Compromiso quere que o Concello da Baña se posicione en contra do proxecto da mina de Touro-O Pino

Dende os inicios de Compromiso Por Galicia a Baña apostamos decididamente por realizar políticas a favor da sensibilidade cara o medio e desbotar calquera acción que signifique unha agresión ao medio ambiente decantándonos por accións que impliquen un desenvolvemento ecolóxico e de protección do mesmo, tal como mencionamos no noso programa electoral.

cartel_medioa,bienteCartel de Compromiso por Galicia A Baña para conmemorar o Día Mundia do Medio Ambiente

Para Compromiso por Galicia e a diferenza doutros partidos, o programa electoral é a folla de ruta do noso traballo e un compromiso real cos nosos veciños e veciñas, así o demostramos o pasado verán entregando en todos os domicilios da Baña a nosa “Folla Informativa” na que explicamos como en dous anos de lexislatura demostramos o traballo realizado en todos os puntos do noso programa electoral co que nos presentamos ás pasadas eleccións municipais do ano 2015.

O 25 de agosto do pasado ano saíu a exposición pública o proxecto da explotación mineira de cobre San Rafael, nº 2946, sita nos concellos de Touro e O Pino, na canle media do río Ulla.

Este xacemento foi anteriormente explotado entre 1970 e 1986; a partir desta data abandonouse a explotación deste mineral deixando unha grande superficie cuberta por entullos, balsas de lodos, etc. Trinta e un anos despois aínda non se restauraron todas as superficies afectadas. Isto provocou no entorno unha forte contaminación dos solos e das augas, tanto das superficiais como das soterradas. Agora queren reactivar e ampliar esta concesión, coa participación do grupo multinacional Atalaya Mining, como consecuencia dos altos prezos do cobre estimulados pola demanda do mercado.

cartel-xornadas-729x1025-701x394

A execución deste novo macro-proxecto de explotación mineira na cunca do Ulla pon en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a ría de Arousa. Por tanto as administracións deberían aplicar o “principio de precaución” para protexer as actividades de pesca, marisqueo e cultivo de mexillón que se realizan nesta ría. A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco as captacións de auga potable de concellos de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa. A execución deste macro-proxecto tamén pon en risco os valores naturais protexidos como o Sistema fluvial Ulla-Deza, e diversas especies ameazadas.

O pasado 10 de xuño tivo lugar unha manifestación multitudinaria convocada por máis dun centenar de colectivos cidadás que deixou claro a radical oposición da cidadanía galega a devandito proxecto de reapertura da mina de Touro – O Pino.

1528640485_493819_1528640676_noticia_normalFOTO: www.elpais.es

Os informes que se coñecen da Administración non son nada favorables. Polo momento, non hai un que non advirta das numerosas eivas do megaproxecto que é fortemente rexeitado por veciñanza, plataformas sociais, ecoloxismo, oposición parlamentaria e ducias de concellos.

Defenderemos unha moción para que o Concello da Baña se posiciones en contra deste proxecto de explotación.

Dende Compromiso non queremos que o  Concello da Baña como administración local quede ao marxe deste macroproxecto en contra da cidadanía, do Camiño de Santiago, de valores naturais protexidos e de actividades económicas relacionadas coa pesca, marisqueo e cultivo de bivalvos. Por iso entregamos no rexistro municipal unha moción, que defenderá o noso concelleiro, César Ramos no vindeiro pleno ordinario pola que solicitamos:

1º Instar ás Consellerías do Mar e de Economía, Emprego e Industria que se desestime a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión de explotación San Rafael, nº 2946, ditando así mesmo unha declaración ambiental desfavorable en virtude dos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, coas captacións de auga potable de numerosos concellos, coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos.

2º Instar á Xunta de Galicia para que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa.

3.- Remitir o texto do acordo acadado polo Pleno Municipal da Baña á plataforma veciñal “Mina Touro – O Pino Non” no correo electrónico minatouroopinonon@gmail.com