Compromiso acusa á Xunta de Galicia de incumprir o dereito á protección de datos e de mostrar trato de favor co alcalde da Baña.

Dende que acadamos representación na Corporación Municipal e comezou o noso traballo no Concello da Baña como partido da oposición, observamos situacións que non nos parecen lóxicas nos tempos actuais e cremos necesarias contalas a través deste artigo para que a cidadanía estea informada da forma de proceder actual da administración pública.

Decatámonos que moitas veces o señor García Cardeso, o alcalde da Baña, menciona no pleno, sen ningún tipo de pudor ou reparo, nomes, datos  ou asuntos persoais de  veciños  e veciñas do noso Concello e outras veces realiza acusacións graves cara membros de CxG sen mostrar ningún tipo de proba e incumprindo totalmente o dereito de calquera veciño ou veciña de protección dos seus datos persoais que veñen regulados segundo a  Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

andresgarciacardeso2018Foto: www.adiantegalicia.es

É habitual que o alcalde da Baña fale publicamente nos plenos de asuntos persoais, de problemas de saúde ou outras referencias persoais de algún veciño ou veciña, sen ningún tipo de permiso. O noso concelleiro, César Ramos, criticou e solicitou en varias ocasións que se respectara o anonimato e o dereitosde protección de datos dos nosos veciños e veciñas, algo que por respecto á veciñanza debería ser evidente.

O que nos parece aínda máis grave é que algunha vez que nos poñemos en contacto coa administración pública, con diversas Consellerías ou Secretarías Xerais, a información que transmitimos en conversa persoal e anónima sexa comunicada ao señor alcalde sen o noso consentimento e demostrando un trato de favor e vulneración dos nosos dereitos como cidadáns e cidadás. A administración pública debe ser un organismo completamente imparcial, que trate a información da cidadanía confidencialmente e que baixo ningún concepto se utilice esa información segundo os intereses partidistas da administración.

A continuación imos explicar algún caso nos que dende Compromiso por Galicia nos vimos prexudicados en trámites coa Xunta de Galicia, como se vulneraron os nosos dereitos de confidencialidade, se transmitiu información á alcaldia da Baña sen o noso consentimento ou se exerceu un trato de favor por intereses partidistas.

PRIMEIRO CASO

O 9 de febreiro de 2018, o noso secretario local e concelleiro, César Ramos, fai unha chamada á Xefatura Territorial para falar con Indalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación, dende o seu teléfono persoal para interesarse sobre o cambio de denominación do CPI de S.Vicente para homenaxear a figura de Avelino Pousa Antelo. Lembremos que ese cambio de denominación xa fora aprobado no Consello Escolar de devandito centro educativo e que o alcalde da Baña levaba meses poñendo como impedimento para que non se efectuara esa modificación que o señor Indalecio Cabana, solicitaba a sinatura dos membros do Consello Escolar.

101111 indalecioIndalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación na Coruña. Foto: www.xunta.gal

Máis alá do contido desa conversa, o noso grupo político solicitou explicacións no pleno municipal ordinario de 28 de marzo e o alcalde mencionou as seguintes palabras textuais:

“Ti [César Ramos Domínguez] chamaches dende o colexio de Santa Comba a Indalecio [responsable da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ]. Cando… estaba eu alí, é que foi casualidad, por casualidad téñoo eu oído. É certo ou é mentira? É falso? Dillo aí… Non chamaches dende o colexio de Santa Comba? […] Está alí, está alí registrado. Queres que che traiga a prueba? Tráigoche a prueba? […]Estaba eu alí, non che dixo eso. Escoitei eu a conversación[…]Estaba eu alí e escoitaba o que estabas falando con Indalecio”.

A gravación destas declaracións pode consultarse na seguinte ligazón da web de www.adiantegalicia.es:

http://www.dailymotion.com/video/x6h5gzj

Como se pode observar o alcalde non só di saber o contido dunha chamada persoal a un alto cargo da Xunta de Galicia se non que admite estar el mesmo no despacho do Xefe Territorial e que este lle permitiu escoitar toda a conversa que reiteramos era de carácter persoal.

Ten dereito unha persoa pola súa condición de alcalde escoitar as conversas persoais realizadas a persoal político da Xunta de Galicia?

Na seguinte ligazón pódese acceder a un artigo da nosa web onde explicamos máis detalles sobre este primeiro caso:

http://abana.compromiso.gal/cesar-ramos-solicita-por-escrito-ao-alcalde-da-bana-que-retire-e-rectifique-as-falsas-e-graves-acusacions-do-pasado-pleno-ordinario/

SEGUNDO CASO

O 3 de novembro de 2017 dende Compromiso por Galicia A Baña organizamos un acto de homenaxe á Unión Barcalesa de la Habana polo seu 110 aniversario. Este acto no que participaban ademais do noso secretario local, o catedrático de Xeografía e Historia Amancio Liñares Giraut e o comisario da exposición “Luces de Alén Mar”,Vicente Peña Saavedra . Este acto tamén serviría para inaugurar esta exposición que estaría aberta ao público durante un mes nas dependencias da Casa de Cultura da Baña. O cartel do acto foi o seguinte:

cartel_luces_de_alen_mar
Cartel do acto organizado por CxG A Baña

Como se pode apreciar, na imaxe do cartel informativo sae o logo do noso partido como organismo promotor do evento e tamén os logos do Consello da Cultura Galega, da Xunta de Galicia e do Arquivo da Emigración, como propietarios da exposición, e tamén o logo do Concello da Baña, acordado coa concelleira de cultura da Baña, por cedernos as instalacións da Casa de Cultura. Ao acto, que era público, non asistiu ningún membro do grupo de goberno da Baña (PP).

Días despois observamos como na páxina web da Secretaria Xeral para a Emigración está colgado o seguinte cartel, que como se pode apreciar foi modificado cun editor de imaxe eliminando o logo do noso partido político e poñendo como organizador ao Concello da Baña, que como xa dixemos anteriormente ningún membro grupo de goberno asistiu ao propio acto.

pantallazo_xuntaPublicación da web da Secretaría Xeral para a Emigración

A través de varias chamadas telefónicas ao departamento de comunicación tentamos falar co responsable de comunicación da Secretaría Xeral da Emigración e nunca nos quixeron atender, nin devolver a chamada, polo que por escrito a través de Compromiso por Galicia esiximos a rectificación dese cartel e que nos deran as pertinentes explicacións. Esas explicacións nunca se nos foron dadas.

Pode a Xunta de Galicia modificar ao seu antollo un cartel informativo doutro organismo e cambiar a información real dun evento?

TERCEIRO CASO

O pasado mes de xuño, despois de facer unha pregunta no pleno ordinario de maio sobre a renuncia da traballadora social do Concello da Baña e non recibir resposta por parte do Concello decidimos poñernos en contacto co Colexio Oficial de Traballo Social e coa Inspección Comunitaria e Inclusión da Xunta de Galicia para que nos deran información sobre esa problemática e informarnos dos motivos de estar tanto tempo sen traballador ou traballadora social. Lembramos que o noso Concello está moi avellentado e moitos programas sociais precisan da autorización dunha persoa coa titulación de Traballo Social, ese traballo non pode realizarse por unha concelleira ou calquera outra persoa. Despois de falar con eles vía telefónica solicitáronnos máis información ao respecto e nós enviámoslles o texto dos artigos que publicaramos na páxina web da nosa agrupación, exactamente a mesma información que ofrecemos a través da web. Esa información foi enviada a través da conta de correo electrónico persoal do noso secretario de organización, David Gontán. O texto estaba sen asinar nin por el nin por ningún membro de Compromiso por Galicia, simplemente mencionando vía telefónica que pertencía a CxG A Baña, a comunicación foi persoal e o nome do emisor só aparecía na dirección do correo electrónico utilizado.  A información enviada pode consultarse nas seguintes ligazóns:

http://abana.compromiso.gal/a-praza-de-traballo-social-do-concello-da-bana-segue-sen-cubrirse-mais-dun-mes-despois-da-renuncia-da-titular/

http://abana.compromiso.gal/o-concello-da-bana-continua-sen-traballadora-social/

Cal é a nosa sorpresa cando no pleno ordinario do pasado 30 de xullo o alcalde da Baña di textualmente:

“Ti (César Ramos) se preguntaras isto aquí e non mandaras ao teu representante (…), a David Gontán Varela que presentou unha denuncia na Consellería sen saber do que falaba (…)Preguntar aquí no Concello quédavos máis cerca que ir á Xunta (…) Do teu grupo porque pon: Compromiso por Galicia, pono ben claro (…). Mandas o escrito do grupo Compromiso por Galicia”.

O noso concelleiro, na mesma sesión plenaria, pídelle explicacións ao alcalde por comunicar unha información que el mesmo descoñece e menciona que é necesario respectar a lei de protección de datos que non se pode acusar publicamente a unha persoa sen mostrar ningún tipo de proba.

As imaxes do pleno poden verse na seguinte ligazón:

Pode a Xunta de Galicia transmitir información confidencial aos alcaldes afíns ao PP?

É legal que o señor García Cardeso acuse publicamente a unha persoa mencionando expresamente o se nome e apelidos sen ningún tipo de proba?

Por que a Xunta de Galicia comunica os datos dunha persoa simplemente por aparecer na conta do seu correo electrónico nunha notificación?

Con todo dende Compromiso por Galicia denunciamos publicamente este trato desfavorable que se ten con nós, criticamos enerxicamente a actitude partidista da Xunta de Galicia, demandamos que se cumpra o principio de imparcialidade e confidencialidade dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia e se respecte a protección de datos que marca a lexislación vixente.

nunezfeijoo-pontevedra-0Foto: www.elplural.com

A administración pública presidida polo señor Feijoo non pode funcionar como un sistema partidista en favor do Partido Popular e debe ser unha institución totalmente imparcial.