Compromiso solicita ao Concello da Baña un acto conxunto de reivindicación da muller con motivo do 8 de marzo.

A agrupacion local de Compromiso por Galicia A Baña vén de entregar no rexistro municipal unha nova instancia solicitando que o Concello da Baña apoie publicamente a folga feminista do 8 de marzo, que facilite a participación das mobilizacións ao persoal do Concello  da Baña e que organice unha xuntanza con todos os grupos políticos coa finalidade de celebrar un acto conxunto de reivindicación da muller, trasladando deste xeito unha imaxe de unión de toda a veciñanza da Baña para honrar a todas as mulleres traballadoras e loitadoras que tanto fixeron e fan polo noso Concello.

cartel_muller_traballadora_2018Cartel conmemorativo do 8 de marzo de 2018

O próximo venres 8 de marzo celébrase o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, data na que as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, se unen para celebrar o seu día e poden contemplar unha tradición de loita continua en pro da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.

O 8 de marzo do pasado ano supuxo un punto de inflexión na capacidade de mobilización do movemento feminista a nivel mundial: paros, mobilizacións e impacto nos medios e nas redes sociais. Non debemos deixar que aquilo sexa algo illado, algo só para lembrar.

O próximo 8 de marzo, o movemento feminista co apoio de organizacións e colectivos políticos, sociais e sindicais, convoca unha nova folga das mulleres ao largo e ancho de toda a nosa xeografía. Unha convocatoria de denuncia fronte as desigualdades, as discriminacións e as violencias estruturais que sofren máis da metade da poboación mundial.

Unha folga feminista contra un sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades que padecen as mulleres estean acadando tales niveis de gravidade e de tal dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de traballo para dar visibilidade a esta evidente discriminación.

O ano pasado CxG tamen solicitou un acto conxunto de reivindicación da muller pero a nosa solicitude non foi tida en conta polo goberno municipal.

En febreiro do pasado ano dende a nosa formación política solicitamos por escrito ao Concello da Baña que apoiara a Folga Xeral de Mulleres facilitando a súa participación e que se organizara un acto conxunto de reivindicación da muller con todas as forzas políticas da Baña. Esta petición non foi tida en conta polo goberno municipal, parecéndonos unha oportunidade perdida de trasladar á veciñanza unha imaxe de unión de todos os grupos políticos sobre este importante tema.

rhdr
Acto contra a violencia machista celebrado o pasado mes de outubro na Praza do Concello da Baña por membros de CxG da Baña, Negreira, Santiago, Santa Comba e Boqueixón

Por estas e outras moitas razóns, dende Compromiso por Galicia A Baña, solicitamos:

– Que o Concello da Baña apoie publicamente a folga convocada para o vindeiro 8 de marzo facilitando a participación no Concello da Baña. Unha folga que irá acompañada de grandes manifestacións por toda a nosa xeografía para demostrar que hai que transformar o mundo cambiando os seus modelos patriarcais por modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.

– Que se organice unha xuntanza con todas as forzas políticas do Concello da Baña para organizar un acto conxunto de reivindicación o vindeiro 8 de marzo, trasladando deste xeito unha imaxe de unión de toda a veciñanza da Baña para honrar a todas as mulleres traballadoras e loitadoras que tanto fixeron e fan polo noso Concello.

 

Outros artigos de CxG A Baña sobre a muller e o feminismo:
http://abana.compromiso.gal/compromiso-solicita-que-o-concello-da-bana-apoie-a-folga-feminista-do-vindeiro-8-de-marzo/
http://abana.compromiso.gal/compromiso-contra-a-violencia-machista-todos-os-dias-do-ano/
http://abana.compromiso.gal/mocion-de-adhesion-a-campana-concellos-en-negro-contra-a-violencia-de-xenero/
http://abana.compromiso.gal/compromiso-pide-medidas-de-prevencion-contra-a-violencia-de-xenero-e-a-modificacion-da-web-municipal/