Compromiso por Galicia continúa a reivindicar a homenaxe a Pousa Antelo

A agrupación galeguista vén de presentar a documentación pertinente, na que se solicita ao Concello da Baña que nomee a Avelino Pousa Antelo “fillo predilecto”, petición que conta coa sinatura dos catro concelleiros e concelleiras do PSOE.

A Baña, 19 de maio. O pasado 27 de agosto de 2015 Compromiso por Galicia da Baña presentaba unha moción que solicitaba, entre outras, instar ao grupo de goberno a nomear con carácter urxente “Fillo Predilecto do Concello da Baña” a D. Avelino Pousa Antelo; a moción non foi exposta a votación debido, tal e como especifica a acta de sesión: “este procedemento non é o adecuado e por tanto a moción decae porque o procedemento non é o adecuado”, quedando este asunto a expensas do informe pertinente do secretario-interventor sobre a formalidade deste procedemento. Este informe, entregado aos concelleiros e concelleiras especifica que o procedemento debe iniciarse por Decreto do alcalde ou por iniciativa dunha terceira parte dos membros da corporación.

Unha vez recompilada a documentación oportuna, tal como marca o informe do secretario-interventor, e contando co apoio dos catro concelleiros do PSOE, César Ramos, secretario local e concelleiro de Compromiso por Galicia da Baña, vén de entregar toda a documentación no Concello para, se a alcaldía o considera a ben, comezar os trámites de nomear a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto do Concello da Baña.

Durante este tempo moitos foron os colectivos e personalidades de grande importancia cultural e social tanto de ámbito local como nacional que se puxeron en contacto coa agrupación galeguista para apoiar a proposta de Compromiso por Galicia. Colectivos como a Fundación Pedrón de Ouro, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Cultural Xermolos, a Asociación Cultural Afonso Eanes, A.C.M. Os Campantes da Baña ou agrupación local do BNG da Baña, entre outros, deixaron constancia documentalmente do apoio á proposta.

As fillas lexítimas do homenaxeado tamén quixeron mostrar o seu apoio por escrito á proposta e agradeceron o mesmo textualmente coas seguintes palabras: “Aproveitamos para agradecer a toda a corporación municipal da Baña, o seu xesto de aloumiño na lembranza de Lucho desde o seu berce matriarcal, que Avelino sentía como xénese e o porvir da súa existencia”.

Compromiso por Galicia manifesta que tamén se lle entregará toda a documentación á directora do CPI de S. Vicente para iniciar, se a comunidade educativa o cre conveniente, os trámites para que o centro educativo leve o nome de tan insigne personalidade avaniense, tal como solicitaba a agrupación galeguista.