Compromiso pídelle ao alcalde que cumpra a vontade da comunidade educativa, dos grupos políticos e colectivos culturais respecto a Pousa Antelo ou explique os motivos da súa oposición

cuerpo_27329Imaxe de Avelino Pousa Antelo en Seoane (A Baña)

Despois de moito tempo demandando o recoñecemento da figura de Avelino Pousa Antelo ante a pasividade do goberno municipal do Concello da Baña, hoxe entregamos unha nova instancia no Rexistro Municipal para que o alcalde cumpra a vontade da comunidade educativa, dos grupos políticos e de outros colectivos culturais, ou pola contra que explique publicamente os motivos do seu posicionamento en contra.

VER ARTIGO “TODO SOBRE A HOMENAXE A AVELINO POUSA ANTELO”

A continuación o texto da nosa solicitude:

César Ramos Domínguez en calidade de concelleiro de “COMPROMISO POR GALICIA” na actual corporación municipal.

EXPÓN

Que dende que acadamos representación na Corporación Municipal  levamos tempo demandando o recoñecemento de D. Avelino Pousa Antelo como fillo predilecto do Concello da Baña, así como tamén apoiar a proposta de que o CPI de S. Vicente leve o nome de tan ilustre personalidade.

O 10 de maio de 2016 entregamos a solicitude pertinente, de acordo coas indicacións do secretario do Concello, coa sinatura de catro concelleiros e o apoio de colectivos de ámbito local como a Asociación Cultural Afonso Eanes, a ACM Os Campantes da Baña ou a agrupación local do BNG da Baña, e outros de ámbito nacional como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Fundación Pedrón de Ouro, Asociación Cultural Xermolos ou a Fundación Castelao, entre outros.

As fillas de Avelino (herdeiras lexítimas) tamén quixeron deixar constancia do seu total apoio á iniciativa e agradecer por escrito a toda a Corporación Municipal o xesto de querer homenaxear a figura de Pousa Antelo.

En setembro de 2016, vostede, o señor alcalde da Baña, dixo textualmente en sesión plenaria, que ían comezar os trámites para nomealo fillo predilecto e tentará de axilizar os trámites.

O 1 de febreiro de 2017 o Consello Escolar do CPI de S. Vicente votou o cambio de denominación do centro educativo para que este levara o nome do ilustre barcalés Avelino Pousa Antelo cun resultado na votación de 14 votos a favor e 2 abstencións (tal como figura na acta da sesión). Non existiu ningún voto en contra dos representantes do alumnado, profesorado, pais/nais e persoal laboral, incluso a representante do Concello, a concelleira de cultura Alicia Blanco tamén votou favorablemente, polo que consideramos que a vontade de toda a comunidade educativa é que o colexio da Baña leve o nome de D. Avelino Pousa Antelo.

En sucesivos plenos ante a nosa insistencia, vostede contéstanos que están á espera da documentación solicitada polo Xefe Territorial, D. Indalecio Cabana, que segundo vostede son, ademais da acta do acordo adoptado polo Consello Escolar, as sinaturas de todos os membros do Consello.

Somos coñecedores de que a dirección do CPI de S. Vicente entregou por rexistro a copia do libro de actas onde figura o devandito acordo, así como un informe do secretario do centro educativo no que consta que se adoptou o acordo, documento asinado polo secretario do colexio e a directora.

O pasado 9 de febreiro, falei con Indalecio Cabana, Xefe Territorial da Provincia da Coruña, para que me aclarase por que é necesaria a sinatura de todos os membros do Consello Escolar e cal é o procedemento a seguir. El indícame que só é necesario que o Concello da Baña envíe a documentación recibida polo colexio (acta e/ou informe do secretario co acordo de cambio de denominación aprobado) e un informe do señor alcalde de que está a favor do cambio de denominación do centro educativo. Indícame que non é necesaria ningunha sinatura a maiores, que non sabe en que punto está paralizado o procedemento pero dende logo na Xefatura Territorial non. Tamén me transmite que cando reciba esa documentación por parte do señor alcalde xa manda publicar no DOG o devandito cambio de denominación.

Polo tanto, dende o noso grupo político non entendemos as causas de tanta demora en cumprir algo que tanto os diferentes grupos políticos, como a comunidade educativa, como diferentes colectivos do Concello da Baña e outros colectivos culturais de ámbito galego deixaron constancia por escrito do seu apoio á proposta.

 

SOLICITA

Que, vostede, alcalde da Baña, envíe sen máis demora toda a documentación requirida á Xefatura Territorial de Educación, xunto cun informe favorable de que D. Avelino Pousa Antelo cumpre os requisitos para que o CPI de S. Vicente leve o seu nome, ou pola contra, que explique publicamente o motivo por non querer cumprir a vontade da comunidade educativa, dos grupos políticos (CxG, BNG, PSOE e a concelleira de cultura do PP) e de todos os demais colectivos que apoiaron a proposta.

 

Sen máis, reciba un cordial saúdo.

A Baña, 1 de marzo de 2018

 

JOSÉ ANDRÉS GARCÍA CARDESO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA BAÑA