Compromiso pide medidas de prevención contra a violencia de xénero e a modificación da web municipal

A agrupación galeguista vén de presentar dúas mocións. A primeira referente á adopción de medidas de educación e prevención da violencia de xénero e unha segunda para que a páxina web municipal adopte o dominio .gal e sexa un portal de transparencia municipal.

A Baña, 17 de novembro. O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro da actual corporación municipal César Ramos, vén de anunciar que o seu partido presentou dúas mocións para ser tratadas na vindeira sesión plenaria do 25 de novembro.

            Nunha primeira moción e coincidindo coa ondada de mulleres asasinadas a mans dos seus compañeiros sentimentais, solicita á corporación municipal que se organicen campañas de  educación e formación e que se facilite o acceso aos servizos sociais a posíbeis vítimas; en palabras de Ramos: “pensamos que os concellos como institucións máis próximas son fundamentais para a prevención e a atención social, xurídica e psicolóxica”, así como, tamén solicitan, celebrar actos de concienciación para loitar contra esa lacra social e condenar publicamente calquera caso de violencia machista. “O Concello da Baña debe condenar publicamente calquera caso de violencia machista e mostrar o seu apoio ante calquera caso de violencia de xénero en calquera das súas formas”, conclúe o galeguista.

A agrupación local de Compromiso por Galicia da Baña a través dunha moción tamén insta ao goberno municipal a que empreguen a web municipal como un portal de transparencia municipal onde se visualicen os vídeos das sesións plenarias, exista espazo para todos os grupos políticos e se publiquen listaxes de substitucións, contratacións, actas de plenos, xuntas de goberno e demais aspectos que melloren a transparencia e participación veciñal. “Como temos constancia de que se está a facer unha renovación da páxina web municipal, queremos que esa renovación non só sexa un lavado de cara estético senón que tamén se faga para mellorar a accesibilidade e a transparencia do municipio”. Compromiso tamén solicita que se adopte o domino .gal como forma de promoción e fomento da lingua e cultura galega.