Compromiso defenderá a trixésima moción desta lexislatura no pleno ordinario de 30 de xaneiro.

Moción sobre a rehabilitación das construcións en estado de abandono do Concello da Baña

A trixésima moción que defenderá César Ramos nesta lexislatura tenta incentivar a rehabilitación das construccións en estado de abandono que se atopan no noso municipio.

A agrupación de Compromiso na Baña, nun dos puntos do noso programa electoral das eleccións de 2015, facía mención á creación dun proxecto para a rehabilitación de edificios históricos coa colaboración dos propietarios – fosen públicos ou privados – contando con axudas das administracións para desenvolvelo.

O goberno de García Cardeso rara vez se implicou cos problemas ocasionados por vivendas en situación de ruina total. Só fai falta dar un paseo por algunhas aldeas do noso municipio para ver casas abandonadas en ruína, producindo problemas de salubridade (humidades en casas anexas, presenza de roedores, serpes e outras especies…) e perigos de derrubas.

Compromiso xa esixiu en varios plenos solucións a problemas de salubridade derivados de edificios en estado ruinoso do Concello da Baña.

Nesta lexislatura dende a nosa formación política xa reclamamos en varios plenos que o goberno municipal se puxera en contacto con varias propietarios ou propietarias de vivendas en estado ruinoso do noso municipio e se lle buscara unha solución á existencia de problemas de salubridade con parcelas lindeiras. Por exemplo na Pregunta número 16 do pleno ordinario de 30 de novembro de 2016 sobre unha parcela na parroquia do Barro.

casa-abandonada-barro
Edificación en estado ruinoso na parroquia do Barro (novembro de 2016)

En varios plenos tamén demandamos unha solución aos problemas da veciñanza  do lugar de Guende (A Baña) pola existencia dunha construción totalmente en ruína e que, pese á nosa existencia e ao compromiso do señor alcalde por buscarlle unha solución está a día de hoxe sen arranxar.

Momento do pleno de maio de 2017 onde César Ramos volve solicitar que se busque unha solución ao problema da casa en estado ruinoso de Guende
IMG-20190123-WA0014Casa abandonada no lugar de Guende (A Baña)

O pasado mes de decembro propuxémoslle ao Concello da Baña que tivera en conta o traballo desenvolvido polo alumnado do CPI de S. Vicente relacionado coa rehabilitación da antiga escola republicana de Nantón, que actualmente tamén está en estado ruinoso (VER ARTIGO).

NANTÓN1Estado actual da escola republicana de Nantón.

O proceso de perda de poboación que vive o noso municipio leva, entre outros moitos agravios, a que un número cada vez maior de vivendas queden pechadas. Para mostra, só fai falta visitar calquera parroquia da Baña para decatarse desta situación. Sabemos que non é un proceso exclusivo da Baña, senón que afecta a case a totalidade do rural galego. Pero tamén é certo que se está producindo con maior gravidade no noso concello, comparable con lugares da montaña de Lugo e Ourense.

Pero non só é preocupante que se cerren esas vivendas. Encontrámonos cada vez máis con edificacións privadas e públicas en situacións de ruína, con problemas estruturais, que supoñen un risco para a veciñanza que queda no lugar. Pois somos os que quedamos na Baña os que temos que convivir con casas sen tellado, cos muros e paredes en mal estado, infestadas de maleza e animais. Isto supón un grave problema de seguridade pública e a vivendas anexas: posibilidade de incendios, derrubas, filtracións de humidade, etc.

Desde a Xunta de Galicia tamén se está a poñer o foco neste importante problema, con propostas lexislativas que favorecen a expropiación de edificios en estado de ruína ou a creación dun fondo destinado para a rehabilitación, tal como se está proxectando na próxima Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia ou con axudas á rehabilitación do Instituto Galego de Vivenda e Solo ou de outras entidades.

Por todo isto dende a agrupación local de Compromiso por Galicia na Baña presentamos unha nova moción no rexistro municipal (a número 30 nesta lexislatura) que será defendida por César Ramos no vindeiro pleno ordinario de 30 de xaneiro, no que se solicitarán os seguintes acordos:

  1. Que o Concello da Baña elabore un censo de edificios en situación de abandono para coñecer de primeira man cales precisan dunha actuación para evitar males maiores.
  2. Que, trala realización deste censo, o Concello se poña en contacto cos propietarios e propietarias destas edificacións para comunicarlle a súa inclusión nesa lista, as subvencións que poden solicitar e a lexislación existente ao respecto.
  3. Modificar a ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles, aprobando unha rebaixa temporal deste imposto nos edificios que figuren neste listado e se rehabiliten ou estean en procedemento de rehabilitación para deste xeito incentivar as melloras dos inmobles.

 

Máis información:
https://www.farodevigo.es/galicia/2019/01/11/xunta-podra-expropiar-edificios-ruinas/2030742.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2018/09/24/edificios-ruinosos-combatiran-canon-expropiaciones-2019/0003_201809G24P4991.htm