Compromiso solicita novamente que se acondicionen as rutas de sendeirismo e propón a creación dunha nova senda á beira do río Barcala

O sendeirismo é sinónimo de excursión a pé. É dicir, andainas que se realizan principalmente por camiños forestais e onde o grao de dificultade non adoita ser alto. Os beneficios destas rutas a pé son evidentes, xa que se trata dunha actividade aeróbica que beneficia o noso sistema circulatorio.

panoramicaImaxe da andaina polo Camiño de Santiago a Muxía que pasa polo noso Concello

O sendeirismo está gozando de moita popularidade nos últimos tempos converténdose nunha actividade importante para compartir o tempo libre e de ocio coa familia ou amigos/as, e deste xeito gozar dos seus beneficios saudables.

Pódeno practicar homes e mulleres de todas as idades e isto fai que no noso Concello se converta nunha actividade que cada vez goza de máis popularidade, de feito no Concello da Baña existen xa tres rutas de sendeirismo, a do Río Tambre, a de Santa Mariña e a do Val de Barcala, aínda que habitualmente están totalmente descoidadas feito que fai que a día de hoxe moitos tramos estean intransitables.

Na páxina web do Concello, aínda que podemos atopar un apartado que nomea as tres rutas de sendeirismo, non aparece o percorrido, nin o nivel de dificultade nin os lugares ou construcións que pola súa importancia histórica ou patrimonial se poidan visitar. Só aparece un mapa do Concello, que pola súa baixa resolución é practicamente ilexible. Os folletos informativos do Concello para a promoción destas rutas están totalmente incompletos, xa que non dan información concreta das diferentes rutas.

Tampouco atopamos noutros portais de internet información algunha sobre as rutas de sendeirismo do noso Concello polo que cremos que non gozan de homologación pola Federación Galega de Montañismo nin polo Comité de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, e non se lle está a dar a promoción axeitada, mais aínda cando o Concello da Baña dispuxo no 2015 dunha subvención de 14.180 euros para Acondicionamento, recuperación ambiental e mantemento das rutas de sendeirismo do Concello da Baña (DP0004:MA-INV/2015).

VER SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS AO CONCELLO NO 2015

Todo isto fai que dende Compromiso por Galicia levemos tempo reclamando nos plenos da Corporación que o Concello da Baña preste máis atención ao estado de conservación das devanditas rutas de sendeirismo do Concello da Baña xa que poden funcionar como un reclamo turístico do noso Concello (plenos de xaneiro de 2018, novembro de 2017, abril de 2017, xullo de 2016 e maio de 2016).

montaxe_rutas_sendeirismoCartel publicado na nosa páxina de Facebook no ano 2016

Por todo o comentado, o pasado 19 de xuño entregamos no rexistro municipal unha nova instancia pola que solicitamos que se acondicionen debidamente as rutas de sendeirismo do Concello da Baña e se sinalen correctamente, se promocionen a través da páxina web do Concello da Baña e outros portais de sendeirismo de ámbito galego e se valore comezar os trámites para a homologación das mesmas para que deste xeito funcionen como un reclamo turístico do Concello da Baña.

Consecuentemente con isto veciños e veciñas do Concello da Baña que habitualmente practican este deporte puxéronse en contacto con nós para que a través da nosa representación na Corporación Municipal presentemos un proxecto para a habilitación dunha senda peonil que comunicara os Concello de Negreira e A Baña a carón do Río Barcala, dende o Refuxio de Covas ata Corneira, pasando pola ponte de Seoane, a Ponte de Rial e o Lameiro das parroquias de Barcala, Ordoeste e Corneira.

corneira_ordoestePerfil da senda que propoñemos

Trátase dunha ruta a carón dos aproximadamente 9 quilómetros do río Barcala que van dende a o Refuxio de Covas (Concello de Negreira), ata a ponte de Vilar de Cerdeiras (Parroquia de Corneira). No proxecto que adxuntamos marcamos ademais dúas rutas funcionais (en amarelo) para aproveitar algún dos camiños xa existentes (unha entre Covas e os Pasos do Lameiro, e outra ao final da ruta). Como se pode apreciar no esbozo adxunto trátase dun percorrido no que se poden observar varios muíños (De Reiverde, do Bosque, do Roque…) e outras estruturas arquitectónicas coma pontes ou lavadoiros.

VER A RUTA COMPLETA EN GOOGLE MAPS

Segundo o art. 553 do Código Civil e o Texto refundido da lei de Augas  e o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, as marxes dos ríos deben dispoñer en toda a súa extensión lonxitudinal dunha zona de servidume de 5 metros de anchura para uso público peonil polo que o custo para habilitar esta ruta que propoñemos sería mínimo.

Polo que a través doutra instancia tamén solicitamos ao grupo de goberno que habilite axeitadamente esta senda peonil para que a veciñanza dispoña dunha ruta a pé que transcorra lonxitudinalmente na marxe do río Barcala, que enlace os Concellos da Baña e Negreira, que pase polas parroquias de Barcala, Ordoeste e Corneira, e serva como reclamo saudable, turístico, arquitectónico ou paisaxístico para a promoción do Concello da Baña.