Compromiso homenaxeará á “Unión Barcalesa de la Habana” no seu 110 aniversario coa exposición “Luces de Alén Mar”

O partido galeguista está a organizar un acto cultural que terá lugar o venres 3 de novembro ás 21:00 horas na Casa de Cultura da Baña na que se inaugurará a exposición “Luces de Alén Mar” sobre as escolas que crearon os emigrantes americanos en Galicia.

cartel_luces_de_alen_mar

 

 A Baña, 27 de outubro de 2017 O secretario local da Agrupación de Compromiso por Galicia da Baña e concelleiro na actual corporación municipal, César Ramos, vén de anunciar que o seu partido está a organizar un acto cultural para homenaxear á “Unión Barcalesa de la Habana” no seu 110 aniversario.

A “Unión Barcalesa de la Habana” creouse na capital cubana un 3 de novembro de 1907 e agrupa aos descendentes dos nosos emigrantes e as súas familias. Esta sociedade levou adiante unha importante labor nos anos 30 de construción de escolas na nosa comarca, cuxos edificios aínda están en perfecto estado; as escolas de Aro e Covas no Concello de Negreira e a escola de Seoane no Concello da Baña, levando á práctica unha importante tarefa no desenvolvemento cultural e social en toda a comarca do Val de Barcala, e a día de hoxe supón a única colectividade organizada de emigrantes barcaleses no mundo.

No acto intervirán o catedrático de Xeografía e Historia e veciño de Negreira Amancio Liñares Giraut, o comisario da exposición Vicente Peña Saavedra e o secretario local e concelleiro de Compromiso por Galicia, César Ramos.

A exposición “Luces de Alén Mar” pretende recoller e difundir as realizacións que con cartos americanos (enviados polos indianos pero sobre todo polas sociedades de instrución creadas polos nosos emigrantes con ese fin) no eido educativo en Galicia.

En palabras de César Ramos, “pensamos que os galegos e galegas temos que lembrar a nosa historia e recoñecer a importante labor dos emigrantes no desenvolvemento social e cultural do noso país en especial da nosa contorna. Que mellor forma para facelo que con esta exposición na que aparecen imaxes de edificios do noso Concello creados con fondos da emigración, nunha data tan sinalada na que se cumpren 110 anos da fundación da Unión Barcalesa de la Habana”.

Lembramos que Compromiso por Galicia, a través do seu concelleiro César Ramos en xullo de 2016 entregou unha moción, que finalmente foi aprobada co voto favorable de toda a Corporación Municipal da Baña, de apoio á Unión Barcalesa, para que se continuara mantendo unha colaboración permanente con esta importante sociedade barcalesa.

A exposición fotográfica “Luces de Alén Mar” estará exposta na Casa de Cultura da Baña durante todo o mes de novembro e conta co patrocinio do “Consello da Cultura Galega”, o “Arquivo da Emigración de Galicia” e a  “Xunta de Galicia”.

Nas seguintes ligazóns pódese consultar máis información sobre a devandita mostra Luces de Alén Mar:

http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2013_Luces-de-Alen-Mar-As-escolas-de-americanos-en-Galicia-Edicion-revisada-e-ampliada.pdf

https://consello-da-cultura-galega.culturalspot.org/exhibit/luces-de-al%C3%A9n-mar-luces-de-m%C3%A1s-all%C3%A1-del-mar/SwKywbPWPedoIQ