Compromiso preocúpase polos altos índices de concentración de gas radon na Baña

O partido galeguista vén de presentar unha moción no Concello da Baña para instar ao grupo municipal a que realice unha campaña informativa sobre os efectos do gas radon e que promova a medición deste gas nas edificacións do Concello.

A Baña, 10 de xaneiro de 2017. O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro na actual corporación municipal, César Ramos, vén de anunciar que o seu partido presentou una moción para ser tratada no vindeiro pleno municipal sobre o gas radon.

             O gas radon está presente no subsolo de forma natural, pero na comarca de Barcala e especialmente no concello da Baña ten un dos índices máis altos de Galicia, segundo as medicións e o mapa elaborado pola USC.

 Este gas é un factor de risco do cancro broncopulmonar, pois en fogares con niveis elevados de radon existe máis do dobre de probabilidades de presentar cancro de pulmón. Polo tanto, está demostrada a transcendencia para a SAÚDE PÚBLICA do papel do radon domiciliario.

O Mapa de Radon en Galicia presenta as comarcas con alto risco de radon. O Concello da Baña é unha zona de alto risco por presentar  as maiores medidas de exposición ao radon (o 26,3 % das vivendas medidas teñen unha concentración maior de 300 bq/m3).

http://www.usc.es/radongal/index.html

http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2016_11/noticia_0055.html

Esta situación pódese paliar con sinxelas medidas preventivas que diminúen esta concentración nos fogares e que a poboación debe coñecer: ventilación, practicar aberturas de aireación nos sotos…

Segundo César Ramos, concelleiro de Compromiso na actual corporación municipal “Os responsables do Laboratorio de Radon de Galicia apuntan  solucións que pasan pola implicación das Administracións Públicas estatais, autonómicas e locais, polo que pensamos que o Concello da Baña non pode permanecer alleo a esta problemática e debe informar á veciñanza, así como actuar, na medida do posible, para minimizar os riscos de enfermidade”

Por iso solicitan ao goberno municipal:

  1. Realización dunha campaña informativa sobre os efectos do gas radon, incidencia e posibles efectos, que chegue a todos os fogares do concello, así como dar a coñecer as medidas preventivas.
  2. Medición dos índices de gas radon que existen nos edificios públicos de ámbito municipal do Concello da Baña.
  3. Promover a medición naqueles fogares que o desexen, con medidas por parte do concello que reduzan o seu custe, como poden ser acordos coa USC ou outras a considerar.

 

Esta será a décimo segunda moción que defende Compromiso por Galicia dende que ten representación municipal no Concello da Baña, consecuencia do seu descontento co goberno municipal e da vontade de cumprir, na medida do posible, o programa electoral co que se presentou ás pasadas eleccións municipais.