APARECEN DOUS NOVOS PROXECTOS EÓLICOS NA BAÑA EN PLENO ESTADO DE ALARMA

parque eolico

O pasado 30 de abril, en pleno Estado de Alarma e fase de confinamento derivada pola pandemia do COVID-19, o Concello da Baña publica nas redes sociais oficiais e na páxina web  municipal unha información especificando que a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda informou que se vai iniciar a avaliación de impacto ambiental de dous parques eólicos solicitados pola empresa Green Capital Power S.L en terreos do municipio da Baña.

http://concellodabana.gal/index.php/inicio/nova/12-medio-ambiente/1152-a-conselleria-de-medio-ambiente-pon-a-exposicion-publica-os-parques-eolicos-de-barrosinos-e-vilartoxo?fbclid=IwAR0Eg4ihbtr8lyV9ERhJfNOgDh91gWAeMVDJX8L_Me-l9o6I3i8g2Dr9ySU

Visor ADE XuntaParques eólicos xa aprobados con anterioridade no municipio da Baña

Nesta comunicación enviada ao Concello especifícase textualmente: “consúltaselle para que, de acordo coas súas competencias, especialización ou ámbito de aplicación, nos informe en relación co alcance e contidos específicos que deberían incluír o estudo de impacto ambiental, sinalando o tipo e grao de detalle da información ambiental que consideran necesaria, así como calquera outra observación sobre  posibles alternativas de actuación, informacións ou normas que deban ser consideradas polo promotor na redacción do estudo”. E dan un periodo de 30 días laborais para aportar esta información (a contar desde o 4 de maio). Chamativo que poñan este prazo en pleno estado de alarma.

Os parques eólicos a estudo de impacto ambiental son os seguintes:

O parque eólico do Barrosino consta de 3 aeroxeradores dunha altura de 127,5 metros de altura, cun diametro de rotor de 145 m e capacidade para xerar 13,5 MW (megawatios). Afecta aos montes das parroquias de Marcelle e O Barro.

DESCARGAR DOCUMENTACIÓN NA SEGUINTE LIGAZÓN

https://www.dropbox.com/s/9onn37999jlz1ky/Parque%20e%C3%B3lico%20Barrosino.pdf?dl=0

O parque eólico de Vilartoxo situarase nos municipios da Baña e Val do Dubra, e consta de 6 aeroxeradores de 127,5 metros de alto e un diámetro e rotor de 145 metros (4 deles estarán na Baña), con capacidade para xerar 27 MW. Na Baña, afectará a montes das parroquias de Lañas, Troitosende e Cabanas.

DESCARGAR DOCUMENTACIÓN NA SEGUINTE LIGAZÓN

https://www.dropbox.com/s/msbe23yzd6l1fz1/PARQUE%20EOLICO%20VILARTOXO.pdf?dl=0

A pasada semana, e sen ter o noso grupo ningún tipo de comunicación previa, o alcalde envía unha carta informativa a (pensamos que a todos e todas) veciños e veciñas das parroquias afectadas polos parques eólicos indicando que se vai proceder á emisión do informe de impacto ambiental. Unha comunicación un tanto confusa, xa que a información que require a Consellería debe ser aportada por persoal cualificado en materia urbanística e non pola veciñanza. Varios foron os veciños e veciñas que nos chamaron solicitando as aclaracións pertinentes.

Dende CxG A Baña pensamos, como xa levamos anos indicando, que a veciñanza afectada por un parque eólico é toda a cidadanía, non só as persoas que teñan propiedades nos terreos dos propios parques eólicos. Desexaríamos ser informados con anterioridade deste tipo de comunicación pero como acontece habitualmente con este grupo de goberno temos que decatarnos pola información que nos aporta a veciñanza.

Cal é a postura do grupo de goberno respecto aos parques eólicos?

Descoñecémola. Hai que ter en conta que o PSOE bañense foi moi crítico co anterior grupo de goberno respecto aos parques eólicos. Hai que lembrar que en xuño de 2016 o actual alcalde o señor José Antonio Pereira, daquela concelleiro da oposición, defendía unha moción no pleno ordinario para que o Concello da Baña promovera as xuntanzas necesarias para poder chegar a un acordo no emprazamento dos parques eólicos. Daquela xa nos parecera curioso que se pedira modificar a ubicación dun parque que xa fora declarado de utilidade pública e non se fixera antes.

Hai que lembrar tamén que o señor Pereira en precampaña electoral dedicouse a organizar charlas informativas sobre os parques eólicos (nas que non interviña ningún enxeñeiro ou persoal especializado na materia, senón que eran charlas impartidas por el mesmo), nas que entre outras cousas animaba á veciñanza a “crear unha pequena plataforma para ir ao Concello reclamar”. Tendo en conta esta afirmación descoñecemos se agora que é alcalde segue querendo que a veciñanza se organice para ir reclamar ao propio Concello e por iso en novembro do pasado ano preguntamos no pleno municipal se o grupo de goberno seguía con esas pretensión (penúltima pregunta no pleno ordinario de 20 de novembro de 2019). A resposta do señor alcalde non foi moi clarificadora e agora é partidario dunha declaración institucional.

Cal é a postura da nosa agrupación respecto aos parques eólicos?

A postura de CxG é a mesma de sempre, nós non trocamos a nosa opinión. Queremos que se informe de maneira clara, directa e ampla a todos os afectados e afectadas, tanto propietarios/as de fincas coma o resto da veciñanza, de todas as consecuencias e as posibilidades que supón a instalación dun parque eólico.

Indicamos dunha forma resumida cales son as vantaxes e desvantaxes dun parque eólico, despois que cada quen saque as súas conclusións.

Vantaxes:

  • Enerxía renovable: inesgotable, limpa.
  • Aumento de ingresos nas arcas municipais: imposto de obras (3% do orzamento de construción do parque, IBI de gravame especial, e IAE.
  • Alugueiro anual aos propietarios afectados. Se ben é certo que os de maior contía son as fincas onde se sitúa a zapata da torre do aeroxerador.
  • Posibilidade de que cos ingresos das arcas municipais se subvencione a enerxía eléctrica consumida pola veciñanza, como ocorre no concello de Muras (Lugo), que se desenvolvan subvencións destinadas ao illamento de vivendas ou mellora das telecomunicacións en zonas próximas aos parques eólicos, ou realización de proxectos ambientais con subvencións do fondo de compensación ambiental (canon eólico), que xestiona a Xunta de Galicia.
  • Creación de postos de traballo durante a construción e explotación.

Desvantaxes:

  • Impacto ambiental: coma toda construción, conleva emisións atmosféricas por maquinaria e movemento de terras, arrastre a cauces fluviais de materiais acumulados durante a obra, erosión do solo, ocupación do medio natural, desprazamento e eliminación de flora e fauna existente previamente; como no caso de aves que chocan contra as aspas.
  • Impacto paisaxístico: a pesar de que agora o número de aeroxeradores que se instala para unha mesma potencia é moito menor os que se instalaban na década dos 90 e 2000, este segue existindo. Menos número pero máis grandes. E non só impacto visual producido polos aeroxeradores, senón das liñas de evacuación da enerxía xerada.
  • Ruído: a pesar de que a distancia mínima entre un aeroxerador e unha vivenda sexan 500 metros, en moitos casos a veciñanza denuncia o ruído que produce o movemento dos aeroxeradores, sobre todo en días de néboa.
  • Interferencias electromagnéticas en sinais de televisión e telefonía móbil.
  • Risco de expropiación: se non se chega a un acordo coa empresa promotora, a declaración de utilidade pública do parque permite expropiar eses terreos, cunha ganancia inferior para os propietarios.
  • Risco de desprendementos das aspas do rotor.
  • Prohibición de arbolado: nas marxes das liñas eléctricas 5 metros desde a proxección do condutor máis externo, nas pistas 2 metros as frondosas e 4 o resto de especies, ao redor de cada aeroxerador 200 metros de diámetro.

DESCARGAR GUÍA PARA OS PROPIETARIOS DOS TERREOS EÓLICOS DA FUNDACIÓN JUANA DE VEGA

 

Outros artigos publicados por CxG referentes aos parques eólicos:

http://abana.compromiso.gal/recurso-de-alzada-para-o-parque-eolico-campo-pequeno-e-para-santa-comba/

http://abana.compromiso.gal/aclaracions-sobre-o-proxecto-de-parque-eolico-nas-parroquias-de-fiopans-lanas-e-monte/

http://abana.compromiso.gal/?s=parque+eolico&post_type=post&cat=-1