Compromiso por Galicia esixe que as xuntas de goberno sexan públicas para que asista a cidadanía

A agrupación galeguista, que conta cun representante na corporación municipal, vén de presentar unha instancia no Concello da Baña esixindo que as Xuntas de Goberno se convoquen con anterioridade e sexan abertas á cidadanía.

(DESCARGAR INSTANCIA)

A Baña, 30 de agosto de 2017. O secretario local e concelleiro de Compromiso por Galicia da Baña, César Ramos, entregou unha instancia no Concello para que “sexan anunciadas coa anterioridade pertinente as Xuntas de Goberno Local e que estas gocen de carácter público para que toda a cidadanía teña o dereito de poder asistir ás mesmas e coñecer de primeira man os acordos deste importante órgano da administración local”.

A Xunta de Goberno Local é o órgano que, baixo a presidencia do alcalde, colabora de xeito colexiado na función de dirección política que a este lle corresponde exercendo as funcións executivas e administrativas que se sinalan no artigo 127 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de Bases do réxime local.

Segundo a sentenza 161/2013, de 26 de setembro do Tribunal Constitucional (Recurso de inconstitucionalidad 1741-2004, publicada no BOE o 23/10/2013) as sesións do Goberno Local dun municipio de réxime común como o da Baña (menos de 250.000 habitantes), deben ser públicas cando traten de asuntos delegados polo pleno: a aprobación de operacións de crédito de contías maiores ao 10 % dos recursos do presuposto, a aprobación dos proxectos de obras e servizos, os contratos administrativos especiais, contratos privados, adxudicación de concesións sobre bens ou a adquisición de inmobles, entre outros.

(DESCARGAR SENTENZA)

A agrupación galeguista leva dende que acadaron representación no goberno municipal esixindo máis transparencia e participación veciñal ao goberno municipal, ante a negativa do PP de ofrecer este dereito á veciñanza da Baña; así pois xa defenderon en sesións plenarias unha moción para a creación dun regulamento de participación veciñal, e outra para a creación dun regulamento orgánico do Concello, ambas as dúas non aprobadas pola oposición do grupo de goberno (PP).

É tamén coñecido que Compromiso por Galicia A Baña é o único grupo político (até o de agora) que grava as sesións plenarias de forma íntegra para colgalas na internet e ofrecerllas á cidadanía, concordando co seu compromiso de transparencia, participación veciñal e rexeneración democrática.

En palabras de César Ramos “É sorprendente o medo que lle ten o señor alcalde da Baña á transparencia e á participación dos seus veciños e veciñas, opoñéndose sempre a aprobar as nosas propostas polas que solicitamos máis transparencia, convocando os plenos a unha hora que dificultan a asistencia (14:00 h.) e poñendo moitas dificultades para que os concelleiros e concelleiras da oposición teñamos acceso a documentación municipal”. E engade: “Esperamos que ao existir unha sentenza do Tribunal Constitucional a favor, desta volta non se negue a ofrecer aos veciños e veciñas o dereito de asistir a estas Xuntas de Goberno”.