Compromiso da Baña en loita contra a avespa asiática

A agrupación galeguista, que conta cun representante na corporación municipal, vén de presentar unha nova moción, sobre a preocupante situación que está a producir o asentamento e a proliferación da avespa asiática no país.

A Baña, 18 de xaneiro. A agrupación galeguista vén de presentar a sétima moción(dende que teñen representación na corporación no Concello da Baña) para ser tratada na vindeira sesión plenaria que terá lugar o 28 deste mesmo mes.

Neste caso Compromiso demanda solucións á proliferación da avespa asiática (vespa velutina) que afecta tanto á apicultura como a outras actividades económicas, como a explotación forestal ou a fruticultura. Ademais de provocar un evidente problema de saúde para as persoas

Tal como menciona a propia moción: “Aínda que afortunadamente o noso concello non foi dos máis afectados neste último verán comprobouse como esta especie comezou a ter presenza en diferentes lugares da Baña, por exemplo no Lameiro, en Trece, en Señor ou en Francos, unha das últimas colmeas descubertas”.

Compromiso por Galicia pide que se lle solicite á Consellería do Medio Rural e Mar a adopción de medidas preventivas contra esta praga, promover campañas informativas, solicitar a subvención da Deputación para a compra de traxes e pértegas e facer un seguimento e avaliación das medidas aplicadas na Baña na loita contra esta especie, entre outras.

En palabras de César Ramos, concelleiro e actual secretario local da agrupación, “en diversas zonas do concello están proliferando cada vez máis niños, supoñendo un prexuízo económico no sector apícola e un perigo para saúde veciñal e, aínda que sabemos que a erradicación é complicada si que cremos que o Concello da Baña debe adoitar unas medidas de prevención axeitadas e aportar o seu gran de area no control desta especie”.