Compromiso quere defender o patrimonio cultural da Baña.

O partido galeguista vén de presentar unha moción no Concello da Baña para instar ao grupo municipal a que traballe na conservación e recuperación do patrimonio cultural, xa que suporía unha dinamización cultural importante, ademais dun compromiso claro por traballar as potencialidades turísticas do Concello.

A Baña, 6 de setembro de 2016. O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro na actual corporación municipal, César Ramos, vén de anunciar que o seu partido presentou una moción para ser tratada no vindeiro pleno municipal sobre a defensa e recuperación do patrimonio cultural do Concello da Baña.

Nesta moción o partido galeguista especifica que a lexislación vixente obriga á Administración Local a protexer, fomentar e difundir o valor cultural destes bens, así como adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados.

Segundo o concelleiro César Ramos “No catálogo arqueolóxico do Concello da Baña aparecen moitos bens patrimoniais como mámoas, petróglifos ou xacementos medievais e romanos que son descoñecidos totalmente para a veciñanza e que presentando un mal estado de conservación son susceptibles de potencialos como reclamo turístico do noso Concello”.

Por medio desta moción, que será tratada o vindeiro 28 de setembro en pleno ordinario, Compromiso insta ao grupo de goberno a que elabore un catálogo completo de todo o patrimonio cultural que complemente o catálogo arqueolóxico do Concello, xa que “nese catálogo arqueolóxico non figuran, por exemplo, muíños ou hórreos que tamén forma parte do patrimonio cultural da Baña”

Esta será décima moción que defende Compromiso por Galicia dende que ten representación municipal no Concello da Baña, consecuencia do seu descontento co goberno municipal e da vontade de cumprir, na medida do posible, o programa electoral co que se presentou ás pasadas eleccións municipais.