Compromiso pide autocrítica no PSOE bañense e non culpalo por continuar sen cambio político

O pasado 9 de xuño, o candidato á alcaldía do PSOE fixo unhas declaracións que para Compromiso por Galicia – A Baña non foron as axeitadas e quixemos mandar este comunicado para facerllo saber ao secretario xeral do PSOE e ao resto da súa agrupación. Facemolo público pois non nos gusta que quede na mente dos bañenses esa idea de que a culpa de que non haxa cambio político é por culpa de partidos coma o noso. Hai 8 anos referíanse ao mesmo polo outro partido da oposición, agora ese dito de “voto útil”, como lles gusta chamalo, volve a saír con Compromiso. Nós non imos permitilo. Se o resto de forzas políticas da Baña viu diminuído o seu apoio electoral non é culpa nosa. A continuación deixamosvos o comunicado íntegro:


A Baña 8 de xullo de 2015

Estimado Enrique Vázquez, Secretario Xeral do PSOE da Baña:

Diríxome a vostede en calidade de secretario local da agrupación de Compromiso por Galicia da Baña para transmitirlle o meu descontento persoal e o da agrupación que represento coas declaracións que D. José Antonio Pereira, concelleiro da actual corporación municipal e candidato á alcaldía nas pasadas elección municipais do 24 de maio, emitiu o  9 de xuño do presente ano na emisora local “Radio Negreira”.

Transcribo textualmente as palabras que na mencionada entrevista citou o concelleiro e membro da súa agrupación:

“Surge desta maneira ao presentarse tamén un partido novo, neste caso Compromiso por Galicia, cun electorado, pois, moi concreto, non? A maioría, pois, procendente dunha ruptura do BNG, que igual que fai anos repuntou na Baña ese mesmo partido, pois hoxe, este partido novo canalizou esa xente, e esa xente tamén que optaba por un non-bipartidismo e o certo é que, bueno,  na Baña a creación deste tipo de partidos, pois eh, o que fai é condenar aos veciños a catro anos outra vez máis á rutina, non?”

En primeiro lugar considero que tras unhas eleccións municipais un candidato á alcaldía debería facer autocrítica dos propios resultados e non “culpar” dos seus resultados electorais  a outro partido, neste caso Compromiso por Galicia, polo simple feito de presentarse legalmente nun procedemento electoral. É este un dereito de calquera cidadán ou cidadá e tal como di o artigo 23 da Constitución: os cidadáns teñen dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes  libremente elixidos en eleccións periódicas por sufraxio universal. Instar publicamente a que non se respecte un dereito fundamental recollido na propia Constitución é, canto menos, antidemocrático.

Tamén me gustaría transmitirlle que expresar que o noso electorado é “moi concreto” e “procedente dunha ruptura do BNG” responde a un criterio puramente persoal, e aínda que respecto ese comentario, non é para nada acorde coa realidade, xa que os resultados electorais están aí e se fosemos un partido para unha minoría non acadaríamos o difícil obxectivo, para un partido de recente creación coma o noso, de acadar representación na actual corporación municipal como así finalmente o fixemos. Un comentario político de tal importancia deberíase basear en datos obxectivos.

Penso que, en resumo, son unhas palabras, ademais de completamente antidemocráticas e fóra de lugar, poden ofender non só a nós, militantes e simpatizantes de Compromiso por Galicia, senón tamén ás 339 persoas que nas pasadas eleccións confiaron no noso proxecto emitindo o seu voto, e aos veciños e veciñas da Baña en xeral, por respecto a todos eles e elas consideramos necesario enviarlle este comunicado.

Estou plenamente convencido que a entrevista responde a criterios puramente persoais da persoa entrevistada e non aos do partido político que representa e sei que vostede, secretario xeral do PSOE da Baña, entenderá o noso descontento e fará chegar as miñas palabras ao resto de persoas da súa agrupación.

Non pido que se valore o traballo político que levamos realizando dende a nosa constitución como partido, nin sequera que se nos teña en conta por parte da súa agrupación no panorama político da Baña, o que si me gustaría é que sempre que se trate publicamente a Compromiso por Galicia e á agrupación local da Baña que represento, se faga dende o total respecto que considero que merecemos.

Sen máis despídome de vostede e quedo á súa disposición para calquera asunto que estime oportuno.

Unha aperta.

 

César Ramos Domínguez, secretario local de Compromiso por Galicia da Baña.