Compromiso demostra que en dous anos de lexislatura traballaron todos os puntos do seu programa electoral

A agrupación galeguista, que conta cun representante na corporación municipal, vén de anunciar que están facendo chegar a todos os domicilios do Concello da Baña unha folla informativa que explica o traballo desenvolvido durante a lexislatura.

11163630_10205499628443797_1779105432_o

A Baña, 22 de agosto de 2017.

A agrupación local de Compromiso por Galicia A Baña quere difundir o traballo desenvolvido no municipio dende que teñen representación na Corporación Municipal do Concello da Baña.

O compromiso cos veciños e veciñas da Baña é real e demostran o prometido en campaña electoral a través do programa co que se presentaron ás eleccións municipais do ano 2015, sendo este a folla de ruta do seu traballo e no que comezaron a traballar dende o primeiro día da lexislatura.

Así pois, o seu concelleiro César Ramos, segundo manifestan, defendeu máis do dobre de mocións que todos os demais concelleiros e concelleiras xuntos “a pesar de estar el só na corporación e moitas das veces sen contar co apoio dos demais membros da Corporación”. Importantes propostas para o desenvolvemento da Baña e que moitas delas xa foron aprobadas: sobre a promoción do Camiño de Santiago cara Muxía, contra a violencia de xénero ou de adquisición de desfibriladores para as instalacións municipais, entre outras.

Ao longo destes primeiros anos de lexislatura Compromiso por Galicia tamén organizou actos informativos e culturais que tiveron enorme éxito entre a veciñanza entre as que destacamos a I Noite de Esmorga (monólogo de Victor Fábregas e ruta de tapas), Exposición fotográfica “A Baña, imaxes de onte, lembranzas de hoxe” de Javier Iglesias Ramos, Charla de apoio ao sector gandeiro con homenaxe a Amador Rodríguez Troncoso e charla sobre Avelino Pousa Antelo no CPI de S. Vicente.

Con todo, en Compromiso por Galicia A Baña queren continuar sendo ambiciosos, continuar co  traballo na oposición “firme e decidido” que está a facer o seu concelleiro, xa coñecida a súa valía e papel principal que exerce na oposición municipal, seguir poñéndose ao servizo da veciñanza para trasladar as súas demandas e inquedanzas ao pleno municipal e solicitar máis transparencia e participación veciñal ao grupo de goberno.

Nesta devandita folla informativa, Compromiso a través do seu secretario de organización, David Gontán, fai unha breve valoración destes dous anos de traballo na oposición eloxiando a labor de César Ramos que demostra ser “a verdadeira oposición ao goberno do PP” e postulando a Compromiso por Galicia como a “única alternativa real e eficiente ao goberno existente”, así mesmo xustifica o que diferenza a Compromiso dos partidos de sempre “por primeira vez na historia gravamos os plenos para poñelos a disposición da veciñanza, porque cremos que a xente debe estar informada de xeito obxectivo”. David Gontán conclúe a súa exposición animando á cidadanía a apoiar este proxecto de rexeneración política: “toca construír de novo o noso pobo, contamos con todos e todas vós”.

DESCARGAR O DOCUMENTO COMPLETO

FOLLA_INFORMATIVA_2017_1