César Ramos solicita por escrito ao alcalde da Baña que retire e rectifique as graves acusacións contra el no pasado pleno ordinario

O pasado 1 de marzo entregamos unha instancia no Rexistro Municipal pola que solicitamos que o Concello da Baña cumprira a vontade da comunidade educativa do CPI S. Vicente de cambiar a denominación do centro educativo e de homenaxear dese xeito a figura do ilustre barcalés “Avelino Pousa Antelo”. Lembremos que o 1 de febreiro de 2017 o Consello Escolar aprobou por maioría (14 votos a favor e 2 abstencións) que o CPI trocara a súa denominación pola de CPI Avelino Pousa Antelo.  Nese mesmo documento afirmamos que, despois de que o noso secretario local e concelleiro, César Ramos, falara con Indalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación da Coruña, este indícanos que para que o procedemento conclúa só é necesario que o Concello da Baña envíe a documentación recibida polo colexio (acta e/ou informe do secretario co acordo de cambio de denominación aprobado) e un informe do señor alcalde de que está a favor do cambio de denominación do centro educativo, así mesmo, indica que non é necesaria ningunha sinatura a maiores (a diferenza do que afirmaba o señor alcalde), e aseveraba non coñecer en que punto está o asunto paralizado pero dende logo na Xefatura Territorial non.

VER INSTANCIA

Ao non recibir resposta a este escrito, no pleno ordinario de 28 de marzo, César Ramos volve interesarse polo tema e o alcalde, o señor García Cardeso, como resposta á súa pregunta acusa ao noso secretario local de utilizar o teléfono do seu traballo, o do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba, para chamar ao Xefe Territorial facéndose pasar polo secretario do colexio; ademais afirma con rotundidade que Indalecio Cabana dixo totalmente o contrario ao que manifesta César, porque el mesmo, casualidades da vida, se atopaba no seu despacho no momento da chamada, feito que lle permitiu escoitar a mesma.

FOTO_PLENO2

As palabras textuais do señor alcalde foron as seguintes:

Ti [César Ramos Domínguez] chamaches dende o colexio de Santa Comba a Indalecio [responsable da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ]. Tamén che teño que decir: non te disfraces do secretario do colexio […]. Un teléfono público do colegio, disfrazándote do secretario do colexio de santa comba […] cando… estaba eu alí, é que foi casualidad, por casualidad téñoo eu oído. É certo ou é mentira? É falso? Dillo aí… Non chamaches dende o colexio de Santa Comba? […] Está alí, está alí registrado. Queres que che traiga a prueba? Tráigoche a prueba?”.

A gravación destas declaracións pode consultarse na seguinte ligazón a un vídeo da web www.adiantegalicia.es:

http://www.dailymotion.com/video/x6h5gzj

                César Ramos, como se pode observar nas imaxes da ligazón anterior, ata en catro ocasións lle solicita ao señor alcalde que rectifique esas palabras que son totalmente falsas, admite facer a chamada á Xefatura Territorial o 9 de febreiro pero, por suposto, dende o seu móbil persoal e nunca facéndose pasar por outra persoa. O alcalde, como podemos ver, négase a rectificar e aínda ten a ousadía de dicir que pode mostrar probas de que a chamada foi feita dende o teléfono fixo do colexio.

Para despexar calquera dúbida sobre este feito queremos facer público un fragmento da factura do teléfono móbil persoal de César Ramos (o orixinal xa foi entregado no Concello da Baña). Nesa factura consta que dende este terminal chamouse o  9 de febreiro de 2018 ás 11:37h. (data que coincide co mencionado na instancia entregada no rexistro con data de 1 de marzo), ao número de teléfono da devandita Xefatura Territorial:

981 18 47 04

factura num.R22004092120

factura num.R22004092120

 

Pódese comprobar no directorio da web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.gal/portal/es/telefonos) que ese número de teléfono correspóndese co da súa Xefatura Territorial da Coruña:

telefono_xefatura_territorial

Polo tanto, non hai dúbida algunha de que o afirmado polo Alcalde de A Baña no Pleno do pasado 28 de marzo de 2018 non é certo: este concelleiro nunca fixo unha chamada á citada Xefatura Territorial dende o teléfono do CEIP Barrie de la Maza de Santa Comba.

A través dun escrito con toda esta información e co pertinente copia da devandita factura solicitámoslle ao alcalde NOVAMENTE QUE RECTIFIQUE E RETIRE AS SÚAS AFIRMACIÓNS respecto a que César Ramos realizou unha chamada á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Educación dende o teléfono do CEIP Barrie de la Maza de Santa Comba.

Tales afirmacións, feitas publicamente no Pleno, ademais de non ser certas, atentan gravemente contra a súa profesionalidade como docente. Xa que logo, a rectificación que se solicita debe realizarse tamén no vindeiro Pleno do Concello da Baña, xa que foi nese órgano municipal onde o Alcalde as realizou.

En caso de non acceder á rectificación e retirada desas graves afirmacións no vindeiro Pleno do Concello de A Baña este concelleiro iniciará cantas accións legais estime oportunas, tanto de natureza penal como civil, para a protección do seu honor e profesionalidade.

En palabras de César Ramos, “Para o señor García Cardeso, que está moi acostumado a este tipo de leas, parece que todo vale e pode facer graves acusacións como estas que afectan á miña profesionalidade e ao meu honor sen ningún tipo de probas e con total liberdade. É incomprensible e ata ridículo que o señor García Cardeso afirme que no momento de que eu fixen a chamada el, casualmente, se atopara no despacho do Xefe Territorial, que este lle permitise escoitar a chamada de carácter persoal, que escoitara xustamente o contrario do que realmente me comunicou e que ao mesmo tempo tamén lle deu tempo de observar que o número que aparecía no teléfono da Xefatura era un número dun teléfono fixo e que este coincidía co do teléfono do CEIP Barrié de la Maza… soa ata cómico. Como acabo de demostrar é completamente falso que eu utilizara o teléfono do colexio onde exerzo a miña profesión para facer esa chamada, por outra banda tamén é completamente falso que me fixera pasar por outra persoa na devandita conversa e tampouco é certo que o señor Indalecio Cabana me dixera o contrario do que afirmei tanto na instancia con data de 1 marzo como no pleno de 28 de marzo”.