César Ramos solicitará ao grupo de goberno que defenda aos pensionistas do Concello

MONTAXE_PENSIÓNS

A agrupación de Compromiso por Galicia a Baña a través do seu secretario local e concelleiro, César Ramos, vén de entregar unha moción no rexistro municipal do Concello, que será tratada no pleno ordinario da Corporación Municipal o vindeiro 28 de marzo.

Esta será a vixésimo cuarta moción que defenderá Compromiso dende que en maio de 2015 acadou representación na Corporación Municipal.

César Ramos manifesta que a “administración local é a primeira que ten que poñerse ao servizo dos seus veciños e veciñas, posicionarse a favor das reivindicacións dos seus maiores e demandar que exista un sistema de pensións digno, algo que por xustiza lles corresponde“.

Lembramos que o Concello da Baña ten unha poboación moi envellecida na que un porcentaxe moi alto da veciñanza é pensionista (1347 pensionistas segundo datos do IGE de 2016) e dende a agrupación galeguista manifestamos que o señor García Cardeso, como alcalde de todos os veciños e veciñas, debe “dar un paso ao frente e defender os intereses dos seus veciños e veciñas de forma pública para tentar modificar a postura do seu grupo político“.

Unha subida do 0,25 %, moi por debaixo da subida do IPC, é totalmente irrisoria e fai que os nosos maiores se vexan prexudicados polas medidas que adopta o goberno e continuamente sofran unha redución da súa capacidade adquisitiva.

 maiores_bañaFesta dos maiores da Baña do ano 2017

 

A continuación o texto íntegro da moción:

César Ramos Domínguez, concelleiro da actual Corporación Municipal e representante local de Compromiso por Galicia no Concello da Baña ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción para ser tratada pola corporación municipal.

 

MOCIÓN EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

                A Reforma Laboral de 2010 do goberno de Zapatero que abaratou e facilitou o despido para contentar a Bruxelas e a aínda máis virulenta reforma do Goberno de Rajoy do ano 2012 que trouxo como consecuencia altos niveis de paro, baixos salarios e precariedade laboral masiva, contribuíron decisivamente ao déficit da Seguridade Social: as cotizacións non cobren os gastos e o goberno recorreu de maneira sistemática a baleirar o denominado Fondo de Reserva das Pensións.

A diminución dos ingresos por cotizacións é unha consecuencia lóxica da diminución de cotizacións polas altas taxas de desemprego, das maiores de Europa, e a baixa calidade dos que se crean.

Á baixada de ingresos na Seguridade Social tamén contribuíron algunhas medidas do goberno en forma de “vantaxes” ao empresario e aos emprendedores: bonificacións, tarifas planas, etc. medidas que se venden politicamente como axudas á contratación e que tamén saen da “hucha das pensións”. Unhas medidas que se tomaban paradoxicamente á vez que se aprobaba unilateralmente a Lei 23/2013 Reguladora do Factor de Sustentabilidade e do Índice de Revalorización das Pensións, é dicir, acordando que as pensións podían subir menos que o IPC anual e incumprindo totalmente o Pacto de Toledo.

Segundo datos do IGE o Concello da Baña ten 1347 pensionistas (datos do 2016), mulleres e homes que continuamente se ven prexudicados polas medidas que adopta o goberno e continuamente sofren unha redución da súa capacidade adquisitiva.

Na actualidade case un 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e as pensións no país están máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

Ademais as mulleres seguen sendo as máis prexudicadas nesta problemática. A precariedade da súa vida laboral e as importantes eivas na cotización, fai que  unha de cada catro mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

Ante as últimas mobilizacións de pensionistas o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, anunciou melloras para os pensionistas e anunciou que haberá deducións no IRPF para persoas de idade avanzada. Con todo, os técnicos de Facenda (Gestha) advirten xa de que esa “dedución por idade” terá un alcance moi limitado, ao beneficiar só un terzo dos pensionistas con maiores ingresos. De feito, máis do 63% dos xubilados están exentos de pagar IRPF ao cobrar pensións inferiores ós 12.000 euros por ano.

Pensamos que a administración local é a primeira que debe poñerse ao servizo dos seus veciños e veciñas, posicionarse a favor das reivindicacións dos seus maiores e demandar que exista un sistema de pensións digno.

Por todo o anterior Compromiso por Galicia A Baña PROPÓN AO PLENO DO CONCELLO DA BAÑA A ADOPCIÓN DOS SEGUINTES ACORDOS:

  • Instar ao Goberno do Estado a establecer por lei que as pensións non poden estar, en ningún caso, por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
  • Instar ao Goberno do Estado a que se prohiba por lei a libre disposición do Fondo de Reserva das Pensións para situacións de déficit de cotización e buscar vías de financiamento directas desde os Presupostos Xerais do Estado mentres se siga producindo o déficit por cotizacións.
  • Instar ao Goberno do Estado a que poña as medidas necesarias para que as e os pensionistas e xubilados/as recuperen unha fórmula que garanta o mantemento do poder adquisitivo das pensións públicas, e a sustentabilidade do sistema, unha medida que por xustiza lles corresponde.

 

A Baña 1 de marzo de 2018