Compromiso solicita ao Concello da Baña que se tomen medidas para paliar os efectos da seca en explotacións agrícolas e gandeiras.

O secretario local e concelleiro de Compromiso por Galicia A Baña, César Ramos, despois de falar cos propietarios de distintas explotacións agrícolas e gandeiras do Concello na xornada de onte e coñecer de primeira man as dificultades que teñen os gandeiros e gandeiras para realizar a súa actividade produtiva debido aos problemas derivados da escaseza de auga, fixo hoxe mesmo entrega nas dependencias municipais dun escrito onde solicita á alcaldía a adopción de medidas urxentes para paliar os efectos de devandita seca e axudar aos propietarios de explotacións gandeiras nesta época de dificultade.

A continuación o escrito presentado:

César Ramos Domínguez con DNI XXXXXXXXX, en calidade de concelleiro de COMPROMISO POR GALICIA na actual corporación municipal.

EXPÓN

En Compromiso por Galicia queremos sempre traballar en beneficio da veciñanza e contribuír co noso traballo á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Unha das nosas funcións como grupo político con representación na corporación municipal é informar á alcaldía de problemas para veciñanza e colaborar co Concello para buscar solucións o antes posible.

Galicia encandea xa cinco estacións coas precipitacións por debaixo da media. Durante este verán, segundo expertos, choveu un 27 % menos do habitual, feito que fixo que Galicia estea en nivel de prealerta pola escaseza de auga.

Un sector que sufre máis directamente os problemas derivados da falta de chuvia é o sector gandeiro, actividade económica da que viven moitos dos nosos veciños e veciñas e que están tendo moitas dificultades para realizar o seu traballo por problemas derivados da seca e a falta de chuvia.

Moitas explotacións do noso Concello están tendo que solicitar axuda veciñal para abastecerse da cantidade de auga necesaria para a súa actividade agrícola e gandeira e en casos máis graves están tendo que solicitar os servizos de Protección Civil para conseguir a cantidade de auga necesaria para continuar coa súa actividade económica.

Por outra banda o presidente da Xunta de Galicia avanzou o pasado mércores que o seu executivo acaba de aprobar un paquete de axudas extraordinario para paliar os efectos da seca en agricultores e gandeiros, que inclúe subvencións para a mellora do subministro de auga para este tipo de traballos.

Por todo o exposto,

 

SOLICITA

  • Que o Concello da Baña poña todos os medios persoais e materiais dispoñibles para axudar á veciñanza, en especial aos gandeiros/as e agricultores e paliar, na medida do posible os efectos da seca.
  • Que o Concello informe aos propietarios de explotacións agrícolas e gandeiras das axudas e subvencións públicas para paliar os efectos da escaseza de auga.
  • Que a administración local faga as xestións oportunas para que Protección Civil ou a organización pertinente abasteza de maneira axeitada as explotacións que o precisen durante esta época de seca.