente non se tiña constancia de que era prcentro que aconsella que non se faga un cambio na xeolocalización, posto que a

tramitación é complexa, e a cobertura está garantida posto que en caso de emerxencia contactarán coa persoa responsable da manipulación do aparello e este sabe onde se sitúa o desfibrilador. Por outra banda, procedeuse a contactar co 112 (servizo de referencia ao que remitía a documentación asociada o aparello)e tramitouse online a xeolocalización engadindo un comentario no que se indicaba que nos meses de xullo e agosto estaría ubicado en dependencias da piscina municipal. En canto a sinalización do desfibrilador na piscina é certo que non hai cartelería ao respeto e na inspección técnica non se determinou que debía constar posto que a persoa que o pode manipular é o socorrista que neste caso sabe onde está e está formado para poder usalo.eciso cambiar a xeolocalización. Mantívose contacto tanto coa dirección do”

Esta explicación non se entende danlle vostedes voltas para non asumir un erro e unha nova metedura de zoca na súa xestión pero o que si dá a entender é que non teñen vostedes nin idea do que falan. En Galicia non é o 112 o que regula iso e si o 061. A sinalización con cartelería é obrigatoria porque non é certo que sexa só o socorrista o que poida utilizalo (xa que pode ser el ou ela a persoa que haxa que socorrer). Volven vostedes a meter a terceiras persoas e din que “o colexio é o que recomenda que non se faga un cambio na xeolocalización”, algo que é totalmente falso. E dígolle o motivo: a persoa que deu de alta ese aparello xa non ten destino no centro educativo e a dirección do centro días despois do anterior pleno descoñecía a obrigatoriedade de realizar eses trámites polo que é imposible que desaconsellara nada. E aínda que fora certo, a dirección do centro pode recomendar pero o responsable final non e outra persoa que o señor alcalde. Pídolles máis seriedade e por favor un pouco de responsabilidade ao culpar a terceiras persoas dos erros da súa xestión.

Minten vostedes continuamente sobre o que se di nas reunións de portavoces, así que non asistiremos máis a ningunha reunión con vostedes a non ser que se levante acta.

  • Na pregunta respecto ao proxecto de Paredes dicides: Na dita reunión explicáronse as modificacións que acordou o director de obra. Xuntamos o informe do técnico. É falso, nesa reunión dixeron vostedes que ían darnos un informe para decidir qué facer nesa mesma actuación. Do mesmo xeito coa actuación que queren facer de forma unilateral e sen contar con niguén, na parroquia de Fiopáns da que non se explicou nada de forma concreta. E non recordo que en ningunha reunión vostedes explicaran que ían facer unha actuación na estrada de Vilar da Torre a Paramos como indican nas súas respostas. Minten vostedes! Así que como é a miña palabra contra a súa non nos volvan  convocar a ningunha reunión con vostedes que non se levante acta.

 

  • Na pregunta sobre a contratación da empresa MANTIDO para o aparcamento de caravanas. Algo moi recorrente neste grupo de goberno, deben estar moi contentos con esta empresa que vale para todo. Vostedes din Por contrato menor, tal e como figura na web do Concello, coa invitación a 3 empresas, e seleccionando a máis económica. Na web non aparece nada, a non ser que se refiran vostedes á ligazón á plataforma de contratación do Ministerio ou da Consellería. Queremos copia desa documentación e dos presupostos recibidos por esas empresas que vostede cualifican de “invitadas”.

 

  • Respecto á ordenanza da área recreativa de Chans, lembran vostedes que en sesión plenaria se aprobaron unhas modificacións desa ordenanza e o alcalde comprometeuse a entregarnos unha copia da mesma que incluíra esas modificacións, pero mandou publicar no BOP sen entregarnos nada e sen que incluíra nada do aprobado no pleno. Vostedes contestan: O texto que se mandou publicar no BOP foi remitido pola Secretaría, e esta non se decatou das modificacións. Volven vostedes a culpar á secretaría dese erro na súa xestión. Iso é unha neglixencia súa e a publicación no BOP vai asinada por vostede que é o máximo responsable desta entidade local. Pedimos máis respecto por esta Corporación que é onde se adoptan os acordos que son de obrigado cumprimento.

 O procedemento para a selección de Xefe de Brigada de incendios podemos cualificalo como “O gran dedazo”, non é un procedemento propio dun partido que di ser “socialista”.

  • E xa para rematar quería facer mención á contratación do Xefe de Cuadrilla, o procedemento que imos denominar como a xestión do “Gran dedazo”. Na súa resposta sobre esta contratación aseguran que foron admitidos 14 aspirantes (algúns deles non deberían ser aceptados, xa que carecían da titulación necesaria, xa llo comentara ao anterior secretario, é a primeira metedura de zoca pero ese é outro tema). Deses 14 aprobaron 4, e como os 4 renunciaron á praza o señor alcalde tivo a ocorrencia de chamar a un señor que é técnico forestal e que vostedes citan con nome e apelido (que coido que non ten ningún tipo de competencia en contratación nin responsabilidade ningunha na entidade local). O que dixen anteriormente, meten vostedes a unha terceira persoa para eludir as súas responsabilidades e din textualmente: “el mesmo realizou a xestión de falar co mencionado capataz, e só despois nos facilitou os datos do técnico”. De ser certo isto, que eu persoalmente teño coñecemento de que foi algo parecido pero non así como vostedes contan, este técnico non ten que falar con ninguén nin facer ningún tipo de xestión porque non está legalmente capacitado para ilo o responsable final é o señor alcalde e debe garantir que os procedementos de selección de persoal sexan o máis transparente posibles e garantan a imparcialidade e igualdade de oportunidades para que ninguén dubide dos mesmos. Este procedemento non cumpre eses principios, descoñezo se é un delito (aínda que ten toda a pinta) pero o que non é, é un procedemento transparente propio dun partido que di ser socialista. Solicitamos máis formalidade e transparencia neste tipo de procedementos. No Concello do Páramo vimos que aconteeu o mesmo e dende esa administración local fixeron a nova contratación de forma transparente abrindo un prazo para anotar aos aspirantes, como puidemos ver no Facebook oficial desa entidade local. Se din vostedes que houbo transparencia, cal é o motivo polo que non se publicou na web o nome (ou iniciais) da persoa contratada?

PREGUNTAS DE CXG

  1. A situación actual da pandemia polo COVID-19 estase agravando e a Corporación debe dar exemplo de respecto polas medidas contra contaxios. Hoxe estamos aquí metidos 13 persoas nun espazo reducido e sen distancia de seguridade, cando esta sesión (que é a porta pechada) podía facerse por videoconferencia ou nun espazo máis amplo como o Local Social ou a Casa da Cultura. O alcalde debería ter en conta esta proposta xa que habitualmente peca moito de cometer este tipo de erros.
  2. Queremos saber o motivo polo que non se informou nada das doazóns realizadas na campaña “Veciño Solidario” organizada por EmeSport e segundo pon na web desta iniciativa se recadaron 110 euros para servizos socias do Concello da Baña. É necesario informar á veciñanza desta doazón (se é que xa se efectuou) e da actuación realizada con esa cantidade de cartos.
  3. O pasado 9 de agosto saíu publicada na prensa (El Correo Gallego) unha nova que informaba dunha axuda de 53.355 euros a 18 municipios da comarca para fomentar a lectura. Nesa nova cítase que o Concello da Baña recibe unha axuda de 1449,28 euros para actualizar as coleccións bibliográficas igual que Concellos como Rois, Tordoia ou Dodro, entre outros, pero tamén cita que A Baña é o único Concello de todos os citados que non participa na primeira rama de subvencións para adquisición de novidades editoriais en galego. Cal é o motivo polo que non se solicitou?
  4. Solicitamos que se revise a mellora no firme da pista que vai de S. Mamede cara Buchaín que está acabada de realizar e as primeiras augas xa fixeron que esa pista estea en moi malas condicións.2
  5. Observamos que este grupo de goberno volve facer caso omiso ás críticas da oposición respecto ao servizo de madrugadores e o 23 de xullo, tal como aparece especificado no perfil do contratante, contratan vostedes á mesma empresa polo mesmo importe (7.100 euros) do curso pasado. Como é que deciden contratar en xullo este servizo cando non hai aínda información sobre se empezarán as clases e se será posible poñer en marcha esa actividade? Para que lanzan vostedes semanas despois unha enquisa para coñecer a demanda deste servizo? Saben vostedes que o curso pasado só houbo 199 participacións en todo o curso e que vostedes pagaron case 25 euros por cada neno ou nena e día? E este gasto incrementaríase se a duración do curso fora normal e interromperse por motivo da pandemia. Supoñemos que pedirían vostedes presupostos actualizados a outras empresas e tendo en conta a realidade actual derivada da pandemia, así que solicitamos copia dos orzamentos recibidos. Tamén contrataron na mesma data á empresa de comunicación ALICENTIS?foto_contratacion_madrugadores_alicentis

O señor alcalde afirma que se trata dun erro.

David Gontán toma  a palabra e pide desculpas por soltar un sorriso cando interviña o señor alcalde e di que se lle escapou unha leve risada ao escoitar da boca do señor alcalde que un procedemento de selección de persoal gozou de transparencia cando nin sequera se publicou o nome da persoa seleccionada. Pide que tamén cando se faga o mesmo (algo máis que recorrente) na bancada do PSOE tamén se lle chame a atención.

  1. Solicitamos o arranxo da pita forestal que vai dende S. Mamede cara Vilar de Suso que está nun estado lamentable e a actuación dos madeireiros fai que aínda estea peor.
  2. Volvemos facer alusión as horas do Servizo de Axuda no Fogar que no anterior pleno diciades que non se podían utilizar pero vemos que dende o anterior pleno xa se empregaron 50 horas máis, xa que logo, sí que se podían utilizar como afirmábamos dende CxG. Non?

O señor alcalde rectifica ao facer alusión a un aspecto persoal do concelleiro de CxG.

Ao finalizar o pleno o señor alcalde de forma sorprendente e surrealista chama a atención a César Ramos por unha publicación realizada na súa conta de Facebook persoal, que desemboca nunca discusión na que o noso portavoz e concelleiro, César Ramos esixe a rectificación e eliminación dese comentario da acta e do vídeo do pleno se non é así adoptaranse as medidas legais oportunas. O señor alcalde rectifica e a súa intervención debe ser eliminada da acta e do vídeo oficial do pleno.