Compromiso defenderá que o Concello da Baña solicite á Xunta de Galicia medidas urxentes respecto aos danos producidos polo xabaril

O secretario local e concelleiro de CxG A Baña, César Ramos, vén de entregar unha nova moción no rexistro municipal do Concello da Baña e que será defendida polo seu grupo político no pleno ordinario de 28 de novembro de 2018.

O porco bravo está producindo continuos estragos que ocasionan graves problemas económicos, ambientais, sociais e de seguridade viaria nos nosos territorios, especialmente nas economías rurais das familias e das explotacións gandeiras.

O aumento das poboacións de xabarís nos últimos anos, xunto ao abandono da terra no rural que crea o lugar ideal para o seu refuxio e alimentación, está provocando que os cada vez menos agricultores e gandeiros que quedan activos soporten eles sos os importantes danos que produce esta fauna salvaxe.

No noso Concello, o xabaril levan anos facendo estragos en colleitas e plantacións de diferentes parroquias, ademais de producir problemas na seguridade viaria.

A situación de hoxe en día ten como antecedentes o excesivo incremento da poboación dos xabarís, un mamífero con grande capacidade de desprazamento e adaptación a todo tipo de hábitats, todo elo facilitado polo abandono das terras e do medio rural, así como pola escasa incidencia do único depredador natural que ten, que é o lobo.

xabaril, danos causados polo animal, en Diomondi, OSaviñao.scaleEstragos producidos polo xabaril en Saviñao “La Voz de Galicia”

Provoca danos medioambientais, ademais de competencia desigual con outras especies das que os xabarís son predadores directos, especialmente nos contornos dos Espazos Naturais Protexidos, poñéndoas en risco de desaparición (aves, réptiles, anfibios, coellos e micro mamíferos).

A maiores prodúcense danos en bens públicos de axardinamentos e zonas deportivas e incluso problemas de seguridade viaria con dous atropelos ao día de media en Galicia, ao atravesaren estradas e camiños rurais, risco non cuberto pola prima básica do seguro de circulación, o que provoca o incremento das primas de seguros das persoas que queiran asegurarse ante este risco.

xabaril

Actualmente existen tamén na nosa xeografía casos de accesos frecuentes de xabarís a contornos urbanos e a explotacións gandeiras co obxectivo de alimentarse co conseguinte risco de transmisión de enfermidades entre especies.

O malestar da veciñanza é palpable desde hai anos, tendo en conta que no ano 2016 a Consellería de Medio Ambiente eliminou as axudas para paliar os danos do xabaril nos cultivos de autoconsumo.

Non se trata de exterminar os xabarís, senón de manter esta especie en niveis ambientais sostíbeis

Os prexuízos causados polos xabarís son cada vez maiores debido a que se incrementa a súa presenza ante a falta dunha resposta axeitada por parte da Xunta de Galicia, administración con competencias nesta área, para erradicar devandito problema. Polo tanto é necesario que dende a administración se adopten medidas urxentes ante esta problemática,  non se trata de exterminar os xabarís, senón de manter esta especie en niveis ambientais sostíbeis e evitar que prexudiquen o medio ambiente, a seguridade viaria e as actividades agrícolas e gandeiras.

É necesario que dende a administración se adopten medidas urxentes ante esta problemática

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDO:

  1. Instar á Xunta a realizar, á máxima brevidade, un censo da poboación do xabaril e a súa distribución nas comarcas de Galicia.
  2. Instar á Xunta de Galicia a redactar e pór en marcha de xeito inmediato un Plan de Xestión do xabaril, para estabilizar a súa poboación, e limitar os seus danos na agricultura, a gandaría, a circulación viaria e o equilibrio medioambiental, co consenso dos sectores afectados.
  3. Instar á Xunta a reformar a Lei de caza de Galicia, de xeito que se regule a colaboración entre cazadores e produtores agrarios para protexer os cultivos de forma que se teñan en conta os calendarios de cultivos e épocas sensibles aos danos para cada un deles.
  4. Instar á Xunta de Galicia a habilitar con urxencia un servizo de recepción de queixas accesible e sinxelo para que as persoas afectadas pola presenza do xabaril poidan informar á Consellería de forma fiable e sen atrancos.
  5. Instar á Xunta a poñer en marcha o Fondo de Corresponsabilidade, para pago de danos e medidas preventivas, que figura na Lei 13/2013, de 23 de decembro, de Caza de Galicia, no seu artigo 62 punto 4, así como abrir unha liña de axudas para compensar as perdas económicas e rehabilitar as zonas afectadas.