Compromiso solicita que o Concello da Baña apoie a folga feminista do vindeiro 8 de marzo

CoverTw

Dende a agrupación local de CxG A Baña apoiamos a folga feminista do vindeiro 8 de marzo e queremos que o Concello da Baña se una ás reivindicacións de todas as mulleres do país e dese xeito honrar a todas as mulleres traballadoras e loitadoras que tanto fixeron e fan polo noso Concello.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTA FOLGA FEMINISTA

Na agrupación local de Compromiso por Galicia A Baña estamos moi concienciados na loita pola igualdade de xénero e contra a violencia machista e iso debe facerse sempre, non só cando se celebra unha data determinada. Na seguinte ligazón podemos consultar un artigo da nosa web onde explicamos todo o noso traballo a prol do feminismo e contra o machismo:

COMPROMISO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA TODOS OS DÍAS DO ANO

Por todo o mencionado entregamos a seguinte solicitude no rexistro municipal para que sexa tida en conta polo grupo de goberno:

César Ramos Domínguez con DNI. nº XXXXXXXXX en calidade de concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente

EXPÓN

Que o próximo xoves 8 de marzo celébrase o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, data na que as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para celebrar o seu día e contemplar unha tradición de loita continua en pro da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

O próximo 8 de marzo, o movemento feminista co apoio de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais, convoca unha folga xeral das mulleres ao largo e ancho de toda a nosa xeografía.

Unha convocatoria de denuncia fronte as desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofren máis da metade da poboación mundial.

Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades que padecen as mulleres estean acadando tales niveis de gravidade e de tal dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para dar visibilidade a esta evidente discriminación.

Por estas e outras moitas razóns,

SOLICITA

– Que o Concello da Baña apoie publicamente a Folga Xeral das Mulleres convocada para o vindeiro 8 de marzo facilitando a participación no Concello da Baña. Unha folga que irá acompañada de grandes manifestacións por toda a nosa xeografía para demostrar que hai que transformar o mundo cambiando os seus modelos patriarcais por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.

– Que se organice unha xuntanza con todas forzas políticas do Concello da Baña para organizar un acto conxunto de reivindicación o vindeiro 8 de marzo, trasladando deste xeito unha imaxe de unión de toda a veciñanza da Baña para honrar a todas as mulleres traballadoras e loitadoras que tanto fixeron e fan polo noso Concello.

 muller_traballadora_2017CARTEL CONMEMORATIVO DE CXG A BAÑA PARA O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2017