Compromiso solicita que se regule a pegada de carteis no Concello da Baña

Compromiso por Galicia A Baña vén de rexistrar una nova moción no Rexistro municipal, que defenderá César Ramos no vindeiro pleno ordinario do 4 de outubro, onde solicitará que se regule a pegada de carteis no Concello da Baña.

IMG_20180919_083126858Carteis pegados en ventás ao lado da Casa do Concello

Actualmente é moi común ver carteis informativos pegados nas rúas do noso Concello. As empresas publicitarias, comisión de festas, colectivos, etc. utilizan habitualmente calquera espazo público para pegar os seus carteis informativos. Esta pegada de carteis anunciando actividades e citas é hoxe indiscriminada, desordenada e dá mala imaxe ás parroquias, lugares e rúas do noso Concello. Non é estraño ver carteis ou restos deles en colectores, marquesiñas, caixas de rexistro, taboleiros de obras, sinais de tráfico, etc.

IMG_20180911_152531265_HDRCarteis informativos en colectores da vila da Baña

Esta pegada de carteis é maior en campaña electoral e aínda que, tal como especifican os artigos 55, 56 e 57 da Lei Orgánica 5/1985 de 19 de xuño de Réxime Electoral  Xeral, os Concellos teñen a obriga de reservar lugares especiais gratuítos para a colocación de carteis, é coñecido por todos e todas que estes lugares non se respectan e os diferentes grupos políticos pegan a súa información de campaña electoral en mobiliario público e outras estruturas sen ningún tipo de pudor. Unha vez que remata a campaña electoral os diferentes partidos, que deberían ser os encargados da retirada destes carteis, eluden as súas responsabilidades quedando restos dos carteis esparexidos polas nosas parroquias meses, incluso anos, denigrando a imaxe do Concello da Baña.

20150728_170017
20150728_165035Imaxes de agosto de 2015, meses despois da campaña electoral

Compromiso por Galicia é o único partido da Corporación que retira os carteis electorais despois da campaña electoral

                Cando rematou a campaña electoral das anteriores elección municipais do 2015, Compromiso por Galicia fixo unha campaña de retirada dos carteis electorais do seu grupo político e solicitou a través das redes sociais a colaboración da veciñanza para retirar calquera cartel do noso partido que por despiste quedara sen retirar ou ben informándonos para poder pasar a retiralos. O mesmo xeito de proceder empregouse na campaña das eleccións á presidencia da Xunta de Galicia no ano 2016. Ningún outro partido con representación fixo o mesmo.

nonnnnCxG retira os carteis electorais despois de finalizar a campaña elctoral de 2016

Ata en tres plenos municipais solicitamos que os grupos políticos foran responsables coa súa cartelería electoral

Nos plenos ordinarios de 29 de xullo de 2015, 25 de maio de 2016 e 12 de xullo do mesmo ano, fixemos alusión a esta problemática e solicitamos a través do noso concelleiro que aos grupos políticos que forman parte da Corporación que retiraran os carteis electorais, xa que á parte de ser un modo de contaminación medioambiental evidente tamén o é de contaminación visual e dá pé a que comisións de festas peguen os seus carteis en calquera parte do concello, aumentando desta forma a mencionada contaminación medioambiental e visual. Ese traballo é competencia dos PARTIDOS E NON DA CUADRILLA MUNICIPAL.

Tamén solicitamos que se creara unha ordenanza municipal que regulara a pegada de carteis no noso concello e que esixa a posterior retirada dos mesmos.

Ningunha das nosas peticións foron tidas en conta polo grupo de goberno nin polo outro grupo político da oposición.

Así pois, Compromiso por Galicia A Baña propoñerá ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos:

1º Colocar taboleiros de anuncios, que respecten no posible a paisaxe e o patrimonio, en todas as parroquias do Concello para que os distintos colectivos, comisión de festas, empresas, incluso o propio Concello, poida anunciar as súas actividades de forma normalizada e ordenada.

2º Crear unha ordenanza municipal que prohiba empregar o mobiliario público para a pegada de carteis informativos con sancións exemplares para quen incumpra reiteradamente esta prohibición.

3º Solicitar ao organismo pertinente un lugar oficial en cada parroquia para a pegada de carteis electorais cun espazo reservado para os diferentes grupos políticos e sancionar a aqueles partidos que peguen os seus carteis en zonas non permitidas.

4º Adquirir un compromiso por escrito con todos os grupos políticos que se presenten aos futuros procedementos electorais de respecto polo noso medio ambiente e respecto pola limpeza das nosas parroquias, comprometéndose a limpar calquera residuo de adhesivos, panfletos ou calquera resto da campaña electoral do seu partido.

Os grupos políticos deben ser os primeiros que teñan unha actitude exemplar en defensa do medio ambiente, da nosa paisaxe e do noso patrimonio público.