Compromiso – A Baña informa sobre a devolución do IRPF por maternidade

Unha nova sentenza publicada este venres polo Tribunal Supremo establece que as prestacións por maternidade percibidas da Seguridade Social deberán estar exentas de pagar o IRPF (Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas).

mama-con-bebe-2

A Axencia Tributaria terá que deixar exentas do pago do IRPF as prestacións de maternidade que abona a Seguridade Social durante as 16 semanas que dura a baixa por ter un fillo ou filla. E non só iso: a quen lla cobraron nos últimos catro anos —entre 2014 e 2017— teñen dereito a recuperar o diñeiro que abonaron por ela ao fisco.

Dende Compromiso por Galicia A Baña queremos informar á veciñanza de cómo deben reclamar estes cartos, ofrecer un documento tipo para presentar na Axencia Tributaria (que poden descargar na ligazón de máis abaixo) e ofrecer a nosa colaboración, na medida das nosas posibilidades, por se algunha persoa precisa máis información ao respecto.

Cantos cartos podo reclamar?

Segundo a OCU, a contía pode variar bastante dependendo do importe da prestación recibida e do seu tipo impositivo. Pero sinalan que “para unha prestación de 5.681 euros en 2015, a devolución oscilaría entre 1.000 e 2.600 euros”.

A quen afecta este fallo?

A sentenza coñecida este venres abre a porta a que as 55.839 galegas que, atopándose traballando, obtiveron a prestación por maternidade de 2014 en diante. Estas galegas poden reclamar o que lles retivo Facenda e non lles foi devolto no seu momento.

Polo que todas as persoas que teñan gozado de baixas de maternidade desde 2014 poden solicitar a devolución do que pagaron do IRPF polas súas prestacións, as anteriores quedan prescritas. Así, pódense reclamar as declaracións da Renda de 2014, 2015, 2016 e 2017.

 Como solicitar a devolución do IRPF por maternidade?

  1. Encher o escrito de solicitude de rectificación de autoliquidación e devolución de ingresos indebidos do exercicio en que se percibiu a prestación. (Podes descargar aquí o documento en formato word e cubrilo: DOCUMENTO)
  2. Presentar o escrito por duplicado (deben entregarche un a ti coa data de recepción e selado) na Axencia Tributaria, xunto cunha fotocopia da declaración e dos datos fiscais do exercicio que reclamas (se non tiveras copias das declaracións e dos documentos, a Axencia Tributaria pode e debe facilitarchos).
  3. Se o neno ou nena naceu no último trimestre do ano, é posible que se cobrara a prestación en dous exercicios distintos e nese caso deberás solicitar a rectificación de ambos exercicios.

 

A dirección da oficina da Axencia Tributaria de Santiago de Compostela é a seguinte:

Manuel María, 5 – 15705 – Santiago de Compostela (A Coruña)

Teléfono: 981 584 040

www.agenciatributaria.es

logo_sen_fondo
Fontes:
https://anpegalicia.es/notices+o+supremo+danos+a+razon+toca+devolver+o+irpf+da+prestacion+por+maternidade-id=55952
https://www.elprogreso.es/gl/content/print/mais-55800-galegas-poden-reclamar-irpf-prestacion-maternidade/201810061015031337232
http://www.ugt.es/
https://www.ocu.org/