Compromiso demanda medidas de apoio e benestar social para as persoas afectadas pola enfermidade celíaca.

A agrupación local de Compromiso por Galicia A Baña acaba de entregar hoxe mesmo, por rexistro municipal, unha nova moción que será defendida polo concelleiro, César Ramos, no vindeiro pleno ordinario de 28 de novembro, para solicitar medidas de apoio ás persoas afectadas pola enfermidade celíaca. ASí pois, CxG defenderá tres mocións neste pleno ordinario: sobre a pegada de carteis no Concello da Baña, sobre medidas ante a poboación crecente de xabarís, e esta última sobre a enfermidade celíaca.

enfermedad-celiaca5758ac3125b31

QUE É A ENFERMIDADE CELÍACA?

A enfermidade celíaca é unha intolerancia permanente ao glute do trigo, cebada, centeo e posiblemente avea, cuxa característica principal é unha reacción inflamatoria, de base inmune, na mucosa do intestino delgado, que dificulta a absorción de macro e micronutrientes. Pode desenvolverse tanto en persoas adultas como en crianzas.

Cada ano o número de persoas celíacas no noso país aumenta un 15 %, entre un 1% e un 3% da poboación galega é celíaca. Ademais un 75 % dos pacientes está sen diagnosticar debido a que tradicionalmente se relacionou esta enfermidade cunha única forma de manifestarse, algo que na actualidade está cambiando grazas ás probas complementarias dispoñíbeis e ao recoñecemento de formas atípicas de manifestarse.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A ENFERMIDADE CELÍACA

O seu tratamento consiste no seguimento dunha dieta estrita sen glute durante toda a vida. A persoa celíaca debe basear a súa dieta en alimentos naturais: legumes, carnes, peixes, ovos, froitas, verduras, hortalizas e cereais sen glute: arroz ou millo. Deben evitarse, na medida do posible, os alimentos elaborados e/ou envasados xa que nestes é máis difícil garantir a ausencia de glute. A inxestión de pequenas cantidades de glute pode causar trastornos importantes e non desexables.

dieta

PROBLEMAS SOCIAIS E ECONÓMICOS DAS PERSOAS CELÍACAS

Segundo un informe publicado pola Federación de asociacións de Celíacos (FACE), unha persoa celíaca gasta arredor de 1.028 euros  de media máis ao ano que alguén que non padeza esta doenza debido a que os alimentos sen glute son máis caros que os que non teñen esta restrición. Este gasto engadido é necesario asumilo polas persoas celíacas posto que a dieta sen glute é a único tratamento que existe para combater a enfermidade celíaca.

INFORME DE PREZOS DE PRODUTOS SEN GLUTE 2018 (FACE)

As axudas económicas para a compra de produtos especiais sen glute, segundo a FACE, non existen en Galicia, si nalgunhas comunidades autónomas como Navarra, Estremadura ou Euskadi e noutros estados europeos como Francia, Suíza ou Italia.

LISTADO DE AXUDAS ECONÓMICAS EN DIFERENTES PAÍSES

Cremos necesario sensibilizar e informar, tanto aos axentes públicos e privados, como á propia poboación, sobre esta enfermidade e impulsar propostas viables para facilitar unha integración social normalizada de todos os afectados e afectadas.

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDO:

– Garantir por parte do Concello da Baña que parte dos alimentos e bebidas ofrecidas en todas as actividades de carácter festivo ou deportivo que organice esta entidade local sexan aptos para o consumo de persoas celíacas.

– Publicar na páxina web municipal información sobre a enfermidade celíaca co animo de informar á veciñanza e facilitar a integración normalizada dos afectados e afectadas por esta enfermidade.

– Realizar unha campaña de visibilización e normalización desta enfermidade coincidindo con cada 5 de maio, Día Internacional da celiaquía.

– Instar á Xunta de Galicia e ao goberno do Estado a unha mellora do tratamento fiscal dos alimentos sen glute e se destine algún tipo de axuda económica para que os celíacos e celíacas poidan asumir o custo destes alimentos.