Compromiso por Galicia quere que se promova unha campaña sobre a compostaxe doméstica

O partido galeguista presentou hoxe unha moción no rexistro municipal e que o concelleiro de Compromiso por Galicia defenderá no vindeiro pleno do 29 de novembro.

Composteiro

 

 A Baña, 16 de novembro de 2017 O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro na actual corporación municipal, César Ramos, vén de anunciar que o seu partido defenderá unha moción no pleno municipal para que se promova entre a veciñanza unha campaña a favor da compostaxe doméstica na que se dea información precisa a veciños e veciñas e se promocione como un método real e efectivo para a obtención de abono gratuíto ao mesmo tempo que se reduce o volume de residuos dos fogares.

 

Esta será a vixésimo primeira moción que César Ramos defenderá nesta lexislatura coa finalidade de traballar os diferentes puntos que configuran o seu programa electoral. Un dos puntos deste programa electoral é o apoio e asesoría para a creación de novas experiencias tanto de agricultura como gandaría ecolóxica, polo que a compostaxe sería unha boa opción para elaborar abono orgánico ao mesmo tempo que se reduce considerablemente o volume dos residuos domésticos.

 

Compostar é someter a materia orgánica a un procedemento de transformación para obter abono natural, o compost… Esta transformación pódese levar á práctica mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo, ningún motor nin ningún tipo de gasto de mantemento.

 

Dende Compromiso por Galicia tamén informan que son coñecedores de que no ano 2011 o Concello da Baña xa participou nunha campaña de promoción de compostaxe doméstica  que tiña como obxectivo concienciar á poboación en materia de reciclaxe, que finalmente gozou de importante éxito entre a veciñanza e queren que se continúe con ese traballo que se iniciou naquel momento.

 

David Gontán, secretario de organización da agrupación galeguista indica que “queremos aportar propostas interesantes ao goberno municipal, e esperamos non só que se aproben senón que tamén se cumpran os acordos aprobados. Lembramos que hai mocións que se aproban e finalmente os acordos non son cumpridos polo grupo de goberno (PP), como a campaña de concienciación contra a violencia machista ou a colocación de colectores de aceite doméstico, entre outras”.