César Ramos proclamado candidato de CxG á alcaldía do Concello da Baña para as vindeiras eleccións municipais

IMG-20190127-WA0033

O que fora o primeiro concelleiro da formación política Compromiso por Galicia na Corporación Municipal do Concello da Baña vén de ser proclamado, polos afiliados/as e simpatizantes da agrupación local da Baña, candidato á alcaldía nos vindeiros comicios municipais de maio.

Remata deste xeito o procedemento de primarias abertas á cidadanía para a elección de candidato ou candidata iniciado nunha xuntanza o pasado día 12 deste mes e tal como marca o regulamento de primarias de CxG, no caso de existir unha única candidatura, será refrendada pola Agrupación Local de CxG A Baña. Esa reunión tivo lugar no mediodía de hoxe na sede municipal, ao que asistiron medio cento de simpatizantes e afliados/as da Baña e representantes das agrupacións de Negreira, Santa Comba e Santiago.

César Ramos, como candidato de CxG, no ano 2015 entrou na Corporación Municipal cun 12,37 % dos votos,rachando dese xeito o bipartidismo clásico que reinaba na Corporación da Baña dende as eleccións do 2007 e coa inclusión dun concelleiro galeguista.

IMG-20190127-WA0016

O traballo de CxG durante estes 4 anos con representación non pasou desapercibido e César Ramos foi o concelleiro que máis protagonismo gozou nos plenos, presentando até o momento unha trintena de mocións, ser o primeiro grupo político que gravou as sesións plenarias e as colgou na internet para a consulta da veciñanza, ademais tamén foi pioneiro neste Concello en, por exemplo, facer unha consulta pública coa veciñanza para a elección dos festivos locais. Compromiso por Galicia baseou o seu traballo político na cercanía cos veciños e veciñas, na demanda de máis transparencia e participación veciñal, na fiscalización continua do labor municipal, na homenaxe a persoeiros importantes da cultura bañense e na celebración de eventos culturais importantes para dinamizar a hostalaría da vila da Baña.

O profesor, César Ramos, de 37 anos repetirá, xa que logo, como candidato á alcaldía de Compromiso por Galicia nas vindeiras eleccións municipais de maio. O candidato galeguista mencionou sentirse afortunado e agradecido por poder contar co apoio de todos os compañeiros e compañeiras e anticipa uns resultados electorais moi positivos e satisfactorios para Compromiso por Galicia onde non descarta volver dar a sorpresa.

DSC_7589

“Agora o panorama político é diferente, xa somos un partido coñecido e CxG será a opción que traia o necesario cambio político á Baña” (César Ramos)

“No ano 2015 eramos un partido novo e descoñecido, nun panorama político moi complicado onde levaban demasiados anos PP e PSOE repartíndose os concelleiros/as. Naquel momento prometemos en campaña electoral que CxG ía ter representación, en oposición ao que aventuraban os demais partidos, e así o logramos. Cumprimos tamén todo o prometido e xustificamos o traballo de todos os puntos do noso programa electoral, nunha lexislatura moi difícil na que non contamos co apoio de ninguén máis da Corporación. Agora o panorama político é diferente, xa somos un partido coñecido e a nosa seriedade e dedicación constante están máis que demostrados. Neste proxecto político ten cabida toda a veciñanza que queira aportar e temos as portas abertas a todas e todos. Faremos unha lista electoral ilusionante que dará motivación e optimismo e que estará formada por homes e mulleres de aquí, con gañas de traballar na mellora do seu Concello, que queren e senten a Baña como propia. Compromiso por Galicia será a opción política que, despois de 24 anos de desgoberno do PP, traia o máis que necesario cambio político á Baña e unha forma máis transparente, participativa e moderna de gobernar o noso concello, significando un cambio xeracional moi necesario. Díxeno no 2015 e volvo dicilo agora, en traballo e dedicación non nos vai gañar ninguén. Este é o meu COMPROMISO!”